Escudo de Estonia
No escudo de armas de Estonia , figuran, nun campo de ouro, tres leóns pasantes de azur (azul), linguados de goles, unllados e armados de sable. O escudo na súa versión grande aparece rodeado por dúas polas de aciñeira de ouro con landras do mesmo metal.
Este escudo de armas xa foi usado oficialmente por Estonia cando se declarou independente en 1918 e foi adoptado oficialmente pola Asemblea Nacional, Riigikogu, o 19 de xuño de 1925 manténdose vixente ata a ocupación de Estonia pola Unión Soviética en 1940. O 7 de agosto de 1990 Estonia obtivo a súa independencia, o escudo de armas aparece regulado na Lei do Escudo de Armas do Estado de 6 de abril de 1993.
Os leóns heráldicos que aparecen nas armas de Estonia remóntanse ao século XIII, teñen a súa orixe no brasón do rei Valdemar II de Dinamarca que o foi tamén do norte de Estonia, razón pola cal no escudo de Dinamarca tamén figuran tres leopardos de azur, pero, a diferenza de Estonia, está sementado de corazóns de goles. Os elementos do escudo de Estonia tamén figuraron nas armas grandes de Tallinn e figuraron no brasón de diversos gobernantes de Estonia ao longo da historia.