Denel Rooivalk

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Denel Rooivalk
Tipohelicóptero de ataque
FabricanteDenel Aviation
Primeiro voo11 de febreiro de 1990
Introducido1 de abril de 2011
Produción1990-2007
Unidades construídas12

O Denel Rooivalk (anterormente designado AH-2 e CSH-2) é un helicóptero de ataque fabricado po Denel Aviation de Suráfrica. Rooivalk é "lagarteiro vermello" en afrikaans.[1] Atlas Aircraft Corporation comezou a desenvolver o tipo en 1984, e o seu desenvolvemento está moi relacionado co do helicóptero de transporte Atlas Oryx, xa que os dous están baseados no Aérospatiale SA 330 Puma e os seus traballos de deseño comezaron na mesma época.

O desenvolvemento do Rooivalk prolongouse debido ao impacto dos presupostos limitados durante os anos 90 e ao desexo de producir un helicóptero de ataque moi avanzado. A Forza Aérea de Suráfrica (SAAF) ordenou 12 Rooivalk, designados Rooivalk Mk 1, o primeiro foi oficialmente entregado en abril de 2011.[2] O helicópteros son operados polo 16 escuadrón, baseados en Bloemspruit, preto de Bloemfontein.

Desenvolvemeto[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

O proxecto Rooivalk comezou a principios de 1984 baixo o auspicio de Atlas Aircraft Corporation, a predecesora de Denel Aviation.[3] Fronte a natureza cada vez máis convencional da guerra da fronteira de Suráfrica, as Forzas de Defensa de Suráfrica recoñeceron a necesidade dun helicóptero de ataque dedicado e así comezou o proceso de desenvolvemento dun aparello axeitado. En concreto, o aparello era para escoltar helicópteros de transporte de tropas, realizar misións de ataque contra posicións antiaéreas, e contrarrestar a presenza crecente de carros de combate soviéticos; no último rol estaría equipado con mísiles anti-carro.[3] Nesa época Suráfrica estaba baixo un embargo de armas aprobado pola Resolución 418 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas debido á súa política do Apartheid, que impedía que se importasen helicópteros de combate estranxeiros.[4]

Desenvolver un helicóptero completamente novo a partir de cero involucraría o deseño e desenvolvemento de moitos subsistemas e compoñentes, como os motores turboeixo e os sistemas dinámicos.[3] Debido á gran dificultade plantexada polas perspectivas do deseño e fabricación dun helicóptero totalmente novo, que aumentaría substancialmente os custos e tempos do proxecto, decidiuse basear o helicóptero de ataque nun deseño existente. Nesa época a SAAF operaba dous tipos de helicópteros principais: o Aérospatiale Alouette III e o Aérospatiale SA 330 Puma.[3] O Alouette III era un pequeno aparello aparecido nos anos 60; debido á idade do deseño e a unha falta de pontencia non foi considerado como un bo candidato para seguir traballando con el.[3]

O Puma era substancialmente máis grande e estaba equipado con motores moito máis potentes; ámbolos dous factores proporcionaban unha base máis ampla para acomodar equipamento adicional e para un potencial crecemento. Outro factor clave para a súa selección foi o desenvolvemento paralelo dun modelo local e mellorado do Puma en Suráfrica, coñecido como o Atlas Oryx. O Oryx posuía unha maior relación potencia-peso e tiña un mellor rendemento en altas temperaturas; o desenvolvemento do Oryx foi moito máis rápido que o do Rooivalk ao ser un programa máis sinxelo. Discutíronse outras fontes potenciais, como o uso de elementos de propulsión do Aérospatiale SA 365 Dauphin; especulouse que a adopción deses compoñentes producirían un helicóptero máis pequeno e potencialmente máis económico.

Finalmente, decidiuse adoptar tanto o motor como os sistemas dinámicos do Oryx, que ten semellanzas significativas co Puma e o Aérospatiale AS332 Super Puma, como base para o helicóptero de ataque planeado; ao ter elementos comúns cos sistemas do Oryx simplificaría a loxística e reduciría os custos de mantemento.[3][5] Isto significaba que o helicóptero de ataque tería unha célula significativamente grande, dándolle un alcance longo e a capacidade de levar máis sensores e armas. Durante os anos 80 os orzamentos de defensa en Suráfrica eran relativamente xenerosos en comparación coas últimas décadas, así Denel intentou crear un aparello que estivese entre os mellores helicópteros de ataque do mundo.[3] O helicóptero, bautizado como Rooivalk, foi concibido como unha arma áxil e altamente sofisticada especialmente adaptada á ameazas do teatro angolano e contra vehículos como o carro de combate T-55.[6]

O Atlas XH-1 Alpha foi o primeiro prototipo en xurdir do programa.[3] Foi desenvolvido a partir da célula dun Alouette III, mantendo o seu motor e compoñentes dinámicos; entre as modificacións estaban a substitución da cabina orixinal por unha en tándem, a adición dun canón de 20 mm no nariz e a coversión do tren de aterraxe nun de triciclo. O 3 de febreiro de 1985 o the XH-1 realizou o seu voo de estrea. Os resultados dos voos de proba do XH-1 foron o suficientemente bos como para convencer a Atlas e á SAAF de que o concepto era viable, abrindo a porta a continuar co desenvolvemento do Rooivalk.

