Calidoscopio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vista das cores e formas dun calidoscopio (teleidoscopio).

Un calidoscopio[1] é un aparello óptico formado por varias superficies reflectoras (ou espellos) formando un ángulo dentro dun tubo, con pezas coloridas translúcidas ou opacas nun extremo, de vidro ou outros materiais, que son vistas como un patrón simétrico regular debido á reflexión repetida.

A rotación do tubo provoca o movemento das pezas, o que fai que se presenten patróns cambiantes.

Étimo[editar | editar a fonte]

Acuñado polo seu inventor escocés David Brewster, [2] o nome kaleidoscope foi publicado por primeira vez na patente que foi concedida o 10 de xullo de 1817.

Deriva das palavras gregas καλός (kalos), "bonito",[3] είδος (eidos), "imaxe",[4] e σκοπέω (skopeō), "observar".[5]

A versión caleidoscopio, máis fiel ao étimo, non aparece no último dicionario da RAG pero si noutras versións do mesmo, e noutros dicionarios galegos (Estraviz, Gaio, Digalego...).[6][7]

Vista dun calidoscopio multicolorido

Historia[editar | editar a fonte]

Unha comparación das construcións de espellos de Kircher (esquerda) e Bradley (dereita)

Precursores[editar | editar a fonte]

A reflexión múltiple por superficies reflectantes coñécese desde a antigüidade, e foi descrita no s. XVI por Giambattista della Porta no Magia Naturalis.

En 1646, Athanasius Kircher deseñou dous espellos que podían abrirse e pecharse como un libro e colocarse en varios ángulos, mostrando figuras de polígonos regulares formadas por sectores alícuotas reflectidos de 360°.

New Improvements in Planting and Gardening (1717) de Mr. Bradley describiu unha construción similar que se colocaría en debuxos xeométricos para mostrar unha imaxe con reflexión multiplicada. Porén, non se rexistrou até 1815 unha configuración óptima que produce os efectos completos do calidoscopio. [8]

Calidoscopios de Brewster[editar | editar a fonte]

En 1814, David Brewster realizou experimentos sobre polarización da luz por reflexións sucesivas e observou "a disposición circular das imaxes dunha vela arredor dun centro e a multiplicación dos sectores formados polas extremidades das placas de vidro".

No mesmo ano Sir Charles Wheatstone investigou fenómenos ópticos similares, que aplicou na construción do estereoscopio.

Brewster probou distintas versións; unha delas foi admirada por membros da Royal Society of Edinburgh como George Mackenzie, quen predixo a súa popularidade; despois outra con obxectos que podían moverse ao xirar o tubo. O último paso, o máis importante segundo Brewster, foi colocar os cristais reflectores nun tubo cunha lente cóncava para introducir claramente os obxectos circundantes no patrón reflectido. [8]

Achaba que o seu instrumento era valioso en artes ornamentais creando "infinidade de patróns" e o s artistas podían delimitar con precisión as figuras do calidoscopio grazas ao microscopio solar (un tipo de cámara escura), a lanterna máxica ou a cámara lúcida. Cría que o invento se convertería en popular "para propósitos de diversión racional" e solicitou a patente, concedida en xullo de 1817.[9] O fabricante contratado para producir o calidoscopio mostroullo a varios ópticos de Londres, a ver se podía recibir pedidos seus, e pronto o instrumento foi copiado e comercializado antes de que o fabricante tivese calquera número á venda. Estímase que uns 200.000 calidoscopios se venderon en Londres e París en só tres meses. Brewster calculou que como máximo un milleiro eran copias autorizadas; a maioría eran falsificacións que non daban unha impresión correcta do seu invento. Xa que poucas persoas experimentaran un calidoscopio axeitado, decidiu publicar un tratado sobre os seus principios e construción.[8]

Pensábase que a patente fora reducida nun Tribunal de Xustiza, porque supostamente xa se coñecían os seus principios. Brewster afirmou que o calidoscopio era diferente pois as posicións particulares do obxecto e do ollo desempeñaban un papel moi importante na produción das fermosas formas simétricas. A opinión de Brewster foi respaldada por varios científicos, entre eles James Watt.[10]

Philip Carpenter quixo producir imitacións, pero non quedou satisfeito co resultado e decidiu ofrecer os seus servizos como fabricante.[11] Brewster aceptou e os modelos de Carpenter foron estampados como "sole maker" (fabricante único); vendo que a demanda era moi alta, outros comezaron a facelos desde 1818 con permiso de Carpenter. O Treatise on the Kaleidoscope de 1819, enumera máis dunha ducia de fabricantes/vendedores de calidoscopios patentados. A empresa de Carpenter seguiría vendéndoos durante 60 anos.[12]

