Camille Claudel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Camille Claudel
Camille Claudel.jpg
Nacemento8 de decembro de 1864
Lugar de nacementoFère-en-Tardenois
Falecemento19 de outubro de 1943
Lugar de falecementoMontfavet
Soterradacemiterio de Montfavet
NacionalidadeFrancia
EtniaPobo francés
Alma máterAcademia Colarossi
Ocupaciónpintora, modelo, escultora, draftsperson e artista gráfica
PaiLouis Prosper Claudel
NaiLouise Athanaïse Cécile Cerveaux
IrmánsPaul Claudel
Coñecida porsen etiquetar, The Mature Age, Girl with sheaf of wheat, The Waltz, Cadela famenta, sen etiquetar, Sakuntala (Claudel), La Vague by Camille Claudel, The Implorer e The Confidence
PremiosSalón de París
Na rede
WikiTree: Claudel-14 Find a Grave: 30117893 Editar o valor em Wikidata
Signature of Camille Claudel.png
editar datos en Wikidata ]

Camille Claudel, nada en Fère-en-Tardenois (Aisne) o 8 de decembro de 1864 e finada en Montdevergues (Vaucluse) o 19 de outubro de 1943, foi unha escultora francesa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Dende a súa infancia en Champagne, Camille foi unha persoa moi apaixonada pola escultura: xogaba co barro e esculpía as persoas que a rodeaban, como o seu irmán Paul e a súa servente Hélène. Naceu no seo dunha familia acomodada que se trasladou, sendo Camille aínda unha meniña, a Villeneuve-sur-Fère onde naceu o seu irmán, o poeta e diplomático Paul Claudel, en 1868. Aínda que a familia residiu posteriormente noutras localidades, os veráns sempre os pasaron en Villeneuve. En 1881 a familia trasladouse a París. Camille tentou entrar na École des Beaux-Arts, pero non a admitiron por ser muller, polo que alugou un estudio que compartiu con dúas americanas, entre as que estaba Jessie Lipscomb, e onde lles daba clase un profesor da École, ata que en 1883 este marchou a Roma pedíndolle a Auguste Rodin que o substituíse. Tras algunhas vacilacións este aceptou, coa condición de que Camille fose ao seu obradoiro. Alí convértese na súa inspiración, o seu modelo, a súa confidente e a súa amante. O coñecemento da súa relación pola familia levou a que Camille deixase a casa familiar. En 1892 rematou a súa relación amorosa con Rodin, aínda que se seguiron vendo regularmente ata 1898.

Auguste Rodin[editar | editar a fonte]

Camille Claudel no taller de Rodin, ca. 1899

Ten o seu encontro con Auguste Rodin en 1883, e o ano seguinte empeza a traballar no seu taller. Camille posa para el e colabora na realización das figuras da monumental As Portas do Inferno. A obra da escultora, a pesar de ser moi próxima á do seu mestre, ten o seu temperamento, sen ser nunca unha copia; por iso, Octave Mirbeau proclamou o seu xenio. Ademais de ser unha das súas principais colaboradoras, foi tamén a súa amante e compañeira durante algúns anos; converteuse no seu modelo e a súa musa, inspirando obras como La danaie o Fugit Amor.

Produciuse entre ambos un clima de colaboración e enfrontamento que enriqueceu o labor mutuo. A pesar da paixón, a relación entre Rodin e Camille é complicada, conflitiva e con interrupcións e crises[1].

Frecuentaron xuntos os ambientes artísticos e culturais máis importantes do París da época e pasaron xuntos longos períodos fóra da cidade, pero Rodin está unido sentimentalmente a outra muller, Rose Beuret, á que non ten intención de abandonar para casar con Camille. Esta situación será a inspiración dunha das obras máis importantes de Camille: A Idade Madura[2]. Nesta escultura vemos representada a escena de Camille de xeonllos e suplicante, dirixindo as súas mans cara a Rodin, quen lle dá as costas mentres unha muller medio anxo-medio meiga, que representa a Rose Beuret, lévao.

