Piru Gaínza
Gaínza | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Agustín Gaínza Vicandi | ||
Nacemento | 28 de maio de 1922 | ||
Lugar de nacemento | Basauri | ||
Falecemento | 6 de xaneiro de 1995 | ||
Lugar de falecemento | Basauri | ||
Posición | dianteiro | ||
Carreira xuvenil | |||
Athletic Club | |||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1940–1959 | Athletic Club | 380 | (117) |
Selección nacional | |||
1945–1955 | España | 33 | (10) |
Adestrador | |||
1962–1963 | Arenas de Getxo | ||
1964–1965 | Bilbao Athletic | ||
1965–1968 | Athletic Club | ||
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Agustín Gaínza Vicandi, máis coñecido como Piru Gaínza ou simplemente Gaínza, nado en Basauri o 28 de maio de 1922 e finado no mesmo lugar o 6 de xaneiro de 1995, foi un futbolista e adestrador vasco, que xogaba de extremo esquerdo. Xogador histórico do Athletic Club, militou nese club durante toda a súa carreira. É recordado como un dos futbolistas máis verticais e rápidos da súa época e como un dos mellores xogadores da historia do club vascco,[1] sendo o xogador que máis tempadas vestiu a súa camiseta, un total de 19.[2][3]
No momento da súa retirada era o futbolista con máis partidos da historia do Athletic (496) e o seu terceiro máximo goleador con 152 goles, só superado polos seus antigos compañeiros José Luis Panizo e Telmo Zarra, sendo tres dos cinco integrantes da célebre "segunda dianteira histórica do Athletic" xunto con Rafael Iriondo e Venancio Pérez, considerada unha das mellores dianteiras da historia do fútbol español.[4][5] Gañou un total de dez títulos, entre eles dúas ligas de Primeira División e sete Copas do Xeneralísimo (cifra nunca superada por ningún outro futbolista). Trala súa retirada adestrou o equipo do Athletic entre 1965 e 1968.
Foi internacional coa selección española, coa que disputou 33 partidos, nos que marcou 10 goles. Participou con esta no Mundial de 1950, onde exerceu como capitán en varios partidos, alcanzando o cuarto posto final.
Era o irmán máis novo do tamén futbolista Miguel Gaínza, co que coincidiu no Athletic durante cinco tempadas.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Como futbolista
[editar | editar a fonte]Comezos
[editar | editar a fonte]Comezou a xogar ao fútbol con desinterese e pola insistencia de seu irmán máis vello, Miguel, e fíxoo xogando de porteiro, motivo polo que empezou a ser chamado "Piru", alcume dun famoso gardameta da comarca.[6] En 1937 seu irmán meteuno nun torneo organizado polo Athletic Club, que buscaba novos xogadores para o seu equipo, desfeito pola Guerra Civil. Ao remate do torneo, ambos irmáns foron seleccionados, pero Piru non quixo fichar, e comezou a traballar na fábrica de metal La Basconia.[6]
Cando ao seu irmán Miguel o destinaron a facer o servizo militar a Valencia, o Athletic ofreceulle usar as súas influencias para que o realizase no País Vasco, coa condición de que Agustín fichase polo club, e este aceptou.[6]
Canteira do Athletic Club
[editar | editar a fonte]En 1939 formou parte do equipo de mozos que representou ao club no Torneo Nacional, o primeiro campionato de fútbol de ámbito nacional celebrado trala Guerra Civil. Participaron co nome de Bilbao Athletic, despois de conquistar o Campionato Rexional de Biscaia, e caeron eliminados ante o Alavés. Nesa etapa coincidiu con futuros xogadores do primeiro equipo como Panizo, Echevarría ou Makala.
Debut co primeiro equipo
[editar | editar a fonte]De cara á tempada 1940/41, e despois de realizar o servizo militar, pasou a formar parte de xeito definitivo do primeiro equipo, ocupando o oco deixado por Gorostiza, que marchou ao Valencia. Debutou na Primeira División o 13 de outubro de 1940, nunha derrota pola mínima ante o Hércules, formando na dianteira xunto a Valle, Panizo, Iriondo e Zarra. Marcou o seu primeiro gol dúas semanas despois, en Sarrià ante o Espanyol, e pechou a súa primeira tempada con 13 partidos e dous goles.
