Jules Clément Chaplain

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaJules Clément Chaplain

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(fr) Jules Chaplain Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento12 de xullo de 1839 Editar o valor em Wikidata
Mortagne-au-Perche (Francia) Editar o valor em Wikidata
Morte13 de xullo de 1909 Editar o valor em Wikidata (70 anos)
París (Francia) Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaCemiterio de Montparnasse Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeFrancia Editar o valor em Wikidata
EducaciónEscola Nacional Superior de Belas Artes Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescultor , medallista , gravador , produtor Editar o valor em Wikidata
Período de actividade(Con vida en: 1878 Editar o valor em Wikidata)
EmpregadorManufacture nationale de Sèvres (pt) Traducir, director (1895–) Editar o valor em Wikidata
Membro de
ProfesoresFrançois Jouffroy, Eugène-André Oudiné (pt) Traducir e Eugène-Stanislas Oudinot (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
AlumnosFrédéric de Vernon (pt) Traducir e Auguste Davin (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua francesa Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables
Premios

WikiTree: Chaplain-145

Jules Clément Chaplain, nado en Mortagne-au-Perche, departamento de Orne, o 12 de xullo de 1839 e finado en París o 13 de xullo de 1909, foi un escultor, medallista, deseñador de moedas, debuxante e litógrafo francés.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Jules Chaplain naceu no departamento de Orne en 1839, fillo de Joséphine Lazarine Nourry e de Jean-Pierre Ferdinand Chaplain, panadeiro establecido na rúa Bellême de Mortagne-au-Perche.[2][3] O 8 de outubro de 1857 ingresou na Escola de Belas Artes de París para completar a súa formación artística, e alí estudou co escultor François Jouffroy e co gravador de medallas Eugène André Oudiné.[4][5][6][7]

Chaplain quedou segundo clasificado no Premio de Roma de gravado de medallas e pedra fina en 1860, e logo acadou o primeiro premio en 1863 pola súa medalla "Baco facendo beber unha pantera" e unha pedra gravada coa cabeza de Mercurio,[6] o que lle permitiu ser residente en Villa Medici, Roma, de 1864 a 1867.[8] Durante a súa estadía alí creou unha boa cantidade de debuxos e deseños de medallas;[4][9][10] Gaston Migeon sinalou que nesa etapa executou "algúns fermosos debuxos a partir das obras de pintura máis famosas da pintura de Roma".[7]

Durante a década de 1860 expuxo no Salón de París diversas obras da súa primeira época, entre elas bustos, medallóns de retrato, fichas e varias medallas, como a da Exposición Universal de 1867.[6][7] Nos salóns de 1870 e 1872 recibiu senllos premios e, finalmente, no Salón de 1878 acadou a medalla de ouro de primeira clase.[9][10] Igualmente, obtivo un dos grandes premios na Exposición Universal de 1900.[11]

Retrato de Jules Clément Chaplain gravando unha medalla.

En 1870, xunto co arqueólogo helenista Albert Dumont (1842-1884), recibiu a encarga do Ministerio de Instrución Pública de estudar e investigar as orixes dos vasos gregos pintados. Non puideron comezar este traballo ata despois da guerra franco-prusiana de 1870, xa que ambos se incorporaron ao servizo de ambulancias durante a contenda. Esta investigación estivo acompañada dunha misión a Grecia, Albania e Dalmacia,[12] e ao seu remate as conclusións foron publicadas en varios números do Journal des savants en 1872 e 1873,[13] e posteriormente nunha monografía publicada en 1888 en dous volumes, con textos de Dumont e os debuxos de Chaplain.[14][15] Raymond Poincaré escribiu ao respecto: "Nunha estreita e frutífera colaboración, os dous amigos estudaron todos os vasos antigos, hydriai e lekythoi, copas e ánforas, cráteras e cántaros, e Chaplain reproduciunos fielmente en láminas que expresan o seu relixioso respecto pola beleza antiga".[16]

Medalla titulada Marcel, Maurice, Louise et Suzanne Chaplain, coñecida tamén como Mes enfants (1886).[17]

O 11 de agosto de 1874, Jules Chaplain casou con Marie-Louise Dumont (1853-1922).[18] Os catro fillos que seguiron ao maior, Paul, falecido na infancia, foron Louise (1877-1951), Marcel (1879-1966), Suzanne (1882-1908) e Maurice (1884-1886), cuxos catro perfís aparecen xuntos nunha medalla que o artista realizou en 1886. Aínda que a medalla, que Chaplain asinou no centro, era "unha obra íntima e inicialmente destinada a permanecer no círculo familiar", como para "situar o pai no corazón dos irmáns", foi exposta no Salón de París de 1886 xunto con outras creacións súas cos bustos de Paul Baudry, Jean-Léon Gérôme e Victor Hugo.[17][19]

