Kanno Suga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaKanno Suga

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(ja) 管野 須賀子 Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento7 de xuño de 1881 Editar o valor em Wikidata
Osaca (Imperio do Xapón) Editar o valor em Wikidata
Morte25 de xaneiro de 1911 Editar o valor em Wikidata (29 anos)
Ichigaya Prison (Imperio do Xapón) Editar o valor em Wikidata
Causa da mortePena de morte Editar o valor em Wikidata (Enforcamento Editar o valor em Wikidata)
Datos persoais
País de nacionalidadeXapón Editar o valor em Wikidata
Ideoloxía políticaSocialismo e anarquismo feminista Editar o valor em Wikidata
RelixiónNihon Kumiai Kirisuto Kyōkai (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoXornalismo Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónxornalista Editar o valor em Wikidata
EmpregadorQ28686094 Traducir Editar o valor em Wikidata
MovementoIgualdade de genero Editar o valor em Wikidata
ProfesoresBunkai Udagawa (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua xaponesa Editar o valor em Wikidata
Participou en
1910Incidente Kōtoku Editar o valor em Wikidata
Outro
CónxuxeKanson Arahata
ParellaShūsui Kōtoku (pt) Traducir
Bunkai Udagawa (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Condenado poralta traición (1910)
→ (pena de morte) Editar o valor em Wikidata

Kanno Suga (管野 須賀子?), nada en Osaca o 7 de xuño de 1881 e finada en Ichigaia o 25 de xaneiro de 1911, foi unha xornalista anarcofeminista xaponesa. Autora de artigos sobre a opresión de xénero, defendeu a igualdade de dereitos para homes e mulleres.

En 1910 o goberno xaponés acusouna de traizón pola súa suposta implicación no que se coñeceu como o Incidente Kōtoku, un atentado contra o Emperador Meiji. Foi condenada a morte e executada na forca o 25 de xaneiro de 1911, con 29 anos. Foi a primeira presa política muller en ser executada na historia moderna do Xapón.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Kanno Suga naceu en Osaca en 1881. O seu pai, Kanno Yoshihige, era un empresario mineiro de éxito, mais crebou cando ela tiña 8 ou 9 anos. A nai morreu cando Kanno tiña 10 anos e o pai volveu casar. Tiña unha irmá máis nova, Hide, e un irmán máis novo.

O primeiro contacto de Kanno co socialismo foi un ensaio de Sakai Toshihiko no que lles aconsellaba ás vítimas de violación que non cargasen coa culpa. O ensaio motivou a Kanno a ler máis obras de Sakai, as cales expuxo posteriormente a outros socialistas.[1]

En setembro de 1899, con 17 anos, Kanno casou con Komiya Fukutarō, membro dunha familia de comerciantes orixinaria de Toquio. Kanno non sentía atracción física nin emocional polo seu marido, mais o casamento serviulle para escapar do acoso da súa madrasta. Kanno non estaba particularmente interesada no negocio, mais si na escritura. A madrasta acabou por deixar a súa familia e en 1902 Kanno regresou a Osaca para coidar do seu pai.[2]

Escritura e activismo[editar | editar a fonte]

Mentres Kanno atendía a súa familia coñeceu o dramaturgo Udagawa Bunkai, mecenas do seu irmán. Ficou tan impresionado con Kanno que a empezou a axudar na súa traxectoria literaria. Udagawa conseguiulle traballo no xornal matinal Osaka Choho e asesorouna para perfeccionar a súa escritura. Escribiu relatos curtos, artigos e ensaios.

