Saltar ao contido

Kiwi (planta)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Actinidia deliciosa»)

Este artigo trata sobre a planta froiteira, para a froita en si véxase: Kiwi (froita).

A planta do kiwi (Actinidia deliciosa) é unha planta rubideira orixinaria dunha grande área da China, especialmente dos bosques do val do río Yangtzé,[1] introducida en Nova Zelandia en 1904 e dende entón cultivada en moitas rexións temperadas polo seu froito comestíbel, o kiwi. A finais dos anos 60 comeza o cultivo en Galiza, sendo hoxe un dos froitos máis exportados, con grandes plantacións, especialmente na provincia de Pontevedra[2].

O nome de «kiwi» foille outorgado en Nova Zelandia, posibelmente pola semellanza de aspecto entre a froita cuberta de vilosidades e a ave kiwi.

Descrición

[editar | editar a fonte]

O kiwi é unha planta rubideira vizosa e lígnea, de folla caediza e porte arbustivo que pode acadar os 9 m de longo.[3]
As follas, duns 7,5 a 12,5 cm de longo, son alternas, longamente pecioladas, de forma oval ou case circular e cordadas na base. As follas novas fican cubertas dunha camada aveludada de pelos avermellados, mentres que as adultas carecen de tal vilosidade, coa face superior de cor verde escura e a anversa abrancazada con prominentes nervios de cor clara.[3]
Asflores son recendentes, de 2,5 a 5 cm de diámetro, son dioicas ou bisexuais e xorden solitarias ou en grupos de tres nas axilas das follas. Teñen 5 ou 6 pétalos de cor branca ao se abrir, tornándose despois amarelos. Os estames son moi numerosos nas flores de ambos os dous sexos, malia careceren de pole viábel no caso das femias[3]; ademais ningunha das dúas contén néctar.

Detalle da folla

Por seren plantas dioicas (flores masculinas e femininas en diferente planta) cómpre plantarmos os dous sexos achegados para se producir a polinización, esta é feita polas abellas; nas plantaciones adóitanse distribuír colmens para axeitar esta tarefa.

O froito (o kiwi) é unha baga oval dunss 6,25 cm de longo, coa pela magra de cor verde acastañada e densamente cuberta duns peliños rexos e curtos de cor marrón. A polpa, firme até madurar completamente, é normalmente de cor verde brillante zumarenta e con diminutas sementes negras dispostas arredor dunha cor abrancazada. Ten un sabor subacedo a bastante acedo, semellante ao da grosella ou do amorodo.[3]
Adoita ser un alérxeno frecuente, especialmente a pela.

A maduración da froita dáse a principios de abril.

Flor

O kiwi que coñecemos hoxe en día non se asemella ao seu devanceiro, máis miúdo e redondo e de peor sabor. A testemuña máis antiga do uso do kiwi, como planta froiteira e ornamental remóntase á dinastía Ming no ano 1200 a. de C. A primeira referencia do seu uso coma medicinal remite ao 300 a. de C. O kiwi non tivo difusión fóra da China até mediados do século XX, cando se desenvolve comercialmente en Nova Zelandia.

Na antiga China coñecíase coma yang tao, ou froita do tao, e medraba bravo nos bosques de ribeira ao longo do río Changjiang, na China oriental. En 1847, Robert Fortune, un coleccionista da Royal Horticultural Society de Inglaterra, mandou exemplares á casa, onde os bautizou botanicamente coma Actinidia chinensis. Medio século máis tarde foron as súas sementes as que viaxaron até o Reino Unido, os Estados Unidos, Francia etcétera.

As primeiras sementes de Actinidia chinensis chegaron a Nova Zelandia a comezos do século XX. Varios horticultores cultiváronas sen moitas esperanzas. Algúns curiosos plantaron exemplares nos seus eidos e pomares. Desenvolvéronse así distintas variedades, entre elas a Hayward, a que comemos hoxe en día, e aos poucos foise popularizouse coma froito novidoso. Consumíase en xuño, un mes no que escaseaba a froita na illa, e conservábase ben, así que algúns cultivadores de limóns comezaron o cultivo profesional. Vic Bayliss, de Te Puke, na baía de Plenty, deixou que os seus tres fillos se encargasen dunhas viñas que tiña practicamente desleixadas para pór a nova planta de kiwi. En 1930, atraído polo prezo ao que os irmáns Bayliss estaban a vender esa estraña froita, Jim McLoughlin, un exempregado dunha compañía naval, plantou a primeira coutada de relevancia de grosellas chinesas, como as chamaban daquela.

