Linux
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Tux, a mascota de Linux |
|
| Desenvolvedor: | Linux Kernel Organization |
| Última versión: | 2.6.28 (6 de Febreiro de 2009) |
| Sistema operativo: | Linux |
| Xénero: | Sistema Operativo |
| Licenza: | GNU Plublic License e outras |
| En galego: | Si, por medio dos ambientes de escritorio dispoñibles en galego e outro software libre traducido |
| Sitio web: | kernel.org |
Linux é unha familia de sistemas operativos similares a Unix (Unix-like) que empregan o Kernel de Linux. Linux é un dos máis relevantes exemplos de software libre e do sistema de desenvolvemento de código aberto. Xa que é software libre todo o seu código pode ser modificado, usado e redistribuído por calquera que así o desexe baixo os termos da licenza GPL[1]. O proxecto foi iniciado polo daquela estudante universitario Linus Torvalds no ano 1992 inspirándose en Minix.
O nome Linux procede do Kernel de Linux, escrito orixinalmente por Linus Torvalds no ano 1991. As ferramentas de sistema e as librarías proceden habitualmente do sistema operativo GNU, anunciado no ano 1983 por Richard Stallman. A contribución da GNU é a base para o nome alternativo de GNU/Linux[2] .
Coñecido polo seu uso predominante nos servidores, é instalable nunha amplia variedade de hardware, tando embebido en dispositivos coma en móbiles, ordenadores persoais, coma supercomputadoras.
As variantes desta familia de sistemas operativos denomínanse distribucións. As distribucións pretenden cubrir as necesidades dun determinado grupo de usuarios que pode ter diferentes necesidades. Así, namentres que unhas distribucións poden estar deseñadas para un ámbito técnico, outras poden incorporar software coma ambientes de escritorio, para facelas axeitadas ó uso persoal.
Linux é unha marca rexistrada que pertence ó seu desenvolvedor orixinal, Linus Torvalds, e que se define coma "un sistema operativo para computadoras que facilita o seu uso e operación".
Existen numerosos grupos de usuarios Linux en case tódolos países do mundo.
Índice |
[editar] Historia
O UNIX, que fora creado por Bell Labs en 1972, foi distribuído gratuitamente nun principio mais deixou de selo durante os anos 80, cando era o sistema operativo preferido nas universidades. Estas optaron por usar Minix, unha versión barata e limitada creada para ensinar. Linus Torvalds, que na altura estudaba na Universidade de Helsinki, usaba Minix na casa pero non gustaba das súas limitacións e comezou a escriber o seu propio sistema operativo como entretemento. O 25 de agosto de 1991, Linux anunciou o seu proxecto en usenet e atraeu a atención de numerosos hackers de todo o mundo.
Linus puxo o kernel que creara a disposición de quenquera que lle interesase. O kernel, ou núcleo, é o sofware que permite que corran todos os demais programas: organiza a multitarefa, xestiona os dispositivos de hardware e permite que se executen as aplicacións. Todos os programas cos que interacciona o usuario corren por riba do kernel. Algúns son esenciais, como o intérprete da liña de comandos ou consola, que se usa tanto interactivamente como para escreber scripts. Linus non escribiu estes programas el mesmo, senón que usou versións libres xa existentes, o que reduciu enormemente a cantidade de traballo precisa para lograr un contorno que funcionase. A maioría deste software, incluído o compilador de C, proviña do Proxecto GNU da Fundación polo Software Libre. Creada en 1984 por Richard Stallman, o seu obxectivo é o desenvolvemento dun sistema operativo completo tipo Unix totalmente libre. É por esa razón que se usa a denominación GNU/Linux. O Proxecto GNU ten o seu kernel propio, chamado Hurd.
Durante os dous anos seguintes, o kernel de Linux reuniu todas as características necesarias como para substituír a Unix, incluído TCP/IP e un sistema de xanelas (o X Window). Aparte de numerosos programadores individuais, apareceron empresas que comezaron a contribuír e distribuir Linux. Naceron grupos de usuarios locais e a comezos de 1994 iniciouse a publicación da revista Linux Journal.