A relación entre Kanno e Udagawa fíxose cada vez máis estreita. Este visitouna cando fora hospitalizada en novembro de 1902 e mesmo coidou da súa familia. Á súa vez, Kanno expresou o seu afecto por Udagawa en Isshukan. Tense afirmado nalgunhas fontes recentes que Kanno e Udagawa chegaran a ser amantes, aínda que todo parece indicar que non foi así.[3]

En 1903 Kanno uniuse á Fujin Kyofukai (Unión Cristiá de Mulleres pola Temperanza) da activista Yajima Kajiko, debido á súa crenza compartida na caridade. O obxectivo da sociedade era abolir o sistema de prostíbulos públicos do Xapón atacándoo na prensa escrita. Previamente ese ano Kanno asistira a unha conferencia en que Shimada Saburo defendía o peche do distrito vermello de Osaca. Coñeceu a Shimada e asistiu a un faladoiro socialista en que o socialista cristián Kinoshita Naoe falou, por petición de Kanno, sobre o labor de entretemento realizado polas gueixas.[4] Kanno tamén coñeceu alí a Kōtoku Shūsui, quen sería o seu amante.

Kanno empezou a colaborar cos xornais relixiosos Michi no Tomo (Tenrikyō) e Kirisutokyō Sekai (protestante). En 1904 comezou formalmente a Guerra ruso-xaponesa. Kanno uniuse á Heminsha, unha asociación antibélica de cristiáns socialistas liderada por Sakai e Kotoku. Foi lectora do Heimin Shinbun (As Novas da Plebe), unha revista antibélica encabezada por Sakai e Kotoku, aínda que nunca colaborou nela.

Cara 1905 Kanno e Udagawa distanciáronse xa que esta comezou a relacionarse coa Sociedade Reformista Feminina. A organización estaba a artellar unha campaña contra o sistema de concubinas e a prol da independencia das mulleres. O 3 de xuño dese ano morreu en Quioto o pai de Kanno. O seu irmán marchara estudar aos Estados Unidos, así que Kanno quedou coa súa irmá Hide.[5]

En 1906 Mori Saian, editor de Muro Shinpō, un diario da Prefectura de Wakayama, foi encarcerado por insultar as autoridades. Sakai contactara con Kanno para esta exercer como editora temporal de dito periódico. Porén, ela mostrouse reticente nun principio, xa que acababa de comezar un novo emprego. Sakai propúxolle o traballo a Arahata Kanson, quen sería o futuro compañeiro de Kanno. Namentres, Mori coñeceu a Kanno e convenceuna para que se unise ao Muro Shinpō. Mori foi encarcerado o 13 de marzo e Kanno incorporárase o 4 de febreiro como editora xefa. Ela e Arahata desenvolveron unha estreita amizade debido ao seu pasado similar dentro do cristianismo e o socialismo. Kanno regresou a Quioto ao final de maio dese ano, aínda que seguiu a escribir para o Muro Shinpō.

Máis adiante, ela e a súa irmá Hide mudáronse a Toquio, onde Kanno traballou como reporteira do Mainichi Denpo. Nesa mesma época, Kanno tornouse máis preocupada pola doenza da irmá. En febreiro de 1907 a saúde de Hide empeorou rapidamente e finou o 22 dese mes, pois Kanno e Arahata carecían de diñeiro para hospitalizala.[6] A inicios de maio Kanno ingresou nun sanatorio enferma de tuberculose, onde permaneceu dous meses. Tras a doenza volveuse máis irritábel. A súa relación con Arahata tensouse até separárense, malia que os seus amigos seguían a consideralos parella.

En xuño de 1908 Kanno, convocada por Arahata, Sakai e outros dirixentes anarcosocialistas, asistiu a unha asemblea política que sería coñecida como o Incidente da Bandeira Vermella, onde cantaron e ondearon bandeiras vermellas. As autoridades tentaron reprimir aquela concentración, o que derivou nunha liorta. Os anarcosocialistas foron arrestados e encarcerados.[5] Cando Kanno foi á comisaría para saber deles, descubriu que foran torturados pola policía. A policía acabou por arrestala a ela tamén e pasou dous meses no cárcere.[6] Aquela experiencia fixo que Kanno cambiase de parecer sobre o activismo pacífico que apoiaba o socialismo. Xa que logo, asumiu que a violencia era necesaria para derrocar o sistema.[7] Amais, foi despedida do Muro Shinpō, polo que tivo que dedicarse ao servizo doméstico.

