Aérospatiale Alouette III

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Aérospatiale Alouette III
Alouette-iii-boven-berggebied.jpg
Tipohelicóptero lixeiro
FabricanteSud Aviation
Aérospatiale
Primeiro voo28 de febreiro de 1959
Introducido1960
Estadoen servizo
Produción1961 - 1985
Unidades construídasmáis de 2 000

O Aérospatiale Alouette III (designacións da compañía SA 316 e SA 319) é un helicóptero utilitario lixeiro dun só motor desenvolvido pola firma Sud Aviation. Foi fabricado pola francesa Aérospatiale, e baixo licenza por Hindustan Aeronautics Limited na India como o HAL Chetak, por Industria Aeronautică Română (IAR) en Romanía como o IAR 316 e por F+W Emmen en Suíza.

O Alouette III é o sucesor do Alouette II, sendo máis grande e con máis asentos.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

O Alouette III ten a súa orixe cun deseño de helicóptero anterior do fabricante francés Sud-Est, o SE 3120 Alouette, que, aínda que rompeu varios rexistros de velocidade e distancia de helicópteros en xullo de 1953, considerouse demasiado complexo como produto comercial realista.[1]

A primeira versión do Alouette III, o prototipo SE 3160, voou por vez primeira o 28 de febreiro de 1959, pilotado polo aviador francés Jean Boulet.[2] O SA 316A (SE 3160) entrou en produción en 1961 e fabricouse ata 1968, cando foi substituído polo SA 316B. O derradeiro Alouette III, o número 1 437, deixou a liña de montaxe de Marignane no ano 1979, cando pechou a principal liña de produción en Francia. O derradeiro Alouette III de Aérospatiale entregouse en 1985.

Ao redor de 500 unidades foron fabricadas baixo licenza en Romanía, India e Suíza. Hindustan Aeronautics Limited (HAL) obtivo unha licenza para construír o Alouette III co nome de HAL Chetak na India. Ao redor de 300 aparellos foron producidos por HAL que continuou actualizándoo independentemente ao longo dos anos, estando aínda unha versión en fabricación aínda que cuns números reducidos. Tamén se produciron versións baixo licenza ou se montaron aparellos por parte de IAR en Romanía (como o IAR 316), de F+W Emmen en Suíza, e de Fokker e Lichtwerk nos Países Baixos.

Variantes[editar | editar a fonte]

  • SA 316A: primeira versión de produción. A súa designación orixinal era SE 3160.
  • SA 316B: impulsada por un motor turboeixo Turboméca Artouste IIIB de 425 kW, cos rotores reforzados para un mellor rendemento. O SA 316B fabricouse baixo licenza na India como o HAL Chetak, e tamén en Romanía como o IAR 316.
    • HAL Chetak : versión de fabricación india do SA 316B.
    • HAL Chetan: motor HAL/Turbomecca TM 333-2M2 Shakti.
    • IAR 316 : versión de fabricación romanesa do SA 316B.
    • F+W Alouette IIIS : 60 SA-316B montados baixo licenza en Suíza por F+W Emmen entre 1970 e 1974.
  • SA 319B: foi un desenvolvemento directo do SA 316B, equipado cun motor Turbomeca Astazou XIV de 649 kW, que se reduxo a 447 kW.
  • SA 316C: equipado con un motor Turbomeca Artouste IIID. Só se produciron pequenas cantidades do SA 316C.
  • G-Car e K-Car: versións de combate para a Forza Aérea de Rodesia.[3] O G-Car estaba armado con dúas metralladoras Browning .303 nos ladoos ou unha MAG de 7,62mm. O K-Car estaba armado cun canón MG 151 de 20mm, instalado dentro da cabina e que disparaba dende a porta lateral do helicóptero.
  • SA.3164 Alouette-Canon: modificado en 1964 como versión de combate cun canón de 20mm no nariz e soportes externos para mísiles montados a cada lado da fuselaxe. Só se fabricou un prototipo.[4]
  • IAR 317 Airfox: un proxecto de helicóptero de combate romanés baseado no IAR 316. Só se fabricaron tres prototipos.
  • Atlas XH-1 Alpha: proxecto de helicóptero bipraza de ataque surafricano. Foi usado no desnvolvemento do Denel Rooivalk.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "1955: SE3130, alouette helicopter, turbomeca - Eurocopter, an EADS company". 2015-12-22. Consultado o 2018-11-20. 
  2. "Early history: 1920 - 1990". Airbus Helicopters. Consultado o 2018-11-20. 
  3. Wood, J.R.T (2009). Counter-strike From the Sky: The Rhodesian All-arms Fireforce in the War in the Bush 1974–1980. 30° South Publishers. ISBN 1-920143-33-5. 
  4. "SA 3164 "Alouette Canon" - Stingray's List of Rotorcraft". google.com. Consultado o 15 de abril de 2017.