Xoán de Antioquía (cronista)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaXoán de Antioquía
Nome orixinal(el) Ιωάννης της Αντιόχειας Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacementovalor descoñecido Editar o valor em Wikidata
Antioquía Editar o valor em Wikidata
Mortevalor descoñecido Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeImperio Bizantino Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónhistoriador , escritor Editar o valor em Wikidata
Período de actividade(Con vida en: século VII Editar o valor em Wikidata)
LinguaGrego medieval (pt) Traducir e Grego antigo Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables

Xoán de Antioquía foi un monxe e cronista bizantino do século VII, que escribiu en grego, e que probablemente procedía de Antioquía de Siria. Da súa autoría, consérvanse uns fragmentos dunha crónica universal, en lingua grega, que recolle case na súa totalidade a escrita uns oitenta anos antes por Eustacio de Epifanía.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Coñécese moi pouco sobre a súa vida. Aparentemente, foi contemporáneo do emperador Heraclio (610–41) e, aínda que a existencia dun cronista chamado Xoán de Antioquía está ben testemuñada,[1] a súa identidade foi, tradicionalmente, obxecto de controversia.

Hai investigadores, como Heinrich Gelzer, que defenden que baixo ese nome se esconden dous autores diferentes: o primeiro deles, o que no século VII escribiu unha historia universal dende Adán até a execución de Focas no 610 e que se podería corresponder con patriarca monofisita de Antioquía Xoán II ou Xoán de Sedre[2] (que ostentou o cargo entre o 630 e o 648) e o segundo, sería un autor do século X.[3]

Por outra banda, outros investigadores como Warren Treadgold, defenden que Xoán de Antioquía sería unha única persoa que se correspondería cun monxe nado en Antioquía, que abandonou a cidade,cando estaba ameazada polos persas no 608, e se estableceu en Constantinopla durante o reinado de Flavio Focas, pois semella ser coetáneo dos acontecementos que describe.[4] Tampouco debe ser confundido con Xoán Malalas, tamén chamado Xoán de Antioquía ou Xoán o Retor, quen tamén escribiu unha Historia Universal que remataba coa morte de Xustiniano no 565.[5]

Tense debatido se Xoán de Malalas copiou a Xoán de Antioquía ou se foi ao revés. As edicións máis recentes da obra de Xoán de Antioquía en 2005[6] e 2008[7] reavivaron o debate. Para o profesor Treadgold, a verdade sería que tanto un coma outro copiaron dunha terceira fonte, o epítome cronográfico de Eustacio de Epifanía, xa desaparecido[8]. Segundo unha hipótese final, Xoán de Antioquía non era realmente un escritor, senón un simple copista, o que explicaría as notables diferenzas de estilo que atopamos entre os diferentes fragmentos que sobreviviron.[9] Esta hipótese é similar á de Treadgold en certa medida xa que este último afirma que Xoán de Antioquía simplemente copiou, é dicir, plaxiou a Eustacio de Epifanía.

Obra[editar | editar a fonte]

A crónica escrita por Xoán de Antioquía, Historia chronike (Ἱστορία Χρονικὴ ̓απὸ Ἀδάμ), é unha historia universal que cobre dende Adán até a morte de Focas no 610 e o ascenso ao goberno do emperador Heraclio. Semella ser unha das moitas adaptacións e imitacións da crónica, mellor coñecida, de Xoán de Malalas. As súas fontes inclúen Sexto Xulio Africano, Eusebio, e Amiano Marcelino. Non se conserva máis ca uns poucos fragmentos.[10]

Deses fragmentos da crónica, hai dúas versións, das que unha delas está nos denominados Excerpta Constantiniana, feita por encargo de Constantino VII Porfiroxéneta (912–59), en cincuenta e tres capítulos, dos que só permanecen dous: Excerpta de insidiis e Excerpta de Virtutibus et Vitiis. A outra versión están nos Manuscritos París 1630 e 1763.[11] Este último, pertenceu ao erudito francés Claude Saumaise (ou Claudius Salmasius, na forma latina do seu nome). Así, os especialistas falan de extractos "salmasianos" e "constantinianos".

