Parque Natural do Cadí Moixeró

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cadí Moixeró
Imaxe do Pedraforca
Marco Legal
Figura de Protección: Parque natural
Ano de constitución: 15 de xullo de 1983
Superficie: 41.342 hectáreas
Lexislación: Decreto 353/83, 15 xullo (DOGC 357, 24-08-83)[1]
Datos de interese
País: España España
Provincias: Flag of Barcelona.svg Barcelona, Bandera de Gerona.png Xirona e Flag of Lleida.svg Lleida
Concellos: Alás i Cerc, Cava, Josa i Tuixén, La Vansa, Bagá, Castellar de N´Hug, Gisclareny, Gósol, Guardiola de Bergueda, Saldes, Vallcebre, Alp, Bellver de Cerdanya, Das, Montellà i Martiner, Urús
Ríos: Llobregat, Bastareny
Picos Puig de La Canal Baridiana (2648m), Penyes Altes de de Moixeró (2260m), Tosa d'Alp (2531m), Puigllançada(2406m), Pedraforca (2497m)
Direccións: Carrer de la Vinya 1. 08695. Bagà
Teléfonos: 938 244 151

O Parque Natural do Cadí Moixeró sitúase en Cataluña repartido entre as comarcas de Berguedà, Alt Urgell e Cerdanya, sendo o segundo espazo protexido en extensión da comunidade autónoma.

Historia[editar | editar a fonte]

Historia do parque[editar | editar a fonte]

A necesidade de protexer a serra do Cadí e a súa área de influencia remóntase ó ano 1932 cando a Generalitat de Catalunya por medio do seu primeiro plano de ordenación do territorio catalán, desenrolado por Rubio i Turdurí, xa estruturaba un primeiro sistema de espazos naturais coa denominación de "Zona de parques e bosques reservados". Posteriormente o plan provincial de Barcelona no 1963 volveu a contemplar a protección da zona mediante a proposta de crear varios parques provinciais. Non foi ata o ano 1966 cando se creou a primeira figura de protección, mediante a Reserva Nacional de Caza do Cadí, que tiña coma principal obxectivo xestionar os recursos cinexéticos das poboacións afectadas proporcionando unha fonte de recursos económicos e ademais garantindo a conservación da fauna local. Máis adiante,o 6 de maio de 1.982 o Parlamento de Cataluña declaraba o Pedraforca e os seus redores coma Paraxe Natural de interese nacional ante a urxencia de regular as extraccións de lignito que se facían a ceo aberto na montaña. Finalmente o 15 de xullo de 1983 a Generalitat de Catalunya aprobou por lei a creación do Parque Natural, que protexía o macizo de Pedraforca e a val de Gresolet. Posteriormente, no 2003 a meirande parte do parque vai ser incluída nunha ZEPA, ou zona de especial protección para as aves, xa que se trataba do territorio protexido catalán con máis hábitats e especies de flora e fauna de interese europeo, de acordo á Directiva de Hábitats da Unión Europea.[2]

Minería[editar | editar a fonte]

A explotación do carbón na comarca[editar | editar a fonte]

No século XIX, o carbón e o ferro eran os minerais máis cobizados pola súa importancia para o desenrolo industrial daquel época. No 1851 abríronse as primeiras vilas na vila de Pobla de Lillet. As primeiras empresas mineiras importantes naceron na década seguinte: “A Central Bergadana”(1861), “La Perla Bergadana”(1864) e “La Carbonera española” (1863). Ademais da dificultada da extracción do carbón e da separación da terra, había que engadir a dificultade do transporte da materia prima. De feito os primeiros tranvías eran tirados por mulas ou cabalos ata a chegada dos primeiros trens, realmente mecánicos que comunicaban as minas de Fígols, Guardiola, Sant Corneli, Sant Josep e da Consolació.

