Juan de Borbón y Battenberg
| Juan de Borbón e Battenberg | |
|---|---|
| Infante de España e Conde de Barcelona | |
Juan de Borbón en 1959 nunha visita a Holanda. |
|
| Nome completo | Juan Carlos Teresa Silvestre Alfonso de Borbón y Battenberg |
| Nacemento | 20 de xuño de 1913 La Granja de San Ildefonso, España |
| Falecemento | 1 de abril de 1993 Pamplona, España |
| Sepultura | Cripta Real do Mosteiro de El Escorial |
| Predecesor | Afonso XIII |
| Sucesor | Xoán Carlos I |
| Consorte | María das Mercedes de Borbón-Dúas Sicilias |
| Descendencia | |
| Casa Real | Casa de Borbón |
| Pai | Afonso XIII |
| Nai | Vitoria Euxenia de Battenberg |
Juan de Borbón y Battenberg, conde de Barcelona, nado no Palacio Real de La Granja de San Ildefonso o 20 de xuño de 1913 e finado en Pamplona o 1 de abril de 1993, foi o terceiro fillo home do rei Afonso XIII e pai do rei Xoán Carlos I. Desde o 15 de xaneiro de 1941 foi o Xefe da Casa Real española ata o 14 de maio de 1977. [1][2] Nese día, nun discurso dado no Palacio da Zarzuela, renunciou oficialmente ós seus dereitos sucesorios en favor do seu fillo o rei Xoán Carlos I, reservándose para si mesmo o título de conde de Barcelona, propio dos soberanos españois.
Índice |
Vida [editar]
Nado Juan Carlos Teresa Silvestre Alfonso de Borbón y Battenberg, foi fillo de Afonso XIII e de Vitoria Euxenia de Battenberg. Tras realizar os seus primeiros estudos en Madrid, ingresou na Escola Naval Militar de Cádiz (actualmente en Marín), pero tivo que interromper a súa formación, que continuou na Royal Navy, ao ter que partir cara ao exilio ao proclamarse a Segunda República española.
No ano 1927 foi nomeado cabaleiro da Orde do Toisón de Ouro.
Como terceiro fillo home de Afonso XIII, non estaba destinado a herdar a coroa. Con todo, o primoxénito, Alfonso, renunciou á coroa para poder casar cunha persoa que non pertencía á realeza en 1933, e o segundo, Jaime de Borbón, foi obrigado a renunciar porque era sordomudo (aínda que máis tarde arrepentiuse e quixo recobrar os seus dereitos). Tamén utilizouse como argumento, que reforzaría a renuncia de Jaime, a súa ligazón cunha muller que, aínda que nobre, non pertencía á realeza. A continuación viñan as súas dúas irmás maiores (Beatriz e María Cristina) sobre as que tivo preferencia por ser mulleres, o que converteu a Juan en herdeiro dos dereitos dinásticos da Casa de Borbón.
Guerra Civil [editar]
Ó comezo da Guerra Civil española, co apoio do seu exiliado pai Afonso XIII, pretendeu unirse aos sublevados contra a Segunda República. O 1 de agosto de 1936 cruzou a fronteira española por Dancharinea escoltado por un grupo de navarros monárquicos. Pasou coa identidade falsa de Juan López e traballador do Hotel "La Perla" de Pamplona. Chegou ao hotel pola mañá onde foi saudado polo director e púxose un mono azul co símbolo da falanxe e unha boina vermella que lle regalaron. Ao asomarse a unha das xanelas foi recoñecido por carlistas que estaban no próximo "Círculo Tradicionalista" e recrimináronlle o uso do seu símbolo. Estes denunciárono e el partiu inmediatamente cara a Burgos para evitar ser coñecido e que isto impedira a súa incorporación. Pola noite, cando ceaba no parador de Aranda de Duero, telefonoulle o xeneral Fidel Dávila, que transmitía ordes do xeneral en xefe do levantamento militar, Emilio Mola, no que dispuxo que retornase, algo que fixo, pasando a fronteira o 2 de agosto.[3]
Renuncia de Afonso XIII [editar]
Desde a renuncia de Afonso XIII como xefe da Casa Real española o 15 de xaneiro de 1941 (apenas un mes antes da súa morte), Juan foi o pretendente ao trono de España e encabezou a defensa da causa monárquica contra a ditadura de Franco, ligando o proxecto de restauración da monarquía a unha concepción política liberal e democrática (Manifesto aos españois, 1945), liderando parte da oposición ao franquismo. En 1946 instalouse en Estoril, Portugal coa súa familia e desde alí, asesorado por un consello privado, despregou un paciente labor diplomático en favor da súa propia causa.
