Dólar de Trinidad e Tobago

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Dólar de Trinidad e Tobago
Trinidad and Tobago dollar (inglés)
1 Trinidad and Tobago Cent.jpgDollar 2012 $50 Comm Front.jpg
Código:TTD
Ámbito:Flag of Trinidad and Tobago.svg Trinidad e Tobago
Símbolo:$ e TT$.
Fracción:100 cents.
Moedas:5, 10, 25 e 50 cents.
1 dólar.
Billetes:1, 5, 10, 20, 50 e 100 dólares.
Emisor:Central Bank of Trinidad and Tobago.
Taxa de troco:
5-01-2021
1 EUR = 8,32 TTD
1 USD = 6,78 TTD[1]
Troco actual

O dólar de Trinidad e Tobago (código ISO 4217 TTD) é a unidade monetaria oficial do Estado caribeño de Trinidad e Tobago, subdividida en 100 cents. O seu símbolo monetario é $ e, asemade, TT$, para o distinguir doutras moedas de denominación semellante.

O actual dólar de Trinidad e Tobago instituíuse en 1964, dous anos despois da independencia do país, e ten os seus antecedentes nos extintos dólar de Trinidad e dólar de Tobago.

En xaneiro de 2021, o tipo de cambio con respecto ao euro era 1 EUR = 8,32 TTD, e con respecto ao dólar estadounidense 1 USD = 6,78 TTD.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

A historia monetaria da antiga colonia británica de Trinidad e Tobago vai en paralelo á dos demais territorios británicos do Caribe Oriental. A primeira moeda usada nesa área foi o real de oito español (coñecida no mundo anglosaxón como spanish dollar), que comezou a circular no século XVI.[3] A finais do século XVII houbo diferentes propostas para a creación dun banco nas Indias Occidentais, apoiadas polos terratenentes, máis a moeda española de prata e, posteriormente, os pesos mexicanos, continuaron a ser a base das moedas que se mantiveron en circulación ata a metade do século XIX.[4]

A abolición da escravitude nas Indias Occidentais foi o catalizador que conduciu ao establecemento do primeiro banco.[5] O Colonial Bank fundouse o 1 de xuño de 1836 e abriu a súa primeira sucursal en Trinidad en 1837.[6] O seu funcionamento inicial baseábase no uso dos pesos españois e mexicanos como moeda oficial, e estaba obrigado a realizar todos os pagamentos nesas moedas, aínda que os ingresos se podían facer en calquera outra divisa.[7] O banco fixo presión ao Goberno para que lle permitise emitir diñeiro noutra moeda, e o resultado foi unha orde imperial de 1838 pola que Trinidad e Tobago adoptou formalmente como unidade a libra esterlina, aínda que as moedas de prata españolas e mexicanas, xunto coas colombianas, mantiñan a súa condición de moedas de curso legal.[8]

En 1840 xurdiu un segundo banco, o West India Bank, que abriu a súa primeira sucursal en 1843.[9] Ambas as institucións seguiron estratexias diferentes: en tanto que o Colonial Bank mantivo unha postura conservadora, incluíndo a eliminación da moeda en circulación, o West India Bank iniciou unha expansión agresiva.[10] Nesta conxuntura, a Lei de dereitos do azucre de 1846, que igualaba os aranceis sobre o azucre importado polo Reino Unido desde as colonias británicas co dos territorios non británicos, creou en Trinidad e Tobago unha crise financeira, debido á repentina caída do prezo do azucre. Esta situación levou á creba do West India Bank.[11]

A crise internacional da prata de 1873 marcou o final do uso dos pesos españois e hispanoamericanos (os spanish dollars) nas Indias Occidentais e estas moedas foron desmonetizadas en Trinidad e Tobago cara a 1879. Na súa substitución comezou a usarse a moeda británica, aínda que popularmente se seguía a contar en dollars, a razón de 1 dollar = 4 shillins e 2 pence. Os bancos locais chegaron a emitir o seu propio papel moeda, con denominación en dólares. Porén, a Administración facía as súas contas en libras esterlinas.[12]

O nacemento do dólar[editar | editar a fonte]

A situación cambiou en 1935, cando Trinidad e Tobago adoptaron para a súa moeda o sistema decimal. A Orde de Interpretación da Moeda, de 1934, substituíu o sistema de libras, xilins e peniques polo do dólar, fixando un tipo de cambio dun dólar por cada 4 xilins e dous peniques. Porén, a partir de 1949, coa introdución do dólar das Indias Occidentais Británicas en substitución da libra esterlina, a moeda de Trinidad e Tobago vinculouse oficialmente coa do resto dos territorios británicos do Caribe Oriental en xeral.[12]

100 dólares de Trinidad e Tobago de 1964.

