Erich Fromm

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Erich Fromm
Erich Fromm.jpg
Erich Fromm
Nacemento 23 de marzo de 1900
Lugar Frankfurt
Falecemento 18 de marzo de 1980
Lugar Locarno
Nacionalidade Alemaña
Etnia Alemáns
Alma máter Universidade de Nova York, Universidade de Frankfurt e Universidade de Heidelberg
Ocupación psicólogo, filósofo, catedrático de universidade, escritor de non ficción e sociólogo
Premios Humanist of the Year, Nelly Sachs Prize e Goethe Plaque of the City of Frankfurt
editar datos en Wikidata ]

Erich Fromm, nado en Frankfurt o 23 de marzo de 1900 e finado en Muralto (Tesino) o 18 de marzo de 1980, foi un destacado psicólogo, psicanalista e humanista alemán.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Frankfurt (Alemaña). O seu pai era un home de negocios e, segundo Erich, máis ben colérico e con bastantes cambios de humor. A súa nai estaba deprimida frecuentemente. Noutras palabras: a súa infancia non foi moi feliz.

Fromm proviña dunha familia moi relixiosa de xudeus ortodoxos, e definiuse a si mesmo como un "místico ateo". Na súa autobiografía fala de dous acontecementos ocorridos na súa adolescencia temperá que o conduciron a este camiño. O primeiro ten que ver cun amigo da familia, e o segundo foi máis forte: a primeira guerra mundial. Estes feitos fixeron que quixera comprender algo irracional, e atopou algunhas respostas nos escritos de Marx.

Recibiu o seu doutoramento en Heidelberg no 1922 e comezou a súa carreira como psicoterapeuta. Marchou aos EEUU no 1934, establecéndose na cidade de Nova York, onde coñecería a moitos dos grandes pensadores refuxiados alí, incluíndo a Karen Horney, coa que tivo un romance.

Cara a fin da súa carreira, mudouse á cidade de México para dedicarse ao ensino. Xa fixera un considerábel traballo de investigación sobre as relacións entre a clase económica e os tipos de personalidade de alí. Morreu en Suíza no 1980.

Pensamento[editar | editar a fonte]

A teoría de Fromm é máis ben unha combinación de Freud e Marx. Por suposto, Freud destacou sobre o inconsciente, os impulsos biolóxicos, a represión e demais. Fromm engadiu a estes dous sistemas deterministas algo bastante estraño a eles: a idea de liberdade.

Son particularmente importantes dous libros para coñecer o pensamento do sabio alemán, o primeiro é O medo á liberdade e o segundo O corazón do home. Neles maniféstase en desacordo coa súa pertenza a unha nova "escola" de psicanálise, para rematar dicindo que propón unha estrutura filosófica de referencia distinta, a do "Humanismo dialéctico".

Fromm di no prefacio de O corazón do home que O medo á liberdade foi froito da súa experiencia clínica e da especulación teórica para entender tanto á liberdade como á agresión e o instinto destrutor. O pensador distingue entre a agresión ao servizo da vida, biofilia, e a necrofilia ou agresión ao servizo da morte.

Nun libro publicado con anterioridade, A arte de amar, Fromm analizou a capacidade de amar e, pola contra, O corazón do home ten como fundamento a caracterización e enunciación de dous síndromes, o de crecemento (amor á vida, á independencia e á superación do narcisismo) e o de decadencia (amor á morte, á simbiose incestuosa e ao narcisismo maligno).

Para Fromm, a guerra fría é o reflexo da Síndrome de Decadencia. O que o impulsa a pensar isto é o feito de que, a pesar do enorme risco de morte, segue presente e imponse entre os gobernos das superpotencias o odio, inspirado no narcisismo maligno, suicida,...

O autor móstrase interesado na afirmación de Hobbes de que "o home é un lobo para o home". Pero, ao mesmo tempo, destaca a inclinación dos homes cara ao autosacrificio. Respecto desta condición dual, formúlase a pregunta de se o home é lobo ou cordeiro de si mesmo. Na procura dunha resposta recorreu ao Novo Testamento, concluíndo finalmente en que este libro reflicte ambas condicións. Isto lévao á conclusión de que o home é lobo e cordeiro á vez.

Porén, non todos os homes desenvolveron ambas as condicións; na inmensa maioría predomina o cordeiro, e unha minoría está dominada polo lobo.

A síntese concreta á que chega Fromm é que o que move ao home a destruír e a odiar é o feito do goce que lles provoca facelo.

