Saltar ao contido

Célula dendrítica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Célula dendrítica.
Células dendríticas na pel.
Esquema moi simple dunha célula dendrítica.

As células dendríticas son células inmunitarias que forman parte do sistema inmunitario dos mamíferos (fundamentalmente). A súa función principal é procesar os antíxenos e presentalos sobre a súa superficie a outras células inmunitarias para activalas, é dicir, funcionan como células presentadoras de antíxenos. Actúan como mensaxeiros entre o sistema inmunitario innato ou inespecífico e o sistema inmunitario adaptativo ou específico.

As células dendríticas están presentes nos tecidos que están en contacto co medio externo, como a pel (onde hai un tipo de células dendríticas especializadas chamadas células de Langerhans) e no revestimento interno das fosas nasais, pulmóns, estómago e intestinos. Tamén se poden atopar en estado inmaturo no sangue. Unha vez activadas, migran aos ganglios linfáticos onde interaccionan coas células T e B para iniciaren e modelaren a resposta inmunitaria específica ou adaptativa. En certos estados do desenvolvemento crécenlles proxeccións ramificadas, denominadas "dendritas non neuronais", que son as que lle dan a estas células o seu nome (δένδρον, dendron en grego significa 'árbore'). Estas dendritas son moi distintas das que teñen as neuronas, aínda que en aparencia parezan similares. As células dendríticas inmaturas tamén se chaman células veladas ou veliformes, xa que posúen grandes veos citoplasmáticos en vez de dendritas, que non lles medran ata máis tarde.

As células dendríticas foron descritas por vez primeira por Paul Langerhans (concretamente as células de Langerhans) a finais do século XIX. Pero ata 1973 non se empezou a usar o termo "célula dendrítica", acuñado por Ralph M. Steinman e Zanvil A. Cohn.[1] Polo seu descubrimento do papel central das células dendríticas na resposta inmunitaria,[2] Steinman foi galardoado co Premio Albert Lasker de Investigación Médica Básica en 2007[3] e co Premio Nobel de Medicina e Fisioloxía en 2011.[4]

Estrutura

[editar | editar a fonte]

As células dendríticas caracterízanse pola gran densidade de moléculas do MHC de clase II que presentan na membrana plasmática. As células de Langerhans, un tipo especializado de células dendríticas, tamén presenta unha elevada concentración de moléculas do MHC de clase II, pero o que as caracteriza é a presenza de gránulos de Birbeck, uns orgánulos exclusivos deste tipo celular con forma de barra ou de raqueta de tenis cuxa función aínda se discute.[5] Porén, viuse que están asociados a unha lectina dependente de calcio, a langerina, e que mesmo induce a súa formación. Dese modo parece que a indución dos gránulos de Birbeck sería unha consecuencia da función de captura de antíxenos da langerina, que permitiría conducilo aos gránulos e activar dese modo ao procesamento do antíxeno pola ruta non clásica.[6] Segundo o microambiente en que se encontren, as células dendríticas expresan diversos marcadores de superficie, como por exemplo as citocinas IL-12, IL-1 e TNF-α.[7]

Só as células dendríticas inmaturas que patrullan as rexións periféricas teñen a típica forma de estrela, debida aos procesos citoplasmáticos chamados dendritas que teñen, que miden máis de 10 μm e que sobresaen do corpo da célula. Nas células vivas, estas proxeccións están en constante movemento, retorcéndose, contraéndose e volvéndose a estender polo lado contrario.[8] Nesta fase inmatura, as células tamén teñen unha gran cantidade de vesículas endocíticas ricas en proteínas lisosomais. Este fenotipo inmaturo caracterízase pola escaseza de proteínas do MHC e a ausencia completa de moléculas B7 coestimuladoras. Durante a súa migración cara aos órganos linfáticos secundarios, despois de ter capturado un antíxeno durante unha infección, a morfoloxía das células dendríticas muda. As dendritas son substituídas por pregamentos e proxeccións membranosas semellantes a veos, polo que lles chama tamén "células veladas" ou "veliformes".[9][10] Ao mesmo tempo, as células perden a capacidade de fagocitar e de procesar antíxenos. Finalmente, nos ganglios linfáticos ou outros órganos linfoides diana están presentes como células dendríticas maduras. Estas células dendríticas secretan grandes cantidades de péptidos cargados de MHC II, así como varias moléculas coestimuladoras, especialmente a B7. Ambas as cousas son necesarias para permitir o recoñecemento dos antíxenos procesados por parte dos linfocitos T, e a activación destes últimos. En tanto que os péptidos e complexos MHC interaccionan cos receptores dos linfocitos T, as moléculas B7 proporcionan o segundo sinal necesario para unirse aos antíxenos CD28 dos linfocitos T. As células dendríticas maduras poden estimular linfocitos T CD4+ (TH1) cunha grande eficacia.[11][12][13]