Logo da Independencia do país en 1962, en 1964 adoptouse novamente o dólar de Trinidad e Tobago como unidade monetaria do novo Estado, inicialmente coexistindo co dólar das Indias Occidentais Británicas e xa, a partir de 1967, como única moeda circulante no país, ata a actualidade.[13]

Entre 1964 e 1968, o dólar de Trinidad e Tobago utilizouse tamén en Granada como moeda de curso legal, ata que ese país se incorporou aos acordos de moeda común do dólar do Caribe Oriental.[14]

Moedas[editar | editar a fonte]

En 1966 introducíronse na circulación as primeiras moedas, cos valores de 1, 5, 10, 25 e 50 cents. A serie completouse en 1969 coa cuñaxe das primeiras moedas dun dólar, en tamaño grande, que foron substituídas en 1995 por outras de tamaño inferior. As moedas de 1 e de 5 cents están cuñadas en bronce, en tanto que o resto da serie son de cuproníquel. Os anversos de todas as moedas desta primeira serie amosaban o escudo de armas de Trinidad e Tobago, en tanto que no reverso só se amosaba o valor, a data e o nome do país. A partir de 1976, logo da declaración da república, nos reversos xuntouse á expresión do valor a representación dun paxaro ou dunha flor nacionais. As moedas de 50 cents e dun dólar son infrecuentes na circulación, aínda que se poden obter con facilidade nos bancos.

Tamén existen moedas de prata con valores de 5 e 10 dólares, e de ouro con valores de 100 e 200 dólares, mais estas moedas non están destinadas á circulación, senón que só se poden adquirir, para a súa colección e como moedas de investimento, no Banco Central de Trinidad e Tobago, a uns prezos que varían en función do mercado dos metais preciosos.

Moedas en circulación[editar | editar a fonte]

As moedas en circulación teñen os valores de 5, 10, 25 e 50 cents. En 2014, o Goberno detivo a cuñaxe das moedas dun cent. O 3 de xullo de 2018 regulouse a aplicación do arredondamento, ao deixaren de ser de curso legal as moedas dese valor, aínda que o Banco Central as trocará indefinidamente en múltiplos de 5 cents.[15][16]

Imaxes Valor Data Metal Diámetro

(mm)

Peso (g) Motivos
Anverso Reverso Anverso Reverso
0485 2011 Trinidad Copper (7969154178).jpg 5 Trinidad and Tobago Cents (5105684593).jpg 5 cents

[17]

2017 Aceiro bañado en cobre 21,2 3.31 Armas de Trinidad e Tobago Grande ave do paraíso (Paradisaea apoda).
10 Trinidad and Tobago Cents (5106280322).jpg 10 cents

[18]

2017 Cuproníquel bañado en aceiro 16,3 1,4 Armas de Trinidad e Tobago Hibisco.
25 Trinidad and Tobago Cents (5106278120).jpg 25 cents

[19]

2017 Cuproníquel bañado en aceiro 20 3,5 Armas de Trinidad e Tobago Warszewiczia coccinea (flor nacional)

Billetes[editar | editar a fonte]

No século XIX, ando se introduciu a libra esterlina como moeda das Indias Occidentais Británicas, as colonias do Caribe oriental continuaron, non obstante, utilizando o "dólar español" (spanish dollar = real de oito) como unidade de conta. Deste xeito, o dólar antillano equivalía a catro xilins e dous peniques británicos.[12]

Xa en 1898, o Colonial Bank introduciu so primeiros billetes con denominacións en dólares. Máis tarde, este banco foi adquirido polo Barclays Bank, que continuou coa emisión de billetes con esta denominación ata 1941.[20]

TRI&TOB-1b-Trinidad & Tobago-1 Dollar (1905).jpg TRI&TOB-2b-Trinidad & Tobago-2 Dollars (1905).jpg
Billetes de 1 e de 2 dólares de Trinidad e Tobago da primeira serie emitida polo Goberno, en 1905.

