Isotipo (inmunoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Algunhas formas de anticorpos.

Un isotipo en xeral é cada unha das proteínas que mostran variación antixénica nunha familia de proteínas relacionadas. En inmunoloxía, denomínanse "isotipos das inmunoglobulinas" ás distintas formas antixenicamente diferentes de rexións constantes das cadeas pesadas e lixeiras que aparecen en todos os individuos dunha especie, que están codificadas por distintos loci xenéticos. Os isotipos serven para distinguir as distintas clases e subclases das cadeas pesadas das inmunoglobulinas e os distintos tipos e subtipos das cadeas lixeiras. Os isotipos son doadamente detectables no soro sanguíneo e por definición son recoñecidos por anticorpos dunha especie diferente (antisoro heterólogo)[1]. Os determinantes antixénicos recoñecidos por eses anticorpos denomínanse determinantes isotípicos.

Nos humanos hai cinco isotipos das cadeas pesadas e dous isotipos das lixeiras.[1] Os individuos normais teñen todos os isotipos. Nos individuos con inmunodeficiencias pode faltar algún isotipo. Os isotipos das inmunoglobulinas humanas son os seguintes:

  • Cadea pesada
    • cadea α - característico das inmunoglobulinas da clase IgA, que ten as subclases 1, 2
    • cadea δ - que caracteriza á IgD
    • cadea γ - propio da IgG, subclases 1, 2, 3, 4
    • cadea ε - presente na IgE
    • cadea μ - que aparece na IgM, subclases 1, 2
  • Cadea lixeira
    • cadea κ - aparece en todas as clases de inmunoglobulinas, é dicir, por exemplo hai IgG con cadea κ, e IgG con cadea λ, e así nas demais clases de Ig. En cada inmunoglobulina as dúas cadeas lixeiras son sempre iguais, as dúas κ ou as dúas λ (e as cadeas pesadas son sempre tamén iguais).[2]
    • cadea λ - aparece en todas as clases de inmunoglobulinas igual que no caso anterior.

Na cadea pesada das inmunoglobulinas pode producirse o cambio de clase na que a cadea pesada cambia, polo que a célula B pasa a producir outra subclase ou isotipo diferente de inmunoglobulina. A célula B empeza producindo IgM, e máis tarde IgM e IgD, pero despois cando recoñece ao antíxeno pode pasar a producir algún dos outros tipos de Ig. Neste fenómeno está implicado o splicing alternativo e a eliminación e reordenación de xenes.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 J. P. Martínez. Inmunología. Piramide. 1994. Páxina 112. ISBN 84-368-0828-2.
  2. 2,0 2,1 Bruce Alberts et al. Biología Molecular de la Célula. Omega. 1986. Páxina 1057. ISBN 84-282-0752-6.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]