Unha vez rota a súa relación co escultor, entra na súa vida Claude Debussy, pero tamén el está unido a outra muller. Mentres, as súas obras alcanzan certo éxito e aparecen con frecuencia artigos sobre ela nas revistas de arte. Nesta época de crise emocional, Camille péchase no seu taller e afástase do mundo. En decembro de 1905, Camille realizou a súa última exposición.

A partir de 1905 a saúde mental de Camille comezou a degradarse, desaparecía por longos períodos de tempo, destruíu gran parte da súa obra e tiña crises de paranoia. Acusou a Rodin de roubarlle as súas ideas e de tentar asasinala. Logo da voda do seu irmán, en 1906, viviu practicamente confinada no seu estudio.

Declive[editar | editar a fonte]

A partir de aí, sufriu sucesivas crises nerviosas que agudizarán cada vez máis e comezou a destruír as súas obras. Non tivo apoio familiar, xa que a súa nai e a súa irmá seguían sendo hostís á súa forma de vida e o seu irmán Paul estaba lonxe. O único que apoiaba a Camille era o seu pai, quen se negou reiteradamente a internar a súa filla como lle pedían os seus familiares directos.

O 3 de marzo de 1913 morreu o seu pai. O 10 de marzo a súa nai decidiu internala no sanatorio de Ville-Evrard e en xullo en Montdevergues, manicomio do cal, a pesar da súa recuperación e os seus lúcidos e desgarrados rogos ó seu irmán Paul, nunca saíu. Pechada pasou os derradeiros trinta anos da súa vida. A familia prohibiu que recibise visitas e nunca foron vela. Faleceu en 1943 e foi enterrada nunha tumba sen nome, só cos números 1943 -n392, no pequeno cemiterio da institución mental de Montdevergues. Á morte de Paul Claudel en 1955, ergueuse o veto que existía na familia sobre Camille e os descendentes quixeron dar unha tumba digna a Camille Claudel. Escribiron a Montdevergues solicitando a situación da tumba e a exhumación para o seu traslado. A institución contestou que a tumba desaparecera, xa que a institución necesitara unha serie de ampliacións e se utilizaran os terreos do pequeno cemiterio onde se enterraban os pacientes esquecidos polas súas familias[3].

En 1988 estreouse a película francesa Camille Claudel, dirixida por Bruno Nuytten e con Isabelle Adjani e Gérard Depardieu nos papeis principais de Camille Claudel e Auguste Rodin.

Obra[editar | editar a fonte]

A maior colección de obras de Camille Claudel exponse de xeito permanentente nunha sala, dedicada exclusivamente a ela, no Museo Rodin.

  • L'âge mûr (expóñense dúas vesrión: unha en xeso e outra en bronce)
  • La petite châtelaine (mármore)
  • Pensée (mármore)
  • Paul Claudel à trente-sept ans (bronce)
  • L'implorante (bronce)
  • Clotho (xeso)
  • Les causeuses (versión en xeso, versión en ónix e versión en bronce)
  • La valse (bronce)
  • Buste de Rodin (versión en xeso, versión en bronce)
  • Vertumne et pomone (mármore)
  • La vague (ónix e bronce)
  • Profonde pensée (bronce)
  • Profonde pensée (mármore)
  • La jeune fille à la gerbe (bronce)
  • Sakountala (arxila)
  • L'abandon (bronce)
  • La niobide blessée (bronce)
  • Jeune femme aux yeux clos (arxila ?)

No Museo Albert-André, en Bagnols-sur-Cèze

  • L'implorante (bronce)

No Museo Dubois-Boucher de Nogent-sur-Seine (Aube)

  • Persée et la Gorgone

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Museo Rodin. «Cronología de Auguste Rodin». Consultado o 23 de xaneiro de 2013.
  2. Museo de Orsay. «Camille Claudel, La edad madura». Consultado o 23 de xaneiro de 2013.
  3. Manuel Vicent, El País (3 de abril de 2010). «El beso de mármol de Camille Claudel». Consultado o 23 de xaneiro de 2013.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]