Esquerda Unida
Esquerda Unida | |
---|---|
Tipo | organización política |
Ideoloxía | socialismo, galeguismo, feminismo, Republicanismo, federalismo e comunismo |
Data de fundación | 1986 |
Presidente/a | Eva Solla (-) |
Nº de membros | 1.200 (2014) |
País | España |
Na rede | |
http://www.esquerdaunida.org/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Esquerda Unida é unha forza política que constitúe a federación galega de Izquierda Unida.
Historia
[editar | editar a fonte]Formada no ano 1986, á calor das mobilizacións contra a OTAN, como coalición electoral formada polo PCG, PASOC, IR, PCPG e independentes. Transfórmase no ano 1989 en movemento político e social. O seu primeiro Coordinador Xeral foi Anxo Guerreiro.
No ano 1995 prodúcese a incorporación de Esquerda Galega, antigo PSG-EG con quen formaran coalición nas eleccións Xerais e autonómicas de 1993. Nese ano, acada os seus mellores resultados electorais nas eleccións municipais, cabendo subliñar a obtención de tres concelleiros nas cidades de Lugo e Ferrol.
En 1997 unha parte da organización encabezada polo Coordinador Xeral, Anxo Guerreiro (apoiado dende Madrid polo PDNI), contra a decisión adoptada na conferencia nacional, decide coligarse co PSdeG-PSOE nas eleccións autonómicas. Un grupo da organización encabezados polo concelleiro lugués Carlos Dafonte e o Secretario Xeral do PCG Manuel Peña-Rey celebran unha asemblea na que deciden manter a relación con IU federal e concorrer ás eleccións autonómicas como Izquierda Unida (a xunta electoral impediu o uso do nome Esquerda Unida), elixindo a Manuel Peña-Rey coma Coordinador Xeral.
Posteriormente, o grupo que decidiu participar co PSdeG-PSOE, transformaríase en Esquerda de Galicia e os tribunais concederíanlle á federación galega de IU o uso do nome Esquerda Unida.
Hoxe en día, Esquerda de Galicia xa non existe e estase a producir a reintegración de moitos membros de dita organización en EU-IU.
Na Asemblea Nacional de 2000 foi elixido Coordinador Xeral Carlos Dafonte, Secretario Xeral do PCG, que dimitiu no ano 2001.
Na Asemblea Nacional da organización no 2003, foi elixida coordinadora nacional de EU-IU a concelleira en Mugardos Pilar Díaz, que logo dun ano presentou a súa dimisión, forzada pola falta de apoio de quen a acompañaron na súa candidatura.
Tralo cal, fíxose cargo da organización unha comisión xestora, encargada de levar a organización a unha nova asemblea de conxuntura que tivo lugar no 2005 e no que foi elixida coordinadora nacional a concelleiro ferrolá Yolanda Díaz.
Nas eleccións xerais de 2004 tivo 31.908 votos (1'74%).
Nas eleccións autonómicas do 2005 a candidatura encabezada por Yolanda Díaz, acadou uns 12.000 votos (0.8%), consolidándose como 4 forza política de Galiza.
Eleccións municipais
[editar | editar a fonte]Nas eleccións municipais do 1987, obtivo 14 concelleiros, deles 1 en Vilagarcia e 4 no Grove.
Nas eleccións municipais do 1991, obtivo 18 concelleiros.
Nas eleccións municipais do 1995, obtivo 30 concelleiros en coalición con Esquerda Galega.
Nas eleccións municipais do 1999, obtivo 7 concelleiros, 2 en Fene, 2 A Guarda, 2 Neda, 1 Mugardos.
Nas eleccións municipais do 2003, obtivo 11 concelleiros, 2 en Ferrol, 2 O Grove, 2 Neda, 1 Vilagarcía de Arousa, 1 Fene, 1 Mugardos, 2 mais na provincia de Pontevedra e 1 na provincia de Lugo.