Tipos de células dendríticas

[editar | editar a fonte]

En todas as células dendríticas, a súa morfoloxía similar con prolongacións ten como resultado un amplo contacto superficial co seu medio comparado co seu volume total. Distinguiremos os tipos observados nos mamíferos primates, non primates e in vitro.

Tipos nos primates In vivo

[editar | editar a fonte]

A clasificación máis común das células dendríticas é dividilas en "mieloides" e "plasmacitoides":

Nome Descrición Secreción receptores de tipo Toll[14]
Células dendríticas mieloides (mDC) Moi similares a monocitos. Están compostas polo menos por dous subconxuntos de células
(1) as máis comúns son as mDC-1, que son as principais estimuladoras das células T
(2) as extremadamente raras mDC-2, que poden ter unha función na loita contra as infeccións nas feridas
IL-12 TLR 2, TLR 4
Células dendríticas plasmacitoides (pDC) Parécense a células plasmáticas, pero teñen certas características similares ás células dendríticas mieloides.[15] Poden producir grandes cantidades de interferón-α [16], polo que eran coñecidas como células produtoras de interferón (IPC) antes de que se descubrise a súa natureza como células dendríticas.[17] TLR 7, TLR 9

Os marcadores antixénicos BDCA-2, BDCA-3, e BDCA-4 poden utilizarse para discriminar entre os dous tipos.[18]

As células dendríticas linfoides (pDC) e mieloides (mDC) orixínanse a partir de precursores linfoides ou mieloides respectivamente e, xa que logo, teñen unha orixe hematopoética.

As células dendríticas non se deben confundir coas chamadas células dendríticas foliculares (FDC), que, a diferenza das anteriores, son probablemente de orixe mesenquimática en vez de hematopoética, e non expresan o antíxeno MHC de clase II (complexo maior de histocompatibilidade II), e teñen funcións distintas, pero denomínanse así porque están localizadas nos folículos linfoides (situados nos ganglios linfáticos) e teñen prolongacións "dendríticas".[19][20]

Tipos nos non primates

[editar | editar a fonte]

Mentres que os humanos e outros primates como o macaco Rhesus parecen ter os dous tipos de células dendríticas mencionados, outros mamíferos non primates, (como os ratos) teñen tipos diferentes.

Tipos In vitro

[editar | editar a fonte]

Nalgúns aspectos, as células dendríticas de primates cultivadas in vitro non mostran o mesmo comportamento ou capacidades ca as células illadas ex vivo. Porén, utilízanse con frecuencia en experimentación, xa que están máis facilmente dispoñibles ca as outras.

  • Cos termos Mo-DC ou MDDC referímonos a células maduradas a partir de monocitos[21]
  • HP-DC fai referencia a células derivadas de células nai proxenitoras hematopoéticas.

Tipos de células dendríticas mieloides

[editar | editar a fonte]

Células de Largenhans

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Célula de Langerhans.

