Saltar ao contido

Arredor de si

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Arredor de si
Detalle da capa da ed. orixinal.
Título orixinalArredor de si
Autor/aRamón Otero Pedrayo
OrixeGalicia
Linguagalego
Xénero(s)Novela
Editorialeditorial Nós
Data de pub.1930
Páxinas153
editar datos en Wikidata ]

Arredor de si é unha novela escrita por Ramón Otero Pedrayo, publicada en 1930 pola Editorial Nós.[1]

Conta a historia de Adrián Solovio, que inicia unha viaxe chea de dúbidas e incertezas existenciais; declárase nun primeiro momento antigaleguista, o que o conduce a un cambio de actitude e á procura da súa propia identidade despois da longa viaxe que fai. Comeza o seu camiño en Madrid e pasa por varias cidades castelás até que recibe a nova da mala saúde do seu tío Bernaldo e decide volver a Galiza. Adrián ten agora máis dúbidas que no inicio a respecto da súa identidade, mais esta vez non teñen que ver coa súa posición individualista e de inadaptado, senón da propia afirmación como galego, membro dun conxunto claramente diferenciado.

Despois da morte do tío Bernaldo inicia unha viaxe por Europa visitando París e Berlín. Cae entón na conta de que Galiza é por si mesma tradición e cultura e que, ao igual que esas cidades europeas, tamén ten identidade propia grazas a iso. É nese intre cando Adrián decide volver á súa terra para loitar por ela e conseguir que ocupe o lugar que merece.

Otero Pedrayo en 1928.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

Arredor de si está organizada en quince capítulos. Posúe unha estrutura basicamente alterna, até o décimo capítulo, nos feitos argumentais e no xogo de espazos de Galiza e de fóra de Galiza (Madrid, Toledo, Francia, Alemaña...). Polo tanto, hai unha alternancia entre os capítulos que se refiren a un presente vivido, que se desenvolven fóra de Galiza e que teñen como función achegar novas experiencias, e aqueles de tipo retrospectivo, que se desenvolven en Galiza, en concreto na aldea miñota en que vive a familia de Adrián e posúen a función de enlazar as novas experiencias coas raíces. Ao mesmo tempo, no oitavo capítulo insírese o relato "Nosa Señora das Labercas".

Nos cinco últimos capítulos rómpese a alternancia en que se realiza unha oposición entre o mundo rural e o urbano que ten unha funcionalidade de afastamento fronte á aproximación que protagoniza Adrián Solovio. Así pois, a partir do décimo capítulo e, en concreto, até o capítulo XIII, o espazo narrativo está situado en escenarios europeos: París, Alemaña, Bélxica, Anveres. No XIV relátase a viaxe de regreso a Galiza por mar (A Coruña, Ordes, Santiago de Compostela e, finalmente, a aldea do protagonista), e xa no último, o espazo é totalmente galego. Deste xeito, nos cinco últimos capítulos rómpese a alternancia antes mencionada, en que se realiza unha oposición entre o mundo rural e o urbano que ten unha funcionalidade de afastamento fronte á aproximación que protagoniza Adrián Solovio.

Espazo e tempo

[editar | editar a fonte]

O tempo narrativo da novela é o da viaxe que realiza Adrián, que é unha viaxe na procura da propia identidade, primeiro en Madrid e na cultura española, e logo en Europa nun cosmopolitismo falaz. Finalmente, consegue a realización humana e atopa a súa identidade volvendo ás súas raíces galegas. Porén, no último capítulo, súmase ao tempo da viaxe o tempo das vivencias de Adrián na súa terra como home e intelectual identificado con Galiza. Á súa vez, a respecto do tempo histórico, toda a trama se sitúa a comezos do século XX.

Narración

[editar | editar a fonte]

A obra está contada por un narrador heterodiexético, mais tamén pode ser considerado como un monólogo interior, pois toda a historia xira en torno ás reflexións de Adrián. A maior parte do texto é discursiva e non narrativa, debido á realización da viaxe interior do protagonista. É un relato en terceira persoa, unha especie de "caderno de notas" do protagonista-narrador que fala de si en terceira persoa. A novela caracterízase pola ausencia de diálogo e de acción novelesca, polas numerosas citacións e referencias (escritores, pintores, músicos, filósofos) e pola utilización da paisaxe como trasunto das situacións e da psicoloxía das personaxes.

