Gordon Coates
Gordon Coates en 1931.[1] | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nome orixinal | Joseph Gordon Coates | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacemento | 3 de febreiro de 1878. Hukatere, Matakohe, Nova Zelandia. | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 27 de maio de 1943 (65 anos) Wellington, Nova Zelandia. | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Causa da morte | Doenza cardiovascular. | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Cargos | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Primeiro Ministro de Nova Zelandia | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período | 1925 – 1928 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Monarca | Xurxo VI | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ministro de Obras Públicas | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período | 1920-1926 – 1931-1933 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ministro de Forzas Armadas | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período | 1940 – 1943 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ministro de Asuntos Indíxenas | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período | 1921 – 1928 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ministro de Xustiza | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período | 1919 – 1920 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ministro de Ferrocarrís | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período | 1923 – 1928 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Datos persoais | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||
País de nacionalidade | Neozelandés. | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ideoloxía política | Conservador. | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | Político. | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Partido político | Partido Reformista. Partido Nacional. | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Lingua | Lingua inglesa. | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Carreira militar | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Conflito | Primeira guerra mundial | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Familia | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Cónxuxe | Marjorie Grace Coles (1914). | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Fillos | 7. | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Pais | Edward Coates. e Eleanor Kathleen Aickin. | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Premios | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Cruz Militar do Reino Unido. Medalla de Prata du Xubileu de Xurxo V. | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Lista
Lista
|
Joseph Gordon Coates, nado en Hukatere, rexión de Northland, o 3 de febreiro de 1878 e finado en Wellington o 27 de maio de 1943, foi un político neozelandés, o vixésimo primeiro en ocupar o posto de primeiro ministro de Nova Zelandia (1925-1928), polo Partido Reformista.
Coates criouse nunha granxa, da que se tivo que facer cargo desde rapaz, pola doenza mental do seu pai. Logo dedicouse á política e converteuse en deputado en 1911, centrándose en cuestións agrarias, como candidato independente. Tras un distinguido servizo durante a primeira guerra mundial, foi nomeado ministro de Xustiza e director xeral de Correos no Goberno reformista de William Massey (1919); tamén foi ministro de Obras Públicas (1920-1926) e de Asuntos Indíxenas (1921-1928) e converteuse en primeiro ministro en 1925, á morte de Massey.
Derrotado nas eleccións de 1928, Coates volveu ao Goberno en 1931 como figura clave do Goberno de coalición de George Forbes. Nomeado ministro de Obras Públicas (1931-1933) e de Finanzas (1933-1935), aplicou políticas rigorosas para combater a depresión económica dos anos trinta. A partir de 1940 formou parte da Administración de guerra de Peter Fraser, e foi ministro das Forzas Armadas e Coordinación da Guerra ata a súa morte.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Gordon Coates naceu na granxa familiar chamada Ruatuna,[3] en Hukatereo, no porto de Kaipara, rexión de Northland. Era fillo de Edward, inmigrante procedente da baixa nobreza inglesa, e de Eleanor Coates, inmigrante irlandesa. Na granxa familiar, os seus pais dedicábanse á cría de gando ovino e vacún.[4] Viuse obrigado a asumir importantes responsabilidades na granxa a unha curta idade, xunto co seu irmán Rodney, debido ao trastorno bipolar que padecía o seu pai.[5]
