Excerpta Constantiniana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os Excerpta Constantiniana, Excerpta Historica ou simplemente, Excerpta (en grego:᾽Εκλογαί, Eklogai); en galego, Fragmentos Constantinianos) foron unha antoloxía en lingua grega de excerpts en 53 volumes redactados, polo menos, por 25 historiadores.[1] Foron encargados polo emperador bizantino Constantino VII (945–959), e probabelmente non foron completados até após a súa morte.[2] Hoxe só se conservan dous volumes completos e outros tres máis de xeito fragmentario; tamén se coñecen os títulos dos outros 21.[1]

Os volumes son coñecidos polos seus títulos latinos[2] e o título do conxunto, Excerpts (Fragmentos), é convencional.[3][4]

Características[editar | editar a fonte]

É posible que a obra orixinal non fose realmente unha selección de fragmentos senón unha antoloxía de textos enteiros reordenados tematicamente. Segundo o prefacio, o proxecto consistía en toma-las obras de historiadores seleccionados e reordenar as súas pasaxes por temas en lugar de cronoloxía para que "nada contido nos textos fuxise desta distribución en temas; por esta división segundo o contido nada da narración continua omítese, senón que se conserva enteiro".[2] Non obstante, hai evidencias de abreviación.[1] Tamén aparecen comentarios.[4]

O primeiro historiador incluído nos extractos é Heródoto (século V a.C.) e o último Xurxo o Monxe (século IX d.C.).[1] Hai algúns materiais que se conservan nos extractos que non se conservan en ningún outro lugar, incluíndo seleccións de Polibio, Nicolao de Damasco, Dexipo, Eunapio, Prisco, Pedro o Patricio, Menandro Protector e Xoán de Antioquía.[4][1] Outros historiadores incluídos foron Tucídides, Xenofonte, Diodoro de Sicilia, Dionisio de Halicarnaso, Flavio Xosefo, Flavio Arriano, Iámblico, Apiano de Alexandría, Dión Casio, Sócrates de Constantinopla, Teodoreto de Cirro, Sozomeno, Filostorxio, Zósimo, Procopio de Cesarea, Agatias de Mírina, Teofilacto Simocatta, Xoán Malalas e Malco de Filadelfia.[5] A ordenación dos autores dentro dos volumes non segue unha razón obvia.[1] Non obstante, os extractos dun autor nun volume nunca se presentan fóra de ordenación.[6]

Volumes conservados[editar | editar a fonte]

Dos 53 volumes orixinais, só se conservan 4, ben total ou parcialmente. Só hai un volume completo, o Excerpta de legationibus (Fragmentos sobre embaixadas), que se divide en dúas partes: Excerpta de legationibus gentium ad Romanos (Fragmentos sobre as embaixadas a Roma)[7] e Excerpta de legationibus Romanorum ad gentes (Fragmentos sobre as embaixadas de Roma).[7] O volume orixinal, gardado no Escorial, perdeuse ao lume en 1671, pero non antes de que se fixeran varias copias. No Escorial tamén se garda unha copia do século XVI de Excerpta de insidiis (Fragmentos sobre emboscadas), con outra copia do século XVI na Biblioteca Nacional de Francia (Graecus 1666).

Outros dous volumes orixinais máis sobreviven en parte: o Excerpta de virtutibus et vitiis (Fragmentos sobre virtudes e vicios) no Codex Peirescianus e o Excerpta de sententiis (Sobre declaracións gnómicas) como palimpsesto na Biblioteca do Vaticano (Graecus 73).[2] Fulvio Orsini preparou a primeira edición dos Excerpta, impreso en Antuerpen no 1582.[8]

Propósito[editar | editar a fonte]

O propósito dos fragmentos era servir como unha especie de espello para os príncipes. Dado que se cría que a historia contiña leccións útiles para os gobernantes, considerábase vantaxoso organizar a historia tematicamente para que, segundo palabras de Leonora Neville, "se un emperador se preocupaba dunha próxima embaixada, podería ler todos os fragmentos das embaixadas da historia de Roma á vez".[2] Os compiladores da Suda fixeron uso dos fragmentos con máis frecuencia que das obras orixinais.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Banchich, Thomas M. (2012). "Constantinian Excerpts". En Bagnall, Roger S.; Brodersen, Kai; Erskine, Andrew; Huebner, Sabine R.; Champion, Craige B. The Encyclopedia of Ancient History (en inglés). Malden, MA: Wiley-Blackwell. ISBN 978-1405179355. doi:10.1002/9781444338386.wbeah08041. 
  • Banchich, Thomas M. (2015). The Lost History of Peter the Patrician: An Account of Rome's Imperial Past from the Age of Justinian. (en inglés). Londres: Routledge. ISBN 978-0415516631. 
  • Humphreys, Mike (2018). "Excerpta". En Nicholson, Oliver. The Oxford Dictionary of Late Antiquity (en inglés). Volume 1: A–I. (2 vols.). Oxford / Nova York: Oxford University Press. ISBN 978-0198662778. 
  • Kazhdan, Alexander (1991). "Excerpta". En Kazhdan, Alexander P. The Oxford Dictionary of Byzantium (en inglés). Oxford: Oxford University Press. ISBN 978-0195046526. 
  • Manafis, Panagiotis (2017). "The Excerpta Anonymi and the Constantinian Excerpts". Byzantinoslavica. 75 (1–2): 250–264. CEEOL 608919
  • Németh, András (2018). The Excerpta Constantiniana and the Byzantine Appropriation of the Past (en inglés). Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 9781108529068. doi:10.1017/9781108529068. 
  • Neville, Leonora (2018). Guide to Byzantine Historical Writing (en inglés). Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 9781139626880. doi:10.1017/9781139626880.