Saltar ao contido

Alcelaphus buselaphus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Alcelaphus buselaphus
Alcélafo busélafo / Alcélafo común

Alcélafo común no Ngorongoro, Tanzania
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Suborde: Ruminantia
Infraorde: Pecora
Familia: Bovidae
Subfamilia: Alcelaphinae
Tribo: Alcelaphini
Xénero: Alcelaphus
Especie: A. buselaphus
Nome binomial
Alcelaphus buselaphus
(Pallas, 1766)
Subespecies
Véxase o texto
Sinonimia
A. buselaphus cokii no cráter do Ngorongoro, Tanzania.

Alcelaphus buselaphus, coñecido vulgarmente como alcálafo busélafo ou alcélafo común, é unha especie de mamífero artiodáctilo ruminante da familia dos bóvidos, subfamilia dos alcelafinos e tribo dos alcelafininos, polo que é un parente próximo dos damaliscos, os ñus e o antílope de Hunter.

É un antílope de tamaño grande que antigamente habitaba nas chairas de todo o continente africano,[1] encontrándose desde Marrocos até o nordeste de Tanzania e, ao sur das selvas do Congo, desde o sur de Angola até Suráfrica. Porén o home reduciu a súa área de dispersión de forma drástica, mediante a caza, a destrución do seu hábitat e pola competencia co gando doméstico polos pastos.

Hai evidencias que fan supoñer que o alcélafo foi domesticado polos antigos exipcios e utilizado como animal para sacrificios.[2][3]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita por primeira vez en 1766 polo médico, zoólogo e botánico alemán Peter Simon Pallas na súa obra Miscellanea zoologica, quibus novæ imprimis atque obscuræ animalum species describuntur et observationibus iconibusque illustrantur, publicada na Haia, baixo o nome de Antilope buselaphus.[4]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome específico, buselaphus, está formado pola unión das voces do grego antigo βοῦς boûs, 'boi', 'touro', e ἔλαφος élaphos, 'cervo'.[5]

Unha complicada e discutida taxonomía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Alcelaphus.

Antilope buselaphus foi reclasificada dentro do xénero Alcelaphus, que creara en 1816 o naturalista francés Henri Marie Ducrotay de Blainville, na súa obra Prodrome d'une nouvelle distribution systématique du règne animal, publicada no Bulletin de la Société Philomatique de Paris, Vol. 8.

Moitos taxons incluíronse entre os sintipos de Antilope buselaphus Pallas, 1766 ao longo do tempo, polo que era necesaria a designación dun lectotipo. Até seis especies foron recoñecidas por autores antigos (Alcelaphus buselaphus, A. cokii, A. lelwel, A. major, A. swaynei, A. tora) foron asignadas a Alcelaphus buselaphus, pero, posteriormente, comprobáronse hibridacións entre algunhas delas (Ruxton & Schwarz, 1929).
Alcelaphus caama foi incluída máis tarde (Ellerman et al., 1953: 202), e tamén foi incluída A. lichtensteinii (Haltenorth, 1963: 102; Kingdon, 1997: 429) (aínda que algúns non a admiten).

As especies poden repartirse en dúas "divisións":

  • A denominada "división buselaphus" (incluíndo tamén A. major), e na división lelwel e
  • A "división tora" (incluíndo tamén A. cokii e A. swaynei) sobre a base da morfoloxía do cranio, pero datos da secuencia do citocromo b bucles de desprazamento (D-loop) do ADN suxiren unha estreita afinidade entre as divisións lelwel e tora (Flagstad et al., 2000).[6]

Subespecies

[editar | editar a fonte]

Segundo Mammal Species of the World (MSW), de Wilson & Reeder, o xénero Alcelaphus comprende na actualidade estas tres especies viventes:[7]

A. buselaphis cokii no P. N. do Serengeti, Tanzania.
Distribución das subespecies de A. buselaphus (segundo a UICN).

Sendo as subespecies admitidas dentro da especie:[4]

  • Especie Alcelapuhs buselaphus
    • Alcelapuhs buselaphus buselaphus
    • Alcelapuhs buselaphus cokii
    • Alcelapuhs buselaphus lelwel
    • Alcelapuhs buselaphus major
    • Alcelapuhs buselaphus swaynei
    • Alcelapuhs buselaphus tora

Esta clasificación é a admitida pola maioría das bases de datos de taxonomía.