Consolidación e primeiros títulos
[editar | editar a fonte]Co paso das tempadas consolidouse no once inicial e na tempada 1942/43 conquistou a súa primeira liga, con Urquizu no banco, contribuíndo con 9 goles. Esa mesma tempada gañou tamén a súa primeira Copa do Xeneralísimo, tras derrotar na final ao Real Madrid no estadio Metropolitano. Repetiu título de Copa ao ano seguinte, ao vencer en Montjuïc ao Valencia.
Segunda dianteira histórica
[editar | editar a fonte]Coa chegada ao club de Venancio en 1945, quedou conformada a que foi coñecida como "segunda dianteira histórica do Athletic", formada polos propios Venancio e Gaínza, Iriondo, Zarra e Panizo, que protagonizou o ataque vasco durante a seguinte década. Esta dianteira foi unha das máis prolíficas da historia do fútbol español e marcou máis de 800 goles, conseguindo o seu primeiro grande éxito na Copa do Xeneralísimo de 1945, na que o equipo conquistou o seu terceiro título consecutivo ao vencer de novo ao Valencia e de novo en Montjuïc.
O 18 de maio de 1947 entrou na historia da Copa, ao marcar oito goles nun mesmo partido, cifra nunca igualada no fútbol profesional español. Foi nos cuartos de final do torneo, fronte ao Celta de Vigo en San Mamés, nun encontro que acabou con vitoria vasca por 12-1, e no que a portería céltica estaba defendida por Simón.[7] En 1950 gañou a súa cuarta Copa do Xeneralísimo, á que sumou ese mesmo ano a Copa Eva Duarte.
Últimos anos
[editar | editar a fonte]Nos seus últimos anos no club exerceu como capitán e formou unha liña de ataque moi popular xunto a Artetxe, Markaida, Arieta e Uribe. En 1955, con Ferdinand Daučík como adestrador, levantou a súa quinta Copa do Xeneralísimo, e na tempada 1955/56 gañou liga e Copa. Na tempada seguinte debutou xunto co club na Copa de Europa, disputando o primeiro partido o 20 de setembro de 1956, ante o FC Porto no estadio das Antas. Aos 8 minutos de partido, o propio Piru converteuse no autor do primeiro gol do club na máxima competición europea.[8] O equipo vasco eliminou ao conxunto portugués, e tamén ao Budapest Honvéd capitaneado por Puskás, antes de caer nos cuartos de final fronte ao Manchester United.
En 1958 capitaneou o equipo na súa novena final persoal da Copa do Xeneralísimo. Foi ante o Real Madrid no Bernabéu, nunha final que pasou á historia como a dos "11 aldeáns" que derrotaron ao Real Madrid campión de liga e de tódalas Copas de Europa disputadas ata entón.[9][10] Foi o sétimo trofeo para Gaínza, que igualou a José María Belauste como o futbolista con máis títulos en dita competición.
Aos 38 anos, o Athletic deuno de baixa, decisión que indignou á afección, aínda que continuou na estrutura do club.[6]
Selección nacional
[editar | editar a fonte]Foi 33 veces internacional coa selección española, coa que marcou un total de 10 goles. Debutou o 11 de marzo de 1945, nun empate 2-2 ante Portugal. Foi convocado por Guillermo Eizaguirre para o Mundial de 1950 no Brasil, xunto aos seus compañeiros no Athletic Zarra, Nando e Panizo. Debutou no torneo no primeiro partido ante os Estados Unidos, e foi titular en cinco dos seis encontros de España, exercendo como capitán en tres deles.
Xogou o seu último encontro internacional en marzo de 1955, ante Francia.