En 1987, a artista Thea Marshall e o Willamette Science and Technology Center, museo científico de Eugene, deseñaron unha exposición itinerante de 1.000 m2, "Kaleidoscopes: Reflections of Science and Art" [13]. Co financiamento da National Science Foundation e integrada no Servizo de Exposicións Itinerantes da Smithsonian Institution (SITES [14]), expúxose en 15 museos científicos chegando a máis dun millón de visitantes nos Estados Unidos e o Canadá.

Variacións xerais[editar | editar a fonte]

Calidoscopio poliangular de RB Bate (con ángulos reflectores axustables), como se ilustra en Treatise on the Kaleidoscope (1819)

Brewster incluíu variacións na súa patente e publicacións:

  • No tamaño: considerou un mínimo cinco polgadas (uns 13 cm), até 10 polgadas (uns 26 cm); para os tubos dunha a catro polgadas suxeriu o uso dunha lente cunha lonxitude de foco igual á lonxitude dos reflectores.
  • No ángulo das superficies reflectoras: na patente, Brewster considerou que 18°, 20° ou 22° eran máis agradábeis.[15] No tratado 45°, 36° e 30° son os exemplos principais. [8]
  • No material das superficies reflectantes: placas de vidro liso, vidro mercurio (espello) ou metal.[15] A elección do material inflúe no matiz e calidade da imaxe.
  • Na diversidade de obxectos (pequenas figuras, líquidos, ademais dos fragmentos translúcidos máis habituais). [8]

Versións suxeridas por Brewster[editar | editar a fonte]

Na súa patente percibiu dúas formas para o calidoscopio:

  • A máis común: dous reflectores, pequenos obxectos colócanse preto da abertura para seren vistos no outro extremo[15]
  • O composto ou telescópico: un tubo con dous reflectores, que se desliza dentro doutro tubo cunha, dúas ou tres lentes convexas, para ser aplicado a calquera obxecto a calquera distancia[15] (foi reintroducido máis tarde como teleidoscopio).

No Tratado sobre o calidoscopio describiu a forma básica cunha cela de obxecto:

  • Forma simple: un tubo con dous reflectores e anacos de vidro fixados nunha cela no extremo do instrumento [8]
diagramas dos patróns de calidoscopio policéntrico en Treatise on the Kaleidoscope (1819)

Brewster tamén desenvolveu variacións, entre outras:

  • Calidoscopio policentral: con catro reflectores; ou con tres reflectores en ángulos de 90° (o patrón de triángulos equiláteros foi considerado "inusualmente espléndido" por Brewster); con tres reflectores en ángulos de 90º, 45° e 45° (o patrón non está disposto simetricamente ao redor do centro, pero Brewster considérao "moi pracenteiro"); con tres reflectores en ángulos de 90°, 60° e 30° (o patrón con 31 imaxes reflectidas da abertura, non dispostas simetricamente arredor do centro, considerou o efecto "moi fermoso, especialmente cos reflectores metálicos"). [8]
  • Colocación de "corpos regularmente cristalizados ou anacos de vidro que recibiron a estrutura polarizadora" diante da abertura, para introducir "as cores complementarias da luz polarizada" [15]
  • Unha placa máis pequena que contén obxectos soltos que vibran no seu bordo inferior grazas a un suave movemento do tubo.[8]
Posicións alternativas dos reflectores no calidoscopio, como se ilustra na patente de 1817.
  • se os reflectores se manteñen separados (fig. 4 da ilustración da patente), móstranse patróns anulares
  • se os reflectores se colocan paralelos entre si (fig. 5 da ilustración da patente), móstranse patróns rectilíneos

Brewster tamén imaxinaba outras aplicacións para o calidoscopio:

  • Un tipo de órgano de cores para unha composición visual harmónica, con efectos similares á composición musical, poderíase desenvolver unha peza de maquinaria moi sinxela "para introducir obxectos de diferentes formas e cores para variar a dirección do movemento a través da abertura angular e para acomodando a velocidade do seu movemento ao efecto que se pretende producir".[8]
  • Un calidoscopio de proxección mediante o microscopio solar ou a lanterna máxica, permitindo que máis xente vexa o patrón[15]
  • Calidoscopio microscópico, de 3 cm, para ver obxectos microscópicos, tamén foron usados polas mulleres como xoias[8]