Empezou unha relación con Kōtoku, quen foi encarcerado polas súas publicacións no Heimin Shimbun. Tras ser liberado este marchou para os EUA, de onde regresou 6 meses despois como anarquista convencido. En 1909 divorciouse da súa segunda muller e foir vivir con Kanno. Malia crer na igualdade de xénero, visitaba os prostíbulos acotío. O feito causou o enfado dos seus camaradas, ao consideraren que Kanno estaba a traizoar a Arahata, aínda en prisión. No outono de 1908 Kanno deixou de publicar durante case un ano debido ao traballo doméstico e tamén pola súa doenza, da que se estivo a recuperar durante varias semanas en febreiro de 1909.

O Incidente Kōtoku[editar | editar a fonte]

En 1909 Kanno coñeceu a Miyashita Daikichi, quen afirmou que fabricara bombas para asasinar o emperador. Miyashita, operario industrial, foi convencido por Morochika Umpei, un membro do Heiminsha, que o emperador en realidade non era un ser divino. Miyashita lera a obra de Uchiyama Gudō, un monxe budista que consideraba que os arrendatarios rurais ficaran empobrecidos ao seren explotados polas elites, especialmente o emperador e os terratenentes. Uchiyama, quen tamén afondara nas «orixes» reais do emperador, concluíu que este non era divino, senón un vulgar bandido sen poder real sobre a nación e vítima frecuente de inimigos estranxeiros.[1]

Kanno, entusiasmada co complot desexaba emular a Sophia Perovskaia, quen participara no asasinato do tsar Alexandre II.[8] A Kōtoku tamén lle interesaba a idea, aínda que se acabaría distanciando dos conspiradores.[9] En maio de 1909 Uchiyama foi arrestado, o que incrementou a vixilancia no Heiminsha. Kōtoku negaría publicamente as acusacións de conspirar contra o imperio, mais el e Kanno xa estaban no punto de mira.

Miyashita confioulle ao seu amigo Shimizu Taichiro a bomba para o atentado. Porén, Taichiro traizoou o grupo e delatouno ante a policía. O complot foi desvelado en maio de 1910, con Kanno aínda en prisión. O goberno arrestou a calquera que tivese conexións con Kotoku. Foron procesados un total de 26 individuos, dos que Kanno era a única muller. Deles, 24 serían condenados a morte e 2 foron sancionados con penas de prisión. Porén, 12 das execucións foron finalmente conmutadas por ingresos en prisión.

Kanno enfrontouse co goberno de xeito directo e negouse a eludir calqueda responsabilidade. Remarcou:

«Mesmo dentro do anarquismo eu era da á máis radical, así de sinxelo. Cando fun encarcerada en xuño de 1908 en relación co Incidente Kōtoku fiquei indignada coa brutalidade da policía. Concluín que nesas circunstancias non era posíbel difundirmos os nosos principios de xeito pacífico. Era necesario espertar a conciencia das persoas mediante disturbios ou cometendo asasinatos... Esperaba destruír non só o emperador, senón tamén outros elementos... O emperador Meiji, comparado con outros emperadores da historia, semella ter popularidade e é un bo tío. Malia que no persoal sinto mágoa por el, como emperador é o culpábel da explotación económica do pobo. No relativo á política el é a raíz de todos os crimes, e canto ao intelectual é a orixe principal das supersticións. Concluín, xa que logo, que unha persoa coa súa posición ten que ser aniquilada».[10]

Posteriormente, o xuíz preguntoulle a Kanno se desexaba facer unha última declaración. Esta afirmou que o seu único remorso era o fracaso do complot e sentiu que lles fallara a quen sacrificaran as súas vidas a prol do pobo. Kanno escribiu as súas memorias antes de morrer na forca o 25 de xaneiro de 1911. O diario Miyako Shimbun describiu a execución:

«Subiu ao patíbulo escoltada polos gardas e axiña lle taparon a cara cunha tea branca... Despois ordenáronlle sentar ergueita no piso. Colocáronlle dúas cordas delgadas ao redor do pescozo e retiraron o piso. En doce minutos estaba morta».[11]

Posturas[editar | editar a fonte]

Anarquismo[editar | editar a fonte]

Malia ser inicialmente socialista, Kanno abrazou o anarquismo durante o seu encarceramento após o Incidente da Bandeira Vermella.[12] Criticaba o kokutai, o principio de que o emperador era a encarnación do Xapón, e negaba que fose unha figura divina nin que descendese da deusa Amaterasu. Kanno pretendía derrocar o goberno xaponés, polo que os seus obxectivos eran, entre outros, políticos, fiscais e policía. Durante a súa execución expresou o seu odio polo fiscal Taketomi:

«Estando en prisión decidín non descansar até matarte [fiscal Taketomi], un inimigo a quen cheguei a odiar. Cando iniciamos este movemento revolucionario estaba decidida, a primeira cousa que ía facer sería chimparche unha bomba na cabeza. Se o facía, imaxínote sangrando a cachón case con tanta forza como a que tiveches cando a emitiches [a citación xudicial], non si? Nos meses após a miña saída da prisión en setembro do ano pasado, 1909, a miña decisión de matarte mantívose firme. Foi así tamén cando, tras o meu colapso en outubro e estando febril e inconsciente, souben que eu deliraba e baduara contra o fiscal Taketomi, por terlle tanto rancor. Aquilo abondaba para facerme rir. Entón alguén, non lembro quen, dixo que o fiscal Taketomi non era tan desapiadado no persoal, co que a miña antipatía amainou un pouco. Amais, por eu ter moito que facer pola causa e por ter que atender os meus asuntos propios, até hoxe non tiven a oportunidade de matarte».[13]

Tamén se referiu a outras figuras cruciais do goberno xaponés, incluíndo o conselleiro imperial Yamagata Aritomo e o Emperador Meiji. Respecto ao primeiro, Kanno expresou a «ledicia» que sentiría se puidese chimparlle unha bomba, debido ao odio deste á democracia e ao socialismo.[14] Canto ao segundo, malia non odialo persoalmente, víao como o símbolo definitivo da opresión do goberno. Expuxo:

«Aínda que abofé sinto mágoa por sacar de diante o soberano actual na súa calidade de individuo, como soberano que é supón o cume do sistema que nos oprime, polo que é algo inevitábel. Así mesmo, é algo necesario, porque é o líder do expolio. Penso que é unha mágoa porque se limita a delegar nos seus funcionarios, co que non ten coñecemento de primeira man do que acontece na sociedade. Penso que se formos capaces agora de falar un pouco con el en persoa sobre democracia, podería chegar a entendelo e pór fin á opresión. Mais na situación actual non hai esperanza de podermos conversar con el. É unha persoa excelente, polo que é algo lamentábel, mais con certeza inevitábel».[14]

Socialismo[editar | editar a fonte]

Durante a súa etapa como redactora no Muro Shinpō, Kanno publicou a súa perspectiva sobre o socialismo:

«O noso obxectivo é o socialismo, que procura a igualdade de clases. Porén, igual ca un gran edificio non pode ser derrubado ao momento, a actual xerarquía de clases, consolidado dende moitos anos atrás, non pode ser derrocado dun día para outro... Así que nós [as mulleres], antes ca nada, temos que atinxir o principio fundamental da conciencia propia e desenvolver o noso potencial e o noso carácter. Entón poderemos traballar paseniño cara á consecución do noso ideal».[15]

Kanno consideraba que o socialismo liberaría os homes do patriarcado. Con todo, afirmou que, malia a supresión do capitalismo supor unha oportunidade real para a igualdade de xénero, as mulleres tiñan que seguir na loita de maneira activa.[16]

Durante o seu encarceramento polo incidente da Bandeira Vermella, Kanno mudou o seu parecer respecto a unha revolución socialista pacífica. Así, concluíu que sería necesaria a violencia para derrubar o goberno e lograr a igualdade.