Recibiu unha educación básica nunha escola local, e a súa nai, moi instruída, tamén foi a súa titora. Malia ser un consumado xinete, un accidente de cabalo deixoulle unha perna deteriorada para o resto da súa vida. A numerosa poboación maorí da zona onde se criou fixo que Coates aprendese a falar algo de maorí e entendese moito máis. Tivo dous fillos cunha muller maorí antes do seu matrimonio, e chegou a comprometerse coa profesora Eva Ingall, aínda que o pai desta prohibiu o matrimonio alegando a doenza do pai de Coates, ante o temor de que fose hereditaria. Finalmente, o 4 de agosto de 1914 casou con Marguerite Grace Coles, máis coñecida como Marjorie Grace Coles, con quen tivo cinco fillas.[5]
Na súa derradeira etapa, a súa saúde comezou a resentirse, por mor do esgotamento acumulado pola súa carreira política, os problemas cardíacos que arrastraba e o seu tabaquismo prolongado. O 27 de maio de 1943 morreu de súpeto no seu despacho de Wellington. O Partido Laborista dedicoulle daquela máis eloxios que os seus colegas do Partido Nacional, aínda que políticos de todos os partidos lle renderon tributo.[5]
Traxectoria política
[editar | editar a fonte]Inicios na política
[editar | editar a fonte]En tanto que se dedicaba á agricultura, Coates comezou a participar activamente en diversas organizacións agrarias. A súa primeira participación en política foi no Consello do Condado de Otamatea, para o que foi elixido en 1905, eposteriormente foi o seu presidente de 1913 a 1916. Anteriormente xa se distinguira como comandante do corpo de Voluntarios de Fusileiros Montados de Otamatea, e gozaba dunha boa reputación local. Nas eleccións parlamentarias de 1911, ás que se presentou como candidato independente, Coates gañou o escano de Kaipara. No Parlamento aliñouse co Partido Liberal e votou xeralmente en harmonía con este grupo, que permitiu a Joseph Ward conservar o seu posto de primeiro ministro.[6]
Así e todo, pouco a pouco foise distanciando do Partido Liberal, principalmente pola súa firme crenza na propiedade absoluta dos agricultores, á que os liberais se opuñan en xeral. Coates desenvolvera esta crenza pola súa propia experiencia co alugamento na granxa da súa familia. Cando se produciu unha moción de censura en 1912, Coates votou en contra dos liberais, o que axudou a que o Partido Reformista pasase da oposición ao poder.[7] En 1914, Coates uniuse xa formalmente ao Reformismo, aínda que non actuaba en política como un membro especialmente partidista, e fixo amizade con políticos de moi distintos matices. As súas actividades políticas centráronse sinaladamente na mellora dos servizos para o distrito de Far North.
Ao estoupar a primeira guerra mundial, Coates intentou alistarse para o servizo activo, pero o primeiro ministro, William Massey, disuadiuno de facelo, xa que o Partido Reformista só contaba cunha tenue maioría. En novembro de 1916, malia todo, Coates acadou finalmente o permiso para se alistar, e serviu como capitán con gran distinción, gañando unha Cruz Militar e unha barra. Cando regresou a Nova Zelandia, moitos o consideraron un heroe, e o 2 de setembro de 1919 Massey nomeouno Ministro de Xustiza, director xeral de Correos e ministro de Telégrafos. Máis tarde foi ministro de Obras Públicas e de Ferrocarrís.[9] A partir de marzo de 1921, Coates foi ministro de Asuntos Indíxenas, un cargo no que os seus coñecementos sobre os maorís adquiridos na súa infancia e xuventude lle resultaron moi útiles. Fíxose amigo do político de orixe maorí Āpirana Ngata e colaborou con el para axudar a resolver os problemas dos aborixes.[5] Como ministro de Obras Públicas, Coates estableceu o marco regulador para a xeración e a distribución de electricidade. Así mesmo, puxo en marcha varios grandes proxectos hidroeléctricos estatais, como a central de Mangahao, na cordilleira de Tararua, preto de Shannon, inaugurada oficialmente o 3 de novembro de 1924.[10]
