Escudo de Dinamarca
O escudo de Dinamarca está formado por un campo de ouro sementado de nove corazóns de goles con tres leóns pasantes colocados en pau de azur, linguados de goles, uñados e armados, do mesmo esmalte; e coroados de ouro.
O escudo aparece timbrado cunha coroa real danesa, pechada, que é un círculo de ouro engastado de pedras preciosas, decorado nos seus bordos superior e inferior por perlas, composto de oito floróns, visibles cinco, interpoladas de perlas e dos que parten senllos diademas sumados de perlas, que converxen nun orbe de azur, co semimeridiano e o ecuador de ouro e decorados con perlas, sumado de cruz de ouro e de prata. A coroa aparece forrada de goles.
Este deseño do escudo, usado como escudo nacional, é unha simplificación do escudo de armas dos monarcas daneses que ten a súa orixe no brasón utilizado polo rei Valdemar II (1219-1346).
Escudo de armas do monarca danés
[editar | editar a fonte]O escudo de armas do monarca danés está acuartelado pola Cruz de Dannebrog que é de prata bordeada de goles (vermello).
- No primeiro e cuarto cuartel, o brasón de Dinamarca.
- No segundo, de ouro, dous leóns pasantes de azur que é o escudo de Schleswig ou Xutlandia do Sur.
- No terceiro de azur (azul), partido e cunha barra do mesmo esmalte (cor) situada no xefe (parte superior) na que figuran tres coroas abertas de ouro e compostas por catro floróns (visibles tres) colocas dous e unha que representa á desaparecida Unión de Kalmar; na partición esquerda, un carneiro pasante de prata armado de ouro que é o brasón das Illas Feroe e na partición dereita, un oso polar rampante de prata que é o escudo de Groenlandia.
Sobre o todo, un escusón composto por cinco franxas colocadas en faixa de ouro e de goles, alternadas, que é o brasón de Odelburgo.
O escudo está rodeado polos colares das ordes de Dannebrog e do Elefante cuxos maestrazgos ostenta o monarca danés. Sosteñen o escudo as figuras de dous salvaxes que simbolizan da forza do monarca. O escudo e as figuras dos salvaxes á súa vez están colocados sobre un manto real de púrpura, gornecido de ouro e forrado de armiño, alzado con cordas de ouro que terminan en borlas do mesmo metal. Sobre o manto descansa a coroa real danesa.
As armas do monarca danés foron modificadas ao comezo do reinado de Margarida II, o 16 de novembro de 1972, cando se retiraron do mesmo algúns brasóns. No cuarto cuartel (agora ocupado polo brasón de Dinamarca) e que até entón foi cortado (dividido en dous partes horizontais) figurou, situado na partición superior, o campo alusivo ao título de "Rei dos godos": nun campo de ouro, un león pasante de azur sobre nove corazóns de goles colocados catro, tres e dous. Na partición inferior estaba colocado o escudo asociado ao título de "Rei dos vendos": nun campo de goles, unha figura de dragón ou sierpe pasante de ouro. Até 1972 no escusón, agora reservado exclusivamente ao brasón de Odelburgo, tamén figuraron os pertencientes a Holstein, Stormarn, Dithmarschen, Lauenburg e Delmenhorst.
Outros membros da Familia Real
[editar | editar a fonte]-
Escudo de Armas do Príncipe Federico semellante ao Escudo de armas Real excepto a coroa, pechada por catro diademas (tres á vista) en vez de oito, e o manto púrpura.
-
Escudo de Armas do Príncipe Xoaquín semellante ao Escudo de armas Real excepto o escusón, dividido en dúas particións: na partición dereita o brasón de Odelburgo e na partición esquerda o brasón de Laborde de Monpezat. A coroa é a que ostenta o título de Príncipe de Dinamarca.