Saltar ao contido

Futurama

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Futurama
FormatoComedia de animación
Creado porMatt Groening e David X. Cohen
IntérpretesBilly West
Katey Sagal
John DiMaggio
Maurice LaMarch
Lauren Tom
Phil LaMarr
Tress MacNeille
David Herman
País de orixeEstados Unidos de América
Temporadas9
Episodios160
Produción
Produtor(es)
executivo(s)
Matt Groening
David X. Cohen
Ken Keeler
Duración21-23 minutos
Emisión orixinal
Canle de orixeFOX
Primeiro episodio28 de marzo de 1999
Derradeiro episodio4 de setembro de 2013
Na rede
http://www.comedycentral.com/shows/futurama/index.jhtml
IMDB: tt0149460 Filmaffinity: 826281 Allocine: 685 Rottentomatoes: tv/futurama Metacritic: tv/futurama
Facebook: Futurama Twitter: futurama_hulu Instagram: futuramaonhulu Netlix: 70153380 Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Futurama é unha serie de debuxos animados estadounidense creada por Matt Groening (creador de The Simpsons) e David X. Cohen (guionista tamén de The Simpsons). Está ambientada no ano 3000, na cidade de "Nova" Nova York, construída sobre as ruínas da antiga Nova York. Trátase dun programa animado de pouco máis de 20 minutos de duración producido por FOX que empezou a emitirse por televisión o 28 de marzo de 1999 en Estados Unidos, e permaneceu no ar até o 10 de agosto de 2003.

David X. Cohen e Matt Groening no Comic Con de San Diego no ano 2009.

Futurama era o nome da exposición de General Motors na Feira Mundial de Nova York de 1939 e Matt Groening sacou o nome dese evento para a súa serie. O período de preprodución para elaborar este universo futurista con "bebidas non alcohólicas moi aditivas", levoulle ao seu equipo un traballo de tres anos.

A historia de Futurama empeza o 31 de decembro de 1999 en Nova York, cando Fry, un mozo fracasado que traballa repartindo pizzas é "accidentalmente" conxelado nun laboratorio crioxénico de Nova York e enviado 1000 anos cara ao futuro e esperta o 31 de decembro de 2999 en "Nova" Nova York. Coñece a Leela, unha bela ciclope que lle quere implantar un chip de traballo, e a Bender, un robot antisocial, alcólico e cleptómano. Velaquí os tres protagonistas de Futurama, aos que se van sumando novos personaxes en cada episodio.

Personaxes e elenco

[editar | editar a fonte]

Futurama pertence ao xénero comedia de situación, por iso a trama vira en torno ás actividades e aventuras dos empregados da empresa Planet Express. A maioría dos episodios traman sobre o trío Fry, Leela e Bender, aínda que tamén doutras personaxes.

Fry é un inmaturo rapaz que traballaba coma repartidor de pizza que foi conxelado na madrugada do día de Aninovo de 2000 antes da fin das badaladas, despertando durante o Fin de Ano, 2999. Obtén un emprego coma repartidor en Planet Express, unha empresa propiedade do seu familiar máis achegado, o profesor Hubert Farnsworth. Está namorado de Leela dende o primeiro episodio, sendo ademais, como consecuencia de certas medidas que toma no episodio "Roswell que remata ben", o seu propio avó.

Leela é a competente capitá da nave de Planet Express cun só ollo. Abandonada dende pequena pasou toda a súa infancia nun orfanato pensando que era unha orfa extraterrestre co desexo de coñecer as súas orixes. Porén, máis tarde dáse conta de que é filla duns mutantes de sumidoiro. Antes de converterse en capitá traballaba no laboratorio crioxénico onde coñeceu a Fry, o cal namorouse dela.

Bender é un robot alcohólico, fumador, cleptómano, misántropo, egocéntrico e cun alto temperamento. Orixinariamente está programado para dobrar e máis tarde é designado como cociñeiro da nave de Planet Express e asistente de vendas. Os seus soños son ser un famoso Chef ou un cantante de música folk. Fry é o seu compañeiro de apartamento. Cabe resaltar que foi fabricado en México.

Nacido o 9 de abril de 2841, co que conta con 167 anos e é o familiar máis achegado a Fry na época. Farnsworth fundou Planet Express e foi inventor de múltiples cousas. Ten ademais o seu propio clon creado para ser o seu sucesor, Cubert Farnsworth, o cal trata coma un fillo.

Xente disfrazada de Doutor Zoidberg.

É un extraterrestre semellante a un lumbrigante. É un médico procedente do planeta Decapod 10. Autoproclámase experto en humanos a pesar de que os seus coñecementos de anatomía humana son máis ben limitados. Proporciona coidados médicos incompetentes á tripulación do Planet Express.