Porén, segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), o xénero sería monoespecifico:[8]

Segundo a UICN, nesta única especie distínguense as seguintes oito subespecies:[8]

  • Alcelaphus buselaphus ssp. buselaphus
  • Alcelaphus buselaphus ssp. caama (admitida como especie Alcelaphus caama por MSW)
  • Alcelaphus buselaphus ssp. cokii
  • Alcelaphus buselaphus ssp. lelwel
  • Alcelaphus buselaphus ssp. lichtensteinii (admitida como especie Alcelaphus lichtensteinii por MSW)
  • Alcelaphus buselaphus ssp. major
  • Alcelaphus buselaphus ssp. swaynei
  • Alcelaphus buselaphus ssp. tora

A subespecie A. buselaphus buselaphus, o búbalo do norte de África, está hoxe extinguida.[8]

Características

[editar | editar a fonte]

As principais características do alcélafo son:[9]

  • Antílope grande co aspecto típìco dos alcelafinos: agullas ou cruz (articulacións das extremidades anteriores) moi altas, bastante máis que as ancas, e a cara —a miúdo longa e estreita— cunha aparencia ruda, pouco bovina.
  • Lonxitde corporal entre 1,5 a 2,4 m; altura na cruz de 1,2 a 1,5 m, e peso entre os 120 e os 200 kg.
  • Cabeza moi longa e estreita, coroada por unha especie de prolongamento no que se insiren os cornos, presentes en ambos os sexos, anelados, de até 70 cm de lonxitude.
  • Os cornos son moi variados en canto a forma e desenvolvemento se refire, dependendo das subespecies, cunha dupla curvatura, medrando primeiro cara a fóra ou cara a atrás, despois curvados cara a fóra, ou cara a adiante e cara a arriba e, finalmente, curvados abruptamente cara a atrás ou cara a arriba.
  • Coloración xeral do corpo case uniforme, variando desde unha cor parda amarelada areosa até unha avermellada brillante, máis intensa na metade do lombo, e máis clara nos cuartos traseiros.
  • As femias son similares aos machos, pero cos cornos máis delgados e usualmente de coloración máis pálida.

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

A especie vive en paraxes abertas e con matogueiras claras, particularmente en paisaxes onduladas; ás veces, en sabanas arboradas, pero nunca en bosques densos ou nos bordos subarbustivos do Sáhara.[9]

Antigamente o alcélafo habitaba en todas as chairas de case todo o continente africano,[1] encontrándose desde Marrocos até o nordeste de Tanzania e, ao sur da selva do Congo, dese o sur de Angola até Suráfrica. Porén, o home reduciu a súa área de dispersión de forma drástica, mediante a caza, a destrución do seu hábitat e debido á competencia co gando doméstico polos pastos. Hoxe en día vive só en partes de Botswana, Namibia, Etiopía, República Centroafricana, Sudán do Sur, Tanzania, Kenya e os sur de Angola.

Tolera ben as zonas de pasteiros altos e tamén encóntrase en zonas arbustivas en maior medida que outros alcélafos.[3]

Os alcélafos busélafos son animais sociais que habitualmente forman grupos de 4 a 15 individuos, ás veces até 30. Excepcionalmente poden congregasrse até 350 cabezas, e antigamente téñese rexistrado mandas de milleiros de animais. Na África Oriental asócianse a miúdo con cebras e ñus, como o fan outros antílopes, para detectaren mellor aos depredadore. Os machos vellos adoitan levar unha vida solitaria; os machos novos poden formar grupos só de machos solteiros. Cada grupo normal está formado por un macho dominante, as femias e as súas crías. A estrutura do grupo é a mesma durante todo o ano. O macho defende o seu territorio colocándose a miúdo nun lugar máis elevado para vixiar ao seu grupo e detectar a aproximación dalgún inimigo potencial.

Nalgunhas zonas os grupos despräzanse a grandes distancias segundo as estacións, pero alí onde a herba é adecuada e hai abundancia de auga, son os máis sedentarios de todos os grandes antílopes.[9]

Alimentación

[editar | editar a fonte]

Os alcélafos son de hábitos diúrnos e ocupan a mañá e o atardecer pastando. Prefieren as herbas secas e ralas, e a súa dieta é escasa en auga. Aliméntanse practicamente en forma exclusiva de herba.[3] Unha gran porcentaxe da súa alimentación durante a tempada húmida (outubro a maio) é herba, a cal nunca representa menos do 80 % da súa dieta.[10]

O alcéfalo busélafo é excepcionalmente tolerante ao alimento de baixa calidade, o cal probabelmente se debe ás características da súa mastigación. Polo tanto durante a tempada seca, cando se ve limitada a dispoñibilidade de pastos suculentos, pode alimentarse dos pastos máis secos.[11]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Alcanzan a madurez sexual aos 12 meses, pero alcanzan o seu peso máximo á idade de 4 anos. O período de xestación dura de 214 a 242 días.[12] A femia pare unha única cría, unha vez por ano.[2]

Poboación e status

[editar | editar a fonte]

En 1999 East estimou a poboación total de Alcelaphuis buselaphus nuns 362.000 animais (incluída a de A. b. lichtensteinii = Alcelaphus lichtensteinii). Porén, este total está claramente influído polo número de A. b. caama (Alcelaphus caama) que viven en Suráfrica, que East estimou nuns 130.000 individuos (co 40 % en terreos privados e o 25 % en áreas protexidas).[13]