Estilo[editar | editar a fonte]

Unha dificultade xorde desde o feito que unha parte grande dos Excerpta, sobre todo a partir do imperio de Xustino I, relativos ao último período da obra (de Xustino I ao 610) difiren considerablemente entre si: os extractos constantinianos responden máis aos estándares da historiografía grega antiga mentres que os salmasianos teñen un carácter máis bizantino e cristián.

Como se mencionou anteriormente, algúns suxeriron que habería dous autores, outros que un único autor pero dúas versións: a colección salmasiana é máis antiga polo que semella ser un texto orixinal, mentres que a colección constantiniana sería un texto reelaborado no século X baixo a influencia do movemento humanista iniciado polo patriarca Focio I.[3] Así e todo, hai outros eruditos que vén neles dous orixinais diferentes e falan dun Xoán de Antioquía "constantiniano" e outro "salmasiano".

Pola súa banda, o profesor Treadgold sostén que Xoán de Antioquía reproduciu o texto de Eustacio de Epifanía case literalmente como adoitaba facer.[8] Mais, o seu tratamento era orixinal porque engadíao de varias fontes, ás veces de xeito directo e outras a través de fontes intermedias. Tamén é infrecuente por ter máis coñecementos sobre a República romana ca outros autores bizantinos e porque, noutras ocasións, fornece de informacións que non se conservaron noutros escritos, especialmente, sobre o reinado de Focas, e que foron moi empregadas por cronistas. Máis tarde, Xoán, que tivo a educación suficiente para escribir axeitadamente en grego, pero non para reproducir o grego ático de Eustacio, escribira el mesmo unha continuación do reinado de Focas, empregando un nivel de linguaxe que lle era máis familiar;[8] un estilo de inferior calidade que se asocia, tradicionalmente, aos cronistas. Aínda que Xoán, xeralmente, copiaba o material literalmente, posteriores.[12]

Composición[editar | editar a fonte]

Esta monumental obra, tanto cristiá como secular, inclúe dous volumes. O primeiro de Adán e a creación da guerra de Troia é paralelo á historia xudía e á historia doutros pobos; inclúe cinco libros baixo o título "Historia antiga". O segundo comeza con Eneas e é interrompido bruscamente despois da caída de Amida en mans dos persas. Só contén nove libros, os libros I a V levan o título xeral "Os cónsules", mentres que os outros catro titulanse "Os emperadores".

Se se acepta que a Historia chronike de Xoán de Antioquía reproduciu case literalmente o epítome cronolóxico de Eustatcio, a obra tivo que se dividir do seguinte xeito:

  • Tomo I, "Historia Antigua"
    • Unha introdución onde Xoán afirma se-lo autor da obra: "Da obra de Xoán de Antioquía que data da época da Creación do mundo e composta a partir dos textos de Moisés, Africano, Eusebio de Pamfilia, Pausanias, Dídimo e outros".[13]
    • Libro I: (Historia xudía ) de Adán a Nimrod, o fundador de Babilonia; (historia dos xentís) dende o rei Cronos de Asiria até o rei Edipo de Tebas;
    • Libro II: (Historia xudía ) de Serug a Xosué; (historia dos xentís) dende Prometeo (invención da escritura) até Ilos, fundador de Troia;
    • Libro III: (Historia xudía ) os xuíces até Saúl, primeiro rei; (historia dos xentís) do rei Lacon de Laconia nos primeiros Xogos Olímpicos;
    • Libro IV: a Guerra de Troia e o regreso dos guerreiros gregos;
    • Libro V: (Historia xudía ) do rei David ao cativerio en Babilonia; (historia dos xentís) de Carano, primeiro rei de Macedonia a Filipo II.
  • Tomo II
    • Parte I: "Os Cónsules"
      • Libro I: (historia romana) de Eneas até os dous primeiros cónsules, Bruto e Colatino (509 a. C.); (Historia grega) o reinado de Alexandre Magno (336-323 a.C.);
      • Libro II: (Historia romana) dende os dous primeiros cónsules até o nomeamento de Escipión o Africano como cónsul; (Historia grega) dos sucesores de Alexandre até a morte de Pirro de Epiro, o grande inimigo de Roma;
      • Libro III: (Historia romana) de 210 a.C. J.-C. até a captura de Iugurta por Sila (106 a. C.); (Historia grega) dende a morte de Pirro até a de Atalo, aliado de Roma, en Pérgamo (138 a.C.);
      • Libro IV: (Historia romana) de 106 a.C. J.-C. até a morte de Sila (78 a. C.); (Historia grega) desde 138 a. C. áté a restauración de Ptolomeo XII en Exipto (55 a.C.);
      • Libro V: (Historia romana) a fin da República e a chegada de Augusto no 43 a.C.; (Historia grega) a anexión de Exipto por Roma (30 a.C.).
    • Parte II: "Os Emperadores"
      • Libro I: os emperadores até Nerón, o derradeiro descendente da casa de Eneas;
      • Libro II: os emperadores até Severo e os seus edificios en Bizancio;
      • Libro III: os emperadores até Constantino;
      • Libro IV: de Constantino ao reinado de Anastasio até a caída de Amida no 503, ano no que o texto remata abruptamente.
  • Texto orixinal de Xoán de Antioquía: dende a chegada de Xustiniano até o reinado de Focas (518-610) .