O propio Goberno de Trinidad e Tobago fixo emisións de papel moeda con valores de 1 dólar e de 2 dólares en 1905, seguidas polas de 5 dólares en 1935 e as de 10 e 20 dólares en 1942.[20]

Paralelamente, o Royal Bank of Canada en Trinidad introduciu en 1909 billetes de 5, 20 e 100 dólares, e a partir de 1920 estes billetes pasaron a indicar, á parte do seu valor en dólares, a súa equivalencia en libras esterlinas. O billete de 100 dólares deixaron de emitirse en 1920, en tanto que os de 5 e de 20 dólares se emitiron ata 1938.[20]

O Canadian Bank of Commerce introduciu en 1921 billetes de 5, 20 e 00 dólares, e os dous primeiros valores seguiron a emitirse ata 1939.[20]

Conxunto de billetes de diversos valores en dólares de Trinidad e Tobago.

Xa como estado independente, o 14 de decembro de 1964, o Central Bank of Trinidad and Tobago puxo en circulación billetes de 1, 5, 10 e 20 dólares, aos que se lles sumaron os valores de 50 e de 100 dólares o 6 de xuño de 1977, aínda que o de 50 dólares foi retirado axiña logo de que se producise o roubo dunha grande cantidade destes billetes antes da súa posta en circulación. Esta serie de billetes amosaba nos seus reversos como motivo principal unha imaxe do edificio do Banco Central de Trinidad e Tobago, e nos seus anversos as armas do novo Estado xunto cun paxaro nacional.[20]

En 2002 introducíronse novos billetes de 1 e de 20 dólares e un ano máis tarde completouse a serie cos valores de 5, 10 e 100 . Nesta nova serie introducíronse moi poucos cambios, centrados fundamentalmente na mellora da súa seguranza. En 2012 reintroduciuse o valor de 50 dólares para conmemorar o 50 aniversario da independencia do país.[20][21]

Billetes en circulación[editar | editar a fonte]

O 9 de decembro de 2019 comezaron a distribuírse nos bancos novos billetes de 100 dólares feitos de polímero e os que estaban ata entón en circulación foron desmonetizados o 31 de decembro dese mesmo ano.[20]

O 21 de febreiro de 2020, o banco central anunciou o inminente cambio de todos os billetes en circulación por outros novos feitos de polímero. Deste xeito, o 27 de outubro introducíronse os novos billetes de 5, 10 e 20 dólares, que comezaron a ser distribuídos nos bancos a partir do día 2 de novembro. Os valores de 1 e de 50 dólares entraron en circulación en xaneiro de 2021. Todos estes billetes amosan o escudo de armas de Trinidad e Tobago nos seus anversos e o edificio do banco central do país nos reversos.[20][22]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cambio entre afgani e euro. Nataf.net
  2. Cambio entre afgani e euro. Nataf.net
  3. Pemberton, R. et al. (2018).
  4. Brown, D. R. (1989). Páxina 20.
  5. Brown, D. R. (1989). Páxina 23.
  6. Brown, D. R. (1989). Páxinas 24-25.
  7. Brown, D. R. (1989). Páxinas 26-27.
  8. Brown, D. R. (1989). Páxinas 28-29.
  9. Brown, D. R. (1989). Páxina 35.
  10. Brown, D. R. (1989). Páxinas 35-38.
  11. Brown, D. R. (1989). Páxinas 39-40, 44-45.
  12. 12,0 12,1 12,2 Brown, D. R. (1989). Páxinas 102, 107-108.
  13. "History of Money in Trinidad and Tobago". Central Bank of Trinidad and Tobago.
  14. Van Beek, Fritz (2000). "The Financial System". The Eastern Caribbean Currency Union: Institutions, Performance, and Policy Issues. International Monetary Fund. ISBN 978-1557758941
  15. "Current Coins". Central Bank of Trinidad and Tobago.
  16. "The Central Bank Act, Chap. 79:02". Central-Bank.org.tt. Retrieved 2018-07-04.
  17. "5 Cents". Numista.com
  18. "10 Cents". Numista.com
  19. "25 Cents". Numista.com
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 20,4 20,5 20,6 20,7 "Trinidad and Tobago". Banknote.ws
  21. "Trinidad and Tobago new 50-dollar commemorative and regular notes". BanknoteNews.com
  22. "Trinidad and Tobago new polymer note family (B236 – B240) unveiled on 21.02.2020". BanknoteNews.com

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]