As células de Langerhans son un tipo de células dendríticas[22] que residen na epiderme[23][24] conteñen uns gránulos de gran tamaño chamados gránulos de Birbeck. Adoitan atoparse nos nódulos linfáticos e outros órganos, incluíndo o estrato espiñoso da epiderme. Tamén poden atoparse noutras partes do corpo, especialmente en relación coa histiocitose.[25]

Cando se produce unha infección da pel, as células de Langerhans próximas captan e procesan os antíxenos. As células de Langerhans derivan da diferenciación celular de monocitos co marcador Gr-1 (tamén coñecido como Ly-6G/Ly-6C). A diferenciación require estimulación polo factor estimulante de colonias CSF1.[26] Teñen unha morfoloxía e función similares ás dos macrófagos.[27] A proteína langerina, tamén presente noutras células dendríticas,[28] encóntrase nas células de Langerhans.[29] Investigacións recentes apuntan a que esta proteína podería ter un papel especial neste tipo de células, facendo de barreira natural para a transmisión do VIH-1 por células de Langerhans.[30] Un dos investigadores apuntou que «a langerina pode capturar virus do medio, previndo así a infección», e que «como en xeral todos os tecidos exteriores do corpo teñen células de Langerhans, cremos que o corpo humano está dotado dun mecanismo de defensa antivírica que destrúe os virus invasores».[31]

Células dendríticas intersticiais

[editar | editar a fonte]

As células dendríticas intersticiais (IDC) son un tipo de célula dendrítica achegado ás células dendríticas linfoides. Distínguense dos macrófagos tisulares polo seu fenotipo inmunolóxico, e polas súas características citoquímicas e funcionais. Foron identificadas por primeira vez no intersticio de órganos non linfoides, en forma de leucocitos tinguidos intensamente por anticorpos anti-MHC de clase II, e desde entón foron observadas en diversas especies, incluíndo Homo sapiens.[32]

Probablemente representan unha fase de diferenciación das células dendríticas non linfoides, necesaria para a captura de antíxenos. Ao captaren o antíxeno, as IDC migran cara á rexión interfolicular dos nódulos linfáticos, onde levan a cabo a presentación do antíxeno para activar os linfocitos T. O descubrimento de que nos transplantes as IDC son o leucocito pasaxeiro dos aloenxertos, que contribúe de maneira significativa á inmunoxenicidade do enxerto, revelou que a destrución das IDC do órgano doante aumenta as probabilidades de supervivencia do enxerto.[32]

Células veladas ou veliformes

[editar | editar a fonte]

As células veladas ou veliformes deben o seu nome aos numerosos procesos en forma de veo que presentan na superficie. Encóntranse nos seos linfoides e linfáticos aferentes. Nalgúns casos, conteñen estruturas similares aos gránulos de Birbeck. Teñen unha forma triangular e representan unha fase intermedia entre as células de Langerhans (células dendríticas periféricas) e as células dendríticas interdixitadas (células dendríticas dos órganos linfáticos secundarios).[33]

Células dendríticas interdixitadas

[editar | editar a fonte]

As células dendríticas interdixitadas derivan da medula ósea. Atópanse en todo o corpo, pero sobre todo nas rexións de linfocitos T dos nódulos linfáticos, na capa linfocítica periarteriolar do bazo, o timo, as amígdalas e as placas de Peyer. A membrana plasmática é ATPase-positiva. Son as células presentadoras de antíxenos máis eficaces para os linfocitos Th0 (naïf ou virxes) e son especialmente importantes para a presentación de antíxenos víricos. Desde un punto de vista histolóxico, presentan unhas engurras típicas na membrana plasmática e un núcleo celular estraño. As células dendríticas interdixitadas non presentan gránulos de Birbeck ao microscopio electrónico. Os antíxenos procesados son presentados aos linfocitos T CD4 por medio de moléculas MHC-II. A liberación de citocinas por parte das células dendríticas leva á estimulación e proliferación dos linfocitos T. Este tipo de células presentan as moléculas coestimuladoras B7-1 e B7-2 na membrana plasmática.

Células dendríticas plasmacitoides

[editar | editar a fonte]

As células dendríticas plasmacitoides (pDC) son un subtipo raro de células dendríticas en circulación que se encontran no sangue e os órganos linfoides periféricos. Estas células expresan marcadores de superficie CD123, CLEC4C e BDCA-4, mais non expresan nin CD11c nin CD14, o que as distingue das células dendríticas convencionais e os monocitos, respectivamente. Como parte do sistema inmunitario innato, expresan os receptores de tipo Toll 7 e 9, que permiten detectar ácidos nucleicos víricos e bacterianos, como motivos de ARN monocatenario ou ADN CpG. Ao ser estimuladas e activadas, estas células producen grandes cantidades de interferón de tipo I (principalmente IFN-α e IFN-β), que son compostos antivíricos pleiotrópicos esenciais que median unha gran variedade de efectos. O número de pDCs en circulación redúcese durante unha infección crónica por VIH ou unha infección por VHC.[34]

Ciclo vital

[editar | editar a fonte]

Formación de células inmaturas

[editar | editar a fonte]
VÏDEO: Unha célula dendrítica arrastra un conidio ao longo dunha distancia de 9 μm. Porén, o conidio, non é fagocitado. A observación fíxose durante 3 horas tomando unha imaxe cada 30 s.