A versión 1.0 do núcleo de Linux fíxose pública en marzo de 1994. Desde entón, o kernel continuou a desenvolverse velozmente baixo a “ditadura benévola” de Linus Torvalds, que ten a última palabra sobre o que se modifica ou engade ao núcleo. A publicación do navegador web Netscape como “software libre” en 1997 supuxo un empurrón importante para todo o traballo que se viña facendo baixo este concepto. Na actualidade, Linux está substituíndo a Unix no sector no que este predominaba, o dos servidores, e está abarcando máis e máis ámbitos de uso en detrimento doutros sistemas operativos comerciais.
[editar] Deseño
Linux é un Sistema operativo modular semellante a Unix. Os principios básicos do seu deseño proceden en esencia das bases establecidas para Unix durante as décadas dos 1970 e 1980. Linux emprega un kernel monolítico, o kernel linux, que se encarga de controlar os procesos de control, a conectividade á rede, e o acceso ós periféricos e o sistema de ficheiros. Os controladores de dispositivos están directamente integrados no kernel.
As funcionalidades superiores de Linux proceden de proxectos separados que interaccionan co kernel. O Espazo de usuario GNU é unha parte esencial da meirande parte dos sistemas Linux pois aporta a Shell e as ferramentas UNix que realizan a meirande parte das operacións básicas dun sistema operativo. Por riba destas ferramentas engádese unha capa máis, o ambiente de escritorio, que habitualmente emprega o X Window System, e que permite que o usuario interaccione graficamente con todas estas ferramentas.
[editar] Interface de Usuario
Un sistema baseado en linux pode ser controlado por unha ou máis CLI, interface de liñas de comandos, entornos gráficos ou GUIs ou ben por medio de controladores dos dispositivos mesmos, caso dos incrustados en determinadas máquinas.
Nos escritorios correntes, os ambientes de escritorio KDE, GNOME e Xfce son os máis empregados, inda que existe unha cantidade amplia de interfaces gráficas para linux.
Un sistema Linux típico ofrece unha CLI por medio dalgunha shell, que é o xeito usual de interactuar cun sistema Unix. No caso de distribucións especializadas en servidores as CLI poden ser a única interface dispoñible. Un sistema "headless", descabezado, non dispón de monitor e é controlado de xeito remoto por medio de protocolos seguros. Moitos dos compoñentes de baixo nivel de Linux, o que inclúe ó entorno GNU, usan extensivamente as interfaces CLI. Habitualmente para acceder dende o escritorio á CLI empreganse emuladores de terminal gráficos.
[editar] Desenvolvemento
O traballo en Linux, como no software libre en xeral, é “distribuído”. Isto quer dicer que só uns poucos programadores traballan directamente nas funcionalidades básicas do núcleo. A maior parte do código constitúenna os controladores de dispositivos, dos que hai miles, cada un coas súas particularidades. Como non interactúan entre eles, senón só co núcleo, o desenvolvemento de código para que funcionen déixase a colaboradores voluntarios que vexan a necesidade de utilizar eses dispositivos. Isto permite que Linux se probe efectivamente en moitísimos sistemas moi variados pero trae o inconveniente de que, en xeral, hai que esperar semanas ou meses a que un dispositivo recén saído ao mercado poda ser usado – en parte tamén porque moitas empresas non queren desvendar o funcionamento interno dos seus produtos, ainda que isto sucede cada vez menos.
O factor principal no proceso de desenvolvemento de Linux é que o código fonte está disponíbel publicamente baixo unha licenza que permite a súa modificación e distribución. Por esta razón, ao poder ser visto por moita xente, se se atopa un problema resulta máis doado solucionalo e se falta unha funcionalidade pódese engadir – que é algo que os programadores en xeral gostan de facer voluntariamente.
[editar] Uso Persoal e Comercial
É coñecido predominantemente polo seu extensivo uso en servidores máis é instalable nun amplo abano de hardware que vai dende a inclusión en dispositivos internos e móbiles a supercomputadores.[3] Inicialmente Linux nace coma un proxecto de voluntarios porén vive restrinxido inicialmente ó uso de programadores e ámbitos técnicos mais logo conseguiu momentum. Hoxe por hoxe moitas empresas participan no proceso de desenvolvemento de Linux a canda ós voluntarios namentres que outras tantas máis financian o proceso. Entre esas empresas están Red Hat, Novell, Oracle, Hewlett-Packard, IBM, Sun Microsystems, Nokia ou Dell.