Realizou medallas para as Exposicións Universais de 1867, de 1878 e de 1900, así como para os primeiros Xogos Olímpicos modernos de Atenas en 1896.[20] O seu obradoiro achábase na rúa Mazarine de París.[16]

Ademais de pola súa creación de múltiples medallas, Chaplain é mundialmente recoñecido como gravador de dúas moedas de ouro cuñadas pola Monnaie de Paris, a de 10 francos e a de 20 francos Coq, emitidas entre 1899 e 1914. Estas moedas da Terceira República caracterízanse pola figura dun galo no seu reverso e unha representación alegórica da Marianne con barrete frixio no anverso, coroada con follas de carballo.[21][22] Igualmente foi o gravador da moeda dun birr de Etiopía emitida a nome do emperador Menelik II entre 1900 e 1903.[23]

Moeda de 20 francos Coq, de 1907.[24]

Jules Chaplain ingresou na Academia de Belas Artes o 9 de abril de 1881, en substitución do gravador de medallas Jacques Gatteaux.[7][9][10][11] En 1895 foi nomeado director da fábrica de porcelana de Sèvres (Manufacture nationale de Sèvres).[8][15]

Chaplain tamén foi o autor da composición posteriormente utilizada polo deseñador Robert Louis para un dos emblemas da República Francesa.[25]

Jules Chaplain finou o 13 de xullo de 1909 no seu domicilio do número 3 da rúa Mazarine, en París.[11][26][27][28][29] O seu corpo foi soterrado no cemiterio de Montparnasse.[30]

Na súa honra, unha das rúas do distrito 6 de París leva o nome de Jules-Chaplain.[31] Tamén na súa vila natal, Mortagne-au-Perche, se lle dedicou unha rúa, e nos xardíns da casa consistorial desta localidade inaugurouse un monumento na súa memoria, deseñado por Denys Puech, inaugurado o 12 de xullo de 1914.[32]

En 1877 fora nomeado cabaleiro da Lexión de Honra;[33] en 1888 fora ascendido ao grao de oficial e,[34] finalmente, en 1900 ao de Comendador.[35][11]

Valoracións críticas[editar | editar a fonte]

Placa da rúa Jules Chaplain, en París.
Tumba de Jules Chaplain no cemiterio de Montparnasse.
Parece que Chaplain reunía todas as calidades necesarias para sacar a medalla do labirinto en que a deixaran os artistas da primeira metade do século XIX. Todos os seus esforzos ían encamiñados a lle devolver a independencia e a orixinalidade que perdera. Coa súa ciencia consumada, o seu gusto puro, o seu gran respecto pola natureza, volvendo sempre a ela como fonte de toda a verdade artística, e a súa mente lúcida que se nega a perderse na complicación e a escuridade dos símbolos, non amando nada tanto como a claridade, debémoslle a aurora dun renacemento radiante. O seu debuxo ten estilo e afirma o seu gusto polas formas fixas. A súa man é extraordinariamente hábil, e por veces non pode resistir a tentación de se aproveitar dela. Que difícil é para un artista ser quen de se deter no tempo e sentir o límite onde a habilidade se converte en virtuosismo!
— Gaston Migeon (1900).[36]
Chaplain foi un dos primeiros mestres da nova escola e, xunto con Roty, seguiu a ser o máis venerado, ata o punto de que durante moito tempo estes dous nomes parecían resumir por si sós o conxunto da medalla francesa [...] A obra de Chaplain impón tanto pola súa cantidade como por unha calidade case indestrutible: era un mestre. Quen non lle debe algo? Non cómpre mencionar os seus célebres retratos de Jules Ferry, Gréard, Casimir-Perier, Garnier, o duque de Aumale e tantos outros. Chaplain, sen deixar de ser el mesmo, ten un xenio o bastante logrado como para se adaptar cada vez ao seu modelo, para compor a actitude, o volume mesmo dos seus personaxes segundo o carácter que quere facer dominar.
Jean Babelon (1948).[37]


Escolma de traballos[editar | editar a fonte]

Medallas[editar | editar a fonte]

Plaquetas de bronce[editar | editar a fonte]

Escultura[editar | editar a fonte]