Primeiro ministro
[editar | editar a fonte]A prominencia de Coates foi aumentando gradualmente ata o punto de que a xente comezou a velo como o sucesor natural do primeiro ministro Massey. Cando Massey morreu, o 10 de maio de 1925, Francis Bell converteuse en primeiro ministro interino en tanto que o Partido Reformista tomaba unha decisión sobre o seu liderado a longo prazo, e o 27 de maio Coates resultou elixido líder do Partido Reformista, tras derrotar a William Nosworthy nunha votación.[11] Bell, de 74 anos, dimitiu o 30 de maio para deixar paso a Coates, de 47 anos, que pasou a ser o novo primeiro ministro.[5]
Os directivos do Partido Liberal reuníronse con Coates en xuño de 1925 para discutir acerca da fusión de ambos os partidos e así fortalecer a súa posición fronte ao Partido Laborista. A idea non entusiasmou a Coates, nin tampoco a Bell nin a ningún outro deputado reformista de idade avanzada, e a proposta foi rexeitada pensando que o Reformismo gañaría as eleccións por si mesmo.[12] Coates decidiu non facer cambio ningún no gabinete antes das eleccións. Durante o seu mandato reduciuse o imposto sobre a terra e tamén o tipo máximo do imposto sobre a renda; tamén se crearon disposicións para o benestar infantil, como un sistema de tribunais de menores, e a supervisión estatal para a manutención de cativos delincuentes, abandonados e ilexítimos.[13]
O organizador da campaña do Partido Reformista de 1925, Albert Davy, fixo de Coates e a súa personalidade o centro da campaña. Sendo aínda relativamente novo e nado en Nova Zelandia, Coates era visto como unha especie de novidade política que de por si espertaba o interese da poboación.[15] Os slogans dos Reformistas tamén xiraban en torno ao seu líder, como «Coates e a confianza» ou «Coates e as certezas», que se anunciaban redundantemente nos xornais para transmitir seguridade e decisión.[16] Persoalmente, Coates non estaba ideoloxicamente comprometido con ningunha filosofía política nin económica en particular, senón que destacaba máis polo seu sentido común e o seu pragmatismo.[5] En consecuencia, cando se publicou o manifesto dos Reformistas o 2 de outubro, este era pouco detallado e falaba principalmente de sentimentos xerais, con promesas de estabilidade gobernamental, seguridade económica, igualdade de oportunidades e o papel de Nova Zelandia na defensa imperial. Tamén incluía o compromiso de completar todas as obras públicas en curso e reducir gradualmente o endebedamento exterior. Nesta época fíxose moi popular o slogan «Máis negocios no Goberno, menos Goberno nos negocios», do presidente estadounidense Calvin Coolidge.[16]
Coates atraeu grandes multitudes durante a súa campaña electoral, realizando unha xira de discursos. Estes discursos eran amplos en sentimentos e lixeiros en detalles. Na maioría falaba da necesidade dun «Goberno forte e estable» coa intención de «gobernar para todos», ao tempo que cualificaba as súas propias opinións de «liberais e progresistas».[17] Este último punto foi discutido como atípico do Partido Reformista, formado na súa maioría por conservadores sociais e fiscais. Durante a campaña, un dos ministros de Coates, James Parr, díxolle a unha multitude en Auckland que Coates «non era un conservador [...] procedía do pobo e estaba a favor do pobo; defendía en todo momento a xustiza para todos os sectores da comunidade».[18] Defendeu a política de propiedade absoluta da terra fronte aos ataques do Partido Laborista e mesmo prometeu introducir un plan de seguro contributivo para financiar os pagamentos aos discapacitados e aos desempregados.[17] O Reformismo acadou unha vitoria moi ampla, co 47 % dos votos e 55 dos 80 escanos.[19]