En voo[editar | editar a fonte]

O prototipo voou por vez primeira o 11 de febreiro de 1990, momento no que o programa sufriu un revés considerable. Algunhas das doenzas do programa foron consecuencia da ambición de producir un helicóptero de ataque líder no mundo; mentres un aparello máis sinxelo podería completarse durante os 80, permitíndolle entrar en servizo ao mesmo tempo que o Oryx, o Rooivalk en cambio sufriu un proceso de desenvolvemento moi longo. En 1988 rematou a guerra da fronteira de Suráfrica, o que provocou recortes substanciais no orzamento de defensa. A compra do helicóptero pasou de 36 unidades a só 12, afectando gravemente á economía de escala. Na busca dun sistema de alta gama, o custo do programa en comparación cun helicóptero de ataque máis sinxelo aumentou, aínda que os aumentos nunca superaron os orzamentos asignados entre 1984 e 1990.

Algúns funcionarios da SAAF consideraron que o Rooivalk era unha ameaza directa para os avións de á fixa, principalmente debido á diminución do orzamento de defensa, e solicitaron o fin do proxecto. O Exército de Suráfrica apoiou amplamente o programa do Rooivalk, en parte debido a que a presenza de helicópteros de ataque surafricanos reduciría a necesidade de obter e manter un gran número de carros de combate. Así o Exército proporcionou financiamento ao programa Rooivalk durante un tempo, axudando a que sobrevivise á estreita restrición orzamentaria. Os atrasos e o aumento dos custos do proxecto foron un obstáculo non só para a súa introdución, senón para a súa viabilidade posterior. En 1998, o ano no que foi entregado o primeiro Rooivalk de produción á SAAF, o prolongado tempo de desenvolvemento fixo que o helicóptero sufrise xa algúns supostos problemas de obsolescencia; era un aparello aerodinamicamente sólido, pero a súa aviónica, aínda que avanzada para os anos 80, estaba relativamente desfasada, o que prexudicou á exportación do modelo.

O tema do soporte para o helicóptero foi outro dos factores decisivos nas futuras vendas ao exterior. Máis aló das dúbidas sobre o futuro a longo prazo de Denel e, polo tanto, da súa capacidade de proporcionar o necesario soporte de fabricante para operar o modelo, o Rooivalk depende en gran medida de tecnoloxía francesa, no presente pertencente a Airbus Helicopters; debido a que o Rooivalk é un rival do Eurocopter Tiger, a firma supostamente advertiu aos compradores que o soporte necesario para os sistemas dinámicos do aparello podía non estar dispoñible. Tamén se atribuíron factores políticos como un obstaculo importante á súa exportación, como supostas presións exercidas polo goberno dos Estados Unidos para persuadir a compradores estranxeiros para que seleccionases o Boeing AH-64 Apache no seu lugar.

Investigáronse varias oportunidades de exportación, como Malaisia, Reino Unido e Turquía, porén no ano 2013 aínda non se conseguira ningunha venda. O desenvolvemento do Rooivalk tivo un efecto positivo nas industrias surafricanas de aviación e alta tecnoloxía, leevando á creación de firmas como Aerosud e Advanced Technologies and Engineering (ATE). Amirmouse que o impacto industrial do programa Rooivalk permitiu a empresas surafricanas de defensa participar noutros proxectos, como o Saab JAS 39 Gripen, o BAE Systems Hawk, o AgustaWestland AW109 e o Airbus A400M Atlas.[4]

Desenvolvemento posterior[editar | editar a fonte]

En 2016 Denel continuou cun programa de actualización Mk 1.1 para a frota de Rooivalk existente; as futuras melloras incluían a adición dun sistema de alerta de aproximación de mísiles e melloras na aviónica do helicóptero.[7] O 15 de setembro dese ano anunciouse que Airbus Helicopters e Denel asinaran un memorándum de entendemento para cooperar no programa de modernización da SAAF; outros cambios serían melloras na fiabilidade e supervivencia, unha maior carga, e a substitución dos obsoletos sistemas de apuntado e armamento.[8][9]

Servizo operacional[editar | editar a fonte]

En abril de 2005 só seis dos 12 aparellos estaban dispoñibles para probas operacionais e avaliación necesitando o resto unha actualización de software. O xefe da Forza Aérea de Suráfrica, o tenente xeneral Carlo Gagiano, agardaba que os helicópteros estivesen listos ao redor de xuño de 2007, indicando o "factor de tempo extremadamente preocupante que o proxecto estaba levando para alcanzar a madurez", atribuíndo os atrasos á marcha de persoal de Denel ademais de problemas financeiros. Isto forzou á SAAF a avaliar a socios alternativos para o desenvolvemento de defensa.

