Historia de Luxemburgo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A historia rexistrada do Gran Ducado de Luxemburgo comeza coa construción do Castelo de Luxemburgo na Idade Media. En torno desta fortaleza desenvolveuse gradualmente unha cidade, que se transformou no centro dunha pequena mais importante nación con gran valor estratéxico para Francia, Alemaña e Holanda. Despois de séculos de conquistas e gobernos de estados estranxeiros, Luxemburgo acabou por se tornar nunha nación independente e neutral no século XIX.

No entanto, o país foi repetidamente atacado por Alemaña no século XX, o que o levou a abandonar a súa política de neutralidade despois da Segunda Guerra Mundial, cando se tornou nun membro fundador da OTAN, das Nacións Unidas e da Comunidade Económica Europea (máis tarde Unión Europea).

Historia anterior ó século XIX[editar | editar a fonte]

A historia coñecida do Gran Ducado de Luxemburgo comeza coa construción do Castelo de Luxemburgo na Idade Media. A lenda di que Sigfrido, Conde de Ardenas, construíu unha pequena fortificación no lugar onde alzábase unha antiga fortificación romana chamada "Castellum Lucilinburhuc", que lle fora doado polos freires da Abadía de San Maximino en Trier no ano 963.

Arredor desta fortaleza desenvolveuse gradualmente un pobo, que converteuse no centro dun pequeno pero importante estado de grande valor estratéxico para Francia, Alemaña e os Países Baixos. A fortaleza de Luxemburgo foi constantemente alongada e fortalecida a través dos anos polos seus sucesivos propietarios, entre eles os Borbóns, os Habsburgo e os Hohenzollern, que fixeron dela unha das fortalezas máis inexpugnábeis do continente europeo. As súas formidábeis defensas e a súa localización estratéxica fixeron que fose coñecida como a 'Xibraltar do Norte'.

A dinastía luxemburguesa proveu de varios Emperadores ó Sacro Imperio Romano Xermánico, reis a Bohemia, así como de Arcebispos ás Arquidioceses de Trier e Mainz. Dende a Alta Idade Media ó Renacemento, Luxemburgo recibe diversos nomes, dependendo do autor, entre eles Lucilinburhuc, Lutzburg, Lützelburg, Luccelemburc, Lichtburg, e outros.

Luxemburgo permaneceu como un condado independente do Sacro Imperio Romano Xermánico até 1354, cando o Emperador Carlos IV elevouno ó status de ducado. En 1437 a familia gobernante desapareceu sen deixar descendencia e o castelo pasou brevemente polas mans dos Habsburgo, antes de ser capturado por Filipe de Borgoña en 1443. Coa morte de María de Borgoña en 1482 volveu ó dominio dos Habsburgo.

Luxemburgo foi anexionado pola Francia de Luís XIV en 1684, unha acción que alarmou ós veciños de Francia e que levou á formación da Liga de Augsburgo en 1686. Nas subseguinte guerra, forzouse a Francia a abandonar o ducado, que foi devolto ós Habsburgo polo Tratado de Ryswick de 1697. Durante este período de dominio francés as defensas da fortaleza foron fortalecidas polo famoso enxeñeiro Vauban. O dominio dos Habsburgo foi confirmado en 1715, e Luxemburgo foi integrado nos Países Baixos austríacos. Trala revolución francesa Luxemburgo foi reconquistado por Francia e converteuse nun département da República en 1795, unha situación formalizada en 1797.

Século XIX[editar | editar a fonte]

Particións de Luxemburgo

Permaneceu baixo dominio francés até a caída de Napoleón en 1815, cando o Congreso de Viena deulle unha autonomía formal a Luxemburgo. Foi elevado ó status de Grande Ducado e posto baixo a autoridade do rei dos Países Baixos. Porén, o seu valor militar para Alemaña salvouna de converterse en parte dos Países Baixos. O territorio foi tomado por forzas prusianas, seguindo á caída de Napoleón, e Luxemburgo converteuse nun membro da Confederación Xermánica con Prusia responsable da súa defensa.

A rebelión belga contra o dominio holandés en 1830 tivo serias consecuencias para Luxemburgo. Polo Tratado de Londres de 1839 o gran ducado converteuse nun estado independente, pero foi dividido en dous, perdendo máis da metade do seu territorio, que foi a parar ó novo estado belga. A perda do seu territorio francófono deixou a Luxemburgo como unha nación predominantemente xermánica, malia seguir a ser forte a influencia cultural francesa. A perda dos territorios tamén produciu danos económicos ó país. Recoñecendo isto, integrouse na Zollverein en 1842. Porén, Luxemburgo permaneceu como un país agrario non desenvolto durante practicamente todo o século. Como resultado, un de cada cinco habitantes emigrou ós Estados Unidos de América entre 1841 e 1891.

Non foi até 1867 cando a independencia de Luxemburgo foi formalmente ratificada, tras un turbulento período que incluíu un breve tempo de inquedanza na sociedade contra os plans de anexión de Bélxica, Francia ou Alemaña. A crise de 1867 case resultou nunha guerra entre Francia e Alemaña sobre o status de Luxemburgo. Isto foi resolto polo segundo Tratado de Londres que garantiu a independencia perpetua e a neutralidade do estado. Foron derribados os muros da fortaleza e a gornición prusiana foi retirada.