A magnitude da súa vitoria converteríase máis tarde nunha dificultade propia, xa que a Coates lle resultou difícil estar á altura das grandes expectativas postas nel.[5] Isto viuse case inmediatamente despois das eleccións cando, en contra da firmeza prometida na campaña, Coates vacilou canto á remodelación do seu gabinete. Como home un tanto sentimental, acabou revelando que mantería á maior parte do gabinete de Massey con algunhas incorporacións, o que ampliaba o gabinete a 13 membros. A remodelación non se completou ata abril de 1926, cando Parr foi enviado a Londres como novo Alto Comisionado para o Reino Unido. Coates estaba a perder a súa reputación de firmeza.[20] Inseguro sobre como tirar proveito da súa vitoria electoral, Coates creara un novo Departamento do Primeiro Ministro, co seu secretario privado Frank David Thomson como xefe, para proporcionar unha «maior eficiencia no tratamento dos asuntos oficiais».[21] A marcha de Parr desencadeou unhas eleccións parciais para o seu escano por Eden, cuxos resultados foron negativos para os Reformistas, xa que os seus votos se dividiron entre o candidato oficial e un reformista independente, o que permitiu que os laboristas gañasen o escano. Só cinco meses despois do esmagador resultado do Reformismo nas eleccións xerais, produciuse unha enorme viraxe electoral. Coates parecía incapaz de impor a orde no seu partido, unha característica pola que Massey sempre destacara.[22]
Gordon Coates mantivo a carteira de Asuntos Indíxenas durante todo o seu mandato. Creou unha comisión real sobre as confiscacións de terras aos maorís, coñecida como a Comisión Sim, polo nome do seu presidente, William Sim, xuíz do Tribunal Supremo. Esta comisión examinou as históricas confiscaciones de terras, causa de grandes problemas.[23] A mediados de 1926 agraváronse os problemas. Os prezos de exportación da carne, a la e a manteiga estaban a caer, o que provocaba un déficit comercial. O problema estendíase á medida que os menores beneficios dos produtores provocaban un aumento constante do desemprego. O Goberno de Coates foi atacado pola oposición, sinaladamente polo desemprego.[21] Coates respondeu impulsando unha lexislación de emerxencia que autorizaba as autoridades locais a pediren préstamos para crearen emprego. Mais o efecto foi mínimo, o que levou o Goberno a considerar a posibilidade de frear a inmigración. En agosto presentouse un proxecto de lei de subsidios familiares. Tratábase dun subsidio condicionado aos recursos do Departamento de Pensións para familias con ingresos inferiores a catro libras semanais e con máis de dous fillos. Supúñase que os homes con emprego cobraban o suficiente para se manteren a si mesmos, a súa muller e os seus dous fillos, polo que non se pagaba nada polos dous primeiros fillos. Os laboristas criticárona desde a esquerda por considerala inadecuada á situación, xa que só o 5 % da poboación era beneficiaria. No canto de aumentar os impostos, o Parlamento asignou 250.000 libras.[21] Sendo unha política anovadora e sen precedentes no mundo occidental, tamén foi criticada desde a dereita por fomentar a dependencia do Estado.[24]
Coates tivo un respiro temporal dos problemas domésticos cando marchou para encabezar o continxente neozelandés que asistiu á Conferencia Imperial de 1926 en Londres. Bell acompañouno durante gran parte da conferencia, na que se asinou a Declaración Balfour de 1926, que declaraba a Nova Zelandia e os demais dominios como dominios autónomos dentro do Imperio Británico con igual status.[26] Coates e Bell estaban en contra da idea.[27] Coincidían na defensa con Gran Bretaña e Australia para establecer unha base naval en Singapur, e Coates prometeu que Nova Zelandia pagaría un millón de libras para a construción.[28] A finais de ano, Coates visitou Francia e Bélxica para visitar os cemiterios onde estaban soterrados soldados neozelandeses da primeira guerra mundial. Tamén visitou brevemente Irlanda e, durante a súa estadía en Dublín, foi investido doutor honoris causa.[29] De regreso a Nova Zelandia, visitou Canadá e os Estados Unidos, e reuniuse co primeiro ministro canadense, William Mackenzie King, co secretario de Estado estadounidense, Frank B. Kellogg, e co presidente Calvin Coolidge, con quen tratou principalmente asuntos do Pacífico Sur.[30] Pouco despois de regresar, recibiu o príncipe Alberte, duque de York, na súa xira real por Nova Zelandia.[31]
