Tomás Batuecas Marugán
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1893 Aldeanueva del Camino, España |
Morte | 21 de outubro de 1972 (78/79 anos) Santiago de Compostela, España |
Educación | Universidade de Salamanca |
Director de tese | Blas Cabrera Felipe |
Actividade | |
Ocupación | químico |
Empregador | Universidade de Santiago de Compostela |
Tomás Batuecas Marugán, nado en Aldeanueva del Camino (provincia de Cáceres) en 1893 e finado en Santiago de Compostela o 21 de outubro de 1972, foi un químico estremeño que desenvolveu a parte máis salientable da súa carreira académica e investigadora na Universidade de Santiago de Compostela, onde traballou na determinación precisa das masas atómicas dos elementos.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Realizou os seus estudos de bacharelato no Instituto de Cáceres e licenciouse con premio extraordinario en 1913 na Facultade de Ciencias da Universidade de Salamanca. Ese mesmo ano iniciou en Madrid os estudos de doutoramento e incorporouse ao Laboratorio de Investigacións Físicas que dirixía Blas Cabrera. Prototipo de investigador da rede formativa da Xunta para Ampliación de Estudos, á que pertenceu durante case vinte anos, en 1916 obtivo desta institución unha bolsa de dous anos para investigar na Universidade de Xenebra e estudar co profesor Philippe Auguste Guye a determinación de densidades e comprensibilidades dos gases reais. En Xenebra coñeceu a Henrique Moles, co que formou equipo de traballo durante moito tempo e que o orientou na súa carreira cara a unha formación químico-física.
En 1917 presentou a súa tese de doutoramento na Universidade de Madrid, cualificada con sobresaínte e máis tarde galardoada co premio extraordinario. Tres anos despois volveu á Universidade de Xenebra para exercer como 1er Assistent et Privat Docent, dirixindo catro teses de doutoramento e cun bo número de publicacións científicas en revistas estranxeiras. De regreso á Universidade de Madrid volveu traballar cos profesores Cabrera, Moles, A. del Campo e Xulio Palacios, co que, desde 1922, colaborou nos cursos de Termoloxía do Laboratorio de Investigacións Físicas para continuar os seus estudos sobre propiedades nos gases. En 1931 foi nomeado profesor agregado do Instituto Nacional de Física e Química (Fundación Rockefeller) e en 1932 ganou por oposición a cátedra de Química-Física da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago, primeira que desta especialidade se dotou en España, na que foi impulsor de traballos de investigación para o que logrou a creación de laboratorios ata entón inexistentes.
Carreira académica e científica en Santiago de Compostela
[editar | editar a fonte]Malia á súa inicial reticencia a incorporarse á Universidade compostelá alegando a non existencia de laboratorios da súa especialidade, polo que obtivo un permiso especial para continuar as súas investigacións en Madrid, en Santiago finalmente viviu corenta anos, primeiro desenvolvendo o seu traballo na universidade, ata 1963, ano no que se xubilou, e despois seguiu vinculado á Facultade a través da sección de Química-Física Pura do CSIC[1]
No seu discurso de inauguración do curso 1932-33, o profesor Ricardo Montequi (Montequi, 1932) deulle a benvida a Batuecas con estas palabras: “Para el profesor Batuecas, mi antiguo compañero de estudios en Salamanca, un emocionado saludo. Trae a la Universidad un nombre prestigiosísimo que se cotiza entre los más destacados valores internacionales consagrados a la medida de masas atómicas y es además un espíritu selecto abierto a todos los cauces del saber y del arte”.
Á súa chegada a Santiago, a Universidade non dispoñía de laboratorio, pero a Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas e o Ministerio de Instrución Pública concedéronlle unha subvención que lle permitiu instalar un laboratorio do que, a partir de 1935, comezaron a saír unha serie de traballos sobre densidades de sólidos, líquidos e gases. Despois da sublevación militar de 1936, o profesor Batuecas comprometeuse co novo réxime como vicerreitor e membro da xunta técnica do Servizo de Guerra Química.[2] Segundo testemuñas delatou a Isidro Parga Pondal para a súa depuración.[3]
Na Universidade compostelá foi indeleble a pegada do profesor Batuecas como docente universitario, investigador e mestre de discípulos que lle deron relevo e proxección internacional á Escola de Química Física compostelá: Francisco López Casado, J. I. Fernández Alonso, G. García Malde, C. Gutiérrez Losa, M. Carreira, C. Magdalena, E. García Rodeja, M. C. Meijón, María Concepción Varela, Xosé Manuel Pereira Cordido.