As células dendríticas mCD derivan de células hematopoéticas da medula ósea. Estas células proxenitoras transfórmanse inicialmente en células dendríticas inmaturas. Estas células están caracterizadas pola súa grande actividade endocítica e baixo potencial de activación das células T. As células dendríticas inmaturas poden detectar os patóxenos presentes nos seus arredores, como virus e bacterias. Isto fano por medio dos receptores de recoñecemento de patrón (PRRs) que posúen, tales como os receptores de tipo toll (TLRs). Estes receptores recoñecen as sinaturas químicas presentes en certos patóxenos. As células dendríticas inmaturas poden tamén fagocitar pequenas cantidades de membrana de células vivas do propio organismo. Unha vez que están en contacto cun antíxeno presentable, actívanse a células dendríticas maduras e empezan a migrar aos ganglio linfáticos. As células dendríticas inmaturas fagocitan os patóxenos e degradan as súas proteínas en pequenos cachos e ao maduraren presentan ditos fragmentos na súa superficie celular unidas ás moléculas do complexo maior de histocompatibilidade (CMH ou en inglés MHC). Simultaneamente, aumentan a expresión de receptores da superficie celular que actúan como correceptores na activación das células T, como os CD80 (B7.1), CD86 (B7.2), e CD40 ampliando moito a súa capacidade de activar as células T. Tamén aumentan a produción do CCR7, un receptor quimiotáctico que induce ás células dendríticas a viaxaren a través da corrente sanguínea ao bazo ou a viaxar polo sistema linfático ata chegaren a un ganglio linfático. Alí actúan como células presentadoras de antíxeno: activan as células T axudantes ou colaboradoras (Th) e as células T asasinas e as células B, presentándolles os antíxenos derivados dos patóxenos, e con sinais coestimulatorias non específicas dos antíxenos.

VÍDEO: Pode verse unha célula dendrítica atrapando polo menos 4 conidios que estaban ao seu arredor.

Cada célula T axudante é específica para un determinado antíxeno. Só as células presentadoras de antíxenos profesionais (macrófagos, linfocitos B, e células dendríticas) poden activar unha célula T axudante en repouso ao presentarlle o antíxeno adecuado para cada célula T. Porén, os macrófagos e as células B só poden activar células T de memoria entanto que as células dendríticas poden activar tanto as células T de memoria como as células Th0, que aínda non se atoparon nunca co seu antíxeno, polo que son as máis potentes de todas as células presentadoras de antíxenos.

Como xa se mencionou, as células dendríticas mieloides probablemente proceden de monocitos, que son leucocitos circulantes polo sangue, e, dependendo de se reciben o sinal axeitado, poden transformarse ou en células dendríticas ou en macrófagos. Os monocitos á súa vez orixínanse a partir de células troncais ou nais da medula ósea. As células dendríticas derivadas de monocitos poden xerarse in vitro a partir de células mononucleares do sangue periférico (PBMCs). Cultivando in vitro ditas células prodúcese a adherencia dos monocitos. O tratamento deses monocitos con interleucina 4 (IL-4) e o factor estimulante das colonias de granulocitos-macrófagos (GM-CSF) orixina a diferenciación en células dendríticas inmaturas (iDCs) en aproximadamente unha semana. Seguidamente, o tratamento co factor de necrose tumoral (TNF) diferencia estas células inmaturas en células dendríticas maduras.

Duración da vida das células dendríticas

[editar | editar a fonte]

A duración da vida dos macrófagos activados é só uns poucos días, aínda que novas evidencias suxiren que a súa vida podería estenderse a varias semanas.[35][36] A duración da vida das células dendríticas activadas, aínda que varía algo dependendo da súa orixe e tipo, é similar á dos macrófagos, pero as células dendríticas inmaturas parecen poder existir no eu estado inactivado durante períodos máis prolongados.

