Céphas Bansah

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Céphas Bansah
Xefe de desenvolvemento (Ngoryifia) de Hohoe
Bansah asinando unha tarxeta dun suposto reino de Hohoe

ReinadoDesde 1992
Coroación16 de abril de 1992
Nome completoNgoryifia Céphas Kosi Bansah
Nacemento22 de abril de 1948 (76 anos)
Hohoe Ghana Ghana
PredecesorAvó paterno
Cónxuxe/sGabriele Jung
DescendenciaKatharina e Carlo

Escudo de Céphas Bansah
Na rede
http://koenig-bansah.de
IMDB: nm2033426 Editar o valor em Wikidata

Céphas Bansah (nome completo: Ngoryifia Céphas Kosi Bansah), nado na rexión de Volta, República de Ghana, o 22 de abril de 1948, é ngoryifia ("xefe de desenvolvemento") de Hohoe que se autotitula como rei (togbe). Reside en Alemaña axudando economicamente o seu pobo.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Xuventude e formación[editar | editar a fonte]

Céphas Bansah naceu en Hohoe, na rexión ghanesa de Volta, onde decorreu a súa infancia. Aos 22 anos visitou por primeira vez Alemaña, en 1970, durante un programa de intercambio de estudantes. Nese país formouse na empresa Paul Schweitzer, en Ludwigshafen am Rhein, no land de Renania-Palatinado, onde obtivo dous certificados profesionais, un como mecánico de maquinaria agrícola e outro como mecánico de vehículos. Tamén practicou boxeo no seu tempo libre, e en 1975 converteuse no campión de peso mosca do distrito.[2]

O seu avó foi quen tivo a idea de educalo en Alemaña. Marchou para Bonn co fin de se formar en mecánica e logo decidiu estudar para ser mestre. Desde entón formou 14 mecánicos.[3]

Nomeamento[editar | editar a fonte]

En 1987, á morte do seu avó, que era o anterior xefe, Céphas Bansah foi elixido para sucedelo, a instigación do togbega Gabelu IV na esperanza de lograr mellor desenvolvemento económico para a zona[4]. A cerimonia de coroación tivo lugar o 16 de abril de 1992. Malia as súas novas responsabilidades, Céphas Bansah decidiu seguir vivindo en Alemaña, onde sentiu que podía facer máis para axudar o seu pobo. Tras a súa formación e o seu labor docente, pasou a dirixir o seu propio taller en Ludwigshafen, desde onde mantén un contacto regular coa súa familia en Ghana, ademais de visitala un par de veces ao ano.[5]

Conéctase todos os días co seu pobo por Skype, logo de terminar a súa xornada como mecánico. A través de Internet conversa cos seus súbditos, dálles discursos e reúnese cos líderes locais.[6]

Axuda ao desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Un dos empeños de Céphas Bansah desde que asumiu o cargo foi consegir apoio económico e doazóns para o desenvolvemento do seu pobo. De camiño fundou unha organización sen ánimo de lucro para recadar fondos para este fin. En Ludwigshafen logrou, a través das súas boas relacións con diversos empresarios, recoller contedores cheos con bombas de auga e tubaxes, que foron enviados a Ghana e serven para abastecer moitos fogares con auga potable limpa.[7]

En posteriores envíos fixéronse chegar postes de electricidade e unha nova campá de para a Igrexa Evanxélica Presbiteriana de Hohoe. O hospital da cidade, que estaba mal equipado, mellorouse moito grazas ás súas doazóns de equipamentos médicos, cadeiras de rodas e ambulancias, e á colaboración de 22 médicos alemáns. Tamén supervisou a reconstrución dunha nova ponte sobre o río Dayi.

En total lévanse construídas cinco pontes e catro escolas. En 2015 atopábase realizando unha colecta para construír unha escola técnica. Bansah considera as actividades técnicas e artesanais fundamentais para o desenvolvemento de Ghana; por ese motivo, dálles prioridade ás escolas de oficios das ramas de carpintaría, mecánica e téxtil.

Ademais das campañas e as doazóns, Bansah tamén vende artigos de merchandising do seu reino, como camisetas, obxectos de artesanía, bolsos, lentes e outros artigos coa súa imaxe.

Debido a todo iso Bansah converteuse nunha celebridade local e aparece adoito nos medios de comunicación.[8]

Entrada da súa casa en Ludwigshafen, Alemaña

Ademais destas iniciativas, Bansah produciu e sacou ao mercado seis CD coas súas cancións, entre as que se inclúe unha versión de O Tannenbaum no seu idioma materno, a lingua ewe, e unha canción especialmente composta para a Copa do Mundo de 2006.

Controversia[editar | editar a fonte]

A finais de novembro de 2014, Bansah denunciou á policía alemá que, na súa ausencia, uns ladróns irromperon na súa casa e roubaron obxectos con valor de 20.000 euros, entre os que se incluían as súas catro coroas de ouro.[9]

En xaneiro de 2018 algúns medios de comunicación españois ironizaron sobre a posibilidade de que Céphas Bansah servise de inspiración para Carles Puigdemont, logo de que este fose proposto para a presidencia da Generalitat de Cataluña polo presidente do Parlamento catalán, Roger Torrent, tendo en conta a situación de Puigdemont como prófugo da xustiza e coa súa residencia establecida na cidade belga de Bruxelas, o que o obrigaría a exercer o seu cargo a distancia.[10][11][12]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Está casado cunha muller de nacionalidade alemá, Gabrielle, e ten dous fillos, Katharina e Carlo. O seu fillo, ao que considera herdeiro ao trono, estuda dirección de banca na universidade, ao tempo que cumpre as súas funcións de príncipe. En canto á súa relixión, é presbiteriano e tamén practica o vudú.[13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Ewe King who rules from Germany via Skype robbed". En GhanaWeb (en inglés)
  2. "Wir Afrikaner Haben Alle Unseren Computer Im Kopf". En Koenig-basah.de (en alemán)
  3. "La insólita vida del rey africano que gobierna vía Skype Arquivado 28 de xaneiro de 2018 en Wayback Machine.". En Perfil. 10 de abril de 2015 (en castelán)
  4. Marijke Steegstra (2012). "Becoming ‘real African kings & queens’: Chieftaincy, culture, & tourism in Ghana". En W. E. A. van Beek, Annette M. Schmidt. African Hosts & Their Guests: Cultural Dynamics of Tourism. Boydell & Brewer. p. 268. 
  5. "Herrscher im Overall. Automechaniker in Deutschland, Regent in Ghana". En NZZFolio (en alemán)
  6. "El rey africano que gobierna desde Alemania por Skype". En BBC. 7 de abril de 2015 (en castelán)
  7. "König Bansah kümmert sich um sein Volk in Ghana". En Charity Label (en alemán)
  8. "Un rey africano vive en Alemania y gobierna a sus súbditos por Skype". RT (en castelán)
  9. "African king who rules his people by Skype has ‘four crowns stolen’". En RT (en inglés)
  10. "Cefas Bansah, el rey que gobierna a 300.000 ghaneses por Skype e «inspira» a Puigdemont". En ABC. 22 de xaneiro de 2018 (en castelán)
  11. "Un rey africano con tribu y Skype, el modelo a seguir por Puigdemont". En Somatemps (en castelán)
  12. "El 'Puigdemont negro' que gobierna en Ghana desde Alemania: 'Yo voy cada tres meses, él no podrá'". En El Español - Reportajes (en castelán)
  13. "König aus Ghana kommt zum BonbonBall". En ORF. 13 de xaneiro de 2008 (en alemán)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]