Como adestrador
[editar | editar a fonte]Despois da súa retirada como futbolista continuou vencellado ao fútbol, exercendo diferentes labores dentro do Athletic e tamén como adestrador. Tras un breve paso polo banco do Arenas de Getxo, en 1964 converteuse no primeiro adestrador do Bilbao Athletic, na segunda rexional, co que logrou o ascenso á primeira rexional, despois de perder un só partido, cun balance de 139 goles a favor e só 12 en contra.[11]
En 1965 colleu as rendas do primeiro equipo, ao que adestrou ata 1968, obtendo un quinto e dous sétimos postos en liga. Ademais alcanzou dúas finais da Copa do Xeneralísimo, perdendo a primeira contra o Zaragoza do seu antigo adestrador Daučík, e a segunda contra o Valencia de Mundo.
Morreu o 6 de xaneiro de 1995 aos 72 anos de idade.
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]En 1955 foi galardoado co Trofeo Monchín Triana en recoñecemento á súa deportividade e pola súa fidelidade ás cores do seu club.[12][13] En 1957, recibiu a medalla de ouro ao Mérito Deportivo. Dende 1999 celébrase en Basauri o Torneo Piru Gaínza, de fútbol base.[14][15]
Palmarés
[editar | editar a fonte]- Athletic Club
- Primeira división de España (2): 1942/43, 1955/56.
- Copa do Xeneralísimo (7): 1943, 1944, 1944/45, 1949/50, 1955, 1956, 1958.
- Copa Eva Duarte (1): 1950.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ramos, Jesús (7 de outubro de 2016). "Agustín Piru Gaínza, el gamo de Dublín". Marca (en castelán). Consultado o 6 de maio de 2022.
- ↑ "Tempadas de Gaínza". Athletic Club (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 25 de marzo de 2018. Consultado o 6 de maio de 2022.
- ↑ Non se contabiliza a tempada 1939/40, xa que causou baixa ao ter que realizar o servizo militar.
- ↑ Unzueta, Patxo (7 de xaneiro de 1995). "Un gamo de mirada zurda". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 6 de maio de 2022.
- ↑ Salazar, Bernardo (2 de marzo de 2016). "Las tres grandes delanteras que hubo en la historia el Athletic". As (en castelán). Consultado o 6 de maio de 2022.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 Relaño, Alfredo (27 de maio de 2019). "Las siete copas de Piru Gainza". El País (en castelán). Consultado o 7 de maio de 2022.
- ↑ "Historias de la Copa: El día que Gaínza marcó 8 goles". Real Federación Española de Fútbol (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 06 de maio de 2022. Consultado o 6 de maio de 2022.
- ↑ Zubieta, Jon (13 de febreiro de 2017). "¿Quién marcó el primer gol del Athletic en Europa?". Mundo Deportivo (en castelán). Consultado o 6 de maio de 2022.
- ↑ Velasco, Juanma (24 de marzo de 2020). "La última victoria de Piru Gainza". Marca (en castelán). Consultado o 7 de maio de 2022.
- ↑ Artetxe, José Luis (29 de xuño de 2008). "Se cumplen 50 años de la Copa de los once aldeanos". As (en castelán). Consultado o 7 de maio de 2022.
- ↑ "Historia del Bilbao Athletic: Capítulo I" (en castelán). 17 de decembro de 2015. Consultado o 7 de maio de 2022.
- ↑ Félix Martialay, Antonio Campoy 1990.
- ↑ "Los premios de "Arriba" y "Marca" acaban de ser concedidos" (PDF). Mundo Deportivo (en castelán). 18 de decembro de 1965. p. 4. Consultado o 6 de maio de 2022.
- ↑ García, Alberto (31 de maio de 2019). "Un Piru Gainza con anécdotas curiosas". Mundo Deportivo (en castelán). Consultado o 7 de maio de 2022.
- ↑ "Torneo Piru Gaínza - Historia". torneopirugainza.com (en castelán). Consultado o 7 de maio de 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Datos do xogador no sitio web do Athletic Club (en castelán).
- Datos do xogador Arquivado 07 de maio de 2022 en Wayback Machine. coa selección española (en castelán).