Hipersensibilidade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Hipersensibilidade
Clasificación e recursos externos
MedlinePlusHuipersensibilidade
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A hipersensibilidade refírese clasicamente a unha reacción inmunitaria esaxerada contra antíxenos alleos que produce un cadro patolóxico causando trastornos, incomodidade e ás veces a morte súbita. Ten moitos puntos en común coa autoinmunidade, onde os antíxenos son propios. As reaccións de hipersensibilidade requiren que o individuo fose previamente sensibilizado, é dicir, que fose exposto polo menos unha vez aos antíxenos en cuestión. A clasificación das hipersensibilidades en catro grupos distintos foi proposta por P. H. G. Gell e Robin Coombs en 1963 e segue sendo a máis usada.[1] Na década de 1930 Coombs sistematizou estas reaccións de acordo co tempo que demoraba a aparición dos síntomas e a dose necesaria. Esta clasificación non soamente se baseaba na cinética das reaccións, senón tamén nos mecanismos implicados e foi fundamental para orientar a terapia e coñecer os mecanismos.

Clasificación de Gell e Coombs[editar | editar a fonte]

-
Tipo Nome alternativo[2] Trastornos nomeados frecuentemente[2] Mediadores[2]
Tipo 1 Alerxia (inmediata)
Tipo 2 Hipersensibilidade dependente de anticorpo
Tipo 3 Enfermidade de complexo inmune
Tipo 4 Hipersensibilidade citotóxica retardada[3]

Tipo 1 - inmediata (ou atópica, ou anafiláctica)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Alerxia.

A hipersensibilidade de tipo 1 é unha reacción alérxica provocada por reexposición a un tipo específico de antíxeno referido como alérxeno.[5] A exposición pode deberse a inxestión, inxección ou por contacto directo. A diferenza entre unha resposta inmunitaria normal e unha hipersensibilidade de tipo 1 é que as células plasmáticas segregan IgE dunha forma descontrolada, superando amplamente as 100 U/I establecidas como a contaxe estándar deste tipo de Ig. Esta clase de anticorpos únense aos receptores para a porción constante (Fc) do anticorpo sobre a superficie dos mastocitos dos tecidos e basófilos circulantes. Ao cubrírense estas células con IgE no momento da aparición inicial do alérxeno quedan sensibilizadas. Posteriores exposicións ao mesmo alérxeno fan que as IgE establezan enaces cruzados na superficie celular de células sensibilizadas, o que ten como resultado unha desgranulación e secreción de mediadores bioloxicamente activos almacenados na célula, tales como a histamina, leucotrienos e prostaglandinas. Os principais efectos destes produtos son a vasodilatación e a contracción do músculo liso.

Este tipo de reacción pode ser localizada ou sistémica. Os síntomas varían desde unha irritación leve á morte súbita por anafilaxe. O tratamento xeralmente é a administración de epinefrina, antihistamínicos e corticosteroides.

Tipo 2 - dependente de anticorpos[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Hipersensibilidade de tipo II.

Na hipersensibilidade de tipo 2, os anticorpos producidos polo sistema inmunitario únense a antíxenos na superficie mesma das células do paciente. Os antíxenos así recoñecidos poden ser de natureza intrínseca (son parte innata da célula do paciente) ou extrínseca (absorbidos pola célula durante a exposición a un antíxeno estraño, maiormente por causa dunha infección por algún patóxeno). Estas células son recoñecidas por macrófagos ou células dendríticas que actúan como célula presentadora de antíxenos, o que causa que os linfocitos B respondan producindo anticorpos en contra de dito antíxeno. Un exemplo é a reacción á penicilina, na que este antibiótico se un aos eritrocitos causando que o recoñezan como algo alleo ao corpo. Isto fará proliferar os linfocitos B xunto coa secreción de anticorpos en contra do medicamento. Os anticorpos de tipo IgG e IgM únense a estes antíxenos formando complexos que activan a vía clásica do complemento iniciando unha secuencia que remata coa eliminación das células que presentan os antíxenos estraños, causando lise e morte celular. Ese é o proceso regular de eliminación de patóxenos, volvéndose perigoso para o hospedador se o proceso se activa en contra das súas propias células. A reacción pode tardar horas ou días en completarse.