Amy é unha moza incribelmente rica, moi guapa e simpática; mais tamén burda e inocente, e con ela, Planet Express é moi propenso a ter accidentes. É unha estudante de enxeñería na Universidade de Marte e herdeira do hemisferio occidental dese planeta. A pesar de nacer en Marte, é etnicamente chinesa, propensa a maldicir cantonés e falar xerga do século XXXI. Os seus pais son Leo e Inez Wong. Inicialmente semella algo promiscua, mais logo desenvolve unha longa relación con Kif Kroker.

Hermes é un burócrata xamaicano cun don especial para arquivar. É o contable de Planet Express, con nivel 37 (é ascendido a 34 durante a serie) dentro dos burócratas, presumindo moitas veces diso. Participou nas Olimpíadas de 2980 na modalidade de limbo. Está casado con LaBarbara e ten un fillo de 12 anos, Dwight.

Zapp Brannigan non é un membro de Planet Express mais aparece regularmente en Futurama. É un presuntuoso, egocéntrico e incompetente capitán de nave espacial que tenta persuadir sen descanso a Leela e outras mulleres.

É o 4º tenente de Zapp Brannigan e sufrido asistente persoal, Kif é membro dunha especie de anfibios que habita no planeta acertadamente nomeado Amphibios 9. aínda que é extremadamente tímido, tivo o suficiente coraxe para acadar saír con Amy.

Nibbler, cuxa tradución aproximada ao galego pode ser Dentadiño (na versión en castelán, única dispoñíbel en Galiza polo de agora, é coñecido coma Mordisquitos) é a mascota de Leela do planeta Nibblonian, que ela atopou en estado salvaxe e que moi cedo adoptou na serie. É capaz de xantar enormes animais producindo materia escura (combustíbel para naves) como refugallo. A pesar do seu enganoso xeitoso aspecto, Nibbler é de feito un altamente intelixente ser cuxa especie é a encargada de manter a orde no universo. Revela no episodio "O porqué de Fry" que foi o responsábel directo da conxelación crioxénica de Fry.

Futurama ten ademais numerosas personaxes de menor importancia que aparecen de xeito regular, moitas delas dobradas polos membros habituais do elenco como Billy West, John DiMaggio, Tress MacNeille, David Herman e Maurice LaMarche.

Escenario

[editar | editar a fonte]

Futurama desenvólvese durante o século XXXI, un século cheo de marabillas tecnolóxicas, con moitos dispositivos inimaxinábeis hoxe en día é cunha arquitectura de deseño futurista. O quecemento da atmosfera, a inflexible burocracia e o abuso de substancias son algúns dos temas dados neste século, nun mundo onde os problemas da Terra convertéronse nos máis comúns e máis extremos. Na serie móstranse os prexuízos dos humanos contra os humanos-mutantes, que se viron obrigados a vivir baixo terra nos sumidoiros. O fogar dos personaxes principais que habitan na Terra é a cidade de Nova Nova York (New New York), construída sobre as ruínas da actual cidade de Nova York, denominada a Vella Nova York (Old New York).

Numerosos avances tecnolóxicos foron realizados até este século dende os nosos días. Un moi destacado e recorrente durante a serie é a capacidade para manter vivos a persoeiros (a súa cabeza concretamente) en tarriños de formol o que é usado polos guionistas cando queren facer aparecer a unha celebridade na serie. Curiosamente, varios dos políticos en conservas xa estaban mortos antes da suposta chegada desta tecnoloxía, un dos exemplos máis destacados desta anomalía é Richard Nixon, que morreu en 1994.

A Internet conta co seu propio mundo dixital (semellante a The Matrix ou Tron), é lento e en gran parte consiste na pornografía, pop-ups, e "sucias" salas de conversación, aínda que algunhas poden incluír material educativo. A televisión segue sendo unha forma primaria de entretemento. Os robots son unha vista común, ademais de ser a principal causa do quecemento da Terra grazas aos seus sistemas de alcol. A roda está obsoleta (Fry até parece non recoñecer o seu deseño) xa que foi esquecida e substituída por vehículos e tubos de transporte.

En Futurama os guionistas non cometen erros de continuidade, que serven para promover as brincadeiras. Por exemplo, mentres que nun episodio dise que a tripulación de Planet Express morreu por culpa das abellas asasinas, máis tarde o episodio "O aguillón" trama sobre un dos membros da nova tripulación morre polas abellas asasinas.

Cultura e sociedade

[editar | editar a fonte]

A Terra represéntase como multicultural na medida en que hai unha ampla gama de recursos humanos, para robots, e ademais os seres extraterrestres na serie interactúan cos personaxes principais. Dalgunha maneira o futuro preséntase como socialmente máis avanzado. Os robots constitúen a maior "minoría" da serie. A miúdo son tratados como cidadáns de segunda clase, mentres que uns poucos robots ricos son presentados como membros da clase alta. A maioría de robots son auto-conscientes e concedéronse a liberdade e a libre vontade. Con todo, en tempos de crise, son obrigados a servir aos seres humanos. Os Mutantes do Sumidoiro son seres humanos mutados que viven nos sumidoiros obrigados por lei.

