Papuxa real

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Papuxa real
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Sylviidae
Xénero: Sylvia
Especie: S. hortensis
Nome binomial
Sylvia hortensis
(Gmelin, 1789, Francia)
Subespecies
  • Sylvia hortensis hortensis
  • Sylvia hortensis crassirostris
Sylvia hortensis
Cuculus canorus bangsi + Sylvia hortensis

A papuxa real (Sylvia hortensis) é unha pequena especie de ave do xénero Sylvia dentro da familia Sylviidae.

Descrición[editar | editar a fonte]

Presenta unha lonxitude de entre 14 e 16 cm, sendo por tanto unha papuxa grande, maior que a papuxa das amoras. A súa plumaxe en machos adultos é de coloración gris escura na cabeza, gris abrancazada nas partes inferiores, presentando gorxa branca. O ollo presenta un chamativo iris de cor branca. O peteiro é fusco e as patas de cor lousa. As femias e inmaturos teñen a cabeza dun ton máis pálido.

Distribución[editar | editar a fonte]

A papuxa real é unha especie circunmediterránea, ou o que é o mesmo, está moi estendida nas rexións europeas que bordean o mar Mediterráneo así como na rexión setentrional de África. Localízase na Península Ibérica e Marrocos, estendéndose a súa distribución por todo o mediterráneo até Turquía incluída, localizándose polo leste facendo límite no Cáucaso, Irán e Casaquistán, onde tamén se atopan. Cara ao norte de Europa esténdense até os Alpes, apenas e raramente atopándose en Suíza.

Hábitat[editar | editar a fonte]

Habita distintos medios pois aínda que prefire matogueiras e campos baldíos tamén vive en bosques abertos cunha vexetación de certo porte. As maiores densidades de poboación desta especie obsérvanse cara aos 700 m.

Nutrición[editar | editar a fonte]

Aliméntase principalmente de arañas, bagas, insectos e as súas larvas.

Voz[editar | editar a fonte]

Emite un agradable canto en forma gorxeo en ton alto e forte, intercalando algunhas notas estridentes e certos asubíos. A súa voz de alarma é moi similar á do resto das papuxas, emitindo un seco e brusco tec tec ou tac tac que é repetido insistentemente.