Actividade editorial en Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Manuel Murguía, o marido da escritora Rosalía de Castro, publicou en Vigo Cantares gallegos, libro escrito pola súa dona, e que destaca no período literario do Rexurdimento.

A actividade editorial en Vigo foise conformando ao longo do século XIX, chegando a constituírse a cidade como centro editorial de Galicia[Cómpre referencia].

Historia e características[editar | editar a fonte]

Imprenta de Compañel na rúa Real.

As orixes da imprenta en Vigo están ligadas á medra da cidade, a defensa dos intereses locais e o espallamento de ideas progresistas. O 3 de novembro de 1853 o impresor Ángel de Lema y Marina publica o primeiro número de Faro de Vigo, co apoio de dous persoeiros combativos, José Carvajal e o poeta José María Posada, que afrontaron os conflitos daquel momento (o problema do lazareto da Illa de San Simón, que causou disputas coa Coruña, a emigración, a loita polo ferrocarril e a miseria do mundo agrario). A súa primeira sede editorial estivo na rúa da Oliva e logo na rúa Colón. Acompañando ao xornal publicou folletíns de autores galegos e estranxeiros, libros en edición popular e coleccionables relativos á historia e etnografía local. En 1856 créase a Imprenta Compañel na rúa Real, rexida polo impresor Juan Compañel co apoio de Alexandre Chao e o erudito Manuel Murguía. Tratábase dunha editorial rexionalista na liña do espírito do Bienio Progresista. Entre as súas publicacións cómpre salientar o xornal La Oliva (1856-), que trocará o nome da cabeceira por El Miño entre os anos 1857 e 1868. A editorial publicou diversos libros de ciencia, literatura, educación, pensamento e folletíns como suplemento do xornal, pero o seu título máis salientable é Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, con pé de imprenta do 17 de maio de 1863, data que se lembra cunha placa na porta do edificio. A finais do século XIX instalouse en Vigo o hispanista Eugenio Kraft, especializado en edicións filolóxicas da literatura española.

Pouco e pouco foi medrando a actividade editorial na cidade, pero o pulo definitivo chegou logo da guerra civil, sobre todo no ámbito das editoriais galeguistas, aínda que aparecen algunhas iniciativas de edición en castelán que teñen interese.

En 1943 Marcial Lafuente Estefanía, enxeñeiro represaliado por republicanos que vivira nos Estados Unidos, e mais o libreiro-impresor Barrientos, dono da libraría Tetilla, fundaron a Editorial Cíes. Ese mesmo ano o propio Lafuente publicou a súa primeira novela do oeste, La mascota de la pradera. Cíes comezou con dúas liñas de novela popular en formato peto, todas escritas polo mesmo autor. Colección Rodeo, a que de maior proxección, especializouse nas novelas do oeste. A novela romántica publicábase noutra colección de menos éxito, e asinada con pseudónimo feminino. No mesmo ano 1943 ábrese con Una aventura romántica, asinada co pseudónimo María Luísa Beorlegui, o nome da súa muller, aínda que empregou tamén o pseudónimo Cecilia de Iraluce para outra obra publicada neses anos, Un anuncio original. Axiña a editorial depende só de Marcial Lafuente e muda a sede editorial a Madrid, primeiro, e logo a Ávila. Logo de pertencer aos selos editoriais Bruguera e Ediciones B, na actualidade volve ser unha editora familiar con sede en El Campello, Alacant.[1]

Sede de Editorial Galaxia, na Avenida de Madrid.

En 1948 Xosé María Álvarez Blázquez e Luís Viñas Cortegoso crearon o anticuario Monterrey, na rúa Pi i Margall, e dous anos máis tarde fundan Edicións Monterrey. Empezaron publicando libros de bibliofilia, entre eles o polémico Cancioneiro de Monfero, que non era a edición dun códice medieval senón poemas de estilo medieval escritos por X.M. Álvarez Blázquez. En 1951 fúndase Editorial Galaxia, con sede na Rúa Reconquista 1. O seu obxectivo era crear un espazo para a potenciación e modernización do galeguismo. Aínda que se trata dunha editorial xeralista de carácter nacionalista, desde os seus comezos fixou a súa liña editorial, que se centraba na publicación de literatura galega, ensaio e a revista Grial. O seu primeiro director foi Francisco Fernández del Riego, e logo ocuparon este cargo Carlos Casares e Víctor Freixanes. En 1964 os irmáns Álvarez Blazquez abriron un novo proxecto editorial, Ediciós Castrelos, con dúas liñas editoriais fundamentais: clásicos galegos, na colección Follas Novas, e a primeira colección de cultura popular galega, Os Libros do Moucho, que publicaba libros escritos polos propios editores, especialmente Xosé María, de etnografía, obras literarias clásicas breves, curiosidades lingüísticas etc.

Sede de Edicións Xerais.

A chegada das autonomías contribuíu a potenciar a edición en galego, e con ela, a aparición de novas editoriais, que elixiron Vigo como sede. En 1979 Xulián Maure Rivas e Germán Sánchez Ruipérez, responsable de Editorial Anaya, crearon Edicións Xerais de Galicia, con sede na rúa Doutor Marañón, especializada nos seus comezos en literatura galega e libro de texto. A Maure, seguíronlle na dirección da editorial Luís Mariño, Víctor Freixanes e Manuel Bragado. En 1985 Bieito Ledo Cabido fundou Ir Indo, que mantén unha liña xeneralista, aínda que salienta sobre todo pola produción do primeiro proxecto enciclopédico en galego (a primeira edición da Gran Enciclopedia Galega, un proxecto da mesma editorial que produciu a Enciclopedia Asturiana, redactárase en español). En 1960 fúndase SEPT, vinculada á fundación do mesmo nome, unha editorial especializada no libro cristián en galego. Hai que salientar a publicación da primeira edición da Biblia en galego. En 1977 créase A Nosa Terra, que nos seus comezos publica só o semanario do mesmo nome, pero logo se converte en editorial xeneralista de marcada liña nacionalista e independentista.

En 1984 Carlos del Pulgar fundou Nova Galicia Edicións, con sede na Rúa Ricardo Mella 143. Está especializada en libros de arte tanto en galego como en español coa intención de chegar tamén a un público non galego, e en xeral, libros de arte. A outra liña editorial destacada é a publicación de facsimilares de cabeceiras históricas do xornalismo galeguista (A Nosa Terra, A Fouce, Galeuzca, O Tío Marcos da Portela, Nós...). En 1986 o vilagarcián Severino Cardeñoso Álvarez, especialista en poesía, fundou Ediciones Cardeñoso en Vigo, especializada en libros en castelán galego de escritores noveis. En 1988 Carlos Blanco Yáñez fundou Edicións do Cumio, con sede actual en Ponte Caldelas, ligada nos seus comezos a Vigo. Cando Antón Mascato asume a dirección esta editorial xeralista especialízase en lexicografía galega, dicionarios enciclopédicos, música e edición multimedia. En 1991 Gonzalo Allegue fundou Nigra, que en 1998 pasa a depender da asturiana Trea dando paso a Nigra Trea, especializada en coidados libros de cultura popular e unha colección de libros de fotografía histórica galega, que constitúe o máis coñecido do seu catálogo.

En 1993 creouse Tambre, en Lavadores, como filial de Edelvives, especializándose en libro infantil e xuvenil e educativos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Díez, Julián (1/4/2007). "El mejor escritor del Oeste era español". El Mundo (en castelán). 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]