Cronista Xeral de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Cronista Xeral de Galicia

ÁmbitoGalicia Galicia
Designado porXunta de Galicia
DuraciónVitalicio
Creación1654 (restabelecido en 1991)
Primeiro titularFelipe da Gándara
Último titularAntonio Eiras Roel
SalarioSen remuneración

Cronista Xeral de Galicia ou Cronista Oficial do Reino de Galicia é un posto oficial vitalicio, sen remuneración económica, designado por Decreto da Xunta de Galicia que se lle asigna a historiadores para definir a versión oficial da historia contemporánea de Galicia. O último persoeiro que o ocupou foi Antonio Eiras Roel e desde o seu pasamento en 2017 o cargo está vacante.

O título remóntase ó Antigo Réxime, cando se nomearon varias personalidades coa intención de elaborar unha historia xeral de Galicia, mais con pouco éxito. O primeiro cronista foi Felipe da Gándara, designado en 1654 pola Xunta do Reino. No século XIX tamén ostentou o título Manuel Murguía. Seguindo a tradición antiga e dentro da política de autoidentificación de Manuel Fraga, restabeleceuse en 1991 e co paso dos anos e a morte de cada persoa fóronse producindo novos nomeamentos.

Historia[editar | editar a fonte]

Armas i triunfos, publicado por Felipe da Gándara como Cronista Xeral do Reino, 1662.

O primeiro cronista oficial do reino de Galicia foi Felipe da Gándara.[1] A Xunta do Reino nomeouno no ano 1654, aínda que o título non se fixo efectivo até 1656.[2] Anteriormente, no século precedente, Álvaro de Cadaval (1505-1575) tivera a pretensión de ocupar o posto en cuestión, mais esta non chegara a se materializar.[3] A creación da figura do cronista oficial, con remuneración económica, insírese en pleno auxe apoloxético de Galicia por parte da historiografía galega,[4] encadrado á súa vez nunha época de gran galegofobia nos reinos da Monarquía Católica.[5] Deste xeito, a Xunta tiña como obxectivo, tal como consta nas súas Actas, compilar os feitos memorábeis da historia de Galicia e contribuír así ó «maior lustre e grandeza deste Reino».[6] Porén, a realidade é que desde 1644 Pedro Fernández de Boán levaba tentando insistentemente e sen éxito, inclusive coa intercesión da cidade de Ourense, que a Historia y general descripción del Reyno de Galizia del e do seu difunto irmán Juan fose impresa á conta da Xunta. E a pesar de en 1649 se lle aprobar a concesión de 1500 ducados procedentes de condenacións, a cantidade, alén de estar lonxe dos 9000 ducados necesarios, era moi difícil de tornar real, polo que nin sequera a debeu recibir, ficando o traballo inédito.[7] No caso de Gándara, malia a intención existente de publicar a Historia Xeral e Eclesiástica de Galicia que o autor tiña tamén ―segundo el mesmo sinala― xa practicamente concluída, en 1658 aínda se estaba a executar o repartimento do diñeiro para tal fin.[2][8] A resistencia ó pagamento dos subsidios e axudas de custa por parte das cidades que compuñan a Xunta provocou que o cronista, nunha carta datada cara a 1662 e dirixida a un capitular compostelán, se queixase da actitude ruín que recibía e mesmo rematase acendidamente dicindo que «quen quixer historia que a merque».[1] Finalmente, a obra non chegou a saír á luz, presumibelmente pola falta de financiamento, e tampouco se conserva o manuscrito.[2][8] Malia todo, mesmo sen esta axuda, o erudito deu publicado nese 1662 Armas i triunfos. Hechos heroicos de los hijos de Galicia, para o cal tivo que recorrer a custeadores, de xeito que se imprimiu en Madrid á custa do comerciante de libros Antonio de Riero Tejada.[9] Obra de carácter apoloxético en relación á nobreza galega e á súa orixe, tivo unha nova edición publicada postumamente en 1677 so o título Nobiliario, armas y triunfos de Galicia.[10] Nas dúas edicións o autor aparece como cronista xeral do reino.

O tomo II dos Anales foi publicado por Huerta en 1736 como «Cronista Xeral do Reino de Galicia».
Tomo III da Historia de Galicia de Manuel Murguia (1888).jpg
Tomo IV da Historia de Galicia de Manuel Murguia (1891).jpg
Murguía publicou os tomos III e IV da súa Historia de Galicia en calidade de «cronista xeral do Reino» (1888 e 1891).

