Avión de carga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Antonov An-225 Mriya

Un avión de carga é unha aeronave de á fixa deseñado ou convertido para o transporte de mercadorías en vez de pasaxeiros. Este tipo de avións non incorporan instalacións para pasaxe e normalmente teñen unha ou máis portas grandes para introducir a carga. Os cargueiros poden ser operados por aeroliñas civís de pasaxeiros ou carga, por particulares ou polas forzas armadas de países.

Os avións deseñados para o transporte de carga teñen normalmente características que os distinguen de avións de pasaxeiros normais, como poden ser unha sección transversal da fuselaxe ancha ou alta, unha á alta para permitir que a zona de carga estea máis preto do chan, numerosas rodas para permitirlle aterrar en pistas non preparadas, e unha cola alta para facilitar o proceso de carga.

Segundo o World Air Cargo Forecast, un informe bienal de Boeing sobre o mercado da carga aérea mundial, en 2021 menos do 1% da carga mundial foi transportada por vía aérea, pero esta representaba o 35% do valor de todas os bens enviados a nivel mundial. O informe tamén apuntaba a un aumento da frota mundial de avións de carga nuns 1 600 aparellos ata o ano 2041.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Vickers Vernon

Xa no ano 1911 os avións comezaron a transportar carga en forma de correo. Aínda que os primeiros avións non foron deseñados principalmente para o transporte de mercadorías, cara mediados dos anos 1920 algúns fabricantes estaban deseñando e fabricando avións dedicados a carga.

No Reino Unido, a principios da década de 1920, recoñeceuse a necesidade dun avión de carga para transportar rapidamente tropas e material para pacificar revoltas tribais nos novos territorios ocupados de Oriente Medio. O Vickers Vernon, un desenvolvemento do Vickers Vimy Commercial, entrou en servizo coa Royal Air Force como primeiro transporte de tropas dedicado en 1921. En febreiro de 1923 o avión comezou a ser usado polo Iraq Command da RAF, levando a case 500 soldados sikh de Kingarban a Kirkuk na primeira ponte aérea estratéxica da historia.[2][3] Os Vickers Victoria xogaron un papel importante na ponte aérea de Cabul de 1928-929, cando evacuaron o persoal diplomático e os seus dependentes xunto con membros da familia real afgá que estaba en perigo de desaparecer por mor dunha guerra civil.[4] Os Victoria tamén abriron o camiño ás rutas dos avións de pasaxeiros Handley Page HP.42 de Imperial Airways.[5]

O Arado Ar 232, un deseño alemán da segunda guerra mundial, foi o primeiro avión de carga deseñado para ese propósito. O Ar 232 pensouse para substituír as anteriores conversións de carga do Junkers Ju 52, pero só chegaron a construírse unhas poucas unidades. A meirande parte das outras forzas usaron versión de carga de avións de pasaxeiros, destacando o C-47 Skytrain, versión do Douglas DC-3, que operou con practicamente todas as nacións aliadas. Unha importante innovación para futuros avións de carga introduciuse en 1939 cos quinto e sexto prototipos do transporte militar catrimotor Junkers Ju 90, a rampla de carga traseira. Este aparello, como a maioría do seu tempo, tiña un tren de aterraxe de cola que causaba que o avión tivese unha decidida inclinación cara a atrás cando estaba en terra. Eses avións introduciron o Trapoklappe, unha potente rampla/elevador hidráulico cunha escaleira de persoal centrada entre as ramplas para as rodas dos vehículos, que elevaba a parte traseira do avión e facilitaba a carga.[6] Unha rampla traseira de carga apareceu nunha forma algo distinta no bimotor con tren de triciclo Budd RB-1 Conestoga, un avión de carga estadounidense introducido en 1944.