Ao rematar a segunda guerra mundial, o goberno neozelandés prohibiu importar froita, o que aumentou o consumo das tales grosellas chinesas. En 1950 existían xa 30 hectáreas de kiwis, que producían 50 toneladas. En xullo de 1952, un barco refrixerador cheo de limóns e mais unha vintena de bandexas de grosellas chinesas partiu do porto de Auckland (Nova Zelandia) con destino a Londres, onde arribou cinco semanas máis tarde. Era a primeira exportación de kiwis propiamente dita, e os neozelandeses descubriron que conservados a cero graos, e lonxe de mazás ou de calquera froito que desprenda etileno, os kiwis podían resistir as longas viaxes cara ao outro hemisferio.

Durante as dúas décadas a seguir, o froito -xa bautizado de kiwi por motivos comerciais- deuse a coñecer ao resto do planeta. Non foi doado convencer os compradores de que aquel "ovo viloso" era un froito rico e san. En setembro de 1959, varios xornais estadounidenses publicaron unha foto do dirixente soviético Nikita Khrushchev a comer kiwis durante unha recepción. Dous anos máis tarde, os 30 000 socios do club A Froita do Mes, afeccionados aos novos espécimes, recibiron unha caixa coa "xigante baga kiwi" acompañada dun aviso: "Fai o teu pedido agora. Son máis escasos que as xanelas dos submarinos".

Historia en Galiza

[editar | editar a fonte]
Froitos.

A finais dos anos sesenta, o empresario galego Xosé Fernández López tivo coñecemento dun froito feo, pero saboroso, procedente de Nova Zelandia, que se estaba a vender con éxito en Alemaña. O que lle atraeu non foi o exotismo, senón que botou contas e os supermercados alemáns estaban a vender a froito a máis de 1,5 € por peza, o que convertía a baga peluda nun bo negocio. O clima case tropical das Rías Baixas galegas -húmido, chuvioso e de temperaturas moderadas- podía resultar tan idóneo para o seu cultivo como o da baía de Plenty, na outra punta do planeta.

Carlos del Río, o outro home clave na historia do kiwi, medrou nunha casa á beira da de Fenández López. Dende que finalizara os seus estudos de enxeñaría técnica agrícola traballaba para o seu veciño nunha empresa agraria de valor irrelevante no conglomerado do imperio de Fernández. Un día decidiu experimentar co novo froito; Xosé Fernández López puxo o diñeiro, e Del Río o coñecemento técnico. En 1969, Del Río plantara cen exemplares de kiwi nunha pequena leira de 3.000 metros cadrados en Gondomar (Pontevedra). Ninguén coñecía o froito, non había libros ou especialistas aos que consultar, e o técnico afrontou con temor as primeiras xeadas e imprevistos. Finalmente, Del Río, que estaba convencido de que Galiza podía se converter no "reino do kiwi no hemisferio norte", emprendeu unha viaxe a Nova Zelandia para adquirir máis coñecementos sobre o cultivo.

A escaseza do froito era a responsábel de que o prezo fose tan alto en países como Alemaña. Cando Fernández tivo coñecemento do kiwi só había dous anos que comezara a consumirse en Francia e Alemaña. Tras aquel primeiro ensaio, Fernández fundou Productores de Actinidias Chinensis, SA, que exportaba kiwis a Alemaña a 100 pesetas a peza co reclamo "Kiwis aus Galicien". Del Río velaba as plantacións, aínda que non puido evitar que os primeiros curiosos intentasen facer as súas propias plantacións. Mais estes atopáronse o problema de que o único xeito de obter exemplares e recomendacións técnicas era por medio de Productores de Actinidias Chinensis, SA, que ofrecía isto a cambio de lles vender a colleita por vinte anos; polo que moi poucos aceptaron.