A época dourada[editar | editar a fonte]

Porén o primeiro terzo do século XX vai ser a época do despegue das minas. Apareceron as primeiras colonias industriais, as primeiras fábricas e empresas de viaxeiros, entre os que se atoparon o rei Afonso XIII no 1908 ou a infanta Isabel de Borbón no 1916. Cos beneficios obtidos as minas ampliáronse e modernizáronse con novos equipos e posteriormente creouse a central térmica de Cercs no 1929 que producía electricidade eco carbón das minas. Posteriormente, nos anos 30 apareceron novas minas en Vallcebre e en Saldes, convertendo a rexión nunha das máis importantes de España en canto a explotación mineira.

Vista da Pobla de Lillet.

A decadencia[editar | editar a fonte]

Co paso do tempo e as reformas económicas o carbón deixou de ser o principal combustible do país. Moitas empresas, especialmente as pequenas sen capacidade de inversión, tiveron que pechar. Así nos anos sesenta do século XX só quedaban dúas empresas: “Carbones Pedraforca s. a.” e “Carbones de Berga s.a.”, posteriormente adquirida pola eléctrica FECSA. Finalmente ambas empresas pecharon no 2007 e no 1991, respectivamente, rematando deste xeito a actividade mineira no Parque natural e por extensión na comarca do Berguedà

Picasso en Gósol[editar | editar a fonte]

Picasso pasou a primavera-verán no 1906 na vila de Gósol, coa súa daquela muller Fernande Olivier. As paisaxes e xentes da vila serviron de fonte de inspiración ó artista para abandonar a súa época rosa e pasar a unha época de cores máis ocres. Entre as obras pintadas nesta época podemos salientar o cadro A muller dos pans. Actualmente nesta vila existe un museo adicado ós traballos desta época.

Orografía[editar | editar a fonte]

O Parque Natural do Cadí Moixeró está clasificado coma de alta montaña, xa que as súas altitudes sitúanse entre os 900 metros dos vales ata os 2648 metros do Puig de la Calma Baridiana. Polo tanto o ecosistema predominante é alpino alternando os densos boscos coas praderías alpinas e as grandes formacións rochosas. Morfolóxicamente o parque está formado pola confluencia das cordilleiras do Cadí e de Moixeró, unidas no porto de montaña de Tancalaporta. Ambas cordilleiras forman un parede montañosa que se estende 30 quilómetros de oeste a leste.

Sen dúbida os dous puntos máis salientables da zoa son a montaña de Pedraforca e o nacemento do río Llobregat. A montaña do Pedraforca, ademais da súa beleza paisaxística e particular forma, pasa por ser un dos cumios máis populares do alpinismo catalán. En canto o nacemento do río Llobregat sitúase na vila de Castellar de N'Hug, punto que pola súa beleza natural é un dos maiores atractivos turísticos do parque.

Os recursos hídricos, cursos fluviais e masas de auga, son escasos debido á natureza calcárea do conxunto orográfico que fai que a auga se escoe polo terreo, feito especialmente apreciable na parte occidental do Cadí. Soamente o xa nomeado Llobregat, o Bastareny e o Río de Saldes son os cursos de auga realmente salientables, xa que a conca do Segre, que limita co norte co Parque natural, xa está fóra do ámbito xeográfico do Cadí e do Moixeró.

Os arredores do parque natural[editar | editar a fonte]

Fóra dos límites estritos do Parque natural existen formacións, moi próximas, que polo seu valor ecolóxico e paisaxístico foron incorporadas á lista de espazos protexidos. Desta vez baixo a figura legal dos PEIN (Espazos de Interese natural) e as Reservas Naturais Parciais. Estes espazos serían a Serra del Verd, Serra de Port del Comte, Serra d'Ensija, Os Rasos de Peguera, O mazico de Catllaràs no sur do parque e as reservas parciais de Segre–Isòvol e Segre-Prullans no norte.[3]

Vexetación[editar | editar a fonte]

A vexetación do parque ten un elevado interese. Grazas ás diferencias climáticas existentes entre a parte oeste e leste e as diferencias de altitude existen un gran número de diferentes taxons vexetais, contabilizando algúns estudos preto de 1800 especies diferentes. No oeste, as secas son máis frecuentes e o clima de carácter máis continental, polo que a vexetación predominante é de tipo mediterráneo, namentres que no leste as especies predominantes son de tipo medio-europeo. Por outra banda os diferentes graos de altitude posibilitan as baixas temperaturas e unha elevada humidade. posibilitando así a presenza de especies centroeuropeas ou máis propias do norte de Europa. Así podemos indicar catros grandes áreas:

  • A zona submontesa. Entre os 700 e 1000-1500 metros.
Ademais do Piñeiro rubio, pódense atopar especies da familia Quercus coma o carballo
  • A zona montesa. Entre os 1500 ata os 1800 metros.
Atopamos a faia e o Piñeiro rubio
  • A zona subalpina. Entre os 1800 e os 2300 metros.
Esta sería o hábitat do Piñeiro negro (Pinus uncinata), o rododendro, coñecido localmente coma "estalabart", e o abeto.
  • A zona alpina. Por enriba dos 2300 metros.
Atopamos as praderías alpinas onde é posible observar diversas especies de gramíneas coma a xenciana alpina (Gentiana Alpina)

Non obstante as "xoias" botánicas do parque son a Xatardia scabra e a Ramonda myconi, especies endémicas do sector oriental dos Pirineos. Ademais a Ramonda myconi ten a súa orixe na era das glaciacións e tamén se coñece coma "orella de oso".

No ano 2000 publicouse o Catàleg de la flora d’interès especial ( Aymerich, 2000, (en catalán)). As motivacións desta publicación orixináronse nas discrepancias existentes entre os listados de especies a protexer, indicados polos criterios UICN (1994, 2001) e aquelas especies realmente protexidas polas directivas europeas, españolas e catalanas (Directiva 92/43/CEEE: Directiva de Hábitats, Anexos II, IV e V; Decreto 328/992 da Generalitat de Cataluña: Pla d’Espais d’Interès Natural; Orde 5/11/84 da G. d Cat. Sobre protección da flora Autóctona; Orde 28/11/86 da G. de C. sobre a regulación do Verd nadalenc (llex aquifolium))

Este catálogo tiña coma obxectivo listar tódalas especies botánicas que ben por ser endémicas da rexión ou por estar as súas poboacións en regresión ou moi illadas, precisaban dunha atención especial dende o punto de vista conservacionista.

Finalmente o catálogo incluíu 60 especies coma de alto interese e merecedoras dun esforzo conservador especial. As máis salientables: a xa nomeada Xatardia scabra, a Delphinium Montanum e a Asplenium Seelosii subsp. Catalaunicum.

Fauna[editar | editar a fonte]

Mamíferos[editar | editar a fonte]

O rebezo no parque natural[editar | editar a fonte]

Imaxe dun Rebezo.

As montañas do Cadí e Moixeró son un refuxio da fauna pirenaica. A causa do clima, dos seus ecosistemas e á súa accidentada orografía, estas montañas son o Habitat idóneo para moitas especies de ungulados coma o cervo ou o corzo. Non obstante, o rebezo, coñecido nos Pirineos coma Isard ou Sarrio é unha das especies máis destacadas do parque cunha importante poboación.

No momento da creación da Reserva Nacional de caza do Cadí, a poboación de rebezos chegaba a un cento de individuos. Poren no ano 2004 chegaron a superar os dous mil exemplares, convertíndose dese xeito, nunha das poboación máis importantes dos Pirineos e Prepirineo. No 2005, unha infección causada por un virus vai reducir a poboación nun 40%. Afortunadamente a poboación vai resistir e vai volver a aumentar dende aquela. [4]

Outras especies[editar | editar a fonte]

O lobo tamén está presente no Parque Natural do Cadí Moixeró con presenzas detectadas e confirmadas dende o ano 2000[5], e que hoxe en día é obxecto de estudio e seguimento para garantir a súa supervivencia. Grazas a diversas investigacións, confirmouse que a orixe destes lobos sitúanse nos Apeninos, atravesando o corredor natural dos Alpes Marítimos franceses que une Italia e os Pirineos. Isto é factible pola capacidade que ten esta especie de percorrer longas distancias en períodos de tempo relativamente curtos.[6]. Comentar a importancia dos morcegos no parque, xa que están presentes especies de gran singularidades ou ameazadas de extinción. Así no agosto do ano 2011 confirmouse no Parque unha poboación de morcego bicolor (Vespertilio murinus), especie típica do norte europeo[7]. Por outra banda investigacións feitas no ano 2010 confirmaron a presenza do orelludo alpino, especie que serve coma bioindicador do ecosistema do parque debido a súa adaptación a ecosistemas alpinos de gran sensibilidade ó cambio climático[8].