O uso de Linux en ordenadores persoais está a medrar con pulo nos últimos anos. No ano 2008 produciuse un aumento do 61% das instalacións de Linux aproximando ó uso total en ordenadores sobremesa ó 2%[4]. Porén, existen disputas acerca destas estatísticas. Namentres hai quen opina que a porcentaxe de uso é menor hai unha certa tendencia a considerar que o uso real podería ser cuantitativamente maior. Ó inicio de 2008 HP considerou que a cuota de mercado de Linux podería sobrepasar á de Mac OS X rematado o ano[5] namentres que outros coma a compañía de información tecnolóxica Gartner sitúan a cifra xa no 4% e esperan que medre debido á venda de ordenadores portátiles[6].
[editar] Distribucións
- Artigo principal: Distribucións Linux.
Para instalar Linux habitualmente escóllese unha “distribución”. Unha distribución é o núcleo Linux, un programa de instalación e unha escolla de aplicacións. Todas as distribucións utilizan as mesmas aplicacións pero seleccionan unhas de preferencia a outras tendo en conta diversos factores. Poden, por exemplo, escoller versións máis estábeis ou máis innovativas, preferir as que se orientan cara KDE ou cara GNOME, dirixirse cara un público xeral ou un específico (servidor web, firewall, oficina, etc.). Pero unha vez instalada unha distribución é posíbel utilizar outros programas, xa que están dispoñíbeis en internet. Certas distribucións permiten que sexan usadas desde un CD sen neceside de descargar a distribución no ordenador.
Algunhas distribucións prodúcenas empresas e outras organizacións voluntarias e a dificultade de instalación e xestión dos centos de distribucións existentes varía.
- Debian
- Fedora
- Gentoo Linux
- Knoppix
- Mandriva Linux
- openSUSE
- Redhat
- Slackware
- Ubuntu/Kubuntu/Xubuntu/Edubuntu
|
openSUSE co entorno de escritorio KDE 4.1 |
|||
[editar] Asociacións Linux en Galicia e Outros Grupos Relacionados
- GLUG
Grupo de Usuarios GNU/Linux da Galiza
- AGNIX
AGNIX é unha asociación sen ánimo de lucro de ámbito galego e constituida por persoas con inquedanzas no eido da implantación do Sw Libre na nosa sociedade.
- GPUL
Grupo de Programadores e Usuarios Linux é unha asociación universitaria de programadores e de usuarios Linux formada na Facultade de Informática da UDC.
- GALPon
O Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra Asociación Cultural sen ánimo de lucro adicada a promover e difundir o emprego do Software Libre na sociedade galega. O seu ámbito de actuación principalmente é a provincia de Pontevedra.
- GULO
O Grupo de Usuarios Linux de Ourense é unha asociación universitaria nada no Campus da UDV en Ourense para a promoción e difusión do software libre e de Linux e a programación baixo licenzas libres.
- LUCUX
Asociación de usuarios de software libre de Lugo
- Inestable
Asociación de usuarios Linux de Ordes
- Amigus
Asociación de Informática d'As Pontes
- OUSLI
Asociación de Usuarios de Linux de Ourense
- GALITE
Grupo Asociado pola Libre Información e Tecnoloxía. Traballa no entorno de Lugo.
- AULUSC
Asociación de Usuarios de Linux da Universidade de Santiago de Compostela
- Proxecto Trasno
O Proxecto Trasno é un grupo adicado a tradución de software libre ó galego.
[editar] Referencias
- ↑ Linux Online ─ Sobre do Sistema Operativo Linux]
- ↑ Linux System Administrator's Guide: Linux or GNU/Linux, that is the question
- ↑ Linux Rules Supercomputers
- ↑ Linux desktop market share is up as much as 61 percent, study finds
- ↑ Linux Set To Unseat Apple as Number Two Desktop OS
- ↑ Netbooks A Linux Stronghold?
[editar] Véxase tamén
[editar] Outros artigos
[editar] Ligazóns externas

