La Chaux-de-Fonds

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
La Chaux-de-Fonds
Escudo de La Chaux-de-Fonds Situación de La Chaux-de-Fonds en Suíza
Situación
Fotografía de La Chaux-de-Fonds
País Suíza Suíza
Cantón Bandeira de Neuchâtel Neuchâtel
Distrito La Chaux-de-Fonds
Nome
Nome oficial La Chaux-de-Fonds
Alemán La Chaux-de-Fonds
Italiano La Chaux-de-Fonds
Romanche La Chaux-de-Fonds
Xeografía
Superficie 55,66
Altitude
 • Máxima
 • Mínima
1.000 m

Poboación
Poboación 37.523 (2010)
Densidade 672 hab/km2
Lingua Francés.
Información
Código postal 2300
Alcalde Jean Pierre Veya (PST)
Sitio na web www.chaux-de-fonds.ch

La Chaux-de-Fonds é unha cidade suíza pertencente ao cantón de Neuchâtel, a uns poucos quilómetros da estrema con Francia. Segundo datos do 2010 posúe 37.523 habitantes. A súa industria reloxeira, estudada por Karl Marx en Das Kapital, e a súa particular arquitectura, produto da reconstrución efectuada tras o lume que a destruíu completamente en 1794, valeulle, xunto coa veciña localidade de Le Locle, ser declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no 2009.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Situada na Cordilleira do Xura, a 1.000 metros de altitude, é a segunda cidade de maior altitude de Suíza, logo de Davos. Por poboación, é a terceira cidade francófona do país, tras Xenebra e Lausana, e a décimoterceira de todo o estado, sendo a máis poboada do cantón, malia non ser a capital. A cidade limita ao norte con Francia e o municipio de Les Bois, ao leste con La Ferrière, Renan, Fontaines e Les Hauts-Geneveys, ao sur con La Sagne, ao suroeste con Le Locle, e ao oeste con Les Planchettes.

O clima é frío, condicionado pola altitude. A media das mínimas en xaneiro é de 6,4 °C baixo cero, sendo a temperatura media do mes de 2 °C baixo cero. No mes máis cálido, xullo, a media das máximas non acada os 20 °C e a media de todo o mes é de 14,3 °C. Compárense estes datos coa principal cidade francófona, Xenebra, (-1'9 °C, 0'9 °C, 25'3 °C e 19'3 °C, respectivamente). Trátase, xa que logo, dunha das cidades máis frías de todo o país, só superada por Davos.

Historia[editar | editar a fonte]

Aínda que os vestixios arqueolóxicos da zona remóntanse ao Mesolítico, co achado dun cranio dun home de Cro-Magnon, a fundación da cidade coma tal non se produciu ata o 2 de decembro de 1656. O desenvolvemento posterior que experimentaría a cidade debeuse principalmente á creación dunha potente industria reloxeira e micromecánica, na que salientou Pierre Jacquet-Droz. Foi precisamente este feito industrial o que espertou a curiosidade de Karl Marx, quen describiu a La Chaux-de-Fonds como unha "cidade factoría" e analizou a división do traballo da industria reloxeira do Xura na súa obra Das Kapital.

A cidade foi devastada polo lume en 1794, creándose un plan para a súa reconstrución en 1835 da man de Charles-Henri Junod, o que motivou que a cidade pasase a ser coñecida polo seu moderno urbanismo. En 1848 participou activamente na revolución daquel ano; en efecto, o carácter industrial da vila facilitou a difusión de ideais de esquerda, aspecto que aínda hoxe se ve reflectido coa alcaldía ostentada polos comunistas do Partido Suízo do Traballo.

Cultura[editar | editar a fonte]

A súa declaración como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO ten moito que ver coa reconstrución da que foi obxecto no século XIX e esta, á súa vez, fíxose pensando na súa principal actividade, a fabricación de reloxos. A cidade pódese dividir en dous núcleos diferenciados, localizadas unha enfronte da outra co Xura como marco natural das mesmas. Ambas as dúas aglomeracións constitúen magníficos exemplos de cidades monoindustriais, de cidades-factoría, como definiu Marx a La Chaux-de-Fonds. A planificación urbana acometida acomodou a transición dunha cidade de artesáns, onde vivendas e obradoiros se mesturan e que data do século XVII, a unha cidade industrial destinada á produción nas fábricas. Noutra orde de cousas, a Art Nouveau tivo unha grande influencia na cultura e arquitectura da cidade a finais do século XIX.

Como non podía ser doutro xeito, La Chaux-de-Fonds é sede do Musée international d'horlogerie, o Museo Internacional da Reloxería, dedicado ao estudo e medición do tempo, así como aos reloxos e cronómetros, dos que amosa pezas antigas e moi valiosas.

A cidade tamén foi o lugar de nacemento do sonado arquitecto Le Corbusier.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: La Chaux-de-Fonds Modificar a ligazón no Wikidata

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Listaxe Cidade Cantón Pob. Listaxe Cidade Cantón Listaxe
Pano-Zurich-CityScape-FromGrossMunster-RiverSide.jpg
Zúric
Geneve 2005 001 Ork.ch.jpg
Xenebra
Panorama basel.jpg
Basilea
1 Zúric Zúric 372.047 11 Thun Berna 42.330
2 Xenebra Xenebra 191.415 12 Köniz Berna 38.793
3 Basilea Basilea-Cidade 169.019 13 La Chaux-de-Fonds Neuchâtel 37.523
4 Lausana Vaud 133.280 14 Schaffhausen Schaffhausen 34.587
5 Berna Berna 123.466 14 Friburgo Friburgo 34.490
6 Winterthur Zúric 101.203 16 Vernier Xenebra 33.517
7 San Galo San Galo 72.642 17 Coira Grisóns 33.377
8 Lucerna Lucerna 59.509 18 Neuchâtel Neuchâtel 32.770
9 Lugano Tesino 55.060 19 Uster Zúric 32.285
10 Biel/Bienne Berna 50.455 20 Sion Valais 29.718
Censo 2010

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]