Células dendríticas e citocinas

[editar | editar a fonte]

As céulas dendríticas están constantemente en comunicación con outras células do corpo. Esta comunicación pode ter lugar por contacto directo entre as células baseado na interacción das súas proteínas superficiais. Un exemplo é a interacción das proteínas de membrana da familia da proteína B7 da célula dendrítica co CD28 presente no linfocito. Porén, a interacción entre células pode tamén ter lugar a distancia por medio da liberación de citocinas.

Por exemplo, estimulando as céulas dendríticas in vivo con extractos microbianos estas empezan rapidamente a producir IL-12.[37] A IL-12 é un sinal que axuda a transformar as células T CD4 que nunca tiveron contacto co antíxeno (Th0) en células de fenotipo Th1. A consecuencia final é que se activa o sistema inmunitario para poder atacar os antíxenos que as células dendríticas presentaron na súa superficie. Porén, hai diferenzas nas citocinas producidas en cada tipo de célula dendrítica. As células dendríticas linfoides (pCDs) teñen a capacidade de producir grandes cantidades de interferón de tipo 1, que recruta a máis macrófagos activados para a fagocitose.[38]

Enfermidades

[editar | editar a fonte]

Infección por VIH/SIDA

[editar | editar a fonte]

O VIH, que causa a SIDA, pode unirse ás células dendríticas por medio de varios dos receptores expresados pola célula. O exemplo mellor estudado é o do DC-SIGN (xeralmente expresado nas mDC 1, pero tamén noutros tipos celulares, aínda que non en todos) [39]. Cando as células dendríticas captan o VIH viaxan aos nódulos linfáticos, onde o virus pode ser transferido ás células T CD4+ , contribuíndo ao desenvolvemento da infección.[40]. Esta infección das células dendríticas polo VIH explica un dos mecanismos polos cales o virus pode persistir no corpo despois de prolongados tratamentos con fármacos antirretrovirais. Moitos outros virus, como o virus SARS parecen utilizar o DC-SIGN para ser transportados ás súas células diana.[41] A maioría destes traballos fixéronse con células dendríticas obtidas in vitro do tipo moDC. O papel fisiolóxico do DC-SIGN in vivo é máis difícil de comprobar.

Autoinmunidade

[editar | editar a fonte]

A alteración do funcionamento das células dendríticas desempeña un papel fundamental na alerxia e nas doenzas autoinmunes como o lupus eritematoso e as enfermidades inflamatorias intestinais (enfermidade de Crohn e colite ulcerosa).[42][43][44]

Células dendríticas en animais non humanos

[editar | editar a fonte]

O que se dixo ata agora aplícase á especie humana. Noutros animais, o funcionamento das células dendríticas pode ser lixeiramente diferente. Por exemplo, nas ratas (pero non en ratos), existe un subconxunto de células dendríticas que ten unha pronunciada actividade de célula asasina, aparentemente durante toda a vida da célula. Porén, a función principal coñecida das células dendríticas é a de actuar como unha sentinela do sistema inmune. Inspeccionan o corpo e recollen información relevante para o sistema inmunitario, e son capaces de instruír e dirixir a resposta inmunitaria adaptativa para responder ás substancias perigosas que invaden o corpo.

Ademais, foi identificado un precursor inmediato das células dendríticas mieloides e linfoides do bazo.[45] Este precursor, denominado pre-célula dendrítica, non ten expresión de MHC de clase II na superficie, e non é un monocito, o cal é a principal orixe das células dendríticas en tecidos non linfoides.