Obra científica
[editar | editar a fonte]No seu inicio, a obra científica de Batuecas está vinculada á de Enrique Moles. Ambos os dous traballaron durante uns 15 anos na fronteira do coñecemento, no estudo do estado gasoso real e na determinación rigorosa de masas atómicas. Este traballo en equipo rematou coa chegada de Batuecas a Santiago e, sobre todo, coa guerra civil que desmouchou a vida académica e, posteriormente, a vida física de Henrique Moles. Ao longo da súa dilatada vida, o profesor Batuecas publicou 139 traballos científicos, deles uns 50 en revistas internacionais de primeira liña. O conxunto da súa investigación poderíase clasificar en tres grupos:[4]
1º. Determinación rigorosa de masas atómicas segundo o modelo das densidades lindes gasosas. Estes traballos, iniciados en Xenebra en 1916, continuounos en Madrid e desde 1932, en solitario, co equipo que soubo formar en Santiago. O conxunto destas investigacións intentaba estudar a validez do método das densidades lindes gasosas na determinación das masas moleculares dos gases reais, seguindo a hipótese de D. Berthelot: M = Lp . VO (1 - AO p.P) (1). Moitas foron as contribucións de Batuecas neste campo, pero a máis salientable probablemente sexa a súa contribución á adopción da nova escala de masas atómicas con base no núclido 12C = 12. Calculou, asemade, o valor Vo da expresión (1), deixándoo en: VO = (22 4130 + 0,0003) L/mol.
2º. Determinación rigorosa de masas atómicas segundo o método picnoröntgenométrico aplicable a substancias puras cristalizadas. Esta xeira de traballos iniciouna en 1924, cando era profesor auxiliar de Análise Química na Universidade de Madrid. Os primeiros estudos neste campo, en colaboración cos profesores Rancaño e Ibarz, consistiron na determinación da densidade dos carbonatos alcalinotérreos polo método picnométrico usual, comprobando as deficiencias do método, dado que non era posible eliminar por completo o aire disolto nin impedir a evaporación do líquido picnométrico. No seu laboratorio da Facultade compostelá, o profesor Batuecas inventou unha técnica picnométrica de precisión que obviaba os problemas citados e permitía efectuar pesadas en correctas condicións. Posteriormente, en 1950, completaría o seu método, que denominou “picno-röntgenométrico”. Utilizando calcita como referencia, Batuecas e o seu equipo determinaron as masas atómicas dos elementos Al, Mg, Si, Na, K, As e Pb. Posteriormente propoñería usar o diamante como referencia, obtendo valores excelentes para as masas atómicas de K, As e TI.
3º. Outras variadas investigacións, entre as que sinalaremos: picnometría de alta precisión aplicable a líquidos puros e disolucións; cálculo de volumes moleculares parciais de electrólitos fortes; determinación de constantes químicas verdadeiras de substancias metálicas e gases nobres; electroanálises sen eléctrodos de platino; estudos sobre combustibles vexetais e madeira da Guinea Española.
O profesor Tomás Batuecas formou parte do grupo de traballo que en Xenebra-Madrid-Santiago se dedicou á determinación, o máis precisa posible, das masas atómicas dos elementos e ao establecemento dunha escala de masas atómicas, chegando a establecela tomando como base o isótopo do carbono 12. Foi en 1961, na XVI Conferencia Internacional da I. U .P. A. C. celebrada en Montreal, onde Batuecas como presidente da Comisión Internacional de Pesos Atómicos, xogou un papel decisivo no establecemento da escala única de masas atómicas, que eliminou o emprego das diferentes escalas físicas e químicas das constantes físicas fundamentais.
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]Ademais doutras moitas distincións académicas e científicas, en febreiro de 1964, con motivo da súa xubilación, a Real Sociedad Española de Física e Química dedicoulle unha sesión extraordinaria ao Dr. Batuecas e publicou dous volumes dos seus anais, 300 páxinas de densa química con traballos de primeiras figuras nacionais e internacionais, entre eles os dos seus amigos, os premios Nobel Linus Pauling e Louis de Broglhie. A cidade de Santiago, na que viviu 40 anos, xusto a véspera do seu pasamento (21.10.1972), nomeouno fillo adoptivo e concedeulle a medalla de prata da cidade.
No ano 2019 é homenaxeado no Día da Ciencia en Galicia.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Fernandez Alonso, J.I. (1964). "Vida universitaria: biografía del profesor T. Batuecas". Nova acta científica compostelana. Bioloxía 26: 163–183.
- ↑ Gurriarán, Ricardo (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1990-1940). Do influxo institucionista e a JAE á depuración do profesorado, Santiago, Universidade.
- ↑ Coruña, La Opinión de A. "O catedrático que botou a Parga Pondal da universidade, elixido como protagonista do Día da Ciencia en Galicia". www.laopinioncoruna.es (en castelán). Consultado o 2019-03-01.
- ↑ Bermejo Patiño, Manuel; Fandiño Veiga, Xosé Ramón. "“Tomás Batuecas Marugán”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega.". Consultado o 8/11/2014.
- ↑ "O químico Tomás Batuecas é o elixido para protagonizar o Día da Ciencia en Galicia 2019 - Real Academia Gallega de Ciencias". www.ragc.gal. Arquivado dende o orixinal o 20 de febreiro de 2019. Consultado o 2019-02-20.