C-130 Hercules da forza aérea sueca

A Europa de posguerra tamén xogou un papel importante no desenvolvemento do transporte aéreo moderno. Foi durante a ponte aérea de Berlín, unha das primeiras grandes crises da guerra fría, cando Occidente realizou unha masiva mobilización de avións para abastecer a Berlín Occidental de subministracións e alimentos, nunha ponte aérea virtual durante todo o día, despois de que a Unión Soviética pechase e bloquease as conexións terrestres de Berlín cara ao oeste. Para satisfacer rapidamente a demanda de avións puxéronse en servizo modelos antigos, especialmente o Douglas C-47 Skytrain. En funcionamento descubriuse que levaba tanto ou máis tempo descargar estes deseños máis antigos como o moito máis grande Douglas C-54 Skymaster con tren de triciclo, no que era máis fácil moverse cando estaba en terra. Os C-47 foron retirados rapidamente do servizo, e a partir de entón as cubertas chas foron un requirimento en todos os deseños de novos avións de carga.

Nos anos posteriores á guerra introducíronse varios novos deseños de avións de carga feitos a medida, a miúdo con algunhas características "experimentais". Por exemplo, o estadounidense Fairchild C-82 Packet tiña unha zona de carga extraíble, mentres que o Fairchild C-123 Provider introduciu a agora común cola levantada para permitir unha rampla de carga maior. Pero sería a introdución do motor turbohélice o que permitiu á clase madurar, e xa un dos seus primeiros exemplos, o Lockheed C-130 Hercules, segue sendo o criterio co que se miden os novos deseños de avións de transporte militar. Aínda que ao longo dos anos apareceron modelos máis grandes, máis pequenos e máis rápidos, o C-130 continua mellorándose e aínda é fabricado.

Os avións de carga "estratéxicos" convertéronse nunha importante clase propia de cargueiros, comezando polo Lockheed C-5 Galaxy nos anos 60 e por unha serie de deseños soviéticos dos anos 70 e 80, culminando no Antonov An-225, o avión máis grande do mundo. Eses deseños ofrecen a habilidade de transportar cargas pesadas, incluso carros de combate principais, a moi longas distancias. O Boeing 747 deseñouse orixinalmente para a mesma especificación que o C-5, pero posteriormente foi modificado cara a un deseño que puidese ofrecer versións tanto para pasaxeiros como para carga.

Cando se anunciou o Airbus A380, o fabricante aceptou orixinalmente pedidos para a versión de carga A380F, ofrecendo a segunda maior capacidade de carga, superado tan só polo An-225.[7] Un consultor aeroespacial estimou que o A380F tería un 7% máis carga útil e mellor alcance que o 747-8F, pero tamén custos máis altos de viaxe. En maio de 2020 a aeroliña portuguesa Hi Fly comezou a realizar voos chárter de carga cun A380, levando subministracións médicas da China a distintas partes do mundo en resposta á pandemia de Covid-19.[8] O avión podía levar uns 320 m3 de carga entre as tres cubertas.[9] En novembro de 2020 Emirates comezou a ofrecer un A380 "mini-cargueiro", que podía levar 50 toneladas de carga no ventre.[10][11]

Tipos[editar | editar a fonte]

Avións de carga dedicados[editar | editar a fonte]

Airbus A400M do Exército do Aire de España

Estes son avións deseñados dende o principio como avións puramente de carga. As súas formas e tamaños están optimizados para a carga, transporte e descarga de mercadorías. A meirande parte dos avións deseñados para estas tarefas son transportes militares, como o Lockheed C-130 Hercules, o Boeing C-17 Globemaster III, o Airbus A400M, ou a familia de cargueiros pesados de Antonov. Algúns destes chegaron a ter tamén versións ou usos civís, como Lockheed L-100 derivado do Hercules.[12]

Variantes[editar | editar a fonte]

Trátase de versións de carga dun avión de pasaxeiros. Foron orixinalmente deseñados para transportar pasaxe, pero fabrícanse xa como avións de carga co equipamento necesario para este traballo.[12]

Conversións[editar | editar a fonte]

Moitos modelos poden converterse de avión de pasaxeiros a avión de carga con relativamente poucos cambios, como son a instalación dunha porta de carga para a cuberta principal, o reforzo das trabes para cargas, e a substitución do equipamento destinado a pasaxe por novos revestimentos, teitos ou chans. Esta solución é bastante máis barata que a de mercar un avión de carga novo.[13] Equipos especiais de enxeñería rivalizan con Airbus e Boeing, e converten avións de pasaxeiros dándolles unha cantos anos máis de vida.