Nas eleccións municipais do 2007, obtivo 14 concelleiros, 4 en Ferrol, 3 Vilagarcía de Arousa, 1 O Grove, 1 en Fene, 1 en Mugardos,1 en Neda. 2 mais na provincia da Coruña e 1 na provincia de Lugo, con grandes subas en Ferrol e Vilagarcía. En Ferrol formou goberno co PSOE, porén en Vilagarcía non tiveron éxito as negociacións con PSOE e BNG, así que deixando a estes dous partidos nun goberno en minoría, Esquerda Unida decidiu quedar na oposición. En O Grove participa na coalición de goberno xunto ao PSOE, BNG e Partido Galeguista
Nas eleccións municipais do 2011, obtivo 14 concelleiros, deles 11 na provincia da Coruña e 3 na de Pontevedra. Por cidades 2 en Ferrol, e 1 na Coruña.
Eleccións municipais de 2015 en Galicia
[editar | editar a fonte]Nas eleccións municipais do ano 2015, Esquerda Unida apostou por apoiar candidaturas cidadás de confluencia[1] en varios concellos, participando militantes de Esquerda Unida nas listas de Marea Atlántica[2] na Coruña, Compostela Aberta[3] en Santiago de Compostela, Marea de Vigo[4], Ferrol en Común[5], Ourense en Común[6], Alternativa Cidadá de Esquerdas[7] en Lugo e Marea Pontevedra[8] nas grandes cidades galegas, así como en listas de confluencia noutras vilas pequenas.
Así mesmo, promoveu xunto con Anova o partido político instrumental SON[9] coa finalidade de poder acadar algún deputado provincial. As candidaturas adscritas a esta coalición levaron a palabra SON no seu nome.
Tras as eleccións as candidaturas que levaban no nome as siglas de Esquerda Unida acadaron 15 concelleiros, 5 na provincia da Coruña (3 en Mugardos, 1 en Fene, 1 en Narón), 1 en Lugo e 9 na provincia de Pontevedra (3 en Vilagarcía de Arousa, 2 en Baiona, 2 no Grove, 1 no Porriño e 1 en Ponteareas). Mais o número real de concelleiros de Esquerda Unida acadados nos concellos galegos é maior pois a estes 15 hai que sumar os concelleiros elixidos noutras candidaturas de confluencia, entre os que destacan os alcaldes Jorge Suárez Fernández en Ferrol e Xosé Manuel Pazos Varela en Cangas.
Coordinadores xerais
[editar | editar a fonte]- Anxo Guerreiro (1986–1997)
- Manuel Peña-Rey (1997–2000)
- Carlos Dafonte (2000–2002)
- Pilar Díaz (2003–2004)
- Comisión xestora (2004–2005)
- Yolanda Díaz (2005–2017)
- Eva Solla (2017-)
Notas
[editar | editar a fonte]- Referencias
- ↑ Yolanda Díaz, vicevoceira de AGE e coordinadora xeral de Esquerda Unida Arquivado 27 de agosto de 2017 en Wayback Machine. www.crtvg.es, 23/11/2014
- ↑ Cidadanía en Común logra el segundo y tercer puesto de la lista de la Marea Atlántica www.laopinioncoruna.es, 09/03/2015 (en castelán).
- ↑ "Nove dos dez primeiros candidatos de Compostela Aberta son afíns a Noriega" La Voz de Galicia, 24/03/2015.
- ↑ Rubén Pérez (IU), único candidato a alcaldábel na Marea de Vigo Arquivado 29 de setembro de 2015 en Wayback Machine. Sermos Galiza, 06/03/2015.
- ↑ "Ferrol en Común presenta unha lista «potente» e «cohesionada»" Arquivado 11 de marzo de 2016 en Wayback Machine. La Voz de Galicia, 09/04/2015.
- ↑ "Podemos e Esquerda Unida escenifican o seu apoio á «marea»" La Voz de Galicia, 21/05/2015.
- ↑ EU intégrase na Alternativa Cidadá de Esquerdas para as municipais en Lugo praza.gal, 20/03/2015.
- ↑ "La anormal normalidad de las elecciones en Pontevedra" El Ideal Gallego, 16/05/2015
- ↑ Case noventa concellos contarán con candidaturas cidadás ou de confluencia. praza.gal, 22/04/2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina web de Esquerda Unida
- Páxina web do PCGArquivado 24 de outubro de 2018 en Wayback Machine.