Serra Madre Occidental

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Sierra Madre Occidental")
Localización das principais cadeas montañosas de México

A Serra Madre Occidental, en castelán Sierra Madre Occidental, é unha cadea montañosa que abarca todo o oeste mexicano e o extremo suroccidental dos Estados Unidos.[1] Nos seus 1500 km de lonxitude percorre Arizona, parte de Sonora, Chihuahua, Sinaloa, Durango, Zacatecas, Aguascalientes, Nayarit, e Xalisco, lugar onde se une ao Eixo Volcánico Transversal de México. Cobre 289 000 km² e ocupa a sexta parte do territorio mexicano. O seu punto máis alto é o Cerro Gordo en Durango, a súa anchura media é de 150 km, con alturas de até 3000 metros sobre o nivel do mar.

Xeoloxía[editar | editar a fonte]

Sierra madre mountains by mexikids.jpg

Desde un punto de vista xeolóxico, non é unha serra, senón unha meseta, sucada por numerosos canóns que lle proporcionan a aparencia de serra. A partir do vulcanismo depositáronse capas de materiais ígneos, como cinzas, gravas e derrames volcánicos, de composición riolítica (rochosa), formando unha xigantesca meseta. Intégrana sete barrancas; as máis espectaculares son a Barranca de El Cobre e a Barranca de Urique —que descende até os 1879 m de altura—, que posúen grandes ríos, entre eles o Conchos, que irriga gran parte do estado de Chihuahua.

O terreo é abruptamente escarpado en varias rexións, o que provoca variacións de temperatura extremas. No cumio das barrancas, o clima é frío (chegando no inverno aos -20 °C e no verán aos 20 °C de promedio), e no val temperado ou cálido (en inverno 10 °C de promedio, alcanzando os 40 °C no verán).

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Paisaxe da Serra Madre Occidental.
Barranca de Huentitán en Xalisco, é o comezo meridional da Serra Madre Occidental.

A Serra Madre Occidental é o pulmón da zona norte de México; cuberta por grandes bosques de piñeiros, aciñeiras e oyameis (oyamel, verba nahuatl) (abies religiosa e abies procera), que nos últimos anos sufriron un grave deterioro. A cadea alberga numerosas especies endémicas, cunha ampla variedade de flora e fauna. Segundo o Biodiversity Management of the Madrean Archipelago Report de 1994, até esa data a Serra Madre Occidental contaba con máis de sete mil especies de plantas, das cales catro mil eran endémicas. Mentres que outras zonas boscosas do mundo contan con catro ou cinco especies de piñeiros en cada ecosistema, na Serra Madre Occidental atópanse quince diferentes, máis unhas 25 de aciñeiras. Non obstante, os cortes forestais incontrolados dos últimos 120 anos deteriorou considerablemente o ecosistema, acabando con numerosas especies e poñendo outras ao bordo da extinción. Estudos realizados por J. Martjan Lammertink, Jorge A. Rojas Tomé, Federico M. Casillas Orona e Roger L. Otto permitiron determinar que practicamente todo o bosque da Serra Madre Occidental foi sometido a programas de aproveitamento forestal.

Na Serra existen polo menos 517 especies de fauna: 290 de aves, 70 de mamíferos, 87 de réptiles, 20 de anfibios e 50 de peixes. Entre os mamíferos sobresaen o esquío, a mofeta, varias especies de morcegos, o coiote, o pavo salvaxe, o armadillo, o veado de cola branca, a donicela, o xabaril, o teixugo, o puma, o xaguar, o ocelote e o gato montés. Aínda que están en perigo de extinción, aínda existen no máis recóndito da Tarahumara o puma, e o oso negro.

Das aves, 24 especies son endémicas. 10 están en perigo de extinción; entre elas, a arara verde, o papagaio da serra, a coa, a aguia real e o falcón peregrino. Certos estudos inclúen tamén o trogón orellón, o bufo manchado e a chara pinta entre as aves en perigo de extinción.

Dos réptiles, 22 especies son endémicas e dos anfibios doce teñen ese carácter. Entre os peixes de auga doce, algúns comestibles, destacan a troita arco da vella, Eleotris picta, a Cichlasoma beani e peixes da familia poeciliidae e Eleotridae.

Paisaxe da Serra Madre Occidental en Nayarit
O río Santiago ao seu paso polos límites do estado de Nayarit e Xalisco; a un lado, a Sierra Madre Occidental.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Serra Madre Occidental