Feminismo[editar | editar a fonte]

Kanno tiña inicialmente unha visión negativa da prostitución e das gueixas (pois cría que eran tamén prostitutas). Consideraba o sistema de prostitución pública como «unha profanación da dignidade» que «deshonraba a nación ante os ollos dos visitantes estranxeiros».[17] Vía as prostitutas como «mulleres caídas», conforme o punto de vista da Sociedade Reformista. Con todo, mudaría o seu parecer e acabaría por culpar ao propio goberno desa situación. Kanno rexeitaba a lexislación oficial sobre a prostitución, anoxada porque o goberno xaponés permitía a explotación sexual das fillas das clases pobres. Amais, increpaba os homes que frecuentaban os barrios vermellos.[5]

Era unha firme defensora da igualdade de xénero e así o expoñía no Muro Shinpō:

«Nestes anos de posguerra son moitas as tarefas que debe afrontar a nación canto á política, a economía, a industria e a educación, entre outras. Poré, para nós as mulleres, a tarefa máis urxente é a de desenvolver a nosa conciencia propia. Conforme os costumes arraigados, véusenos vendo como un tipo de ben material. Aquí as mulleres viven nun estado de escravitude. O Xapón deveu nunha nación avanzada, mais ás mulleres aínda se nos nega a liberdade mediante un valado de ferro invisíbel. Hai mulleres orgullosas da súa vestimenta conformes por poderen comer ben e que consideran un gran pracer ir ao teatro. Poderiamos ignorar por un momento o patetismo destas mulleres submisas e en apuros, mulleres que só lle dan importancia aos seus propios intereses. Porén, as mulleres cun mínimo de educación e de coñecemento social de certo han estar insatifeitas e anoxadas debido á súa situación...».[1]

Kanno, amais, reprendía os homes por insistiren tanto na importancia da virxindade da muller. Advertíaos, así, de que deberían facer era centrarse máis en seren «maridos sensatos e bos pais». Isto facía referencia ao ryōsai kenbo («boa esposa, nai sensata»), o modelo patriarcal da feminidade no Xapón. Con todo, non fica claro se a propia Kanno cría na importancia da virxindade feminina.[16]

Kanno tamén criticou que o aspecto físico das mulleres tivese que estar no primeiro plano. Pediu que as mulleres deixasen de centrarse no seu aspecto e deixasen de lado os obi (faixa) ou as mangas dos quimonos. Cría que a roupa das mulleres, especialmente nos adornos, intensificaba o simbolismo desta como «xoguete e escrava».[5]

Nun artigo detalla a súa visión sobre os homes:

"Non hai ningún animal no mundo tan fachendoso como os homes. Cando as mulleres os gaban, mesmo de xeito casual, sacan conclusións apresuradas e traizóanse a si mesmos con noxentos sorrisos de superioridade. Os homes son, abofé, a personificación da fachenda. Ademais, canto máis fachendosos son, máis tenden a preferir persoas covardes. En tempos de crise, con certeza prefiren mulleres sen respecto por si mesmas, quen saloucan desesperadas dicindo «facemos o que ti queiras», que mulleres que aconsellen ben. Moitos homes desprezan as mulleres que teñen opinións propias. Prefiren aquelas que escoitan con admiración o que eles teñan que dicir, mesmo se estas son totalmente indiferentes. Os homes altamente fachendosos tratan as mulleres como xoguetes... Agóchanse tras das súas máscaras, móstranse serios, dánse aires de superioridade e finxen dignidade. Canto máis falan de xeito vaidoso, finxíndose intelixentes e tomándose demasiado en serio, máis fácil o teñen as mulleres para ver o estúpidos que son».[18]

Pacifismo[editar | editar a fonte]