Unha célula tivo danos máis aló da reparación o 3 de agosto de 2005 tras unha aterraxe sen control.[10]

O 17 de maio de 2007, O CEO do grupo Denel Shaun Liebenberg anunciou a decisión de deixar de desenvolver e financiar[11] o Rooivalk como un produto para a exportación tras non gañar o concurso para o helicóptero de ataque turco contra o Agusta A129 Mangusta.

Durante novembro de 2007 o ministro de defensa Mosiuoa Lekota anunciou no Parlamento que a SAAF investira 962 millóns de rands (uns 137 millóns de dólares da época) no helicóptero durante tres anos ata 2010/2011, co obxectivo de que estivese totalmente operativo. Se esperaba que o helicóptero se desplegase en tarefas de mantemento da paz no momento en que se alcanzase a capacidade operativa inicial.[12]

O 1 de abril de 2011 a SAAF recibiu os primeiros cinco de once (un dos doce entregados orixinalmente foi o que se accidentara en 2005) Rooivalk actualizados Block 1F. A actualización implica sistemas de apuntado mellorados e outras aviónicas que permiten ao helicóptero usar mísiles guiados por primeira vez. O mísil guiado anti-carro Mokopa ATGM foi cualificado como parte do proceso de actualización.[13] Melloráronse compoñentes da transmisión e tamén se abordaron os problemas de refrixeración do canón F2 20 mm.[14][15] O noveno e décimo Rooivalk foron entregados en setembro de 2012 tras a súa actualización ao stándar Block 1F.[16] O décimo primeiro e derradeiro helicóptero entregouse o 13 de marzo de 2013.[17]

Tres Rooivalk foron despregados coa Brigada de Intervención da das Nacións Unidas para apoiar á Misión das Nacións Unidas na República Democrática do Congo en 2013.[18]

O 4 de novembro de 2013 dous Rooivalk da Brigada de Intervención da das Nacións Unidas dispararon foguetes FZ 90 70mm FFAR en posicións do Movemento 23 de marzo preto de Chanzu, na República Democrática do Congo.[19]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Frawley, Gerard (2002). The International Directiory of Military Aircraft. Aerospace Publications Pty Ltd. pp. 71. ISBN 1-875671-55-2. 
  2. "SAAF finally takes delivery of fully operational Rooivalk helicopters". Engineering News. Consultado o 26 de outubro de 2018. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 "What went wrong with the Rooivalk?". Engineering News. Consultado o 6 de novembro de 2018. 
  4. 4,0 4,1 "Developing the Rooivalk Mk2 would tick many vital boxes". Business Day. Consultado o 6 de novembro de 2018. 
  5. Dely, Frans (2004). Soaring with Eagles. Avpix Publishing Pty Ltd. ISBN 0-620-32806-1. 
  6. "A brief (brutal) history of the Rooivalk". ENCA. Arquivado dende o orixinal o 07 de novembro de 2018. Consultado o 7 de novembro de 2018. 
  7. "Denel to begin formal talks over relaunching Rooivalk". FlightGlobal. Consultado o 9 de novembro de 2018. 
  8. "Airbus, Denel sign MoU for Rooivalk upgrade". Australian Aviation. Consultado o 9 de novembro de 2018. 
  9. "AAD 2016: Airbus, Denel to cooperate on Rooivalk". Shephard. Consultado o 9 de novembro de 2018. 
  10. Wingrin, Dean. "The South African Air Force". www.saairforce.co.za. Consultado o 2018-11-17. 
  11. "Arms maker to provide defence force with 264 combat vehicles". Business Day. Archived from the original on 21 de setembro de 2007. Consultado o 2018-11-18. 
  12. "ITWeb :More money for Rooivalk". 2007-12-02. Archived from the original on 02 de decembro de 2007. Consultado o 2018-11-19. 
  13. Engelbrecht, Leon. "Denel’s Mokopa PGM ready for market | defenceWeb". www.defenceweb.co.za (en inglés). Consultado o 2018-11-19. 
  14. Engelbrecht, Leon. "SAAF ceremonially receives Rooivalk | defenceWeb". www.defenceweb.co.za (en inglés). Consultado o 2018-11-19. 
  15. Martin, Guy. "First five Rooivalk now in service | defenceWeb". www.defenceweb.co.za (en inglés). Consultado o 2018-11-19. 
  16. "Gripen, Rooivalk Deliveries Bring SAAF up to Strength". Aviation International News (en inglés). Consultado o 2018-11-19. 
  17. "Denel Corporate Press Office | defenceWeb". www.defenceweb.co.za. Consultado o 2018-11-19. 
  18. "Exclusive: Rooivalk is going to DRC | DefenceWeb". 2013-10-12. Archived from the original on 12 de outubro de 2013. Consultado o 2018-11-19. 
  19. "Rooivalk attack helicopters perform well in first combat action against M23". African Defence Review. Consultado o 2018-11-19.