Outro tipo de hipersensibilidade de tipo 2 é a chamada citotoxicidade celular dependente de anticorpos (CMCDA ou CCDA). Neste caso, as células que exhiben os antíxenos estraños son marcadas con anticorpos (IgG ou IgM), os cales son logo recoñecidos por células asasinas naturais e macrófagos (recoñecidos por IgG unidas á superficie dos receptores, CD16 e FcγRIII), os cales terminan matando a célula así marcada.

Algúns exemplos[editar | editar a fonte]

Tipo 3 - complexos inmunes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Hipersensibilidade de tipo III.

Na hipersensibilidade de tipo 3, fórmanse no sangue complexos inmunes solubles, é dicir, agregados de anticorpos IgG e IgM, que son depositados en varios tecidos (tipicamente a pel, os vasos sanguíneos, ril e as articulacións) onde desencadean unha resposta inmunitaria baseada na vía clásica da activación do sistema de complemento sanguíneo e causan vasculite, glomerulonefrite e artrite. Hai dúas etapas relacionadas co desenvolvemento de complexos inmunes; primeiro o complexo fórmase cando os anticorpos IgG e IgM se unen ao antíxeno, logo do cal os complexos se fan de maior tamaño que o que pode ser eliminado do corpo. Na primeira etapa desta formación non é posible eliminar do organismo estes complexos antíxeno-anticorpo, polo que son espallados e depositados nos tecidos mencionados. A reacción pode tardar desde varias horas ata días para desenvolverse.

Algúns exemplos[editar | editar a fonte]

Tipo 4 - mediada por células (hipersensibilidade retardada ou tardía)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Inmunidade celular.

A hipersensibilidade de tipo 4 é frecuentemente chamada tardía, porque a reacción tarda 2 ou 3 días en instaurarse. A diferenza dos outros tipos, non é mediada por anticorpos, senón por células inmunitarias.

Os linfocitos T CD8+ e linfocito T CD4+CD4+ colaboradores recoñecen os antíxenos que forman un complexo cos receptores da superficie celular do complexo maior de histocompatibilidade tipos I e II. As células presentadoras de antíxenos neste caso son os macrófagos que segregan IL-12, a cal estimula a proliferación de máis linfocitos T. O CD4+ segregan tamén IL-2 e interferón gamma, estimulando aínda máis a liberación de citocinas, e mediando dese xeito a resposta inmunitaria. As células CD8+ destrúen as células diana ao entraren en contacto con elas, mentres que os macrófagos activados producen encimas hidrolíticos e, perante certos patóxenos intracelulares, transfórmanse en células xigantes multinucleadas.

Algúns exemplos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Gell PGH, Coombs RRA, eds. Clinical Aspects of Immunology. 1st ed. Oxford, England: Blackwell; 1963.
  2. 2,0 2,1 2,2 A non ser que se especifique nos cadros a referencia é: Lippincott's Illustrated Reviews: Immunology. Paperback: 384 páxinas. Publisher: Lippincott Williams & Wilkins; (July 1, 2007). Lingua: inglés. ISBN 0-7817-9543-5. ISBN 978-0-7817-9543-2. Páxina 195
  3. Black, CA. Delayed Type Hypersensitivity: Current Theories with an Historic Perspective Dermatol. Online J. (May 1999) 5(1):7 at http://dermatology.cdlib.org/DOJvol5num1/reviews/black-esp.html
  4. Táboa 5-1 en:Mitchell, Richard Sheppard; Kumar, Vinay; Abbas, Abul K.; Fausto, Nelson. Robbins Basic Pathology. Philadelphia: Saunders. ISBN 1-4160-2973-7.  8ª edición.
  5. Emedicine 1101