Aínda que se describen tipicamente como células de mamíferos, as células dendríticas atopáronse tamén nos polos [46] e tartarugas.[47]

  1. Steinman RM, Cohn ZA (1973). "IDENTIFICATION OF A NOVEL CELL TYPE IN PERIPHERAL LYMPHOID ORGANS OF MICE : I. MORPHOLOGY, QUANTITATION, TISSUE DISTRIBUTION". J. Exp. Med. 137 (5): 1142–62. PMC 2139237. PMID 4573839. doi:10.1084/jem.137.5.1142. 
  2. Banchereau J, Steinman RM (1998). "Dendritic cells and the control of immunity". Nature 392 (6673): 245–52. PMID 9521319. doi:10.1038/32588. 
  3. "The Lasker Foundation - 2007 Awards". Consultado o 2010-11-27. 
  4. "Nobel Prize in Physiology or Medicine for 2011". 
  5. Peña Martínez, p. 67
  6. Krieg, T. (2010). Therapy of skin diseases a worldwide perspective on therapeutic approaches and their molecular basis. Heidelberg, New York: Springer,. ISBN 9783540788140. 
  7. Coronato, S., Laguens, G. E., Spinelli, O. M., Salas, M. A. & di Girolamo, W. (1998). "Células dendríticas y su papel en patología" 58 (2): 209–218. 
  8. Banchereau, J. and Steinman R. M.. (1998). "Dendritic cells and the control of immunity". Nature 392 (6673): 245–252. PMID 9521319. 
  9. Knight, S. C.; et al. (1982). "Role of veiled cells in lymphocyte activation". Eur J Immunol. 12 (12): 1057–1060. PMID 7160425. 
  10. Knight, S. C. (1984). "Veiled cells--"dendritic cells" of the peripheral lymph". Immunobiology 168 (3-5): 349–361. PMID 6241604. 
  11. Cantrell, DA and Smith, KA (1984) Science 224:1312
  12. Balakrishnan, K. and Adams, L. E. (1995). "The role of the lymphocyte in an immune response". Immunol Invest. 24 (1-2): 233–244. PMID 7713585. 
  13. Charles A. Janeway Jr. et al.: Immunobiology : the immune system in health and disease, especialmente: 8-6: Dendritic cells specialize in taking up antigen and activating naive T cells & Figure 8.2: Immature dendritic cells take up antigen in the tissues, Garland Publishing, 5ª edición, Nova York (2001). ISBN 0-8153-3642-X
  14. Sallusto F, Lanzavecchia A (2002). "The instructive role of dendritic cells on T-cell responses". Arthritis Res. 4 Suppl 3: S127–32. PMID 12110131. doi:10.1186/ar567. 
  15. McKenna K, Beignon A, Bhardwaj N (2005). "Plasmacytoid Dendritic Cells: Linking Innate and Adaptive Immunity". J. Virol. 79 (1): 17–27. PMC 538703. PMID 15596797. doi:10.1128/JVI.79.1.17-27.2005. 
  16. Vanbervliet B, Bendriss-Vermare N, Massacrier C; et al. (2003). "The Inducible CXCR3 Ligands Control Plasmacytoid Dendritic Cell Responsiveness to the Constitutive Chemokine Stromal Cell–derived Factor 1 (SDF-1)/CXCL12". J. Exp. Med. 198 (5): 823–30. PMC 2194187. PMID 12953097. doi:10.1084/jem.20020437. 
  17. Liu YJ (2005). "IPC: professional type 1 interferon-producing cells and plasmacytoid dendritic cell precursors". Annu. Rev. Immunol. 23: 275–306. PMID 15771572. doi:10.1146/annurev.immunol.23.021704.115633. 
  18. Dzionek A, Fuchs A, Schmidt P, Cremer S, Zysk M, Miltenyi S, Buck D, Schmitz J (2000). "BDCA-2, BDCA-3, and BDCA-4: three markers for distinct subsets of dendritic cells in human peripheral blood" (PDF). J Immunol 165 (11): 6037–46. PMID 11086035. 
  19. Liu Y, Grouard G, de Bouteiller O, Banchereau J (1996). "Follicular dendritic cells and germinal centers". Int Rev Cytol 166: 139–79. PMID 8881775. doi:10.1016/S0074-7696(08)62508-5. 
