Saltar ao contido

Lumbrigante

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lumbrigante
Homarus gammarus
Carl von Linné 1758 Editar o valor en Wikidata
Imaxe
 Instancia de
 Nome curto
H. gammarus Editar o valor en Wikidata
Conservación
Clasificación taxonómica
 Categoría taxonómica
 Taxon superior
 Combinación orixinal
ReinoAnimalia
FiloArthropoda
SubfiloCrustacea
ClaseMalacostraca
OrdeDecapoda
FamiliaNephropidae
XéneroHomarus
EspecieH. gammarus
 Sinonimia
  • Cancer gammarus Linnaeus, 1758
  • Astacus marinus Fabricius, 1775
  • Astacus gammarus Pennant, 1777
  • Homarus marinus Weber, 1795
  • Astacus europaeus Couch, 1837
  • Homarus vulgaris H. Milne-Edwards, 1837
Identificadores
Freebase/m/030ssw Editar o valor en Wikidata
UNII4125W05BNB Editar o valor en Wikidata
ITIS97315 Editar o valor en Wikidata
UICN169955 Editar o valor en Wikidata
Wikidata G:Commons C:Commons

O lumbrigante[1] (Homarus gammarus, Linné 1758), tamén chamado cereixo,[2] é un crustáceo mariño decápodo macruro (é dicir, de abdome ben desenvolvido), moi prezado pola calidade da súa carne. Caracterízase polo seu primeiro par de patas rematado en grandes pinzas.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Ten casca de cor negra azulada, con manchas máis pálidas; de cor amarelada na cara inferior. O bordo lateral dos segmentos do abdome é abrancazado ou vermello. Na casca coexisten dous pigmentos, un azul escuro, dominante, soluble; e outro vermello, insoluble. A cor vermella viva coa que coñecémo-lo lumbrigante no prato, cociñado, aparece só trala cocción, por desaparición dos outros pigmentos da casca, solubles na auga.

Cadro de Cornelis de Heem (1631-1695).

A casca do cefalotórax é de forma subcilíndrica, comprimida dorsoventalmente, coa superficie lisa, a diferenza do da lagosta, na que é espiñenta.

O primeiro par de antenas (anténulas) son curtas e divididas en dous flaxelos. O segundo par de antenas son longas, da mesma lonxitude có corpo, que nacen dunha base pequena e cunha espiña ben visible.

Posúe cinco pares de patas locomotoras, coma tódolos crustáceos decápodos. O primeiro par é robusto e característico, moito máis grandes cás outras, e remata nunha forte pinza formada por dúas pezas (quelas) desiguais e provistas de varios dentes romos na marxe interna. Estes avultamentos adoitan ser de cor castaña ou avermellada. Normalmente, unha das pinzas -as máis das veces, a dereita- é claramente maior cá outra, sendo a menor máis rápida e cos dentes máis agudos e aserrados. O lumbrigante utiliza a pinza maior para suxeita-las preas e a menor para esgazala en pequenos anacos.

O segundo e terceiro par de patas tamén rematan en pinzas, moito menores cás anteriores. O cuarto e quinto par de patas rematan nunha uña única.

O abdome está formado por seis segmentos ou aneis, que se sobrepoñen ó dobrarse baixo o cefalotórax. Cada segmento posúe dun par de pequenas patas (pleópodos) de función copuladora e ovíxena. Nos machos, os dous primeiros pleópodos están modificados para trasladar os espermatozoides á femia no momento da cópula.

O abdome remata nun último segmento, que forma o telson, plano e rematado nun peite de sedas amarelas ou castañas, tamén presentes nos urópodos que conforman a aleta caudal.

O tamaño medio do lumbrigante oscila entre os 35 e os 50 cm, chegando a talles superiores.

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

O lumbrigante, coma outros crustáceos superiores, é unisexual. O apareamento ten lugar a finais do verán. A femia garda os ovos pegados ó abdome durante 10-12 meses, ata que se produce a eclosión. As larvas pasan por unha primeira fase natatoria ata que alcanzan un talle duns 3 cm, momento no que pasan a unha vida bentónica,[3] para chegar á madurez ó cabo duns 4 anos, cuns 20 cm de lonxitude. Durante o desenvolvemento sofre numerosas mudas da casca, varias ó ano ó principio, que se van reducindo a unha cada dous anos, cando adultas.

Aliméntase de noite, a base de moluscos, vermes e peixes mortos.