No ano 1956 sufriu un duro golpe que afectou á súa familia: a morte accidental do seu fillo máis pequeno, o infante Alfonso, de 15 anos, mentres xogaba cun revólver co seu irmán Xoán Carlos. O irmán maior de Juan e tío de Xoán Carlos I, Jaime de Borbón, arrepentido de renunciar aos seus dereitos sucesorios, solicitaría máis tarde unha investigación en profundidade, ao considerar que tal suceso podía afectar á liña sucesoria.
Varias entrevistas co xeneral Franco convencérono de que non tiña intención de devolverlle o Trono; pero consentiu en que o seu fillo Xoán Carlos fose educado en España baixo a tutela do ditador e en que este o nomease sucesor co título de rei na Xefatura do Estado (19 de xullo de 1969). Este feito distanciou durante algúns anos a pai e fillo. De feito, non se pode considerar rei a Xoán Carlos I segundo a tradición borbónica ata que Juan de Borbón abdicou na persoa do seu fillo en 1977, unha vez que comprobou as conviccións democráticas do seu fillo, que o propio Don Juan puxera en dúbida tras aceptar a proposta de Franco de aceptar a Xefatura do Estado á súa morte. Conseguiuse así a reinstauración da monarquía borbónica, aínda que a costa de renunciar ás súas propias aspiracións á Coroa, pois foi Xoán Carlos I quen fora proclamado rei de España, o 22 de novembro de 1975 segundo desexo do xeneral Franco, que esperaba que mantivese o réxime imperante. Até o 9 de marzo de 1976 non tivo o primeiro encontro co seu fillo tras a súa proclamación como rei. Para iso fixo unha viaxe a Madrid desde Lisboa, volvendo o mesmo día.
Renuncia ao trono e morte [editar]
O 14 de maio de 1977, nunha sinxela e breve cerimonia celebrada no Palacio da Zarzuela, Juan de Borbón renunciou oficialmente aos seus dereitos dinásticos, cedendo ao seu fillo, o xa rei Xoán Carlos I desde 1975, a xefatura da Casa Real española. Desde entón mantivo o título de conde de Barcelona, que xa usara durante o seu exilio.
No ano 1978 foi nomeado Almirante Honorario da Armada Española. O goberno ascendeulle o 4 de decembro de 1988 a Capitán Xeneral da Armada.
No ano 1980 diagnosticóuselle no Memorial Hospital de Nova York un cancro de larinxe, enfermidade que lle provocou a morte o 1 de abril de 1993, aos 79 anos de idade, na Clínica Universitaria de Navarra. Foi soterrado no Mosteiro de San Lorenzo de El Escorial, con honores de rei de España.
Descendencia [editar]
Juan de Borbón casou coa súa prima a princesa María das Mercedes de Borbón-Dúas Sicilias o 12 de outubro de 1935 na basílica d'Os Anxos en Roma, tiveron catro fillos:
- S.A.R. a infanta dona Pilar, duquesa de Badaxoz (María del Pilar Alfonsa Juana Victoria Luisa Ignacia de Todos los Santos) (n. 1936), quen casou con Luis Gómez-Acebo e Duque de Estrada, Vizconde da Torre.
- S.M. o rei don Xoán Carlos I (Juan Carlos Alfonso Víctor María de Todos los Santos) (n. 1938), quen casou coa princesa Sofía de Grecia e Dinamarca, hoxe Reina consorte de España.
- S.A.R. a infanta dona Margarita, duquesa de Soria e de Hernani (Margarita María de la Victoria Esperanza Jacoba Felicidad Perpetua de Todos los Santos) (n. 1939), quen casou co doutor Carlos Zurita y Delgado.
- S.A.R. o infante don Afonso (Alfonso Cristino Teresa Angelo Francisco de Asis y Todos los Santos) (1941–1956)
Antepasados [editar]
| Predecesor: Afonso de Borbón e Battenberg |
Príncipe de Asturias[4] 1933 - 1941 |
Sucesor: Xoán Carlos de Borbón e Borbón-Dúas Sicilias |
Notas [editar]
- ↑ Páxina web oficial da Casa da Súa Maxestade o Rei
- ↑ Díaz Arenas, Ángel (1995), Introducción a la lectura de la obra narrativa de Manuel Vázquez Montalbán, Edition Reichenberger, pág.285
- ↑ Fernando Hualde. El paso de Don Juan por el puesto de Dantzarinea. Diario de Noticias. Reportaje del 1 de noviembre de 2009.
- ↑ Ventura i Esturgo, María, Los príncipes de Asturias, Revista Hidalguía número 235. Año 1992, pág.811