Xibolete

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
"Di 'Tchoupitoulas' ou “Get the fuck out” (marcha de aí): un residente de Nova Orleáns usa o nome de Tchoupitoulas Street como xibolete para etiquetar aos partidarios da demolición dunha estatua de Robert E. Lee como forasteiros.

Un xibolete, tamén xibbólet ou shibboleth (שִׁבֹּלֶת) refírese a calquera uso da linguaxe indicativo da orixe social ou rexional dunha persoa. De forma máis ampla, pode apuntar a calquera práctica que identifique aos membros dun grupo, unha especie de contrasinal.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A súa orixe é a palabra hebrea «šibbóleth» (שִׁבֹּלֶת (en hebreo: עברית)), que significa literalmente ‘espiga’ ou, segundo outras fontes, ‘torrente’. Deriva dunha historia do Antigo testamento na cal a pronuncia desta palabra foi utilizada para distinguir a membros dun grupo, a tribo de Efraím, cuxo dialecto carecía do son / ʃ /, a diferenza doutros, por exemplo os galaaditas, cuxo dialecto si o incluía. No capítulo 12 (versículo 6) do Libro dos Xuíces, nárrase o acontecido despois de que os habitantes de Galaad derrotasen a tribo de Efraím arredor do 1070 a. C. Cando os efraimitas superviventes tentaban cruzar o río Xordán, os seus enimigos vixiaban na beira para identificalos e matalos; os galaaditas puñan a cada viaxeiro unha proba sinxela:

4 Ocupou Galaad os baixíos do Xordán de diante de Efraím e aconteceu que, cando dicía un dos fuxitivos de Efraím "déixame pasar", preguntábanlle os homes de Galaad: ‑"Ti es efraimita". E respondía: ‑"Non". Daquela dicíanlle: ‑"Fai favor de repetir Xibbólet
5. E dicía: Sibbólet (pois non conseguía pronuncialo ben)"
6. Entón eles apreixábano e degolábano xunto ós areais do Xordán. E caeron naquel entón corenta e dous mil de Efraím.
Libro dos Xuíces, capítulo 12, versículos 4 a 6

Usos actuais[editar | editar a fonte]

En conflitos étnicos[editar | editar a fonte]

Masacre das vésperas sicilianas[editar | editar a fonte]

Durante o masacre das vésperas sicilianas, no século XIII, os franceses eran recoñecidos pola forma en que pronunciaban cìciri (garavanzos en siciliano).[1][2]

Revolucións no Brasil[editar | editar a fonte]

Durante as revolucións de 1893 e 1923, no sur do Brasil, os uruguaios foron identificados facéndolles pronunciar a letra J .[3][4]

Masacre de haitianos de 1937[editar | editar a fonte]

En diversos conflitos entre grupos con diferentes linguas ou dialectos, un deles utilizou xiboletes para descubrir membros ocultos do grupo contrario. O masacre de haitianos acontecido na República Dominicana en 1937 recibiu o nome dun suposto xibolete empregado polas forzas do ditador Trujillo. Os haitianos distinguíanse pola pronuncia da palabra perejil (é moi difícil para un haitiano esconder o r uvular en francés ou crioulo haitiano) (véxase Masacre do pirixel).

Uso cultural ou dialectal[editar | editar a fonte]

Os membros dunha comunidade lingüística, ou os falantes dunha variante dialectal da mesma lingua, poden descoñecer o feito de que pronuncian un termo de forma distintiva. Ao falar pode descoñecerse ou non o efecto creado no interlocutor; e serve para autoidentificarse ou identificar aos forasteiros.