Luxemburgo permaneceu como unha posesión dos reis dos Países Baixos até a morte de Guillerme III en 1890, cando o ducado pasou á Casa de Nassau-Weilburg debido á Lei Sálica.

Século XX[editar | editar a fonte]

O país foi invadido dúas veces por Alemaña no século XX.

Durante a Primeira Guerra Mundial, Luxemburgo foi ocupado por Alemaña, pero ó goberno e á Gran Duquesa Marie-Adélaïde lles foi permitido seguir no seu cargo durante a ocupación, recibindo de Francia acusacións de colaboración cos alemáns. Foi liberado polos Estados Unidos e o exército francés. Dúas divisións estadounidenses foron destinadas ó estado nos anos seguintes á guerra. Na Conferencia de Paz de París de 1919 a reclamación territorial belga sobre Luxemburgo foi rexeitada e a súa independencia reafirmada.

Nos anos 30 a situación interna estaba moi deteriorada, xa que os políticos do Luxemburgo estaban fortemente influenciados polas correntes europeas de esquerda e dereita. O goberno tentou contrarrestar o ascenso do Comunismo nas areas industriais e continuou unha amistosa política fronte á Alemaña nazi, que foi moi criticada.

Durante a II Guerra Mundial unha segunda invasión alemá o 10 de maio de 1940 derrubou o goberno e a monarquía, a maior parte dos dirixentes do país exiliáronse en Londres, dende onde a Gran Duquesa Carlota aparecía regularmente en transmisións radiofónicas dirixidas a Luxemburgo para dar esperanza ó seu pobo. O Estado quedou baixo ocupación militar ata agosto de 1942, cando foi formalmente incorporado ó Terceiro Reich como parte do Gau Moselland. Os luxemburgueses foron declarados cidadáns alemáns e 13,000 deles foron chamados a facer o servizo militar. 2,848 luxemburgueses morreron loitando nas filas do exército alemán. As medidas para chafar calquera antipatía dos luxemburgueses chocaron coa resistencia pasiva dende o principio e co rexeitamento a falar alemán. Como o francés fóra prohibido, moitos luxemburgueses comezaron a introducir antigas palabras luxemburguesas, o que levou a un renacemento da lingua. Outras medidas incluían as deportacións, os traballos forzados e, máis drasticamente, o internamento, a deportación a campos de concentración e as execucións. A derradeira medida foi aplicada tras unha folga xeral entre o 1 de setembro e o 3 de setembro de 1942, que paralizou a administración, a agricultura, a industria e a educación como resposta á declaración de recrutamento forzoso por parte da administración alemá o 30 de agosto de 1942. Foi violentamente suprimida: 21 folguistas foron executados e centos máis deportados a campos de concentración. O entón comandante civil de Luxemburgo, o Gauleiter Gustav Simon declarara o recrutamento necesario para soportar o esforzo de Alemaña na guerra.

As tropas estadounidenses enseguida liberaron Luxemburgo en setembro de 1944, a pesar de que eles foron obrigados a retirarse brevemente durante a ofensiva das Ardenas, que permitiu ós alemáns tomar a maior parte de Luxemburgo durante unhas semanas. Os alemáns foron finalmente botados fora en xaneiro de 1945. En total, dunha poboación de preguerra de 293,000 habitantes, 5,259 luxemburgueses perderon a vida durante as hostilidades.

Historia moderna[editar | editar a fonte]

En 1945 trala II Guerra Mundial, Luxemburgo abandonou a súa política de neutralidade, cando converteuse nun membro fundador da OTAN (1949) e das Nacións Unidas. É asinante do Tratado de Roma, e constituíu unha unión monetaria con Bélxica (Benelux en 1948), e unha unión económica con Bélxica e os Países Baixos, tamén chamada BeNeLux.

Luxemburgo ten sido un dos máis firmes defensores da Unión Europea na tradición de Robert Schuman. En 1957, Luxemburgo converteuse nun dos seis membros fundadores da Comunidade Económica Europea e en 1999 adoptou o euro como moeda.

En 1985, o país foi vítima dun misterioso atentado, que avariou moitos postes de electricidade e outras instalacións. A pesar de que o autor nunca foi oficialmente encontrado, moitos sospeitan que Jean Nassau, o irmán do Gran Duque, foi o culpable.

En 1995 Luxemburgo asumiu a presidencia da Comisión Europea, co antigo Primeiro Ministro Jacques Santer.

O Primeiro Ministro actual, Jean-Claude Juncker segue a tradición europea. O 10 de setembro de 2004, Mr Juncker converteuse o Presidente semipermanente do grupo de ministros de finanzas dos 12 países que adoptaron o euro.

O soberano actual é o Gran Duque Henrique. O pai de Henrique, o Gran Duque Jean, sucedeu á súa nai, a Gran Duquesa Carlota, o 12 de novembro de 1964. O fillo máis vello do Gran Duque Jean, o Príncipe Henrique, foi nomeado "Lieutenant Représentant" (Herdeiro do Gran Duque) o 4 de marzo de 1998.

O 24 de decembro de 1999, o Gran Duque Jean anunciou a súa decisión de abdicar ó trono en favor do seu fillo o 7 de outubro de 2000.

O 10 de xullo de 2005, o país aprobou a Constitución Europea por un marxe moi escaso.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]