  20. van Nierop K, de Groot C (2002). "Human follicular dendritic cells: function, origin and development". Semin. Immunol. 14 (4): 251–7. PMID 12163300. doi:10.1016/S1044-5323(02)00057-X. 
  21. Ohgimoto K, Ohgimoto S, Ihara T, Mizuta H, Ishido S, Ayata M, Ogura H, Hotta H (2007). "Difference in production of infectious wild-type measles and vaccine viruses in monocyte-derived dendritic cells". Virus Res 123 (1): 1–8. PMID 16959355. doi:10.1016/j.virusres.2006.07.006. 
  22. Masci AM, Arighi CN, Diehl AD, Lieberman AE, Mungall C, Scheuermann RH, Smith B, Cowell LG (2009). "An improved ontological representation of dendritic cells as a paradigm for all cell types". BMC Bioinformatics 10: 70. PMC 2662812. PMID 19243617. doi:10.1186/1471-2105-10-70. 
  23. Langerhans, P (1868). "Ueber die Nervender menschlicher". Haut. Virchows Arch. (Pathol. Anat.) (en German) 44: 325. doi:10.1007/BF01959006. 
  24. Merad M, Ginhoux F, Collin M (2008). "Origin, homeostasis and function of Langerhans cells and other langerin-expressing dendritic cells". Nat. Rev. Immunol. 8 (12): 935–47. PMID 19029989. doi:10.1038/nri2455. 
  25. Musso T, Scutera S, Vermi W; et al. (2008). "Activin A induces Langerhans cell differentiation in vitro and in human skin explants". PLoS ONE 3 (9): e3271. PMC 2533393. PMID 18813341. doi:10.1371/journal.pone.0003271. 
  26. Ginhoux F, Tacke F, Angeli V, Bogunovic M, Loubeau M, Dai X, Stanley E, Randolph G, Merad M (2006). "Langerhans cells arise from monocytes in vivo". Nat Immunol 7 (3): 265–73. PMID 16444257. doi:10.1038/ni1307. 
  27. Clases de medicina do semestre 4 da Universidade de Uppsala, 2008. Leif Jansson
  28. Poulin LF, Henri S, de Bovis B, Devilard E, Kissenpfennig A, Malissen B (2007). "The dermis contains langerin+ dendritic cells that develop and function independently of epidermal Langerhans cells". J. Exp. Med. 204 (13): 3119–31. PMC 2150992. PMID 18086861. doi:10.1084/jem.20071724. 
  29. Valladeau J, Dezutter-Dambuyant C, Saeland S (2003). "Langerin/CD207 sheds light on formation of birbeck granules and their possible function in Langerhans cells". Immunol. Res. 28 (2): 93–107. PMID 14610287. doi:10.1385/IR:28:2:93. 
  30. de Witte L, Nabatov A, Pion M, Fluitsma D, de Jong M, de Gruijl T, Piguet V, van Kooyk Y, Geijtenbeek T (2007). "Langerin is a natural barrier to HIV-1 transmission by Langerhans cells". Nat Med 13 (3): 367–71. PMID 17334373. doi:10.1038/nm1541. 
  31. Mundell, E.J. (5 de marzo de 2007). "Scientists Discover 'Natural Barrier' to HIV". HealthDay News via sexualhealth.e-healthsource.com. Arquivado dende o orixinal o 12-12-2008. Consultado o 13-07-2008. 
  32. 32,0 32,1 Hart, D. N. J. & McKenzie, J. L. (1990). "Interstitial Dendritic Cells" (resumo). International Reviews of Immunology 6 (2-3): 127–138. 
  33. Knight SC. Veiled cells--"dendritic cells" of the peripheral lymph. Immunobiology. 1984 Dec;168(3-5):349-61. PMID 6241604 . DOI: 10.1016/S0171-2985(84)80122-9
  34. Universidad de Antioquia (2007). "Resultados de una investigación sobre el VIH". Universidade de Antioquia. Arquivado dende o orixinal (resumo) o 24 de febreiro de 2015. Consultado o 25 de decembro de 2011. 
  35. Christiane Ruedl1, Pascale Koebel, Martin Bachmann, Michael Hess, Klaus Karjalainen. Anatomical Origin of Dendritic Cells Determines Their Life Span in Peripheral Lymph Nodes. The Journal of Immunology, 2000, 165: 4910-4916. [1]