Variacións posteriores[editar | editar a fonte]

Fabricantes e artistas crearon calidoscopios cunha gran variedade de materiais e de moitas formas. Algúns destes elementos engadidos que non foran descritos polo inventor David Brewster:

  • As celas do obxecto enchéronse cun líquido viscoso no que os elementos flotan e móvense en resposta a lixeiros movementos.
  • En 1990, WildeWood Creative Products presentou en 1990 en colaboración con Cozy Baker[16] calidoscopios cun tubo selado transparente móbil cun líquido que mostra obxectos que se afunden ou flotan (xeralmente inclúen purpurina).
  • As rodas de obxectos ou os carruseis que xiran nun eixo unido ao centro do calidoscopio poden introducir formas e cores na imaxe
  • os exteriores dos calidoscopios foron elaborados en obras de arte escultórica
  • grandes calidoscopios integráronse na arquitectura dalgúns edificios
  • software e cámaras dixitais utilizáronse en calidoscopios de alta tecnoloxía[16]

Publicacións sobre calidoscopios[editar | editar a fonte]

Cozy Baker, fundadora da Brewster Kaleidoscope Society, coleccionou calidoscopios e escribiu libros Kaleidoscope Artistr[17], un compendio de creadores e imaxes das vistas interiores e exteriores.

En 1999 publicouse unha revista de curta duración dedicada aos calidoscopios, Kaleidoscope Review.

  • Hannelore Dittmar-Ilgen: Warum platzen Seifenblasen? Physik für Neugierige. 4. durchgesehene Auflage. S. Hirzel Verlag, Stuttgart u. a. 2003, ISBN 3-7776-1149-2, S. 139: Zur Physik der Kaleidoskope und Winkelspiegel.

Os maiores calidoscopios[editar | editar a fonte]

Na Exposición Universal de Montreal, Quebec, Canadá en 1967 o Kaleidoscope Pavilion (Pavillón Calidoscopio) foi un pavillón que producía uns efectos de cores coa luz reflectida similares a un calidoscopio.[18]

O artista Olafur Eliasson traballou con diversos calidoscopios a grande escala (véxase a galería de imaxes).

O maior calidoscopio do mundo, a "Torre da Terra" (en xaponés: 大地の塔), estivo exposto no Xapón durante a Expo 2005. Era unha torre de 47 metros de altura, en cuxo teito esférico había un xogo de cores cun diámetro de máis de 40 metros. A luz solar que entraba na cúpula de vidro da torre era reflectida por unha complexa disposición de espellos despois de múltiples desvíos sobre tres vidros rotatorios; grazas a iso xurdían os patróns simétricos en constante cambio e fusión típicos dos calidoscopios, que se podían ver dende o vestíbulo de entrada.[19]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Un topos literario[editar | editar a fonte]

O calidoscopio inspirou a moitos escritores e filósofos virando un topos.

Tendo un número finito de elementos nun espazo fechado, permite un número indefinido de combinacións e está ligado á idea de infinito en tanto que proxecta a idea dun plano ilimitado. Dá unha ilustración concreta e simbólica de como crear algo novo mediante unha simple reordenación do que xa existía antes. Así concilia termos aparentemente opostos como permanencia e cambio, identidade e diferenza.

Esa imaxe tamén ilustra a afirmación de que o todo non se pode reducir á suma das partes (idea desenvolvida no s. XX pola Gestalt).

Un exemplo contemporáneo deste proceso en Stéphanie Phanistée, novela de Frédérick Tristan, na que as situacións e os personaxes se transforman segundo a visión dos personaxes que contan a historia.Citando a Verlaine:

As miñas pestanas achegándose [...] calidoscopíanme cousas.

(Verlaine, Œuvres compl., t. 5, Confes., 1895, p. 8)

ou Louis Aragón:

Cando che dei o calidoscopio da dor[…]

(Aragón, Elsa, 1959, p. 47)

Schopenhauer utiliza a imaxe do calidoscopio para mostrar a forma de metempsicose que caracteriza a historia: as plantas, os animais, os homes e os pobos morren e nacen incesantemente, e nun cambio aparentemente incesante, sempre son as mesmas figuras que reaparecen: os individuos morren, a especie vive. O que permite sinalar cara ao optimismo baixo este pesimismo fundamental:

a especie é o que sempre vive, e, na conciencia da inmutabilidade da especie e da súa identidade con ela, os individuos existen confiados e gozosos.