En febreiro de 1927 o desemprego seguía a medrar, e Coates suspendeu a inmigración durante varios meses para paliar o problema.[32] Os ingresos dos agricultores resentíanse debido á recesión da economía e do seu mercado de exportación británico. A Xunta de Produtos Lácteos propuxo fixar o prezo da manteiga no mercado británico para intentar estabilizar os ingresos dos agricultores, e o Goberno, recoñecendo que as condicións do mercado eran incapaces de satisfacer a demanda da Xunta, viuse na obriga de persuadila para que desistise en marzo de 1927.[33] As zonas rurais, normalmente o bastión do Reformismo, estaban fondamente descontentas co Goberno e tiveron a oportunidade de manifestar o seu descontento nas eleccións parciais de Raglan en setembro de 1927. O Reformismo viuse derrotado por segunda vez esa lexislatura ao perder un escano tradicionalmente seguro, en favor dos laboristas. A división do voto manifestouse outra vez, xa que moitos granxeiros, que normalmente votaban polos Reformistas, puideron escoller tamén entre os Liberais, o Country Party e un reformista independente. O candidato laborista gañou sobre todo cos votos dos mineiros do carbón locais.[34] Mesmo os xornais favorables ao Reformismo recoñeceron que a popularidade de Coates e do seu Goberno se esfumaran desde 1925, aínda que Coates seguía atraendo multitudes cando visitaba o electorado durante a campaña.[35]
O mandato de Coates estivo marcado pola intención de desenvolver a economía rural de Nova Zelandia, da que procedía, sobre todo en materia de estradas e infraestruturas de transporte. A este obxectivo dedicou unha serie de proxectos, como a construción da ponte de Kopu na península de Coromandel, que lles proporcionou aos agricultores locais un mellor acceso por estrada,[36] e a aprobación da construción dun ferrocarril Rotorua-Taupo, longamente reclamado polos colonos que vivían entre Rotorua e Taupo para abrir o distrito. Tamén apoiou os plans de obras públicas, xa que ofrecían postos de traballo para aliviar o desemprego.[37]
Coa chegada da Gran Depresión e a deterioración da economía neozelandesa, Coates e o Partido Reformista foron moi criticados. En 1927, Davy inimizouse con Coates, abandonou o Reformismo e creou o novo Partido Unido, formado principalmente polos restos do Partido Liberal e con fondos de antigos doadores do Reformismo.[38] Nas eleccións xerais de 1928, o Partido Reformista e o Partido Unido acadaron case o mesmo número de escanos. Cando o parlamento se reuniu, convocouse unha moción de censura. Tanto United como os laboristas votaron en contra do Goberno, igual que catro deputados independentes e o único membro do Country Party, co que o Goberno de Coates foi derrotado por 50 votos contra 28. Como resultado, Coates perdeu o cargo de primeiro ministro.[39]
Líder da posición
[editar | editar a fonte]Coa formación do Goberno de United, Coates converteuse en líder da oposición.[40] Cando United presentou a súa proposta de Lei de Desemprego de 1930 para facer fronte ao crecente número de desempregados, os laboristas negáronse a apoiala. Exixían que os homes se inscribisen como desempregados, mais insistía no principio de non cobrar sen traballar, obrigando os homes a traballar en plans de traballo de dubidoso valor, recibindo unha paga dunha xunta de desemprego. Sen os votos dos laboristas, o proxecto de lei non podía aprobarse, pero Coates prometeu o apoio do Partido Reformista para permitir a súa aprobación.[41] Coates pensaba que o Goberno era en gran medida incompetente e que estaba a pór en perigo a cohesión social coa súa austeridade. Percibiu unha oportunidade política para deixar que United asumise a culpa da depresión e deixar o seu propio partido comparativamente limpo. Porén, a conferencia do Partido Reformista de 1931 aconsellou unha maior cooperación con United. En contra do seu xuízo, Coates asumiu esta postura do seu partido.[42]
Goberno de coalición
[editar | editar a fonte]En 1931, o Partido Laborista retirou completamente o seu apoio ao Goberno de United, protestando por diversas medidas económicas que consideraba hostís aos traballadores. Posteriormente, Coates e o Partido Reformista acordaron formar unha coalición con United, evitando así unhas eleccións xerais nas que os laboristas poderían obter uns resultados favorables.[44] O líder do United, George Forbes, seguiu a ser primeiro ministro, pero Coates e os seus colegas do Partido Reformista obtiveron tamén algúns postos importantes. William Downie Stewart Jr, colega de Coates, converteuse en ministro de Finanzas.