Contrapoñéndose a isto atópase o Síndrome de Crecemento; o amor á vida (en oposición ao amor á morte), o amor ao home (oposto ao narcisismo) e o amor á independencia (como oposición á fixación simbiótico-incestuosa).

Outro punto importante do autor é que animaba a transcender os determinismos que Freud e Marx lles atribuían. De feito, Fromm fai da liberdade a característica central da natureza humana.

Segundo Fromm, existen exemplos onde o determinismo opera en exclusividade. Un exemplo de determinismo case puro sería o da bioloxía animal. Un bo exemplo de determinismo socio-económico é a sociedade tradicional da Idade Media. Na actualidade, miramos a vida da Idade Media ou vemos a vida coma un animal e só nos encollemos do medo. Pero a verdade é que a falta de liberdade representada polo determinismo social ou biolóxico é fácil: a túa vida ten unha estrutura, un significado; non hai dúbidas, non hai motivo para a busca dunha alma; simplemente nos adaptamos e nunca sufrimos unha crise de identidade.

Historicamente falando, esta simple pero dura vida comeza a perfilarse xa no Renacemento; onde as persoas comezan a considerar á humanidade como o centro do universo, en vez de Deus. Deste xeito, e tras case 500 anos, a idea do individuo, con pensamentos, sentimentos, consciencia moral, liberdade e responsabilidade individuais, estableceuse. Pero xunto á individualidade veu o illamento, a alienación e a perplexidade. A liberdade é algo difícil de lograr e cando a temos inclinámonos a fuxir dela.

Fromm describe tres vías a través das que escapamos da liberdade:

  • Autoritarismo: Buscamos evitar a liberdade ao fusionarnos con outros, volvéndonos parte dun sistema autoritario como na sociedade da Idade Media. Hai dous xeitos de acercarse a esta postura: someténdose ao poder dos outros, volvéndose pasivo e compracente; ou converténdoos un mesmo en autoritario. Fromm refírese á versión máis extrema do autoritarismo como masoquismo e sadismo, e sinálanos que ambos se senten compelidos a asumir o rol de forma individual; de xeito que, aínda que o sádico con todo o seu aparente poder sobre o masoquista, non é libre de escoller as súas accións.
  • Destrutividade: os autoritarios viven unha dolorosa existencia, en certo sentido, eliminándose a si mesmos. Fromm engade que se o desexo de destrución dunha persoa se ve bloqueado, entón pódeo redirixir cara dentro de si mesmo. O xeito máis obvio de auto destrutividade é o suicidio.
  • Conformidade autómata: os autoritarios escapan da súa propia persecución a través dunha xerarquía autoritaria. Pero a nosa sociedade resalta a igualdade. Hai menos xerarquía na que esconderse do que parece. A persoa que usa a conformidade autómata é coma un camaleón social: asume a cor do seu ambiente. Xa que se ve como o resto dos demais, xa non se ten que sentir so. Dende logo non estará so, pero tampouco será el mesmo. O conformista autómata experimenta unha división entre os sentimentos xenuínos e os disfraces que lle presenta ao mundo, moi similar á liña teórica de Horney. De feito, dado que a "verdadeira natureza" da humanidade é a liberdade, calquera destes escapes da mesma nos aliena de nós mesmos.

Obra[editar | editar a fonte]

  • ¿Poderá sobrevivir o home?
  • Do ter ao ser.
  • O amor á vida.
  • A arte de amar.
  • A arte de escoitar.
  • O dogma de cristo.
  • O humanismo como utopía real.
  • The Fear of Freedom (O medo á liberdade).
  • Espírito e sociedade.
  • Ética e política.
  • A atracción da vida.
  • A condición humana actual.
  • A crise da psicanálise.
  • A patoloxía da normalidade.
  • O inconsciente social.
  • Sobre a desobediencia.
  • You Shall Be as Gods (Seredes como deuses).
  • Anatomía da destrutividade humana.
  • Budismo zen e psicanálise.
  • O corazón do home: a súa potencia para o ben e para o mal .
  • Ética e psicanálise.
  • Grandeza e limitacións do pensamento de Freud.
  • A misión de Sigmund Freud: a súa personalidade e influencia.
  • A revolución da esperanza: cara unha tecnoloxía humanizada.
  • A sociedade industrial contemporánea.
  • Marx e o seu concepto do home.
  • Psicanálise da sociedade contemporánea: cara unha sociedade san.
  • Sociopsicanálise do campesiño mexicano: estudo da economía e a psicoloxía dunha comunidade rural.
  • A linguaxe esquecida.
  • Psicanálise e Relixión.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]