Marcel Proust usa a metáfora do calidoscopio para describir como están cambiando certas sociedades con respecto aos xudeus:

Máis adiante, en Le Côté de Guermantes, Proust volve á metáfora do “calidoscopio social” (Le Côté de Guermantes I, ed. Quarto, 891).

Claude Lévi-Strauss nunha famosa pasaxe de Pensamento salvaxe, utiliza a imaxe do calidoscopio para describir por analoxía a lóxica "salvaxe", estudada polo etnólogo (Claude Lévi-Strauss, La Pensée sauvage, "A lóxica das clasificacións totémicas", París, Plon, 1962, Pocket Agora, 51-52).

A lóxica "arreglada" polo pensamento salvaxe, tal e como a concibe Lévi-Strauss, obedece de feito a unha certa homoloxía estrutural co calidoscopio.

The Beatles empregan a metáfora en Lucy in the Sky with diamonds: Somebody calls you, you answer quite slowly, a girl with kaleidoscope eyes

Brian Selzniz, en Kaleidoscope, un dos seus traballos máis complexos, enfía un relato con fragmentos oníricos para que cada lector tire as súas propias interpretacións.[20]

Unha longa lista de autores recorren ao calidoscopio como topos ou como metáfora, como Baudelaire, Emilia Pardo Bazán, Julio Cortázar, Bukowski etc.

En Galiza é publicada a revista de arte, fotografía e literatura Caleidoscópica, co-fundada por Charo Lopes.[21]

En 2023, a plataforma Netflix lanzou a serie Caleidoscopio.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para calidoscopio.
  2. Brewster, David (1858). The kaleidoscope, its history, theory and construction with its application to the fine and useful arts. Arquivado en archive.org. 
  3. καλός, Henry George Liddell, Robert Scott, A Greek-English Lexicon, on Perseus
  4. εἶδος, Henry George Liddell, Robert Scott, A Greek-English Lexicon, on Perseus
  5. σκοπέω, Henry George Liddell, Robert Scott, A Greek-English Lexicon, on Perseus
  6. "Dicionario de dicionarios". sli.uvigo.es. Consultado o 2022-02-12. 
  7. "Termo no Estraviz". 
  8. 8,00 8,01 8,02 8,03 8,04 8,05 8,06 8,07 8,08 8,09 Brewster, D., https://archive.org/details/b29295440 (1819). A treatise on the kaleidoscope. Archibald Constable & Co. 
  9. "Kaleidoscope patents". thekaleidoscopebook.com. Arquivado dende o orixinal o 16 de decembro de 2016. Consultado o 15 de febreiro de 2022. 
  10. Thomson, Thomas (31 de agosto de 1818). Annals of Philosophy, Or, Magazine of Chemistry, Mineralogy, Mechanics, Natural History, Agriculture, and the Arts. Robert Baldwin Ed. p. 451. 
  11. The Repertory Of Arts And Manufactures: Consisting Of Original Communications, Specifications Of Patent Inventions, And Selections Of Useful Practical Papers From The Transactions Of The Philosophical Societies Of All Nations, &c. &c (en inglés). Nichols. 1818. 
  12. "The Perfectionist Projectionist" (PDF). VictorianMicroscopeSlides; Stuart Talbot. 
  13. "Kaleidoscopes: Reflections of Science and Art ; InformalScience.org". www.informalscience.org. Consultado o 2022-05-17. 
  14. "SITES". sites.si.edu (en inglés). Consultado o 17-5-2022. 
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 15,5 Underwood, T. e G. (1817). The Repertory of Patent Inventions: And Other Discoveries and Improvements in Arts, Manufactures, and Agriculture ... (en inglés). 
  16. 16,0 16,1 "Types of scopes". brewstersociety.com/kaleidoscope-university (en inglés). Consultado o 17-5-2022. 
  17. Baker, Cozy (2001). Kaleidoscope Artistry. C & T Pub. p. 144. ISBN 1-57120-135-1. 
  18. "Expo 67: Kaleidoscope Pavilion". expo67.morenciel.com. Consultado o 2022-02-16. 
  19. "Bunte Muster in Rekordgröße". wissenschaft.de (en alemán). 2005-04-18. Consultado o 2022-05-17. 
  20. "Kaleidoscope-Selznick". Kirkus Reviews. Consultado o 15-2-2022. 
  21. "caleidoscópica". caleidoscópica (en castelán). Consultado o 2022-09-14. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]