Agusta A129 Mangusta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Agusta A129 Mangusta
Tipohelicóptero de ataque
FabricanteAgusta
AgustaWestland
Leonardo-Finmeccanica
Primeiro voo11 de setembro de 1983[1]
Estadoen servizo
Produción1983 - presente
Unidades construídas60
VariantesTAI/AgustaWestland T129

O Agusta A129 Mangusta é un helicóptero de ataque deseñado e producido orixinalmente pola compañía italiana Agusta. Trátase do primeiro helicóptero de combate deseñado e fabricado totalmente en Europa.[2] Continuou sendo desenvolvido por AgustaWestland, a compañía sucesora de Agusta. O A129 foi despregado en combate en varias ocasións dende que entrou en servizo no exército italiano nos anos 90.

Un derivado do A129, o TAI/AgustaWestland T129 ATAK, foi desenvolvido por Turkish Aerospace Industries en cooperación con AgustaWestland para o exército turco e outros potenciais clientes.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Orixe[editar | editar a fonte]

En 1972 o exército italiano comezou a crear un requirimento para un helicóptero de observación lixeira e anti-carro; na mesma época os militares da Alemaña occidental identificaron unhas necesidades semellantes. Os requirimentos das dúas nacións levaron a un proxecto conxunto que se iniciou entre a compañía italiana Agusta e a alemá MBB; porén, tras realizar os traballos preliminares, a asociación chegou ao seu fin. Agusta estudara inicialmente o desenvolvemento dun derivado orientado ao combate do A109, pero decantouse por un deseño máis ambicioso.[1] En 1978 a compañía comezou formalmente o proceso de deseño do que se convertería no A129.[3]

O 11 de setembro de 1983 o primeiro dos cinco prototipos do A129 fixo o seu voo de estrea; o quinto voaría por vez primeira en marzo de 1986. Nese tempo o exército italiano realizou un pedido dun total de 60 unidades.[1] Segundo a publicación de defensa Jane's Information Group, en 1985 o A129 era considerado un helicóptero de combate comparable ao estadounidense McDonnell Douglas AH-64 Apache, mostrando potencial para o mercado de exportación.[4]

Mercado de exportación[editar | editar a fonte]

Durante os anos 80 Agusta buscou asociarse con Westland Helicopters para desenvolver un helicóptero lixeiro de ataque común. Entre outros posibles participantes na fabricación do proxécto atopábanse Fokker e Construcciones Aeronáuticas SA.[5] En 1986 os gobernos de Italia, Países Baixos, España e o Reino Unido asinaron un memorándum de entendemento para investigar unha versión mellorada do A129, chamada alternativamente Joint European Helicopter Tonal ou Light Attack Helicopter (LAH). Cara 1988 realizáranse estudos de viabilidade de catro opcións distintas para o LAH; examinouse tanto unha configuración monomotor como bimotor usando varias plantas de potencia novas, así como un novo sistema rotor, tren de aterraxe retractable, sensores mellorados e armamento máis potente.[6] Porén, o programa LAH colapsou en 1990 despois de que o Reino Unido e os Países Baixos decidisen retirarse e finalmente facerse co AH-64 Apache no seu lugar.[5]

Agusta procedeu a desenvolver o A129 International, ou A129I, unha versión mellorada do A129 para a exportación. O A129I tiña un rotor principal con cinco pas (os primeiros exemplares empregaban un rotor de catro pas), un par de motores LHTEC T800 (substituíndo aos Rolls-Royce Gem) e unha transmisión mellorada; o A129I tamén tiña armas novas e sistemas de guerra electrónica. En 1998 o exército italiano decidiu actualizar parte dos seus A129 con moitos dos sistemas do A129I. O primeiro dos exemplares actualizados entregouse en 2002.[7][8] En setembro de 2007 o A129I pasou a designarse oficialmente AW129.

Durante o proxecto do exército australiano AIR 87 para buscar un novo helicóptero armado de recoñecemento o Agusta A129 foi un dos tres candidatos elixidos, xunto co AH-64 Apache e o Eurocopter Tiger, entre as seis propostas enviadas. En decembro de 2001 Australia anunciou que o helicóptero escollido era o Eurocopter Tiger.[9]

Dende os anos 90 Turquía estaba buscando un subtituto para os seus Bell AH-1 Cobra e Bell AH-1 SuperCobra. Tras un prolongado proceso de selección, en setembro de 2007 fíxose un pedido de 51 helicópteros TAI/AgustaWestland T129 ATAK, unha variante do A129 International. Como parte do acordo con AgustaWestland, a firma de defensa turca TAI mercou os dereitos para a futura fabricación do T129; TAI pretende fabricar o modelo a clientes de exportación. Varios compoñentes e sistemas de aviónica van substituírse por sistemas producidos en Turquía cando se desenvolvan.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 David Donald, ed. The complete encyclopedia of world aircraft. Nova York. ISBN 0-7607-0592-5. OCLC 37976989. 
  2. Crawford 2003, p. 18
  3. Frawley, Gerard. (2002). The international directory of military aircraft 2002/03 (Rev. 4th ed ed.). Fishwick, ACT: Aerospace Publications. ISBN 1-875671-55-2. OCLC 49889336. 
  4. Taylor 1985, p. 86
  5. 5,0 5,1 Brzoska 1992, p. 26
  6. "LAH cost options defined." Flight International, 24 de setembro de 1988. p. 2
  7. "Italian army receives upgraded Mangusta attack helicopters." Flight International, 11 de novembro de 2002.
  8. 8,0 8,1 "Turkey Finally Lands Its Attack Helicopters". Defense Industry Daily. Consultado o 2020-12-04. 
  9. "Defence Materiel Organisation". web.archive.org. 2011-06-08. Archived from the original on 08 de xuño de 2011. Consultado o 2020-12-04. 

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Brzoska, Michael. Restructuring of Arms Production in Western Europe. Oxford University Press, 1992. ISBN 0-19829-147-7.
  • Crawford, Stephen. Twenty First Century Military Helicopters: Today's Fighting Gunships. Zenith Imprint, 2003. ISBN 0-76031-504-3.
  • Frédriksen, John C. International Warbirds: An Illustrated Guide to World Military Aircraft, 1914-2000. Santa Barbara, California: ABC-CLIO, 2001. ISBN 1-57607-364-5.
  • Taylor, Michael. Jane's Aviation Review. Jane's, 1985. ISBN 0-7106-0333-9