Outros[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Chaplain, Jules Clément". Comité des travaux historiques et scientifiques (CTHS.fr).
  2. "Jules Clément Chaplan". Geneanet.org
  3. Partida de Nacemento de Chaplain. Archives nationales, Léonore.
  4. 4,0 4,1 Lami, S. (1914). Páxina 320.
  5. Forrer, L. (1904). Páxina 398.
  6. 6,0 6,1 6,2 Mazerolle, F. (1897). Páxina 7.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Migeon, G. (1900). Páxina 98.
  8. 8,0 8,1 "Jules-Clément Chaplain (1839-1909), graveur médailleur français, Grand Prix de Rome en 1863". Nicolas-salagnac.com
  9. 9,0 9,1 9,2 Mazerolle, F. (1897). Páxina 8.
  10. 10,0 10,1 10,2 Forrer, L. (1904). Páxina 399.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 Lami, S. (1914). Páxina 321.
  12. Gras, M.; Poncet, O. (2015) Construire l'institution : l'École française de Rome, 1873-1895. École française de Rome, 2015. ISBN 978-2-7283-1030-2
  13. Dumont, A.; Chaplain, J. (1873). "Les vases peints de la Grèce propre". En Le journal des savants. Setembro-decembro de 1872 / agosto setembro de 1873.
  14. Dumont, A., Chaplain, J. (1888). Les céramiques de la Grèce propre. 1e part: Histoire de la peinture des vases grecs. / 2e part: Mélanges archéologiques. Firmin-Didot, París.
  15. 15,0 15,1 Mazerolle, F. (1897). Páxina 9.
  16. 16,0 16,1 "Inauguration du monument élevé à la mémoire de Jules Chaplain, à Paris: Discours de M. Raymond Poincaré". Académie française (Academie-francaise.fr).
  17. 17,0 17,1 "The Artist's Children". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
  18. Partida de matrimonio: "Mariages, 06. Nº 555. 1874". Paris archives (Archives.paris.fr).
  19. Schaal, K. (2017). "Mes enfants, par Jules-Clément Chaplain". Institut national d'histoire de l'art (INHA.fr).
  20. Coubertin, P. et al. (1897). The Olympic Games B. C. 776 - A. D. 1896. 2nd Part. The Olympic Games in 1896. Atenas / Londres. Páxina 112.
  21. "10 francs", "20 francs (1898-1906)", "20 francs (1907-1914)". Fr.numista.com
  22. Schaal, K. (2021).
  23. "1 birr - Menelik II". Fr.numista.com
  24. "20 francs Coq Liberté, égalité, fraternité". Fr.numista.com
  25. Pinoteau, H. (1998). Le chaos français et ses signes. Ed. PSR. Páxinas. 385, 389, 444, 480. ISBN 978-2908571172
  26. Partida de defunción: "Décès, 06. Nº 1.466. 1909". Paris archives (Archives.paris.fr).
  27. "Bulletin de déces: Chaplain, Jules Clément". Archives nationales, Leonore.
  28. "Nécrologie ; J.-C. Chaplain". En Le Buletin del'Art Ancien et Moderne. Nº 431. 24 de xullo de 1909.Páxinas 211-212.
  29. "Obituary: Jules Clement Chaplain". En American Art News.17 de xullo de 1909. Páxina 6.
  30. Rexistro do enterro en Montparnasse: "Nº 888. 16 juillet 1909". Paris archives (Archives.paris.fr).
  31. Hillairet, J. (1963). "Rue Jules-Chaplain". En Dictionnaire historique des rues de Paris, Les Éditions de minuit, 7ª ed. T. 1. Páxina 691.
  32. "Munument à Jules-Clément Chaplain - Mortage-au-Perche". E-monumen.net
  33. "Légion d'Honneur (Chevalier): Chaplain, Jules Clément". Archives nationales, Léonore.
  34. "Légion d'Honneur (Officier): Chaplain, Jules Clément". Archives nationales, Léonore.
  35. "Légion d'Honneur (Commandeur): Chaplain, Jules Clément". Archives nationales, Léonore.
  36. Migeon, G. (1900). Páxina 103.
  37. Babelon, J. (1948). La Médaille en France. Libraire Larousse, París. Páxina 112.
  38. "Award to the Hammond Typewriter Company". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
  39. "André Marie Ampère, (1775-1836)". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
  40. "Mme Jeanne Mathilde Claude". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
  41. "In Honor of Delaunay, the Painter". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
  42. "Amable-Charles Franquet, 1840-1919". National Gallery of Art (NGA.gov).
  43. "Dr. Samuel Pozzi, 1846-1918". National Gallery of Art (NGA.gov).
  44. "Henriquel Dupont, 1797-1892". National Gallery of Art (NGA.gov).
  45. "Leo Delibes, 1836-1891". National Gallery of Art (NGA.gov).
  46. "Portrait of Mme. Sarah Gustave Simon (French, 1858-1925)". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
  47. "In honor of Prince Emmanuel Bibesco". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
  48. "Camille Sée". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
  49. "Octave Gréard (1828-1904)". Paris Musées (Parismuseescollections.paris.fr).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Migeon, G. (1900). "J.-C. Chaplain". En Art & Décoration. T. VII. Xaneiro-xuño. Páxinas 97-104.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]