Alotipo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O alotipo depende dos distintos segmentos C das cadeas lixeiras e pesadas das inmunoglobulinas.

En inmunoloxía, os alotipos son determinantes antixénicos especificados polas distintas formas alélicas dos xenes das inmunoglobulinas (anticorpos). Están situados nas rexións constantes (C) das cadeas pesadas e lixeiras das inmunoglobulinas e supoñen pequenas diferenzas na secuencia de aminoácidos.[1]

O exame dos alotipos é moi importante para evitar o rexeitamento de transplantes procurando que o doante e receptor teñan alotipos o máis similares posible, e en medicina forense e probas de paternidade.

Poden formarse anticorpos contra os determinantes antixénicos dos anticorpos dos alotipos. Inxectando nunha persoa un anticorpo dun alotipo distinto ao seu, esta formará anticorpos contra o anticorpo alleo recibido. Isto pode ocorrer de forma natural en mulleres despois de múltiples embarazos ou despois de transfusións ou en casos de artrite reumatoide. Tradicionalmente os alotipos definíronse seroloxicamente e son detectados por antisoros homólogos (da mesma especie)[2].

Os alotipos denomínanse como G1m se están na cadea gamma 1 pesada da inmunoglobulina (IgG1), G2m se están na IgG2, G3m se están na IgG3, A2m se están na IgA ou como Km se están na cadea kappa lixeira. Estas denominacións van acompañadas do número do alotipo concreto, por exemplo, G3m5. Antigamente, en vez de números os alotipos eran designados por letras, por exemplo G1m1 (denominación moderna) é o mesmo que G1m(a) (denominación antiga).[3]

A existencia de alotipos nas inmunoglobulinas humanas foi descrita por primeira vez por R. Grubb, que demostrou que ceros soros humanos aglutinaban eritrocitos sensibilizados con anticorpos anti-Rh incompletos humanos.[3][4] Os alotipos varían entre os individuos dunha poboación e as súas frecuencias varían dunhas poboacións a outras.

Os xenes dos alotipos teñen unha herdanza autosómica codominante.

Zooloxía[editar | editar a fonte]

O termo alotipo tamén se usa en zooloxía cun significado completamente diferente. Nese contexto zoolóxico alotipo significa un espécime do sexo oposto ao do holotipo.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "THE STRUCTURE AND FUNCTION OF IMMUNOGLOBULINS - ANTIBODIES". Consultado o 02-02-2013. 
  2. J. P. Martínez. Inmunología. Piramide. 1994. Páxina 113. ISBN 84-368-0828-2.
  3. 3,0 3,1 Roy Jefferis, Marie-Paule Lefranc. Human immunoglobulin allotypes. Possible implications for immunogenicity. MAbs. 2009 Jul-Aug; 1(4): 332–338. PMCID: PMC2726606 [1]
  4. Grubb R. Advances in human immunoglobulin allotypes. Exp Clin Immunogenet. 1995;12(3):191-7. PMID 8534505. [2]
  5. Dictionary.com. Allotype

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]