Saltar ao contido

Albariño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Albariño (uva)»)
Uvas de albariño.
Copa de Albariño

O albariño[1] (alvarinho en portugués) é unha variedade de uva branca de Galicia e norte de Portugal, e os viños elaborados con esta variedade de uva, en especial nos viños de Denominación de Orixe Rías Baixas e Viño da Terra de Barbanza e Iria. Tamén emprega esta variedade o Vinho Verde portugués.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Provén do latín albus ‘branco’[2].

Os monxes da Orde de Cluny levaron a uva ao mosteiro da Armenteira no século XII, dende aquí o seu cultivo espallouse ao resto de Galicia.

Noutras comarcas vitivinícolas, Ribeiro, Valdeorras, Lima, Braga mestúrase con outras variedades como o loureiro, caíño, arinto ou treixadura. Por outra banda, en 1996 a uva albariña comezou a se cultivar en California, e no 2001 o goberno norteamericano aprobou a denominación de albariño.

Caracteriza á uva o seu elevado nivel de azucre e a súa alta acidez, así coma o seu aroma, moi semellante ao do Viognier, recordando ao dun albaricoque ou pexego. O viño albariño é un viño branco, amplo, seco, moi lixeiro e saboroso. O acio non adoita a superar os 125 gramos de peso.

Denominacións de orixe

[editar | editar a fonte]

O Albariño foi hai tempo escaso pero moi buscado. Convertido hoxe nun dos caldos de maior personalidade e prestixio, as parras do Salnés dannos case outro tipo de uva. A Denominación de Orixe Rías Baixas, creada en 1988, comprende aqueles territorios onde tradicionalmente, e dende tempo inmemorial, se producen viños de calidade na provincia de Pontevedra, sendo consideradas na actualidade cinco subzonas perfectamente individualizadas: Val do Salnés, Condado do Tea, O Rosal, Soutomaior e Ribeira do Ulla, nas que se elaboran fundamentalmente viños brancos a base da variedade de Albariño. A subzona do Salnés e o seu albariño, crea unha riqueza duns 50 millóns de euros. Nesta área, destacan polo seu volume de produción adegas coma condes de Albarei ou Martín Códax

Ademais desta denominación, desde o 2006 existe a nova Indicación Xeográfica Protexida Viño da Terra de Barbanza e Iria que comprende a comarca do Barbanza e os concellos de Dodro, Padrón, Pontecesures, Catoira e Valga, promocionando e amparando os caldos de Albariño desta zona das Rías Baixas, que até o de agora non contaban con ningún tipo de protección administrativa.

O viño Albariño é un viño monovarietal elaborado coa uva albariña. A pesar dalgunhas similitudes coas variedades francesas e alemás, cultivadas nas ribeiras do Rhin, é sen dúbida unha uva autóctona. Estivo a punto de desaparecer debido á súa delicadeza e o seu escaso rendemento, comparada coa fortaleza e o maior volume producido polos bacelos híbridos, que dan un viño de pouca calidade coñecido popularmente como “catalán”.

O prestixio do Albariño, que acada os 13 graos no Salnés, fixo recupera-los bacelos autóctonos, comezando a replantación no 1960. Nesta comarca é xa practicamente a única variedade cultivada.

Botellas de albariño.

O río Umia é o pai do Albariño. Nas súas ribeiras cultívase a vide e prodúcese o viño desde a Idade Media.

Produción e comercialización

[editar | editar a fonte]

Dunha produción artesanal, cunha escasa comercialización, pasouse a unha moderna explotación. Basta con citar que das 14 adegas que existían en 1987, chegáronse a 142, inscritas actualmente na Denominación de Orixe, a maioría deles na subzona do Salnés, con quintas coma Pazo Baión. Todas contan xa con envases de aceiro inoxidable, prensas pneumáticas, control de temperatura e cos métodos de filtración máis avanzados. A produción máxima autorizada para o albariño é de 11.000 kg/Ha, cun rendemento do 65% no viño.

O Albariño é considerada unha das variedades autóctonas máis importantes de Galiza, dentro das 220 variedades autóctonas catalogadas. É unha variedade de acios pequenos, de maduración temperá e vigor medio. Ten unha cor amarela-palliza, brillante, con irisacións douradas e verdes. Posúen aromas florais e afroitados, finos e distinguidos, que impresionan agradablemente, de intensidade media e duración media-longa. O seu sabor é fresco e suave, con suficiente corpo e grao alcohólico (entre 11 e 13% Vol.), acidez equilibrada (entre 7 e 9 g/l), harmoniosos e amplos matices. O seu regusto é pracenteiro, elegante e completo.

A primeira fin de semana de agosto celébrase en Cambados a Festa do albariño honrando esta variedade de uva.

  1. Nome galego en Dicionario de alimentación e restauración, VV. AA. (2012), Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  2. "Albariño". Portal das Palabras. Consultado o 22 de setembro de 2016. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]