Calleiro (sobremesa)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Calleiro
NomeCalleiro
TipoDoce
IngredientesLeite, pan seco, azucre, ovos e especias.

Mixtura gallega (con música mixturada)
[...]
-Dime tí Miña Marica,
¿cómo se fai este guiso?
-Pra facelo, miña xoya,
pouca cousa che é preciso.
Media tarteira
de leite
de vaca,
con ovos
batidos
y-anacos
de pan;
botádelle
azucre
con pasas e figos,
almendras
tostadas
y-un poco
de sal.
Manteca de vaca
(de cocho é millor)
e bótalle raspas
de verde limón.
Un pau de canela,
uns poucos piñóns,
y-o forno con ela,
e san s'acabou.
COCHIFITO.

Picadillo, La Cocina Práctica, 1905.[1]

O calleiro,[2] vincha,[3] ou bandullo,[4] é unha sobremesa tradicional galega elaborada basicamente con leite, pan seco, azucre, ovos e especias.[3][2][5]

Unha receita semellante ó calleiro, chamada mixtura gallega, xa aparece publicada no libro de La cocina práctica de Picadillo en 1905.[1]

No concello de Cerdedo celebrouse dende o ano 2000 ó 2011 unha festa da vincha para dar a coñecer esta sobremesa.[6][7]

Denominacións[editar | editar a fonte]

O seu nome ven do calleiro, o estómago do porco, a vincha, a vexiga de diferentes animais, ou o bandullo, o maior dos estómagos dos ruminantes,[8] que eran utilizados como recipiente ou molde para a súa preparación.[2][9]

Esta sobremesa é popular en moitas partes de Galicia con diferentes denominacións e pequenas variacións nos ingredientes en cada unha delas. É coñecido como calleiro na zona de Noia, Lousame, Fisterra, Cee e Vimianzo,[5][2][9][10] vincha, bandullo ou budín de voda na provincia de Pontevedra, bandullo tamén na zona da Ulla, tripón doce na zona de Sober, buchelo na montaña oriental de Lugo e mestura galega en Lugo.[11] Noutros sitios é denominado budín de miolo, morcilla doce, cando se fai no intestino groso en vez do calleiro, ou buxo na vexiga, como é mencionado por Álvaro Cunqueiro en La cocina gallega, ou simplemente vexiga, enchido ou tripón.[12][11][13]

Características[editar | editar a fonte]

O calleiro é moi semellante a un pudin de pan.[14] Os seus ingredientes básicos son: o leite, o pan seco, o azucre e os ovos. A estes ingredientes básicos engádense unha gran variedade de elementos. En moitas zonas bótanselle pasas, améndoas, figos pasos, castañas cocidas, mazá, noces, manteiga, pingo, pexegos pasos ou piñóns, pero en cada unha delas, ou incluso en cada casa, engádense outros aromatizantes como nébeda, caldo de ósos, canela, cravo, noz moscada, mel, comiño, anís, licores (augardente, anís, coñac, Xerez ou ron), cebola ou reladura de limón.[10][2][15][11][16][17][9][5]

Nalgunhas zonas é unha sobremesa típica do entroido.[3][9][11]

Elaboración[editar | editar a fonte]

Córtase o pan duro en anacos e móllase no leite morno para que ablande. Desfaise todo o posible cun garfo ata que se faga unha especie de masa. Logo hai que engadir a manteiga derretida, o azucre, o sal e as especias que se queiran achegar, despois reméxese ben todo. Engádense os ovos batidos e mestúranse tamén coa masa. Despois hai que engadir a fariña e remexer de novo procurando que quede a masa ben homoxénea. Poden engadirse tamén o resto de ingredientes para dar o sabor característico de cada lugar, mesturándoos ben coa masa.[14][18]

Prepárase un molde untado con manteiga e fariña, nalgúns sitios faise con caramelo, e bótase a masa nel. Logo cócese no forno.[14][18]

Etnografía[editar | editar a fonte]

  • O Pedro Peres e máis o bandullo, / fan unha festa no cabo do mundo.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 La cocina práctica / Manuel Mª Puga y Parga (Picadillo), páxina 451(en castelán)
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Sabes o que é o calleiro? Come a Comarca, TVG, 02/06/2020.
  3. 3,0 3,1 3,2 Carballeira Anllo, Xosé Mª (coord.); Ares Vázquez, Carme; Hermida Gulías, Carme; Iglesias Sierra, Primitivo; Lema Suárez, Xosé Mª; López Fernández, Rosa (2009). "vincha". Gran Dicionario Xerais da Lingua 2. Xosé Cid Cabido (edición). Vigo: Galaxia. p. 1157. ISBN 9788499140704. 
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para bandullo.
  5. 5,0 5,1 5,2 10 dulces de la respostería tradicional gallega que desconocías(en castelán)
  6. La Festa da Vincha de Cerdedo celebra sus 10 años de historia con una concurrida edición (en castelán)
  7. La Festa da Vincha desaparece al dar por cumplido su objetivo (en castelán)
  8. Definición de bandullo no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 VINCHAS, BANDULLOS... Y CALLEIROS(en castelán)
  10. 10,0 10,1 A que sabe o galego en Vimianzo?
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 El pudin gallego: bandullo o vincha(en castelán)
  12. Unha ducia de doces de Entroido, Carmela S. Arines, Praza.gal
  13. Nalgunhas fontes antigas tamén se usa a denominación bincha, pero o Gran Dicionario Xerais da Lingua indica que é unha forma incorrecta de vincha.
  14. 14,0 14,1 14,2 Bandullo: receta de pudin de pan típico de Galicia en carnaval
  15. Vincha de Cerdedo
  16. Calleiro, na páxina web Sabe que alimenta.
  17. Aquí la Tierra- ¿Que es un calleiro?, 26 de novembro de 2015, TVE.(en castelán)
  18. 18,0 18,1 García, Mariano, Casalderrey, Fina (1999). Repostería en Galicia. Edicións Xerais de Galicia. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]