No verán de 1981, Vicente Villar, un mozo que traballa no viveiro de seu pai, viaxa a Francia para mercar plantas de kiwi, onde descobre que non é un mercado secreto. Mercou nun viveiro galo 7.000 plantas que vendeu en Galiza, abrindo o mercado. Nesas mesmas datas a froita gaña popularidade grazas ás campañas publicitarias sobre as súas propiedades saudábeis. Carrefour España estrea o kiwi nas súas froitarías en 1982, a un prezo de entre 99 e 125 pesetas a peza, e Eroski, que en 1980 vendía 10 toneladas de kiwis mensuais, triplica as vendas.

Entre 1982 e 1987, o seu cultivo espállase por Galiza, especialmente en Pontevedra, e sobe a superficie cultivada de 45 a 357 hectáreas. Carlos del Río publica en 1979 o libro: Kiwi, el fruto del futuro. Empresarios e traballadores comezan a plantar kiwis. A Administración, porén, non apoia un cultivo que considera elitista.

A competencia produtiva noutras zonas do hemisferio norte fai que no ano 1992 baixen os ingresos dos produtores galegos, que chegaron a cobrar o quilo de kiwis a tan só 40 pesetas. Coa caída do prezo, cae tamén a reputación da froita. Nos anos 90 os países produtores partillan o mercado: Nova Zelandia e Chile, entre xuño e novembro, a a partir de decembro a guerra dáse entre Italia, Francia, Grecia, Xapón, Estados Unidos, Portugal e Galiza. Algúns, sobre todo italianos e gregos, intentaron burlar o resto apañando os kiwis máis cedo e vendendo a froita de pésima calidade aos supermercados.

Moitos pequenos produtores venden a súa colleita a Kiwi Atlántico, unha sociedade de 105 produtores de Tomiño. España é o país que máis kiwis consome: 2,2 quilos por cabeza. A dificultade de Galiza reside no minifundismo, xa que reunir unha hectárea de terra é difícil e custoso, ademais de conseguir xornaleiros para a poda e a colleita, polo que a expansión non é doada.

Productores de Actinidias Chinensis, SA converteuse en Kiwi España, e hoxe en día produce máis de mil toneladas da froita. Xosé Fernández, morreu en 1986 sen ver a popularidade do seu descubrimento. Carlos del Río finou en 2003[4].

Produción

[editar | editar a fonte]

Italia lidera actualmente a produción de kiwi no mundo, seguida de Nova Zelandia, Chile, Grecia, Xapón e os Estados Unidos. O kiwi tamén é producido na súa China natal, mais non está non dez máis produtores.

En España cultívanse unhas 1.200 ha, cunha produción de 25.700 Tm. A produción en Galiza é de 22.000 Tm (practicamente toda a produción española). Tamén hai algunhas plantacións en Asturias, o País Vasco, Navarra, Cataluña e a Comunidade Valenciana. Consumo kiwi en España: 151.849 Tm (Importacións: 124.000 Tm; exportacións: 11.400 Tm.)[5]

Esixencias edafoclimáticas

[editar | editar a fonte]

O kiwi ten que ser plantado en zonas de clima temperado, xa que é un cultivo de natureza subtropical, por este motivo dáse tan ben nas condicións das Rías Baixas galegas. Cómpre abeiralo dos ventos dominantes que poidan reducir a ancoraxe da planta ou a actividade das abellas polinizadoras. A temperatura óptima é arredor de 25-30 °C cunha humidade relativa alta de abondo que oscile sobre o 60%. Recoméndase unha achega de auga en datas de actividade vexetativa sobre todo nos meses de verán cunha cantidade aproximada de 1000 mm2/m cada mes. Emprégase o sistema de rega por microaspersión con baixa presión. Os solos deben ser fondos e ben drenados, permeábeis e ricos en materia orgánica. É moi sensíbel á asfixia radicular polo que cómpre evitar o asolagamento do terreo. Labores empregadas para este problema é o uso de tubos porosos soterrados, apertura de cales etc. Os solos ideais son os franco areentos, sen presenza de cloruros por mor a que kiwi amosa certa sensibilidade aos mesmo. O pH entre 6-7 e pouca presenza de cal.