Segundo Treadgold, é probable que Xoán de Antioquía copiase o texto de Eustacio mentres el aínda estaba en Antioquía e despois o levase con el a Constantinopla durante o reinado de Focas para continualo até o 610, ano da morte do emperador. Ao presentar baixo o seu propio nome unha obra escrita uns oitenta e cinco anos antes, quizais esperaba obter algo de gloria ou un nomeamento eclesiástico. Probablemente non fose o caso, xa que un dos fragmentos só se refire a el como "monxe".[14] A Crónica serviu máis tarde como fonte para o epítome de Zonaras.

Controversia[editar | editar a fonte]

En 2005, Umberto Roberto presentou unha nova edición completa,[6] que substituía a antiga edición de Karl Müller realizada entre 1851 e 1870, na que tamén revisa algunhas das opinións de investigadores ou eruditos antigos. Por exemplo, Roberto é da opinión de que Xoán, non era monofisita e non podía ser equiparado ao patriarca de Antioquía, tamén chamado Xoán.

No entanto, varias das conclusións de Roberto tamén foron discutidas, do mesmo xeito cá súa edición dos textos, que foi moi criticada, especialmente, na asignación de certos fragmentos a Xoán. En 2008, Sergei Mariev presentou outra edición[7] na que chegou a outras conclusións sobre os fragmentos e a súa autoría. Mariev opinaba, ao igual que coutros investigadores como Panagiotis Sotiroudis, que Xoán viviu no século VI e empregou un estilo sofisticado. E que a súa obra só durou até a morte do emperador Anastasio, no 518 polo que, aqueles fragmentos que se refiren a acontecementos posteriores son atriubíbles a unha continuación menos dotada de Xoán ou, simplemente, foron mal atribuídos pola investigación moderna. O debate segue aberto.

O historiador estadounidense Warren Treadgold tamén defendeu a tese, moi controvertida, de que Xoán seguiu en gran medida unha única fonte principal, que foi a obra histórica, agora perdida, de Eustacio de Epifanía.[15] Xa en 1990, Michael Whitby, afirmara que Xoán era un mero compilador e que, polo tanto, o seu estilo variaba dependendo da fonte empregada.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Xoán Tzetes, Epistulae, 6, e Historiae, 6.556
  2. Geltzer 1898, p. 41
  3. 3,0 3,1 Kazhdan 1991, vol. II, p. 1062
  4. Treadgold (2010), pp. 311-329
  5. Treadgold 2010, pp. 235-256
  6. 6,0 6,1 Roberto (2005): ver bibliografía
  7. 7,0 7,1 Mariev 2008: ver bibliografía
  8. 8,0 8,1 8,2 Treadgold 2010, pp. 316-317
  9. 9,0 9,1 Whitby (1990), p. 255
  10. Krumbacher 1897, pp. 258-260
  11. Martindale 1992, p. 711
  12. Scott 2018, pp. 826-827.
  13. Fragmento 1, edición de Roberto 2005.
  14. Treadgold 2010, p. 329
  15. Treadgold 2007, p. 311

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]