Vive en augas pouco profundas, entre fondos rochosos de 2 a 40 m de profundidade. Atópase no Atlántico oriental, desde a altura do norte de Noruega ata os Azores e Marrocos. Tamén está presente no Mediterráneo, ata o Mar Negro.

Captúrase con nasas especiais, engadadas con peixes ou crustáceos mortos. Ocasionalmente tamén vén enleado nos trasmallos e raeiras. As capturas en Galicia mostran nos últimos anos un crecemento constante, desde os 9.950 kg en 2015 ata alcanzar os 31.206 en 2024.[4]

O talle mínimo autorizado en Galicia é de 87 mm de lonxitude do cefalotórax.[5]

Adoita comercializarse en fresco, vivo, pero tamén pode atoparse conxelado. Boa parte dos exemplares que se poñen á venda nos nosos mercados ou que se serven nos restaurantes galegos proceden do Reino Unido.

Consómese cocido e con diversas salsas, e tamén simplemente á prancha. Desde hai anos estase estendendo o "arroz con lumbrigante", prato que parece ser orixinal das illas Baleares. Dise que a femia é máis carnosa que o macho.

Denominacións antigas

[editar | editar a fonte]
  • Cancer gamarus (Linne, 1758)
  • Astacus marinus (Fabricius, 1798)
  • Homarus vulgaris (H. Milne Edwards, 1837)

Sinonimia

[editar | editar a fonte]

Nos distintos portos galegos recibe tamén os seguintes nomes:

  • bugre.
  • cereixo (por similitude con certas cereixas de cor vinoso, escuro).
  • labagante, lobagante, lombrigante, lubigante, lubrigante.
  • lagosta francesa (segundo Cornide e o padre Crespo. O adxectivo francés utilízase moito para designar variedades foráneas, de inferior calidade).[6]

Antón Santamarina supón que a denominación castelá bogavante é unha deformación popular de lobagante (por cruzamento de bogar e avante).

  • castelán: bogavante.
  • catalán: llamàntol.
  • vasco: abakandoa.
  • Santander: lubricante, ollocántaro, abacanto.
  • Asturias: llocántaro.
  • Baleares: grimalt, llomanto.
  • inglés: lobster, common lobster, European lobster.
  • francés: homard breton (o europeo); homard américain (o canadense).
  • portugués: lavagante.
  • italiano: astice.
  • alemán: Hummer.

Especies semellantes

[editar | editar a fonte]
Lagosta americana.

No mercado pode atoparse outra especie semellante, o lumbrigante americano (Homarus americanus), máis comunmente denominado canadense, máis grande e de cor máis avermellada. Os gastrónomos aseguran que a súa carne é menos fina e saborosa cá da especie europea.

Estes lumbrigantes canadenses poden alcanzar talles enormes: segundo o Libro Guinness dos Récords, o exemplar máis grande foi capturado en Nova Escocia (Canadá), cun peso de 20,14 kg.

Ás veces podemos atopar textos que describen esta especie baixo a denominación castelá de lagosta (ou lagosta americana). A razón da confusión pode deberse a unha tradución pouco rigorosa do inglés americano, lingua na que o lumbrigante se denomina lobster, palabra que os dicionarios traducen directamente por lagosta.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lumbrigante.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cereixo.
  3. Chámanse bentónicos os organismos que habitan no fondo dos ecosistemas acuáticos como ríos, lagos ou no leito mariño.
  4. "Pesca de Galicia Lumbrigante LBE". Consultado o 20.11.2025.
  5. Regulamento (UE) 2019/1241 do Parlamento Europeo e do Consello, de 20 de xuño de 2019, sobre a conservación dos recursos pesqueos e a protección dos ecosistemas mariños con medidas técnicas... (DO L 198 de 25.07.2019). O regulamento establece nos anexos V, VI e VII as medidas mínimas de peixes, crustáceos e moluscos, entre eles lagostas e lumbrigantes. Aínda que a norma foi modificada numerosas veces trata súa publicación, mantéñense vixentes as medidas das especies que nos interesan.
  6. Tamén se utiliza o adxectivo francés para distinguir outros alimentos peores que o estándar, como é o caso do solombo francés (en castelán, pez).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Ríos Panisse, M. del Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces), Verba. Anuario Galego de Filoloxía, anexo 7. Universidade de Santiago de Compostela, 1977, 31-34.
  • Guía do consumidor de peixe fresco, Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, 1999, 179.
  • Pescados y mariscos. Guía práctica Conbsumer Eroski 2005, 274.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]