Antes de ser encarcerada polo Incidente da Bandeira Vermella, Kanno definíase como pacifista. Unírase ao cristianismo e o socialismo en contra da guerra ruso-xaponesa e en outubro de 1903 publicou o relato curto Zekko. Este céntrase no debate entre dúas adolescentes sobre a guerra. Unha delas, filla dun pastor protestante, afirmaba que o Xapón deviría unha nación de salvaxes se entraba en guerra con Rusia. A historia conclúe coa outra moza, irmá dun heroe da guerra sino-xaponesa, denunciando a primeira por traizón e covardía. Atacaba o cristianismo, ao que consideraba unha relixión estranxeira e incompatíbel co espírito xaponés.[5] Mentres Kanno se consideraba pacifista, aínda mostraba indicios de nacionalismo en Zekko.

Cría que as mulleres non poderían contribuír de xeito significativo na guerra só mediante a Aikoku Fujinkai (unha asociación patriótica feminina). Consideraba que se estas querían axudar, terían que facelo de xeito activo como enfermeiras e traballadoras. Tamén vinculou os seus argumentos pseudo-nacionalistas coa súa crenza nos dereitos das mulleres, principalmente no do sacrificio, para instar aos homes a deixaren de visitar prostíbulos e contribuír economicamente á guerra.[19]

Cuestións historiográficas[editar | editar a fonte]

Acotío se describiu a Kanno como unha muller seductora e promiscua, unha «bruxa» con aventuras sexuais que a esfera socialista tiña que aturar. Tamén se dicía que se servira do sexo para potenciar a súa traxectoria xornalística e que «se permitiu afundirse nunha vida de prostitución».[20]

Este descrición corresponde coa autobiografía do seu ex-marido Arahata Kanson. Este detalla como foi seducido por Kanno e inclúe unha sucesión sensacionalista das supostas aventuras de Kanno no pasado, aínda que estas últimas semellan practicamente falsas.[21] As súas relacións, confirmadas por outras fontes, limítanse a Komiya Fukutarō, o propio Arahata e Kōtoku Shūsui. O editor das obras completas de Kanno comenta que Arahata «tivo un resentimento complexo e excesivo cara a Sugako [Kanno] durante a súa vida. Esforzouse en retratala como unha promiscua e insultouna sempre que lle foi posíbel».

Legado[editar | editar a fonte]

A peza teatral Kaiki Shoku (Eclipse), producida pola compañía Aono Jikken Ensemble e escrita por William Satake Blauvelt, está inspirada na vida de Kanno.


Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Hane 1988.
  2. Lunsing 2002, p. 309.
  3. Ōya, Wataru (1989). Kanno Suga to Isonokami Tsuyuko (Ōsaka jinbutsu hyōden) (en xaponés). Tōhō Shuppan. pp. 7–8. ISBN 9784885912153. 
  4. Sievers 1983, p. 142.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Raddeker 1997.
  6. 6,0 6,1 Sievers 1983.
  7. Mackie 1997, p. 67.
  8. Hane 1988, p. 55.
  9. Sievers 1983, p. 157.
  10. Hane 1988, p. 56.
  11. Hane 1988, p. 57.
  12. Mae 2014, p. 77.
  13. Raddeker 1997, p. 53.
  14. 14,0 14,1 Raddeker 1997, p. 54.
  15. Raddeker 1997, p. 154.
  16. 16,0 16,1 Raddeker 1997, p. 158.
  17. Raddeker 1997, p. 146.
  18. Raddeker 1997, p. 160.
  19. Raddeker 1997, p. 149.
  20. Notehelfer, F. G. (2011). Kotoku Shusui: Portrait of a Japanese Radical (en inglés). Cambridge University Press. p. 167. ISBN 9780521131483. 
  21. Ōya, Wataru (1989). Kanno Suga to Isonokami Tsuyuko (en xaponés). Osaca: Tōhō Shuppan. pp. 5–11. ISBN 9784885912153. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]