Elección do material vexetal

[editar | editar a fonte]

Variedades

[editar | editar a fonte]

A nivel mundial existen dúas variedades princiapis:

  • Actinidia deliciosa var. chlorocarpa
  • Actinidia deliciosa var. deliciosa

Para produción hai subvariedades que destacan con bos resultados, xa que se adaptan ás condicións de clima e solo. Estas variedades internacionais son: Kaquiara II e MG-6 con froito de agradábel sabor e polpa cor esmeralda.

Nas plantacións galegas a variedade utilizada de "Actinidia deliciosa" que procede do cultivar Hayward. Existen clons como son, Hayward K, Hayward 8 e Top Star que dan unha vexetación máis densa e os froitos están desprovistos de vilosidades.

Existen outros cultivares de menor importancia por dar uns froitos de pequeno tamaño, entre elas: Monty, Abbot, Bruno, Kramer ou Blake. Tomuri é de floración semellante a Hayward mais con baixa porcentaxe de floración, mentres que Matua é dunha longa floración e con gran porcentaxe de callado de flor, porén co inconveniente de non soportar baixas temperaturas. Existen outras variedades de introdución máis recente, son M51, M52 e M54, M56, M58, M59.

Corte transversal do froito.

Os catro cultivares principais na China son:

  • Zhong Hua
  • Jing Li
  • Ruan Zao
  • Mao Hua

En Nova Zelandia os cultivares máis importantes son:

  • Abbott
  • Allison
  • Bruno
  • Hayward (A máis cultivada en Galiza)
  • Monty
  • Greensill

Os padróns utilizados é da planta de semente de Hayward.

Prácticas culturais

[editar | editar a fonte]

Preparación do solo

[editar | editar a fonte]

Realízanse unha serie de labores previas no terreo como nivelación e eliminando das malas herbas con herbicidas, que afectan de xeito negativo ao cultivo. Tamén unha fertilización de fondo (recoméndase unha análise de solo para sermos máis exactos) recomendando unhas doses de 300–500 kg/ha de sulfato de potasio como adubado superficial, antes de realizar os labores máis profundos. De fertilización de fondo realízanse doses de 75 a 95 Tm/ha con abundante materia orgánica.

Estruturas de condución

[editar | editar a fonte]

O kiwi cómpre de estruturas de condución (parras), tamén chamadas soportes, para o seu desenvolvemento vexetativo. Acostuman ser metálicas con arames. O sistema máis utilizado de condución é o " Sistema en T " cos arames a unha aproximada de 1.6 a 1.8 m.

Sistemas e padróns de plantación

[editar | editar a fonte]

Utilízanse padróns de plantación de 4–5 m de largo entre liñas e unha distancia de árbores de 3-5m , todo isto para o sistema de condución en T. As árbores macho colócanse en ringleiras alternas cada 5 árbores femias. A época de plantación faise nos meses de novembro até febreiro. Os marcos de plantación veñen a ser de 5x5, 4x5, 4x4 e 3x3, dependendo da variedade ou das técnicas de produción adoptadas.

Cómpre realizar unha poda formativa polo inverno para guiar a forma da planta, como desenvolvemento dun tronco e dous brazos laterais que cubran por completo a distancia de dos arames. A poda de frutificación realízase dúas veces ao ano, unha no inverno e outra no verán. Na de inverno déixanse por cada metro de arame, tres pólas laterais ben desenvolvidas cunhas 20 a 23 xemas; esta poda de inverno é diferente en femias e machos. A poda de inverno das femias decide o nivel de produción, dependendo das xemas e número de pólas. Nos machos o que se arela é obter o maior número de flores produtoras de pole de boa calidade; así, elimínanse pólas enrosacadas, cruzadas ou febles, e se reduce a lonxitude dos bacelos a 20–30 cm (bacelos que non foran podados polo verán).