Nas eleccións xerais de 1931, a coalición Unida-Reformista conservou o poder, aínda que os laboristas aumentaron a súa porcentaxe de votos. No entanto, os problemas económicos persistían e o desemprego seguía aumentando. Coates discutiu con William Downie Stewart Jr. sobre a resposta do Goberno, e o propio Coates converteuse en Ministro de Finanzas. O primeiro ministro, George Forbes, volveuse cada vez máis apático e desilusionado, e Coates pasou a ter un peso cada vez maior no Goberno. Seguíase a falar do estado emocional de Coates. Como ministro de Finanzas desvalorizou a moeda neozelandesa e creou o Banco da Reserva de Nova Zelandia en 1934.[23]
En 1935 concedéuselle a Medalla de Prata do Xubileu do rei Xurxo V.[45]
Nas eleccións xerais de 1935, a coalición sufriu unha gran derrota e só acadou 19 escanos: Coates estivo a piques de perder Kaipara. O Partido Laborista, que obtivera 53 escanos, formou o seu primeiro Goberno e Michael Joseph Savage conerteuse en primeiro ministro.[46]
Vida política posterior
[editar | editar a fonte]Logo da derrota do Goberno de coalición, Coates retirouse en gran medida da primeira plana da política. Pasou por un período de dificultades económicas debido á repentina perda de ingresos, mais a súa situación mellorou cando un grupo de amigos lle fixo entrega dunha importante suma de 550 libras como agradecemento polos seus longos anos de servizo.[48]
Cando United e o Partido Reformista se fusionaron para crear o Partido Nacional en maio de 1936, Coates foi deputado nacional. Algúns dos seus partidarios instárono para procurar o liderado do partido, pero outros dentro do partido crían que tanto Coates como Forbes seguían a estar demasiado asociados aos problemas económicos do país, e que ao novo partido lle cumprían caras novas. Forbes apoiou a Charles Wilkinson para o liderado, pero Coates e os seus partidarios rexeitaron esta elección, chegando mesmo a ameazar cunha refundación do Partido Reformista se saía adiante. Finalmente, Adam Hamilton, antigo membro do Partido Reformista, gañou a elección por un voto de diferenza,[49] e Coates foi un leal partidario de Hamilton, que o mantivo na primeira liña como portavoz de finanzas. No Parlamento, Coates criticou o ministro laborista de Economía, Walter Nash, argumentando que as novas normativas do Goberno ían restrinxir a competencia, inflar os custos e ralentizar o crecemento económico. Ao mesmo tempo, admitiu que a austeridade do Goberno de coalición fora demasiado lonxe e causara dificultades innecesarias.[50] Coates substituíu a Hamilton nalgunhas ocasións, como en agosto de 1940, cando estando Hamilton enfermo, Coates actuou como líder da oposición ante a inminencia da guerra con Alemaña. Deixou de facer política nacional e avogou pola cooperación co Goberno na procura da defensa nacional.[51]
