Noitarenga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Noitarenga
Tipoeditorial
Data de fundación1995
SedeSantiago de Compostela
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]

Noitarenga foi unha empresa editorial galega, activa entre 1995 e xuño de 2005.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi fundada en Santiago de Compostela por Luis Martul Tobío e Emilio Araújo Iglesias, co obxectivo fundacional de traducir ao galego aquelas obras de pensamento político, filosófico e artístico de carácter minoritario pola súa natureza anovadora. A súa intención declarada foi dar a coñecer autores e obras que incidisen no eido artístico-cultural galego, na esperanza de que axudasen a transformar as súas prácticas. Foi unha editorial que non contou con ningunha infraestrutura organizativa, os seus únicos empregados foron os fundadores.

Nos primeiros anos as obras de pensamento foron traducidas en completa colaboración por ambos integrantes de Noitarenga e inclúen varios títulos de Alain Badiou (Arredor da cuestión nacional (1995), Mundo contemporáneo e desexo de filosofía (1995), Alain Badiou, A Ética. Ensaio sobre a conciencia do mal (1995), Beckett. O incansable desexo (1997)), François Regnault (Espectador e actor (1995)) e Natacha Michel (ABNM (1997)).

Despois de transcorridos os primeiros tempos comeza a publicar no eido da creación unha diversidade de textos que abranguen títulos de autores novos, mais con obra xa coñecida: Chus Pato, A ponte das poldras; Manuel Outeiriño, Letras vencidas (1999), ou principiantes: Emilio Araúxo, Cinsa do vento (1996), As chairas da letra (1998), Pois (1998), ou Aquí (1998), de Hilde Domin (traducida por Sabela López e Silvia Montero), así como as entrevistas Dos soños teimosos, de Uxío Novoneyra, levadas a cabo por Emilio Araúxo.

No ano 1999 Noitarenga quedou baixo a exclusiva dirección de Luis Martul ao deixar de colaborar Emilio Araúxo como consecuencia de diferenzas na orientación das publicacións. A partir deste intre hai unha recuperación dos obxectivos orixinais e saen do prelo nesta etapa títulos no campo do pensamento como:

  • Alain Badiou, Para unha nova teoría do suxeito (2000).
  • Colectivo J. Agirre, Euskal Herría. Lugar do acontecimento (2002).
  • Alain Badiou, O retorno do mal (2002).
  • Sylvain Lazarus, Os tres reximes do século (2002).
  • Alain Badiou, A revolución cultural (2003).
  • Alain Badiou, Alén da formalización e outros textos (2005).

Engádense dous títulos á sección de poesía: Xabier López Marqués, Das paisaxes esquecidas (2003) e a tradución dunha colectánea de poemas do autor irlandés Pearse Hutchinson, Achnasheen. Corenta e catro poemas irlandeses (2003). Continúase a liña de textos teatrais coa incorporación de Roberto Salgueiro, Teatro nacional e nacionalismo. Váter (comedia claustrofóbica) (1999) e Alain Badiou, Ahmed alporízase. Comedia en catro movimentos (1999). Por último, seguindo a publicación anterior das traducións ao inglés de Lieders e Bluestockings, é dicir, As literatas, de Rosalía de Castro, sae do prelo a tradución a ese idioma da novela de Ramón Otero Pedrayo, Circling (Arredor de sí) (2005).

En xuño do 2005 a editorial cesou as súas actividades por dificultades económicas.