A poda de frutificación do verán, tamén chamada poda en verde, o que pretende é mellorar a ventilación e iluminación para iso, elimínanse os botóns e pólas enroladas ou secas, flores murchas, aclareo de froitos etc. É pois unha poda de limpeza. Realízase dúas veces ao ano, antes e despois da floración nos meses de abril e xuño. O aclareo debe realizarse un ao comezo da floración e outro trala mesma. No primeiro aclareo elimínanse todas aquelas flores murchas, deformes, facendo unha selección dos mellores callados florais.No seguinte aclareo elimínanse os froitos mal callados, mal polinizados etc. Este aclareo faise xusto tralo callado da flor. O aclareo pode realizarse de xeito manual ou ben mediante produtos químicos.

Polinización

[editar | editar a fonte]

Realízanse bastantes estudos sobre a polinización do kiwi por varios países tendo en conta unha serie de puntos como é: a polinización manual, a hora de liberación do pole e maila influencia da polinización anemófila etc... co fin de incrementar o tamaño do froito. Como resultado dos estudos realizados chégase á conclusión de que a aplicación de pole é capaz de incrementar o tamaño do froito até un 20% e que o pole suspendido no ar sobre as 13 e 17 horas é cando maior cantidade se colecta, polo que a polinización anemófila responde axeitadamente no peso do froito e nas sementes fecundadas.

Colleita e envasado

[editar | editar a fonte]

A produción do kiwi desenvólvese a partir do terceiro ano de plantación, obténdose mellores colleitas a partir do sétimo ou oitavo ano produtivo. O froito apáñase a mediados de outubro e principios de novembro en Galiza. Recoméndase a colleita do froito cando este acade de 7 a 8 graos brix. Estes froitos non son comestíbeis inmediatamente despois da súa recolección, senón cando posúan unha lixeira moleza ao tacto. Posteriormente á recolección, os froitos almacénanse en cámaras frigoríficas para a súa conservación até os meses de xuño, onde van ser exportados a países da Unión Europea.

Para a conservación do kiwi cómpre un punto de conxelación comprendido entre -2 °C e -2.5 °C. Unha conservación moi prolongada pode provocar que a polpa murche, polo tanto a humidade relativa debe de se manter superior ao 95%. Tamén se ten en conta nas cámaras de conservación a composición da atmosfera. Cuns valores de 2-3% de osíxeno e 3 a 6% de dióxido de carbono. Estes dous gases manteñen a dureza do froito. No caos de se elevar a concentración de CO2 e se teña unha concentración de osíxeno do 2% prodúcense uns efectos cos síntomas a seguir: - Síntomas externos: Na área apical do froito aparecen unhas coloracións amarelentas do tecido que van avanzando até a parte central. - Síntomas internos: desaparece a coloración branca dos radios parenquimáticos do mesocarpo. O envasado do froito faise en caixas de cartón para un mellor transporte e presentación do mesmo.

Fertilización

[editar | editar a fonte]

Para unha boa fertilización requírese previamente realizar unha análise de solo e outra foliar. Este cultivo é esixente en canto a nutrientes, sendo os máis necesitados N, P e K. As doses adoitan ser de 70 a 150 unidades de fertilizante de N, 40 a 120 unidades de P2O5 e 160 a 250 unidades de K2O. Irase adubando con azote até a súa entrada en produción, xa que o azote é o elemento que contribúe a un bo desenvolvemento vexetativo da planta. Posteriormente unha vez acadada a plena produción aplícase NPK aumentando consecutivamente as doses. Tamén é recomendada a fertilización foliar, tanto de macro, como microelementos, algas, aminoácidos etc.

Pragas e doenzas

[editar | editar a fonte]

O cultivo do kiwi é moi resistente a pragas, pestes e enfermidades, de xeito que non presenta case problemas fitosanitarios que causes prexuízo comercial. Porén, comezan a aparecer as primeiras enfermidades, non de xeito habitual, como o caso da Botrytis cinerea.