Foi preciso agardar até o século seguinte para ver un novo cronista. Antes del, xa en 1715, o presbítero Antonio Paredes Ponte e Andrade solicitara á Coruña o nomeamento coa fin de poder desenvolver exaltadamente a historia galega e contrarrestar a galegofobia;[11][12] no entanto, o apoio da propia cidade non fora dabondo para obter o cargo.[13] O sucesor foi Juan Pacheco Troncoso en 1718: apoiado tamén pola cidade herculina, a cidade de Tui ―non a Xunta―[2] outorgoulle o título en 23 de novembro.[13] Tiña o encargo de elaborar unha historia de Galicia,[14] tarefa que viña realizando desde polo menos 1716, cando pedira ó concello coruñés que lle permitisen acceder á documentación dos seus arquivos e que o dotasen dun experto en paleografía para as transcricións. Dos tres volumes que proxectaba, só se coñece a existencia dun primeiro manuscrito que, igual có texto de Gándara, tampouco se conserva.[15]

O seguinte persoeiro que desempeñou o cargo foi Francisco Xavier Manuel de la Huerta y Vega, a quen o deputado do Reino designou cronista en Madrid no ano 1737 á instancia das sete cidades.[2] Huerta, que primeiramente fora nomeado cronista da cidade de Santiago de Compostela,[14] xa publicara dous volumes dos seus Anales de el Reyno de Galicia en 1733 e 1736. Non obstante, malia a datación do seu nomeamento nese ano, concretamente en 31 de agosto,[13] dada habitualmente pola historiografía, o autor no segundo tomo xa figura como «Cronista Xeral do Reino de Galicia», o cal permite atrasar a data do devandito nomeamento até arredor de 1735.[16] Sexa como for, o propósito da designación é posíbel que fose incitar o eclesiástico a finalizar os Anales, pois o segundo volume só atinxe até o século IX.[14] Coa publicación destes dous volumes, a súa condición foránea, de orixe ourensá mais nado na toledana Alcalá de Henares,[16] implicoulle o recibimento de importantes críticas,[17] relacionadas tamén coa obtención do posto de cronista, que puido impedir algún proxecto destinado xustamente a acadar tal ocupación.[18] Aínda en 1736, Huerta, que levaba vivindo en Galicia desde 1723, trasladouse a Madrid, onde precisamente o título lle serviu de axuda para entrar nos círculos cortesáns.[19] En 1742 a Xunta, nunha acción promovida pola cidade de Betanzos,[13] solicitou ó rei o cesamento do cronista por o considerar pouco útil e gravoso para o reino,[2] mesmo aducindo que a titulación se lle outorgara por honra e non por salario,[1] unha petición que lle foi concedida. Deste xeito, tanto pola ida a Madrid como pola propia destitución do cargo, a obra de Huerta ficou sen rematar. Así e todo, mesmo sen concluír, ten o mérito de ser a única historia de Galicia de índole xeral que deu saído do prelo en todo o Antigo Réxime, feito que a converteu nunha obra de referencia dentro e fóra de Galicia.[20]

Posteriormente exerceu o posto Ignacio Benito Avalle, pois solicitou o título en 1760 comprometéndose a non recibir salario ou lucro ningún.[2] Comezou en 29 de maio[13] e sábese que tiña desde 1746 o proxecto de desenvolver unhas Memorias Historicas del Reyno de Galicia, mais todo apunta a que non superou ese estadio inicial.[14]

Tivo que pasar máis dun século para que houbese continuación na institución de cronista. Manuel Murguía editara en 1865 e 1866 os dous primeiros volumes da súa Historia de Galicia; porén, esta ficara interrompida por diversos motivos. Isto motivou que en 1884 a Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, por iniciativa de José Antonio Parga Sanjurjo, comezase as xestións para nomear a Murguía cronista de Galicia, de xeito que recibise un salario que lle permitise proseguir coa obra. Con este obxectivo procurouse a contribución económica das deputacións provinciais, as cales, agás a de Lugo, se acabaron comprometendo co emprendemento antes de finalizar 1885. Meses antes, en abril do mesmo ano, xa se anunciara na prensa o seu nomeamento por parte da Económica, aínda cando non había acordo ningún para o fornecemento dos fondos necesarios. De feito, o aparente apoio das deputacións resultou moi insuficiente; así pois, os novos tomos tiveron que ser impresos á custa do Centro Galego da Habana. Efectivamente, Murguía publicou por fin en 1888 e 1891 os volumes III e IV da súa Historia, nos cales se intitulaba como «cronista xeral do Reino».[21] En 1889 tamén publicou El regionalismo gallego, aparecendo neste caso co título de «cronista do reino de Galicia».[22]

Outra centuria sen cronistas decorreu. Dentro da política de autoidentificación de Manuel Fraga, creouse en 1991 mediante decreto de 4 de outubro a figura de cronista xeral de Galicia, unha distinción de carácter honorífico sen remuneración económica ningunha para ser entregada pola Xunta de Galicia como recompensa polos méritos singulares debidos a unha salientábel actividade e servizo en prol dos intereses da investigación histórica de Galicia.[23] O primeiro persoeiro desta nova etapa en ostentar o título foi Emilio González López.[24] Co seu pasamento xa en decembro, designouse a Antón Fraguas antes de finalizar o primeiro mes do novo ano.[25] A este último, finado en 1999, sudeceuno Antonio Eiras Roel.[26]

Cronistas[editar | editar a fonte]

Reino de Galicia[editar | editar a fonte]