Aves[editar | editar a fonte]

Cartel do Parque Natural coa imaxe do peto negro.

Dentro das aves atopamos a pita do monte, cunha poboación en regresión, o peto negro, escollido coma o símbolo do parque, o Bicotorto común e o Moucho de Tengmalm, nome científico "Aegolius funereus" descuberto fai anos no parque onde ten o seu límite meridional de distribución. Este ave debido ó seu illamento do resto de individuos de Europa, considérase unha especie moi vulnerable. Debido a isto o Servizo de Fauna do Departament de Medi Ambient i Habitatge da Genralitat de Catalunya creou o proxecto Aegolius. Este proxecto inclúe diversas actividades e tarefas encamiñadas a asegurar a supervivencia desta ave. Con esta finalidade téñense levado a cabo anelamentos e posterior seguimento de individuos ou a instalación de caixas niño coa fin de posibilitar unha maior taxa de cría.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Decreto 353/83 na web da Generalitat de Cataluña. (en catalán)
  2. Lista de ZEPAS en Cataluña. A ZEPA Prepirineu Central Català atópase no PN do Cadí-Moixeró (en castelán)
  3. Véxase artigo na galipedia sobre as Reservas Naturais Parciais de Cataluña
  4. A peu por camins berguedans. 16 passejades i excursions. Por Rafael López-Monné. Arola Editors (en catalán)
  5. Artigo: "El retorn del llop a Catalunya" por Gabriel Lampreave Altarriba. Revista El Picot Negre, número 17, Xuño 2011(en catalán)]
  6. Parcs Naturals de Catalunya: Cadí-Moixero. Capítulo La fauna. Publicado por Geo Estel no 2007, coa colaboración de Repsol e El Periódico de Catalunya (en catalán)
  7. Poboación Morcego Bicolor confirmado na Serra do Cadí polos investigadores Adrià López Baucells, Lidia Freixas, Xavier Puig y Carles Flaquer o 17 de agosto do 2011. Museo de ciencias naturais de Granollers. Véxase nota de prensa (en catalán)
  8. Artigo: "L'orellut alpí (Plecotus macrobullaris Kuzyakin, 1965) cria al Parc Natural del Cadí-Moixeró" por Xavier Puig i Montserrat e Carles Flaquer. Revista El Picot Negre, número 17, Xuño 2011(en catalán)]
  9. El mussol pirinenc (Aegolius funereus). Por Àngel Bonada. Revista El Picot Negre. Número 15. Xuño 2010 (en catalán)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Parcs naturals de Catalunya, Francesc Gurri Serra, Generalitat de Catalunya, Editorial 92 SA, Octubre 1997. (en catalán)
  • Catalunya, natura viva. DVD-6 "Paratge Natural d’Interès Nacional del Pedraforca i Parc Natural del Cadí – Moixeró." Ano 2005. Publicado por TV3, Televisió de Catalunya. (en catalán)
  • Parque Natural Cadí-Moixeró, Catalunya. Publicado pola Generalitat de Catalunya. Departament de Comerç, Consum i Turisme. Direcció General de Turisme. Ano 1989. (en castelán)
  • Flora del Parc Natural del Cadí-Moixeró i de les serres veïnes. Autores: J. Vigo, I. Soriano, J. Carrerasm R. Aymerich, E. Carrillo, X. Font, R. M. Masalles, J.M. Ninot. Monografías do Museo de Ciencias Naturais de Barcelona. Ano 2003. (en catalán)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]