En galego[editar | editar a fonte]

En Galiza hai palabras distintivas de lugares concretos, por exemplo "caropa" ou "caripa" para referirse á cortiza do piñeiro resaltarían a orixe da Illa de Arousa ou de Tirán respectivamente.[5]

No Grove a palabra "meu" actúa como xibolete[6]; por exemplo Yayo Daporta, nado en Cambados, para resaltar o seu vínculo cos grovenses (e a pesar de que do Grove a Cambados hai menos de 20km de distancia) empregouna no seu pregón da Festa do Marisco.[7]

En portugués[editar | editar a fonte]

Na lingua portuguesa xibolete asumiu un significado máis amplo, e tamén pode indicar o recoñecemento dun hábito ou dunha característica específica, que permite recoñecer que o individuo pertence a un grupo distinto. Aparece en varios dicionarios e manuais de gramática e ortografía, e tamén se pode escribir xibolet, xibolé ou xibolê.

En castelán[editar | editar a fonte]

Na lingua castelá, alén da presenza na Biblia, foi introducido por Miguel de Unamuno en 1900, coa forma chibolete no seu ensaio La fe, adaptando a forma do Libro dos Xuíces.[8] A RAE, porén, non incluíu no dicionario o termo, tampouco coa forma shibboleth.[9]

En catalán[editar | editar a fonte]

Segundo a lenda, durante a Revolta dos Segadores utilizábase o coñecido trabalinguas «setze jutges d'un jutjat / mengen fetge d'un penjat» ("dezaseis xuíces dun tribunal / comendo o fígado dun aforcado") para distinguir entre cataláns e casteláns. O «setze» contén a africada alveolar sonora ([d͡z]), un fonema ausente no castelán; segundo Joan Amades, “que os non cataláns cústalles pronunciarse e foi aceptado en xeral como o noso 'zidgolep' [sic.]”.

Outra lenda explica que durante a guerra de independencia, os Miquelets do Empordán obrigaron aos cativos a pronunciar a palabra "marfega". Quen a pronunciou como unha palabra cortante, ao estilo dos franceses, foi guindado por un penedo preto de Colera coñecido como o Salt dels Gavatxos (salto dos franceses).

Os bergueses (de Berga) pronuncian o nome da cidade con [e] pechado; os que o pronuncian co [ɛ] aberto son identificados como forasteiros e son obxecto de burla.

Os habitantes do Tarragonès que conservan a distinción b/v usan como xibolete a frase «beu vi bo de Valls» ("bebe bo viño de Valls").

En inglés[editar | editar a fonte]

Hoxe, na lingua inglesa un shibboleth tamén ten un significado máis amplo. Refírese a calquera palabra ou frase que se pode usar para distinguir os membros dun grupo dos alleos, sexan ou non hostís. A palabra tamén se usa para referirse ao argot, cuxo uso axeitado identifica a un como membro dun grupo ou subcultura en particular. Figuradamente tamén é sinónimo de tabú.[10]

Na masonería[editar | editar a fonte]

A palabra shiboleth úsase na masonería simbólica como unha palabra pase do grao de compañeiro.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Runciman, Steven (1997). I vespri siciliani (en italiano). ISBN 88-220-0508-2. 
  2. "Per un pugno di ceci" (en italiano). Consultado o 2018-12-11. 
  3. "xibolete – Sua Língua". sualingua.com.br. Consultado o 2022-05-01. 
  4. Redação (2017-08-17). "Não erre o xibolete!". AMAZONAS ATUAL (en portugués). Consultado o 2022-05-01. 
  5. "Dicionario de dicionarios". sli.uvigo.es. Consultado o 2022-05-01. 
  6. Grove, O. (2019-03-12). "Los vídeos de "Fala do Ghrove" ya están disponibles en las redes sociales". Faro de Vigo (en galego e castelán). Consultado o 2022-05-01. 
  7. "Daporta: «Eu son do Grove, meu»". La Voz de Galicia. 2015-10-04. Consultado o 2022-05-01. 
  8. "La técnica del chibolete". Expansion. Consultado o 2022-05-01. 
  9. "«Diccionario de la lengua española»". dle.rae.es/ (en castelán). Consultado o 2022-05-01. 
  10. "shibboleth - Dicionário Inglês-Português (Brasil) WordReference.com". www.wordreference.com (en portugués). Consultado o 2022-05-01. 
  11. "Schibboleth". Consultado o 2022-05-01. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]