Verxebán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Verxebán
Verxebán (Verbena officinalis) na ilustración de Otto Wilhelm Thomé, Flora von Deutschland, Österreich und der Schweiz, 1885
Verxebán (Verbena officinalis) na ilustración de Otto Wilhelm Thomé, Flora von Deutschland, Österreich und der Schweiz, 1885
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Lamiales
Familia: Verbenaceae
Xénero: 'Verbena'
Especie: ''V. officinalis''
Nome binomial
''Verbena officinalis''
L., Sp. Pl., 1: 20-21, 1753[1]

O verxebán[1] (Verbena officinalis) é unha herba perenne nativa do sueste de Europa. Tamén recibe o nome de orxabán, verbena e herba da cruz, entre outros.

Flores.

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha planta herbácea perenne, de terreos ermos, que medra até os 100 cm ou máis de altura. O seu talo é erecto, obtuso, cuadrangular e moi ramificado, e está marcado por dous sucos lonxitudinais. As follas son opostas, pecioladas, rexas, pinnadas, lanceoladas e con lóbulos profundos. As flors son miúdas, de cor branca a azul púrpura ou lila clara, sesiles, e se agrupan en espigas paniculosas axilares e terminais. A corola ten forma de funil. O froito é unha cápsula con catro sementes. Florea de xuño a setembro. A raíz e mais as follas son amargas.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Medra de xeito espontáneo en Europa, Asia, África e tamén agora en América. Atópase en terreos ermos con certa humidade e nos bordos dos camiños. É subnitrófila.

Cultivo[editar | editar a fonte]

Porpágase por semente ou raíces. Está amplamente naturalizada fóra do seu ámbito nativo.

Usos[editar | editar a fonte]

Considérase vulneraria, detersiva, febrífuga e resolutiva; hoxe, porén, úsase pouco en medicina e non ten a celebridade dos antigos tempos.

Etnografía[editar | editar a fonte]

O verxebán adóitase usar en Galiza coma unha das herbas de San Xoán, por ser medicinal e ser considerada na cultura galaica (e noutras, especialmente do oeste e norte de Europa) coma herba sacra e para afastar os maos espíritos.

Os druídas venerábana moito; antes de a apañar facían un sacrificio á terra; arrincábana de mañá cedo; na canícula facían aspersións de auga lustral para afastar os maos espíritos; tamén se servían da mesma planta para limparen os altares de Xúpiter. Atribuíanselle moitas propiedades, entre outras, a de reconciliar os corazóns distraídos; con ela facíanse coroas,e a chamaban herba sacra, cinxíana na fronte os reis de armas, cando se lles mandaba ir anunciar a paz ou a guerra[2].

No nordés europeo foi tamén sinalada coma unha herba sacra, usada en rituais para limpar e defenderse contra doenzas do demo.

De acordo a William Faulkner na súa historia curta "An Odor of Verbena", a verbena ou verxebán é o única cheiro que pode ser ulido polos cabalos sen perderen o rastro.

Propiedades[editar | editar a fonte]

Principios activos[editar | editar a fonte]

Como herba medicinal utilízase a planta enteira enxugada, sobre todo a flor e en menor importancia a raíz. O principio activo do verxebán é un heterósido chamado verbenalósido que ten carácter estimulante do sistema nervioso parasimpático e por hidrólise produce verbenalol, verbenalina, verbenanina e hastatósido.

Composición química[editar | editar a fonte]

O verxebán está composto por mucilaxes, glicósidos, aceite esencial (citral, terpenos, alcohois terpénicos e xeramiol), saponina, ácido silícico, ácido cafeico, taninos e principios amargos.[3]

Usos medicinais[editar | editar a fonte]

  • Sedativo: estimula o sistema parasimpaticomimético debido ao heterósido irioide, verbenalol reducindo a forza e frecuencia do latexo cardíaco e estimulando o peristalismo intestinal. Pola súa actividade sedativa utilízase para combater o insomnio provocado por estados de nerviosismo que non permiten conciliar o soño. Acaba coas xaquecas pola súa actividade antineurálxica e sedativa.
  • Neuroprotector: o extracto acuoso de Verbena officinialis amosou efectos neuroprotectores fronte á doenza do Alzheimer.[4]
  • Adstrinxente: os taninos frean ls diarreas e son hemostáticos locais favorecendo a coagulación das feridas.
  • Antiinflamatoria: as mucilaxes diminúen as inflamacións ademais de unir a capacidade demulcente que relaxa, suaviza e protexe a pel e as mucosas.
  • Antiespasmódica: o verbenalol é un glicósido con efectos parasimpaticomiméticos, antitérmico, uterotónico e vasodilatador renal.
  • Enfermidades infecciosas: o verxebán recomendouse para a convalecencia de doenzas agudas.
  • Xinecoloxía : as infusións de verxebán recoméndanse para aumentar o volume de leite. Para evitar menstruacións dolorosas e reumatismo.
  • Sistema dixestivo: en grandes cantidades, pode provocar o vómito.
  • Hipnótico: o verxebán poduce unha lixeira depresión do sistema nervioso central.
  • Contra a tose: os iridoides exercen un efecto calmante sobre a mucosa respiratoria inhibindo o reflexo da tose.
  • Dixestivo: tense comprobado que o verxebán aumenta a produción de zumes gástricos nos animais.
  • Tense usado para o tratamento do nerviosismo, insomnio, ansiedade, esgotamento físico, esgotamento psíquico, tose improdutiva, na asma, a bronquite, o arrefriado común, dispepsias, discinesia biliar, oliguria, retención urinaria, edema, artrite, astralxias, gota. Tamén se utilizou por vía tópica para o tratamento de estomatite, larinxite, dermatite, prurito, queimaduras e contra o vampirismo.[3]

