Endocitose

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Tres tipos de endocitose.

A endocitose é un proceso celular, polo que a célula introduce no seu interior moléculas grandes ou partículas, e faino englobándoas nunha invaxinación da membrana citoplasmática, formando unha vesícula que remata por se desprender e se incorporar ao citoplasma.

Cando a endocitose dá lugar á captura de partículas denomínase fagocitose, e cando son soamente porcións de líquido as capturadas, denomínase pinocitose.

A endocitose é por exemplo o método que utilizan as neuronas para recuperar un neurotransmisor liberado na brecha sináptica, para ser reutilizado. Sen este proceso, produciríase un fracaso na transmisión do impulso nervioso entre neuronas.

O proceso contrario á endocitose é a exocitose. Endocitose e exocitose son dous procesos que están regulados pola célula para manter constante a membrana plasmática, xa que permiten a súa rexeneración pois os fagosomas que conteñen as moléculas fagocitadas fórmanse a partir da membrana plasmática e cando o proceso de dixestión celular levado a cabo polos lisosomas finaliza lévase a cabo a defecación celular por exocitose recuperándose a membrana utilizada para a formación do fagosoma.

A vesícula formada chámase endosoma que fusionará cun lisosoma onde se produce a dixestión intracelular do contido desta.

As células que levan a cabo a pinocitose presentan unha rexión na membrana plasmática que está recuberta por unha proteína (a clatrina) na súa cara citosólica, de forma que, cando a molécula se deposita sobre esa rexión de membrana, se forma un capuchón revestido que a arrodea, posteriormente perderá ese revestimento para poder ser dixerida polos lisosomas.

As células fagocíticas especializadas presentan receptores de membrana que cando contactan con fragmentos celulares inducen a formación de pseudópodos que a recobren formando os fagosomas.

Posteriormente os lisosomas se fusionan coa parede dos fagosomas vertendo as súas enzimas hidrolíticas que actúan a pH ácido (próximo a 5) e levan a cabo a degradación dos fragmentos celulares. Aquela parte que non pode ser dixerida eliminarase ó exterior mediante exocitose no proceso coñecido como defecación celular.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]