  • Botrytis cinerea: é un fungo que dependendo da súa capacidade de inoculación pode causar perdas durante o almacenamento do froito, por unha má ventilación ou por ter choivas abondosas. Ataca no período de floración cando o tempo vai húmido pasando das flores ao froito novo e producindo deformacións e caída destes. Vense moi afectados os pétalos florais, sépalos, pedúnculo da flor e o ovario. Para previlo aconséllase un tratamento antes da colleita con Thiram, Captan e outros funxicidas.O tratamento durante a conservación faise con Beromil, Vinclozolina, Iprodin ou Procimidona. Outros produtos son Fulpet, Captafol, e Glicofeno.
  • Phytophthora cinnamomi e Armillaria mellea causan enfermidades nas zonas de cultivo onde houbo retencións de auga.
  • Pseudomonas marginalis é causante da caída do botón floral.

Nemátodos

[editar | editar a fonte]

Atacan as raíces da Actinidia dando lugar á podremia da raíz. Estes parasitos penetran polas raíces producindo malformacións nelas e na parte aérea da planta atrasos na produción, amareleo das follas e por conseguinte morte da planta. Os nematodos que afectan ao kiwi son tres: Meloidogyne hapla, M. Arenaria e M. Javanica. A súa prevención debería ser mediante o estudo dunha análise de solo en cuxo caso debe de procederse á desinfección do chan. Os produtos utilizados son Profos e Tionacina.

Os insectos do xénero Eulia son os máis perigosos para o kiwi. Atacan as follas e o froito. Neste último as larvas fan as galerías sobre a epiderme, co que perde o valor comercial, deformándoo e producindo unha caída precoz. Trátanse con insecticidas cando os danos son considerábeis, cunha primeira aplicación durante a caída dos pétalos e cada 25 a 30 días volver a repetir a operación. Pseulacaspis pentágona (cochinilla branca do pexegueiro) afecta os pecíolos das follas e froitos producindo unha deformación do froito e tamén a formación de crosta nos troncos de kiwi máis vellos. O tratamento é con aceite mineral branco 2.5 Kg/hl e Metidatión. Empoasa vitis produce necrose no limbo sobre a marxe foliar das follas.

Os coellos causan danos importantes nas plantacións por mor a que rillan o colo e toro das plantas. A prevención é protexendo a planta cunha malla duns 50 cm de altura.

Para as propiedades da froita ver artigo:Kiwi (froita).

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Actinidia deliciosa foi descrita por (A.Chev.) C.F.Liang & A.R.Ferguson e publicado en Guihaia 4: 181. 1984.[6]

Sinonimia
  • Actinidia chinensis f. chlorocarpa C.F.Liang
  • Actinidia chinensis f. lingipila C.F.Liang & R.Z.Wang
  • Actinidia chinensis f. longipila C.F.Liang & R.Z.Wang
  • Actinidia chinensis var. deliciosa (A.Chevalier) A.Chevalier
  • Actinidia chinensis var. hispida C.F.Liang
  • Actinidia deliciosa var. chlorocarpa (C.F.Liang) C.F.Liang & A.R.Ferguson
  • Actinidia deliciosa var. coloris T.H.Lin & X.Y.Xiong
  • Actinidia deliciosa var. longipila (C.F.Liang & R.Z.Wang) C.F.Liang & A.R.Ferguson
  • Actinidia latifolia var. deliciosa A.Chevalier[7]
  1. Zuccherelli, Gilberto; Zuccherelli, Giuseppe (1990). La actinidia (kiwi). Madrid: Ediciones Mundi-Prensa. p. 19. ISBN 84-7114-116-7. 
  2. El País Hemeroteca -http://elpais.com/diario/2004/12/05/eps/1102231612_850215.html
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Purdue University:Kiwifruit(Actinidia deliciosa)
  4. El País Hemeroteca
  5. Presentación sobre o cultivo do kiwi - http://www.fundacionruralcaja.es/es/pdf/curso-cultivos-alternativos-y-control-calidad/cultivo-kiwi-granado/cultivo-kiwi-granado.pdf[Ligazón morta]
  6. "Kiwi (planta)". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 15 de outubro de 2012. 
  7. Kiwi (planta) en PlantList

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]