Rexión de Galicia[editar | editar a fonte]

Comunidade autónoma de Galicia[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Álvarez Ruiz de Ojeda 2000, p. 415.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 De Artaza Montero, Manuel M.ª (1993). "La junta del reino y la autonomía de Galicia" (PDF). Ohm: Obradoiro de historia moderna (en castelán) (Universidade de Santiago de Compostela) (2): 143–150, en 145. ISSN 1133-0481. 
  3. Fernández Vilalba, Xosé Isidro (6 de setembro de 2011). "Os cronistas da cidade de Mondoñedo". Terra e Tempo. 
  4. Barreiro Barreiro, Xosé Luís (2008). "Hacia la configuración de una conciencia propia: de los problemas de Galicia a Galicia como problema" (PDF). Galicia y Japón: del sol naciente al sol poniente. IX Encontros internacionais de filosofía no Camiño de Santiago (en castelán). Universidade da Coruña. pp. 87–114, en 100. ISBN 978-84-9749-308-6. 
  5. Murado, Miguel-Anxo (2013). Outra idea de Galicia. Debate. pp. 70–71. ISBN 978-84-9992-346-8. 
  6. Pereira González 2017, p. 128.
  7. Bouza 2009, pp. 23-24.
  8. 8,0 8,1 Pereira González 2017, p. 178.
  9. Bouza 2009, p. 24.
  10. "‘Armas i triunfos. Hechos heroicos de los hijos de Galicia’ (1662)". Real Academia Galega. 25 de abril de 2013. 
  11. Castro López, Manuel (1926). "Gallego....." (PDF). Almanaque Gallego (en castelán) (Bos Aires) (29): 14. 
  12. Merino Álvarez, Abelardo (1927). "Notas viejas galicianas, por don Pablo Pérez Costanti". Boletín de la Real Academia de la Historia (en castelán) 90: 42–46, en 42. ISSN 0034-0626. ¿Hemos de ser nosotros menos que las otras provincias del Orbe, teniendo por ventura que hablar si no más, tanto como ellas?… Alentémonos a hacer lo que todos, porque no se diga que somos como ninguno; desterremos aquella vulgaridad castellana que dice no somos gente; borremos ya con nuestra pluma aquella indecorosa nota de bárbaros que el erudito Mariana nos impuso 
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 Núñez-Varela Lendoiro, José Raimundo (25 de agosto de 2019). "Toma de posesión como Cronista Oficial de Betanzos". Cronista Oficial de Betanzos. 
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 Pereira González 2017, p. 217.
  15. Gutiérrez, José Manuel (24 de setembro de 2009). "Cronista Pacheco: Un historiador poco riguroso". La Opinión A Coruña (en castelán). 
  16. 16,0 16,1 Monteagudo Romero, Henrique (1996). "Noticia dun texto prosístico en galego do século XVII: ‘Memoria da fundación da Confraría de Cambeadores’" (PDF). Homenaxe á profesora Pilar Vázquez Cuesta. Universidade de Santiago de Compostela. pp. 351–375, en 352. ISBN 84-8121-476-0. Couceiro Freijomil, e tras el tódolos estudiosos que o seguen, ofrecen 1737 como data do seu nomeamento de Cronista Oficial do Reino de Galicia, pero xa deixamos sinalado que hai que corrixir este dato 
  17. Pereira González 2017, p. 258.
  18. García Vega, José Carlos (curso 2017/2018). "Historia moderna de Galicia". StuDocu (en castelán). Universidade de Santiago de Compostela. …la obra de Huerta resultó molesta porque sin ser gallego, fue nombrado cronista y frustró varios proyectos encaminados a la obtención de ese cargo 
  19. Rey Castelao, Ofelia. "Francisco Javier Manuel de la Huerta y Vega". Real Academia de la Historia (en castelán). 
  20. Pereira González 2017, pp. 217 e 258.
  21. Álvarez Ruiz de Ojeda 2000.
  22. Murguía, Manuel (1889). El regionalismo gallego (en castelán). A Habana. 
  23. "DECRETO 323/1991, do 4 de outubro, polo que se establece a figura de cronista xeral de Galicia" (PDF). DOG (Xunta de Galicia) (198): 8828. Luns, 14 de outubro de 1991. 
  24. "DECRETO 329/1991, do 4 de outubro, polo que se nomea a Emilio González López cronista xeral de Galicia" (PDF). DOG (Xunta de Galicia) (199): 8870. Martes, 15 de outubro de 1991. 
  25. "DECRETO 9/1992, do 23 de xaneiro, polo que se nomea a Antonio Fraguas Fraguas cronista xeral de Galicia". DOG (Xunta de Galicia) (19): 859. Mércores, 29 de xaneiro de 1992. 
  26. "DECRETO 292/1999, do 11 de novembro, polo que se nomea a Antonio Eiras Roel cronista xeral de Galicia". DOG (Xunta de Galicia) (220): 13395. Luns, 15 de novembro de 1999. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]