Personaxes

[editar | editar a fonte]

Otero Pedrayo crea unha novela de personaxe máis que de personaxes, no sentido de que todas, agás o protagonista Adrián Solovio, teñen unha función secundaria de fondo contrastivo, e existen na medida que teñan utilidade no relato do proceso de conversión de Adrián. Deste xeito, Adrián é o heroe modelo: un señorito fidalgo que ten arredor de 30 anos, representado unicamente polo valor espiritual, que supón a descuberta de Galiza realizada desde a propia identidade; así, créase unha especie de heroe nacionalista como referencia ética.

Don Bernaldo, crego e tío de Adrián, é a personaxe secundaria máis importante; na súa figura conxuga a tradición ilustrada do século XIX de Galiza. Pola súa parte, a nai do protagonista, Dona María, supón o apego á terra. A Marquesa de Portocelos é un exemplo de cosmopolitismo e certo decadentismo ao que renuncia o protagonista. Por último, Xacobe, irmán de Adrián, é a súa contrafigura, xa que se caracteriza por un espírito deportivo e por un sentido práctico en relación aos bens materiais e, á súa vez, representa o progreso e a modernidade, fronte á espiritualidade de Adrián.

Crítica e recepción

[editar | editar a fonte]

Tradicionalmente, Arredor de si foi interpretada como a aventura espiritual que levou á conversión ao galeguismo da Xeración Nós, da cal forma parte Otero Pedrayo. Pois, Adrián, do mesmo xeito que os homes de Nós, acabará descubrindo que a súa identidade está no seu propio país e non fóra del. Neste sentido, é moi significativa a petición por parte do seu tío de que lle leve ao leito de morte á Carta Xeométrica de Galicia de Domingo Fontán, o que cobra moita importancia, posto que se representa visualmente o concepto de nación, faise unha exaltación do propio e hai un sentimento de pertenza a un mesmo colectivo.

Este é un proceso dificultoso e complexo por estarmos inseridos nunha cultura non normalizada, negada desde as esferas sociais. O propio Vicente Risco no seu ensaio Nós, os inadaptados alude á novela de Pedrayo como un exemplo representativo desta evolución. A novela de Otero é considerada como unha novela de autoformación, no sentido en que implica un proceso de autocoñecemento e unha resolución dos conflitos interiores da personaxe principal.

Dentro da narrativa do autor, é unha das obras que tivo maior proxección en canto á recepción crítica, xunto c' Os camiños da vida. No subgrupo das novelas psicolóxicas do autor é a máis característica e a mellor valorada polos críticos literarios.

Edicións

[editar | editar a fonte]

Arredor de si saíu do prelo por primeira vez en 1930; editado por Nós na Coruña baixo a dirección de Ánxel Casal. Volveuse publicar en 1970 pola editorial Galaxia en Vigo. Foi reeditada na colección narrativa cun estudo introdutorio de Inma e Manuel García Sendón. Levou o número 20 na Biblioteca Galega 120. Fíxose unha nova edición en 2004 na Biblioteca Otero Pedrayo, reimpresa en 2008.

Editouse nun período histórico de gran relevancia en que a evolución do movemento creado polas Irmandades da Fala levaría á creación dunha estrutura política, o Partido Galeguista, que pretende satisfacer a necesidade dun novo marco político para a Galicia. Este compromiso veríase reflectido na elaboración do Estatuto de autonomía de Galicia de 1936, que visaba proporcionar ao país un novo lugar dentro de España.

Traducións

[editar | editar a fonte]

Ao inglés en dúas ocasións por Kathleen March. A primeira co título de The World Around Us publicada en 1995 por Peter Lang Press[2] e a segunda co título de Circling publicada en 2007 por Noitarenga.[3]

  1. Os libros de Ánxel Casal
  2. "Perfil do libro en Bitraga". Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2018. Consultado o 15 de marzo de 2018. 
  3. "Perfil do libro en Bitraga". Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2018. Consultado o 15 de marzo de 2018. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]