Co estoupido da segunda guerra mundial, o Goberno laborista invitou tanto a Coates como a Hamilton a formar parte dun Gabinete de Guerra especial, que se encargaría dos asuntos relacionados coa prosecución da guerra. A súa aceptación creou unha fenda entre eles e os seus colegas do Partido Nacional: o partido substituíu a Hamilton como líder por esta cuestión, e as relacións entre Coates e o novo líder, Sidney Holland, deterioráronse. Coates cría firmemente que o partidismo era un enfoque equivocado durante a guerra e intentou convencer tanto os laboristas como os nacionalistas para que traballasen xuntos. Expresou a súa satisfacción cando ambos os partidos estableceron unha Administración de Guerra conxunta, co Gabinete de Guerra como órgano executivo. A Administración de Guerra esvaeceuse de camiño, e os membros do Partido Nacional decidiron dimitir. Coates e Hamilton criticaron abertamente esta decisión e, o día seguinte de se facer efectiva a súa dimisión,[52] reincorporáronse ao Gabinete de Guerra invitados polo primeiro ministro, Peter Fraser.[53] Coates pasou as ser así un independente,[54] e decidiu que se presentaría ás seguintes eleccións como candidato nacional non adscrito, e non xa como candidato oficial do Partido Nacional.[5] Ante o declive británico durante a guerra, Coates animou a Fraser a desenvolver relacións estratéxicas máis estreitas cos Estados Unidos.[55]
Legado
[editar | editar a fonte]O estilo de Coates mantívose a través do seu discípulo Keith Holyoake, máis tarde primeiro ministro (en 1957 e en 1960-1972), que vía en Coates o seu modelo político. Ambos profesábanse admiración e respecto mutuos e compartían opinións sobre a oposición ao socialismo e ao control estatal, ao tempo que apoiaban a liberdade individual e a empresa privada.[56] Coates fixo unha incursión na política de benestar social e a comercialización agrícola centralizada, o que lle proporcionou inimigos na dereita nos anos vinte, e supervisou a austeridade financeira, que lle fixo impopular entre a esquerda nos anos trinta. O historiador Jim McAloon cualificou a política de Coates como dun centrista pragmático.[55]
Coatesville, unha pequena cidade de Auckland, chamábase Fernielea ata 1926, cando foi rebautizada co nome de Coates.[57]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Joseph Gordon Coates". National Library Wellington (Natlib.gov.nz).
- ↑ "Ruatuna - Coates family home, near Hukatere". Aucklandmuseum.com
- ↑ "Ruatuna". En New Zealand Heritage List/Rārangi Kōrero. Heritage New Zealand.
- ↑ Bassett, M. (1995). Páxinas 14-15.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 "Coates, Joseph Gordon. Biography". Dictionary of New Zealand Biography (Teara.govt.nz).
- ↑ Bassett, M.(1982). Páxina 5.
- ↑ Bassett, M.(1982). Páxina 13.
- ↑ "Joseph Gordon Coates". Aucklandmuseum.com
- ↑ "Trainland: How Railways Made Mew Zealand". Victoria University of Wellington (ndhadeliver.natlib.govt.nz).
- ↑ "1924 - key events". Ministry for Culture and Heritage (nzhistory.govt.nz).
- ↑ Bassett, M. (1995). Páxina 92.
- ↑ Bassett, M. (1995). Páxina 95.
- ↑ Farland, B. (1995). Páxina 50.
- ↑ "Gordon Coates". Aucklandmuseum.com
- ↑ Bassett, M.(1982). Páxinas 34-35.
- ↑ 16,0 16,1 Bassett, M. (1995). Páxina 100.
- ↑ 17,0 17,1 Bassett, M. (1995). Páxina 101.
- ↑ Bassett, M. (1995). Páxina 102.
- ↑ Bassett, M.(1982). Páxina 35.
- ↑ Bassett, M. (1995). Páxinas 104-105.