A relixión é aínda parte da sociedade, a pesar de cambiar moito. As principais relixións fusionáronse para converterse nunha única. As figuras relixiosas da serie son o Papa Espacial, o Diaño Robot e o reverendo Preacherbot. Aínda que moi poucos episodios céntranse exclusivamente nos cambios relixiosos no universo de Futurama.

Bandeira da Terra

A Terra ten un goberno unificado, encabezado polo Presidente da Terra (da tempada 2 en diante é a cabeza de Richard Nixon). A capital da Terra é Washington, D.C., e a súa bandeira é semellante á de Estados Unidos só que no canto de estrelas ten unha representación da Terra.

A Orde Democrática de Planetas (DOOP) é a organización de ficción no universo de Futurama, semellante ás Nacións Unidas e á Federación Unida de Planetas do universo de Star Trek. Numerosas outras galaxias foron colonizados ou fixeron Contacto no ano 3000. Marte foi colonizado e é o fogar da famosa Universidade de Marte.

Os presidentes dos Estados Unidos dende George Washington até Bill Clinton, e moitas celebridades son colocadas nos metados tarros. Estes exhíbense no Museo Nacional de Cabezas. Son alimentados con comida para peixes.

Cada signo do alfabeto extraterrestre corresponde a un signo do alfabeto latino

Na serie tamén se usan alfabetos extraterrestres que aparecen a miúdo no fondo, polo xeral en forma de garabatos, anuncios ou en etiquetas de advertencia. O primeiro é un sinxelo cifrado de substitución un a un do alfabeto latino, mentres que o segundo usa un código de adición modular e máis complexo. Ambos adoitan proporcionar bromas adicionais aos fanáticos o suficientemente entregados como para descodificar as mensaxes. Ademais destes alfabetos, a serie utiliza o alfabeto latino.

O inglés tamén evolucionou, pero segue sendo comprensíbel. Os trocos inclúen a substitución da palabra ChristmasNadal») por Xmas (co X pronunciado como tal) e o cambio da pronuncia de ask por metátese (troco de lugar dos sons dentro dunha palabra) a [æks]. Ironicamente, [æks] representa unha pronuncia antiga da palabra, sendo o moderno [æsk] unha innovación, polo que no século XXXI vese como a palabra pecha o círculo.

O universo de Futurama tamén fai diversas predicións audaces sobre o futuro da lingüística. Nun episodio dáse a coñecer que o francés é unha lingua morta e que agora a lingua oficial falada en Francia é o inglés (na versión francesa da serie, é o alemán a lingua morta). Noutro episodio vese un anuncio no metro que di "Learn Spanglish" (aprende spanglish) polo que parece que a mestura de inglés e español acaba converténdose nun idioma usual. Segundo Matt Groening, a serie presenta os chamados Frozen Gags, que son chistes que non ven a primeira ollada, senón que se debe pausar o episodio e ver atentamente á pantalla. Aparentemente, os moitos carteis en idioma extraterrestre posúen mensaxes obscenas, pero non se poden ler a primeira ollada.

Trala súa cancelación en 2003, todo facía supor que o universo Futurama chegara ao seu fin. Anos despois, as repeticións da serie en horario nocturno, conseguiron que a serie recobre popularidade. Debido a iso, as autoridades de FOX chamaron a Matt Groening para saber se lle gustaría continuar Futurama nunha película. Finalmente o número de películas non foi unha, senón catro, as cales foron lanzadas en DVD entre novembro do 2007 e febreiro do 2009. Os guións das mesmas foron a ser escritos por David X. Cohen, Matt Groening e o resto do equipo que traballou na serie orixinal.

Bender's Big Score

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Futurama: Bender's Big Score.

O gran tanto de Bender,[1] foi a primeira das catro películas proxectadas. Saíu á venda en DVD o 27 de novembro de 2007 en Estados Unidos baixo o nome de Bender's Big Score. Supuxo o regreso da serie, tras 5 anos sen emisión.

A trama vira principalmente ao redor da conquista do planeta Terra por parte dunha raza de estafadores nudistas extraterrestres. Nela aparecen os principais personaxes da serie, así como unha enorme cantidade de personaxes secundarios. A película aborda tamén a relación Leela e Fry, ademais da continuidade temporal durante os primeiros anos do século XXI. Como figuras invitadas, cabe mencionar ao ex vicepresidente dos Estados Unidos, Al Gore interpretándose a si mesmo, o rapeiro Coolio (como Kwanzabot), o comediante Sarah Silverman e o actor Mark Hamill.