  36. Arun T. Kamath, Sandrine Henri, Frank Battye, David F. Tough, Ken Shortman. Developmental kinetics and lifespan of dendritic cells in mouse lymphoid organs. Arquivado 08 de novembro de 2018 en Wayback Machine.
  37. Reis e Sousa C, Hieny S, Scharton-Kersten T, Jankovic D; et al. (1997). "In Vivo Microbial Stimulation Induces Rapid CD40 Ligand–independent Production of Interleukin 12 by Dendritic Cells and their Redistribution to T Cell Areas". J. Exp. Med. 186 (11): 1819–29. PMC 2199158. PMID 9382881. doi:10.1084/jem.186.11.1819. 
  38. Siegal FP, Kadowaki N, Shodell M, Fitzgerald-Bocarsly PA; et al. (1999-06-11). "The nature of the principal type 1 interferon-producing cells in human blood". Science 284 (5421): 1835–7. PMID 10364556. doi:10.1126/science.284.5421.1835. 
  39. Geijtenbeek TB, Kwon DS, Torensma R, van Vliet SJ, van Duijnhoven GC, Middel J, Cornelissen IL, Nottet HS, KewalRamani VN, Littman DR, Figdor CG, van Kooyk Y. DC-SIGN, a dendritic cell-specific HIV-1-binding protein that enhances trans-infection of T cells. Cell. 2000 Mar 3;100(5):587-97. [2]
  40. Aude Magérus-Chatinet, Huifeng Yu, Séverine Garcia, Elodie Ducloux, Benoit Terris. Galactosyl ceramide expressed on dendritic cells can mediate HIV-1 transfer from monocyte derived dendritic cells to autologous T cells. Virology. Volume 362, Issue 1, 25 May 2007, Pages 67-74 [3]
  41. Yang, Zhi-Yong; et al. (2004). "pH-Dependent Entry of Severe Acute Respiratory Syndrome Coronavirus Is Mediated by the Spike Glycoprotein and Enhanced by Dendritic Cell Transfer through DC-SIGN". J. Virol. 78 (11): 5642–50. PMC 415834. PMID 15140961. doi:10.1128/JVI.78.11.5642-5650.2004. 
  42. Baumgart DC, Metzke D, Schmitz J, Scheffold A, Sturm A, Wiedenmann B, Dignass AU (2005). "Patients with active inflammatory bowel disease lack immature peripheral blood plasmacytoid and myeloid dendritic cells". Gut 54 (2): 228–36. PMC 1774844. PMID 15647187. doi:10.1136/gut.2004.040360. 
  43. Baumgart DC, Thomas S, Przesdzing I, Metzke D, Bielecki C, Lehmann SM, Lehnardt S, Dorffel Y, Sturm A, Scheffold A, Schmitz J, Radbruch A (2009). "Exaggerated inflammatory response of primary human myeloid dendritic cells to lipopolysaccharide in patients with inflammatory bowel disease". Clin Exp Immunol 157 (3): 423–36. PMC 2745038. PMID 19664152. doi:10.1111/j.1365-2249.2009.03981.x. 
  44. Baumgart DC, Carding SR (2007). "Inflammatory bowel disease: cause and immunobiology". The Lancet 369 (9573): 1627–40. PMID 17499605. doi:10.1016/S0140-6736(07)60750-8. 
  45. Naik SH, Metcalf D, van Nieuwenhuijze A; et al. (2006). "Intrasplenic steady-state dendritic cell precursors that are distinct from monocytes". Nature Immunolgy 7 (6): 663–71. PMID 16680143. doi:10.1038/ni1340. 
  46. Gallego, M; del Cacho E, Lopez-Bernad F, Bascuas JA (1997). "Identification of avian dendritic cells in the spleen using a monoclonal antibody specific for chicken follicular dendritic cells". The Anatomical Record 249 (1): 81–85. PMID 9294652. doi:10.1002/(SICI)1097-0185(199709)249:1<81::AID-AR10>3.0.CO;2-X (inactivo 2019/04/08). 
  47. Pérez-Torres, A; Millán-Aldaco DA, Rondán-Zárate A (1995). "Epidermal Langerhans cells in the terrestrial turtle, Kinosternum integrum". Developmental and Comparative Immunology 19 (3): 225–236. PMID 8595821. doi:10.1016/0145-305X(95)00006-F. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]