- ↑ 21,0 21,1 21,2 Bassett, M. (1995). Páxina 106.
- ↑ Bassett, M.(1982). Páxinas 36-37.
- ↑ 23,0 23,1 McLean, G. (2017). "Gordon Coates - Biography". Ministry for Culture and Heritage. 8 de novembro.
- ↑ Farland, B. (1995). Páxina 55.
- ↑ "H.M. the King with Imperial Conference delegates, 1926". Library of the Congress (LOC.gov).
- ↑ Farland, B. (1995). Páxina 60.
- ↑ Bassett, M. (1995). Páxina 111.
- ↑ Bassett, M. (1995). Páxina 112.
- ↑ Farland, B. (1995). Páxina 62.
- ↑ Bassett, M. (1995). Páxina 114.
- ↑ Bassett, M. (1995). Páxina 115.
- ↑ Bassett, M. (1995). Páxina 117.
- ↑ Farland, B. (1995). Páxinas 63-66.
- ↑ Bassett, M.(1982). Páxinas 37-38.
- ↑ Bassett, M. (1995). Páxina 125.
- ↑ "Kopu Bridge". Heritage New Zealand (Heritage.org.nz).
- ↑ Farland, B. (1995). Páxina 67.
- ↑ Bassett, M.(1982). Páxinas 38-39.
- ↑ Farland, B. (1995). Páxina 78.
- ↑ Wilson, J. O. (1985) [1913]. Páxina 283.
- ↑ Farland, B. (1995). Páxina 83.
- ↑ Farland, B. (1995). Páxina 85.
- ↑ "Portrait of members of the Coalition Cabinet". National Library Wellington (Natlib.govt.nz).
- ↑ Bassett, M.(1982). Páxina 57.
- ↑ "Official jubilee medals". En The Evening Post. 6 de maio de 1935. Páxina 4.
- ↑ Bassett, M.(1982). Páxina 64.
- ↑ "Group of cabinet ministers". National Library Wellington (Natlib.govt.nz).
- ↑ Farland, B. (1995). Páxina 137.
- ↑ Gustafson, B. (1986). Páxina 17.
- ↑ Bassett, M. (1995). Páxinas 243-244.
- ↑ Bassett, M. (1995). Páxina 248.
- ↑ Wilson, J. O. (1985) [1913]. Páxina 285.
- ↑ "Remaining at Posts". En The Evening Post. Vol. CXXXIV, Nº. 84. 6 de outubro de 1942. Páxina 4.
- ↑ Gustafson, B. (1986). Páxina 303f.
- ↑ 55,0 55,1 Frykberg, E. (2024). "The real power list: NZ's Prime Ministers rated". En New Zealand Listener. 7 de novembro.
- ↑ Wood, G. A. "Holyoake, Keith Jacka". Dictionary of New Zealand Biography (Teara.govt.nz).
- ↑ "A Brief History of Coatesville". Coatesville Residents and Ratepayers Association (Coatesville.org.nz).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gordon Coates |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bassett, M.(1982). Three Party Politics in New Zealand 1911–1931. Historical Publications, Auckland. ISBN 0-86870-006-1
- Bassett, M. (1995). Coates of Kaipara. Auckland University Press, Auckland. ISBN 1-86940-117-4
- Easton, B. H. (2001). The nationbuilders. Auckland University Press, Auckland. ISBN 1-86940-260-X
- Farland, B. (1995). Coates' tale: war hero, politician, statesman, Joseph Gordon Coates, Prime Minister of New Zealand, 1925–1928. B. Farland, Wellington. ISBN 0-473-03182-5
- Gustafson, B. (1986). The First 50 Years: A History of the New Zealand National Party. Reed Methuen, Auckland. ISBN 0-474-00177-6
- Wilson, J. O. (1985) [1913]. New Zealand Parliamentary Record, 1840–1984 (4ª ed.). Government Printer.