Partido político europeo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un partido político europeo (formalmente partido político a escala europea), é un tipo de organización política transnacional que opera a nivel da Unión Europea.

Características[editar | editar a fonte]

De cordo coa regulamentación que deles fai o Regulamento (CE) 2004/2003, do Parlamento Europeo e do Consello da Unión Europea, pódese tratar de dúas formas de organización e participación política enteiramente distintas, a saber:

  • un partido político (stricto sensu), como asociación de cidadáns da Unión que persegue obxectivos políticos e que estea recoñecida como tal polo ordenamento xurídico de polo menos un Estado membro;
  • unha coalición de partidos políticos, como cooperación estruturada, unidos en base á súa afinidade ideolóxica con fins políticas.

Partidos e organizacións[editar | editar a fonte]

Partidos recoñecidos[editar | editar a fonte]

Os seguintes partidos políticos europeos están recoñecidos pola Unión Europea:

  • Partido Popular Europeo (PPE): partido cristián-demócrata e conservador, ao que pertencen, entre outros, o PP e a UDC españolas, a CDU alemá, a UMP francesa, a Forza Italia, a PO polonesa e o PSD portugués. No Parlamento Europeo pertencen ao grupo PPE-DE.
  • Partido Socialista Europeo (PSE): consiste en partidos socialistas e socialdemócratas de toda Europa; entre eles, pertencen o PSOE español, o PSdeG galego, o PSC catalán, o SPD alemán, o PS francés, o Labour Party británico e o PS portugués. No Parlamento Europeo o PSE forma un grupo propio.
  • Partido Europeo Liberal Demócrata Reformista (ELDR) é un partido liberal. Entre os seus membros contan o FDP alemán, os Lib Dems británicos e a CDC catalá. No Parlamento Europeo, o ELDR pertence ao grupo ALDE.
  • Partido Verde Europeo (PVE) é un partido ambientalista que inclúe, entre outros, aos Verdes alemáns e franceses, ademais da ICV catalá. No Parlamento Europeo forman parte do grupo Verdes/ALE.
  • Partido da Esquerda Europea (PIE) é unha alianza de partidos socialistas e poscomunistas. Inclúe, entre outros, a IU española, o Partido da Esquerda alemán, o PCF francés, o PRC italiano e o BE portugués. No Parlamento Europeo, pertence ao grupo GUE-NGL.
  • Partido Demócrata Europeo (PDE, non deben ser confundidos cos Demócratas Europeos) é un partido pequeno de tendencia centrista, entre cuxos membros destacan o MoDem francés e o PNV basco. Xunto a ELDR, forma o grupo ALDE no Parlamento Europeo.
  • Alianza Libre Europea (ALE) é unha federación de partidos nacionalistas e rexionalistas que defenden unha maior descentralización política. Pertencen, entre outros, o SNP escocés, a ERC catalá, o BNG galego, a CHA aragonesa, a EA vasca ou o Partido Andalucista. No Parlamento Europeo uniuse aos Verdes, no grupo Verdes/ALE.
  • Alianza pola Europa das Nacións (AEN) é unha coalición de partidos nacional-conservadores e maioritariamente euroescépticos. Entre os seus membros están, entre outros, o PiS polonés, a AN italiana e o RPF francés. Tamén o Fianna Fáil irlandés, que ten unha tendencia máis ben europeísta. No Parlamento Europeo, a AEN forma o grupo UEN.
  • Alianza dos Demócratas Independentes en Europa (ADIE) é un partido pequeno, antieuropeo e de tendencia dereitista, que inclúe, entre outros, ao MPF francés e á Liga das Familias Polonesas. Forma parte do grupo IND/DEM.
  • EUDemocrats (EUD) é outro partido euroescéptico de tendencia dereitista, que defende unha UE de estruturas só confederais. No Parlamento Europeo forman parte do grupo IND/DEM, aínda que o maior partido membro, o Samoobrona polaco, se uniu ao grupo UEN.

Partidos non recoñecidos[editar | editar a fonte]

Outras alianzas de partidos representadas no PE (non recoñecidas como partidos políticos europeos) son:

  • Movemento para a Reforma Europea (MRE) é unha confederación de partidos conservadores euroescépticos. Fundada en 2006 polo Partido Conservador británico e o ODS checo como sucesora dos Demócratas Europeos (DE). Na actualidade, estes forman parte do grupo PPE-DE, xunto ao PPE. Mais o MRE pretende formar un grupo independente despois das eleccións europeas de 2009. O CDS-PP portugués é membro dos DE, mais aínda non se aliou ao MRE.
  • Alianza da Esquerda Verde Nórdica (NGLA, polas súas siglas en inglés) inclúe a cinco partidos esquerdistas de países escandinavos. Ten unha tendencia algo máis ecoloxista do que o PIE, co que forma o grupo conxunto GUE-NGL.
  • Movemento Político Cristián Europeo (MPCE) é unha alianza de varios partidos pequenos cristiáns. Ten un eurodiputado (do partido neerlandés ChristenUnie), que se uniu ao grupo IND/DEM.
  • Euronat (Euronat) é unha coalición de partidos ultradereitistas e posfascistas, entre os que destacan o FN francés e a Fiamma Tricolore italiana. No 2007, formaron o grupo ITS no Parlamento Europeo; porén, despois da saída do partido membro romanés, PRM, volveron perder o número necesario para formaren grupo parlamentario.

Alianzas de partidos sen representación no Parlamento Europeo[editar | editar a fonte]

  • Conferencia da Esquerda Anticapitalista Europea (CIAE) é una agrupación de partidos pequenos de esquerda, entre elos a LCR francesa, a Izquierda Anticapitalista española, o Zutik vasco e o BNG galego.
  • Fronte Nacional Europeo (FNE) inclúe varios pequenos partidos nacionalistas de crúa extrema dereita, entre eles a Falange Española, o NPD alemán e a Forza Nuova italiana.

Outras organizacións transnacionais[editar | editar a fonte]

Á parte dos partidos europeos arriba indicados, que se basean nunha infraestrutura de partidos estatais/nacionais, tamén existen algunhas organizacións europeas estruturadas de xeito unicamente transnacional. Porén, de momento ningunha destas organizacións cumpre cos criterios para formaren un partido político europeo.

  • Newropeans, unha organización fundada polo activista Franck Biancheri, que persegue unha maior democratización da UE.
  • Europa Unida tamén busca unha democratización da UE e un reforzo dos elementos transnacionais.
  • Europa-Democracia-Esperanto defende a introdución do esperanto como lingua oficial da Unión Europea.