Albert Pick

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Albert Pick
Datos persoais
Nacemento15 de maio de 1922
LugarDEU Koeln COA.svg Colonia
Flag of North Rhine-Westphalia.svg Renania do Norte-Westfalia
Alemaña Alemaña
Falecemento22 de novembro de 2015 (93 anos)
LugarWappen Garmisch Partenkirchen.svg Garmisch-Partenkirchen
Flag of Bavaria (lozengy).svg Baviera
Alemaña Alemaña
NacionalidadeAlemá
CónxuxeAnnelie Fleischer (1949).
Actividade
CampoNotafilia e numismática.
Alma máterSiegel Uni-Koeln (Cyan).svg Universidade de Colonia.
editar datos en Wikidata ]

Albert Pick, nado en Colonia o 15 de maio de 1922 e finado en Garmisch-Partenkirchen o 22 de novembro de 2015, foi un numismático alemán especializado no papel moeda, autor de Standard Catalog of World Paper Money, o catálogo de billetes do mundo máis recoñecido internacionalmente.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Albert Pick naceu o 15 de maio de 1922[1] en Colonia, fillo do impresor Balduin Pick e de Auguste Sievers. Xa na súa infancia comezou a súa colección de billetes de emerxencia alemáns (Notgelds) e o seu interese pola notafilia marcou toda a súa carreira profesional.[2][3]

Logo de concluír o seu ensino secundario en 1939, cursou estudos superiores de Alemán e de Historia na Universidade de Colonia. Por mor da segunda guerra mundial foi recrutado polo exército alemán en 1941 co grao de alférez, e en 1944 foi trasladado primeiro aos EEUU e despois a Inglaterra como prisioneiro de guerra, e finalmente foi repatriado en 1946.[2]

De volta a Colonia, incorporouse á imprenta do seu pai e logo fundou a Editorial Universitaria de Colonia (Kölner Universitätsverlag).[4] Simultaneamente ao seu labor profesional como impresor, Pick foi cultivando a súa colección de billetes, que ao acadar os 130.000 exemplares chegou a se converter en difícil de xestionar de xeito privado, polo que en 1964 acabou por cederlla ao Banco Bávaro de Hipoteca e Cambio (Bayerische Hypotheken- und Wechsel-Bank), con sede en en Múnic, a cambio de ser contratado como conservador da propia colección.[4] A total dedicación profesional a este posto levouno a vender, no propio 1964, a editorial á que se dedicara ata ese momento.[2]

En paralelo, comezou a escribir libros e catálogos sobre notafilia, algúns dos cales chegaron a se converter en obras de referencia para o coleccionismo mundial de billetes, sinaladamente o seu Standard Catalog of World Paper Money, publicado inicialmente en Múnic en 1975 e a partir de mediados da década de 1980 nos EEUU, por Krause Publications, con numerosas reedicións actualizadas ata os nosos días, co que Pick estableceu unha numeración dos billetes mundiais que leva o seu apelido (numeración Pick), de aceptación universal.[2][4][5]

Albert Pick xubilouse en 1985 e trasladouse a vivir a Garmisch-Partenkirchen. En 2003, a súa colección foi transferida a unha fundación pública co nome de HVB Stiftung Geldscheinsammlung ("Colección de Billetes da Fundación HVB") e, logo das ampliacións acadadas polo propio Pick durante a súa etapa como conservador (ata os 180.000 exemplares)[3][5] e outras posteriores por parte dos seus herdeiros, considérase unha das coleccións xerais máis importantes do mundo, con arredor de 300.000 billetes.[2][3]

Pick finou nunha residencia da terceira idade en Garmisch-Partenkirchen o 22 de novembro de 2015.[1]

Vida familiar[editar | editar a fonte]

Albert Pick casou en 1949 con Annelie Fleischer, con quen tivo dúas fillas.[2]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

  • (1972): Premio ao mérito, da Society of Paper Money Collectors.[2][6]
  • (1975): Premio Nathan Gold Memorial, da Society of Paper Money Collectors.[2][7]
  • (1975): Premio especial da Society for International Numismatics.[2]

Publicacións[editar | editar a fonte]

Estes son os traballos monográficos máis salientables dos publicados por Albert Pick ao longo da súa carreira:[8][9]

  • (1959). Das Buch vom Geld (con Gert Hatz). Urbes, Hamburgo.
  • (1967). Papiergeld. Ein Handbuch für Sammler und Liebhaber. Klinkhardt und Biermann, Braunschweig.
  • (1970). Briefmarkengeld. Klinkhardt und Biermann, Braunschweig.
  • (1970). Papiergeldkatalog. Europa seit 1900. Battenberg, Múnic.
  • (1971). Papiergeld sammeln. Battenberg, Múnic.
  • (1971). Catalogue of European paper money since 1900. Sterling Pub., Nova York. ISBN 9780806960302
  • (1972). Das Bielefelder Stoffgeld 1917-1923 (con Walter Grasser). Erich Pröh, Berlín.
  • (1973). Paper Money Catalogue of the Americas. Battenberg, Múnic.
  • (1975). Standard Catalog of World Paper Money. Battenberg, Múnic [edicións posteriores: Krause Publications]. ISBN 9780873410021
  • (1976). Das Lagergeld der Konzentrations- und D.P.-Lager: 1933-1945 (con C. Siemsen). Battemberg, Múnic. ISBN 9783870451110
  • (1978). Papiergeld Lexikon. Mosaik, Múnic. ISBN 9783570050224
  • (1982). Papiergeld-Spezialkatalog Deutschland 1874-1980. Battemberg, Múnic. ISBN 9783870451851
  • (1989). Das Papiergeld Bayerns. Staatspapiergeld, Banknoten und Notgeld. Geschichte und Katalog. H. Gietl, Regenstauf. ISBN 9783924861032

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Smith, P. (2012).
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 Jungmann-Stadler, F. (2016). "Albert Pick (1922-2015)". Deutsche Numismatische Gesellschaft.
  3. 3,0 3,1 3,2 Kampmann, U. (2015).
  4. 4,0 4,1 4,2 "Albert Pick". HVB Stiftung Geldscheinsammlung.
  5. 5,0 5,1 "Albert Pick". International Bank Note Society.
  6. "SPMC 12 th Annual Meeting". En Paper Money. Society of Paper Money Collectors. Nº 43. 1972. Páxina 151.
  7. "SPMC Banquet Activities". En Paper Money. Society of Paper Money Collectors. Nº 60. 1975. Páxina 310.
  8. "Albert Pick". Deutschen Nationalbibliothek.
  9. "Pick, Albert". WorldCat Identities.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]