Rafael del Riego

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Retrato de Rafael del Riego

Rafael del Riego y Núñez, nado en Tuña (Tineu) o 9 de abril de 1784 e finado o 7 de novembro de 1823 en Madrid, foi un militar e político asturiano. Deu nome ao Himno de Riego, que foi o himno oficial de España durante a Segunda República.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu nunha familia nobre, pero en decadencia. Tras licenciarse na Universidade de Oviedo en 1807, trasladouse a Madrid, ingresando no exército. En 1808, durante a Guerra de Independencia española foi capturado polos franceses no Escorial, mais logrou fuxir para Asturias, onde o seu pai era membro da Xunta Suprema asturiana.

O 10 de setembro participou na Batalla de Espinosa de los Monteros, volvendo caer prisioneiro. Levado para Francia, foi liberado. Viaxou por Inglaterra e Alemaña. En 1814 regresou a España, obtendo o rango de tenente coronel.

Durante os seis anos de monarquía absoluta, que seguiron á volta a España de Fernando VII, ingresou na masonería, conspirando contra o soberano. En 1819 o rei formou un exército para loitar nas Guerras de Independencia suramericanas, Riego dirixía o batallón asturiano. Logo de chegar a Cádiz, onde deberían embarcar as tropas cara a América, xunto con outros oficiais, organizou un motín o 1 de xaneiro de 1820 en Cabezas de San Juan, coa intención de reimplantar a Constitución de 1812. Riego marchou coas tropas desde Andalucía, buscando provocar un levantamento antirrealista, mais sen acadar demasiado éxito. Porén, outro levantamento na Galiza si logrou provocar adhesións no resto de España. O 7 de marzo de 1820, a casa real en Madrid rendeuse ante os soldados do xeneral Ballesteros, e o 10 de marzo o rei confirmou a restauración da Constitución española de 1812. Inaugurábase así o período da historia española coñecido como o Trienio liberal.

Estatua de Rafael del Riego en Oviedo.

O novo goberno ascendeu a Riego ao grao de Capitán xeneral, primeiro da Galiza (non chegaría a tomar posesión do cargo) e despois de Aragón, o 8 de xaneiro de 1821. O 18 de xuño casou coa súa curmá María Teresa del Riego y Bustillos. O 4 de setembro de 1821 ao ser descuberta unha conxura republicana, foi feito prisioneiro. Mais a súa popularidade e as manifestacións efectuadas en Madrid forzaron a súa posta en liberdade. En marzo de 1822 foi elixido membro das Cortes.

En decembro de 1822, no Congreso de Verona, a Santa Alianza considerou que o réxime liberal español debía ser suprimido, encargándoselle a Francia a reinstauración da monarquía absoluta. O 7 de abril de 1823, os Cen Mil Fillos de San Luís, cruzaron a fronteira española. Riego dirixiu o 3º exército, pero o 15 de setembro, derrotado, foi novamente feito prisioneiro na localidade de Arquillos (Xaén).

Enviado a Madrid, a pesar da amnistía anunciada, foi inculpado de traizón. O 7 de novembro de 1823, Rafael del Riego foi aforcado na praza da Cebada, en Madrid.

Na actualidade o seu retrato figura no edificio das Cortes.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Rafael del Riego

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]