The Beast with a Billion Backs

[editar | editar a fonte]

A besta cun millón de costas,[2] é a segunda entrega estreada o 24 de xuño de 2008 en Estados Unidos, nárrase o ocorrido ao final da primeira película cando aparece unha especie de racho no espazo coñecido como "a anomalía" e que resulta ser unha porta a outro universo, onde vive un ser de tamaño planetario con millóns de tentáculos que tomará o control do planeta, Fry conseguirá noiva e despois será o supremo pontífice dunha relixión mentres Bender encabezará unha sociedade robótica secreta que quere a aniquilación dos humanos, pero son todo o contrario.

O elenco inclúe a Stephen Hawking interpretándose a si mesmo, David Cros (como Yivo) e Brittany Murphy (como Colleen, a noiva de Fry).

Bender's Game

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Futurama: Bender's Game.

A terceira película, O xogo de Bender,[3] foi estreada directo en DVD e Blu-ray o 3 de novembro de 2008 en Gran Bretaña e o 4 en Estados Unidos.

Debido ao aumento do prezo dos combustíbeis a tripulación do Planet Express embárcase nunha misión perigosa: infiltrarse na única mina de materia escura, a orixe do combustíbel de todas as naves espaciais. Pero o que descobren é un lugar moito máis especial... un mundo medieval onde atópanse dragóns, maxia e bébedos cabaleiros, un mundo moi semellante ao d'O Señor dos Aneis.

Into the Wild Green Yonder

[editar | editar a fonte]

A cuarta película, Cara o distante e salvaxe verde,[4], estreouse o 24 de febreiro de 2009 en DVD e Blu-Ray.

Gañados| Nomeamentos
Premios Annie:
  • Premio individual á mellor dirección nun produto televisivo animado
    • 2000 — Brian Sheesley polo episodio "Why Must I Be a Crustacean in Love?"
  • Premio individual á mellor dobraxe nun produto televisivo animado
    • 2001 — John Di Maggio como Bender polo episodio "Bendless Love"
  • Premio individual á mellor historia nun produto televisivo animado
    • 2001 — Ron Weiner polo episodio "Luck of the Fryrish"[5]
  • Premio individual á mellor dirección nun produto televisivo animado
    • 2003 — Rich Moore polo episodio "Roswell That Ends Well"

Premios Emmy:

  • Outstanding Individual Achievement in Animation
    • 2000 — Bari Kumar polo episodio "A Bicyclops Built for Two"
    • 2001 — Rodney Clouden polo episodio "Parasites Lost"
  • Outstanding Animated Program
    • 2002 — "Roswell That Ends Well"

Environmental Media Awards:

  • Comedy — TV Episodic
    • 2000 — "The Problem with Popplers"

Premios WGA:

  • Animation
    • 2003 — Ken Keeler polo episodio "Godfellas".
Premios Annie:
  • Outstanding Achievement in an Animated Television Program
    • 1999 — Futurama. The Curiosity Company in association with 20th Century Fox Television
  • Outstanding Individual Achievement por Writing in an Animated Television Production
    • 1999 — Ken Keeler polo episodio "The Series Has Landed"
  • Outstanding Achievement in a Primetime or Late Night Animated Television Program
    • 2000 — Futurama. The Curiosity Company in association with 20th Century Fox Television
  • Outstanding Individual Achievement por Directing in an Animated Television Production
    • 2000 — Susie Dietter polo episodio "A Bicyclops Built for Two".
  • Outstanding Achievement in a Primetime or Late Night Animated Television Production
    • 2001 — Futurama. The Curiosity Company in association with 20th Century Fox Television
  • Outstanding Achievement in an Animated Television Production
    • 2003 — Futurama. The Curiosity Company in association with 20th Century Fox Television
  • Outstanding Music in an Animated Television Production
    • 2004 — Ken Keeler polo episodio "The Devil's Hands are Idle Playthings"
  • Outstanding Writing in an Animated Television Production
    • 2004 — Patric Verrone polo episodio "The Sting".
Premios Emmy:
  • Outstanding Animated Program
    • 1999 — "A Big Piece of Garbage"
    • 2001 — "Amazon Women in the Mood"
    • 2003 — "Jurassic Bark"
    • 2004 — "The Sting"
  • Outstanding Music and Lyrics
    • 2004 — A canción "I Want My Hands Back" do episodio "The Devil's Hands are Idle Playthings"

Premio Nebula:

  • Mellor guión
    • 2004 — David A. Goodman polo episodio "Where No Fan Has Gone Before"

Premios WGA:

  • Animación
    • 2004 — Patric Verrone polo episodio "The Sting"

Episodios

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]