Un xeito de saber se un avión é unha variante ou unha conversión dun de pasaxeiros e polas fiestras. As variantes fabrícanse xa sen elas, resultando a súa produción moito máis barata, mentres que as conversións conservan as fiestras cos cristais substituídos por paneis.[12]

Combinados[editar | editar a fonte]

Boeing 737 Combi de Alaska Airlines

Os avións combinados ou "combi", como adoitan a ser coñecidos, teñen unha configuración que lles permite levar pasaxeiros e carga en contedores. A cabina de pasaxeiros está partida en dúas partes para permitir o transporte de pasaxeiros e carga ao mesmo tempo.

Os primeiros avións combi foron sete Douglas DC-7CF operados por Northwest Orient a partir de 1957. Nos anos seguintes este tipos de avións fixéronse relativamente populares e xurdiron varios novos modelos combinados a partir de modelos de avións de pasaxeiros normais. As dúas aeroliñas que máis apostaron por este tipo de aparellos foron a estadounidense Alaska Airlines, que operou Boeing 737-400 con esta configuración ata 2017,[12] e a neerlandesa KLM, que utilizou Boeing 747 ata 2021.[14]

Quick Change[editar | editar a fonte]

Un avión Quick Change (cambio rápido), é un avión que pode pasar dunha configuración de pasaxeiros a unha de carga dunha forma rápida. Estes aparellos poden utilizarse para transportar pasaxeiros durante o día e carga durante a noite. Os asentos e as instalacións para pasaxe, como as cociñas, están instaladas en palés para facilitar e acelerar a súa montaxe e desmontaxe.[15]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "World Air Cargo Forecast 2022–2041" (PDF). Boeing. Consultado o 20 de xuño de 2023. 
  2. Wragg, David W. (1986). Airlift: a history of military air transport. Shrewsbury: Airlife. p. 13. ISBN 978-0-906393-61-1. 
  3. Johnson, Brian; Cozens, H. I. (1984). Bombers: Brian Johnson and H. I. Cozens ; The weapon of total war. London: Methuen. p. 38. ISBN 978-0-423-00630-8. 
  4. Andrews e Morgan 1988, pp. 158-159
  5. Andrews e Morgan 1988, p. 157
  6. Kay, Antony L.; Couper, Paul (2004). Junkers aircraft and engines 1913 - 1945 (1st publ ed.). London: Putnam Aeronautical Books. ISBN 978-0-85177-985-0. 
  7. "Specifications Airbus A380F". web.archive.org. 2010-06-30. Archived from the original on 30 de xuño de 2010. Consultado o 2023-06-25. 
  8. "Hi Fly converts A380 for cargo use". Business Traveller (en inglés). Consultado o 2023-06-25. 
  9. "Hi Fly converts A380 to meet cargo demands during covid-19 crisis". Hi Fly (en inglés). Consultado o 2023-06-25. 
  10. "Emirates SkyCargo introduces Airbus A380 ‘mini-freighter’ charter operations". Emirates SkyCargo (en inglés). Consultado o 2023-06-25. 
  11. "Emirates SkyCargo introduces A380 ‘mini-freighter’ - AeroTime" (en inglés). 2020-11-11. Consultado o 2023-06-25. 
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 H, Ken (2022-03-26). "Anatomy of a Freighter". AeroSavvy (en inglés). Consultado o 2023-06-20. 
  13. "What's The Difference Between Passenger & Cargo Aircraft?". Simple Flying (en inglés). 2020-08-06. Consultado o 2023-06-25. 
  14. "The Rise And Fall Of Combi Mixed Cargo/Passenger Aircraft". Simple Flying (en inglés). 2021-09-28. Consultado o 2023-06-23. 
  15. Case, Steve (2020-04-10). "What Are Airlines Up To? See How They Are Converting To Cargo.". Travel Codex (en inglés). Consultado o 2023-06-23. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Andrews, Charles Ferdinand, ed. (1969). Vickers aircraft since 1908. Aeronautical books (1. publ ed.). Londres: Putnam. ISBN 978-0-370-00005-3.