En contraste, menos de 600 Alacelaphis busalaphis swaynei sobreviven en Etiopía, coa inmensa maioría da poboación no Santuario de Senkelle e no P. N. Mazie.[14]

As estimaciónes do tamaño das poboacións das subespecies restantes son: 36.000 Alcelaphus buselaphus major (máis do 95 % en áreas protexidas e nos seus arredores); 70.000 Alcelaphus buselaphus lelwel (cerca do 40 % en áreas protexidas); 3.500 Alcelaphus buselaphus cokii en Kenya (o 6 % en áreas protexidas e a maoría en granxas); 82.000 A. b. lichtensteinii e 42.000 A. b. cokii (ao redor do 70 % en áreas protexidas). O número de sobreviventes de A b. tora descoñécese, pero é probabel que sexa tan só duns centos de individuos.[8]

A. b. lelwel pode que sufrira un descenso importante desde os anos oitenta, cando o seu número total se estimaba que era de máis de 285.000, principalmente na República Centroafricana e no Sudán do Sur.[13] Recentes estudos realizados na estación seca estiman en 1.070 e 115 animais no P. N. do Sur e no P. N. Boma, respectivamente.[15] O último dato representa unha diminución significativa dos máis de 50.000 individuos estimados na tempada seca en 1980 por Fryxell.[8]

Tendo en conta estes datos, e tamén o feito de que a UICN considera, como quedou dito máis arriba, a Alcelaphus buselaphus como a única especie do xénero, esta institución considera o seu status como LC (pouco preocupante).[8]

  1. 1,0 1,1 Nowak, R. M. (ed.) (1991).
  2. 2,0 2,1 Kingdon, A. (1990): East African Mammals: An Atlas of Evolution in Africa Volume III Part D (Bovids). Chicago: University of Chicago Press
  3. 3,0 3,1 3,2 African Wildlife Foundation.
  4. 4,0 4,1 Wilson & Reeder (2005): Mammal Species of the World.
  5. Alcelaphus buselaphus; en Alcelaphus Arquivado 08 de marzo de 2016 en Wayback Machine. en Animlalia, Etymology of animal names.
  6. Alcelaphus buselaphus Arquivado 28 de outubro de 2014 en Wayback Machine. en Smithsonian. National Museum of History Natural. Datos tirados de Wilson & Reeder's Mammal Species of the World. 3rd Edition.
  7. Wilson, D. E., & Reeder, D. M. (editors) (2005): Mammal Species of the World — A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. ISBN 0-8018-8221-4.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 Alcelaphus buselaphus na Lista vermella da UICN.
  9. 9,0 9,1 9,2 Dorst, J. & Dandelot, P. (1973), pp. 222-223.
  10. Schuette, J.; D. Leslie Jr.; R. Lochmiller & J. Jenks. (1998): "Diets of Hartebeest and Roan Antelope in Burkina Faso: Support of the Long-Faced Hypothesis". Journal of Mammalogy 79 (2): 426-436.
  11. Murray, M. (1993): "Compariative nutrition of wildebeest, hartebeest and topi in the Serengeti. African Journal of Ecology 31 (2): 172-177.
  12. Hanák, Vladimír & Mazák, Vratislav (1991): Enciclopedia de los animales amíferos de todo el mundo. Madrid: Editorial Susaeta ISBN 84-305-1967-X.
  13. 13,0 13,1 East, R. (1999): African Antelope Database 1999. IUCN, Gland, Switzerland and Cambridge, UK.
  14. Refera, B. (2005): "Population status of Swayne’s hartebeest in Ethiopia". En: S. Monfort & T. Correll (eds.) Report of the Fifth Annual Sahelo-Saharan Interest Group Meeting.
  15. Fay, M.; Elkan, P.; Marjan, M. & Grossman, F. (2007): "Aerial Surveys of Wildlife, Livestock, and Human Activity in and around Existing and Proposed Protected Areas of Southern Sudan, Dry Season 2007". WCS – Southern Sudan Technical Report.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África, Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
  • Groves, Colin & Peter Grubb (2011): 'Tribe Alcelaphini in Wallace, 1876 en Ungulate Taxonomy. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-1-4214-0093-8.
  • Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2.
  • Kingdon, J. (1989): East African Mammals: An Atlas of Evolution in Africa Volume 3, Part D: Bovids. Chicago: University of Chicago Press. ISBN 0-226-43725-6.
  • Kingdon, J. (1997): The Kingdon Field Guide to African Mammals. Academic Press, Londres e Nova York: NaturalWorld.
  • Nowak, R. M. (ed.) (1991): Walker's Mammals of the World. Fifth Edition. Baltimore, Maryland, USA:: The Johns Hopkins University Press.
  • Rodríguez de la Fuente, F. (1970): Enciclopedia Salvat de la fauna. Tomo I. África (Región etiópica). Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 112–123.
  • Wilson, D. E., & Reeder, D. M. (editors) (2005): Mammal Species of the World — A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopskins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]