Accións farmacolóxicas[editar | editar a fonte]

O verxebán ten propiedades galactogogas que se atribuíron á aucubina. Os extractos do froito empregáronse para tratar a dismenorrea e estimular a lactación.

Toxicidade[editar | editar a fonte]

Os extractos de verxebán poden presentar unha certa acción hipotiroidea (diminúen a actividade do tiroides) polo que poden bloquear a acción de determinadas hormonas. Está prohibido o seu uso en mulleres grávidas porque o verbenalósido (heterósido irioideo que se hidroliza en verbenalol) pode causar un efecto uterotónico e dificultar as contraccións características do paristallo.

Doses elevadas de verbenalina provocan a parálise do sistema nervioso central, o que causa a aparición de estupor e convulsións.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Nome común:o nome verxebán é o máis común (escrito en galego antigo coma vergeban[5]). outros nomes locais son: crusados, herba da cruz, herba do bazo, herba dos ensalmos, orxabán e verbena[6].

En Portugal aparecen diferentes nomes comúns relacionados cos galegos coma: algebão, algebrão, gerbão, gerivão, girbão, jarvão, urgebão, erva-sagrada e verbena.

Sinónimos:[7]

  • Verbena tenuispicata Stapf [1885, Denkschr. Kaiserl. Akad. Wiss. Math.-Naturwiss. Kl., 1 : 34]
  • Verbena sororia D.Don [1825, Prodr. Fl. Nepal. : 104]
  • Verbena rumelica Velen. [1891, Fl. Bulg. : 441]
  • Verbena vulgaris Bubani

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome vulgar galego en diferentes fontes. A Real Academia Galega non recolle a planta no seu dicionario - http://sli.uvigo.es/DdD/ddd_pescuda.php?pescuda=Verbena+officinalis+&tipo_busca=cientifico
  2. Marcial Valladares Núñez: Diccionario gallego-castellano, Santiago, 1884
  3. 3,0 3,1 Dr. Berdonces I Serra. "Verbena officinalis". Gran Enciclopecia de las Plantas Medicinales. pp. 948.
  4. http://www.sciencedirect.com/science/article/pii/S0028390805003953
  5. Marcial Valladares Núñez: Diccionario gallego-castellano, Santiago, 1884
  6. http://sli.uvigo.es/DdD/ddd_pescuda.php?pescuda=Verbena+officinalis+&tipo_busca=cientifico
  7. Sinónimos en Tela Botánica

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Universidad de Extremadura. Lecciones hipertextuales de Botánica. Consultado 1 marzo de 2008. URL disponible a: http://www.unex.es/polen/LHB/asteridae/verbenac.htm
  • Gausachs i Calvet R. Les herbes remeieres. De la cultura popular al fàrmac. Una aproximació etnobotànica. Vol.1. Barcelona: Rafael Dalmau, editor, 2007.p. 326, 327.
  • Lavnert E. Guía de las plantas medicinales y comestibles de España y Europa. Barcelona: Ediciones Omega S.A., 1982.p.154
  • Polunin O. Guía de campo de las flores de Europa. Barcelona: Ediciones Omega S.A., 1991.p. 396, 397
  • Polunin O, Smythies B.E. Guía de campo de las flores de España. Barcelona: Ediciones Omega S.A., 1981.p. 326, 327.
  • Consejo general de colegios oficiales de farmacéuticos. Plantas medicinales y fitoterapia II. 2001.p. 204, 205.
  • Bolòs O, Vigo J, Masalles R, Ninot J. Flora. Manual dels països catalans. Barcelona: Pòrtic, 2005.p. 758.
  • Barnes J, Anderson L, Phillipson J. Plantas medicinales. Barcelona: Pharma Editora, 2004.p. 502,503.
  • Guía de plantas medicinales. Plantas para la salud. Tomo 6. Madrid: Ediciones Rueda, 2003.p. 411.
  • Ticli B. El herbario de la salud. Barcelona: Editorial de Vecchi, 1997.p. 125.
  • Berdonces i Serra. Gran enciclopedia de las plantas medicinales. Barcelona: Ediciones Tikal.p. 947, 948.
  • Diccionario integral de plantas medicinales. Madrid: RBA Integral, 2002.p. 601.
  • Universitat de Barcelona. Herbari virtual del Mediterrani occidental. Data d'accés 5 d'abril de 2008. URL disponible a: http://herbarivirtual.uib.es/cat-ub/especie/4826.html
  • Casado Ponce, Damián y Fernández López C. Flora de Jaén. Imprentavila 2006, pg. 238.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Verxebán
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Verxebán