Dmitri Mendeleiev

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Dmitri Ivánovich Mendeléiev
Дмитрий Иванович Менделеев
Retrato de Dmitri Mendeleiev por Ilya Repin.
Datos persoais
Nome completoДмитрій Ивановичъ Менделѣевъ
Nacemento8 de febreiro de 1834
LugarTobolsk Rusia Rusia
Falecemento2 de febreiro de 1907 (72 anos)
LugarSan Petersburgo Rusia Rusia
Causapneumonía
SoterradoLiteratorskie mostki
ResidenciaRusia Rusia, Estados Unidos de América Estados Unidos
Nacionalidade Rusa
Cónxuxe
FillosVladimir Mendeleev, Ljubow Dmitrijewna Blok e Vasiliy Mendeleev
Actividade
CampoQuímica
Alma máterUniversidade de San Petersburgo
Director de teseAlexander Voskresensky
Alumnos de tese
Contribucións e premios
Coñecido porTáboa periódica dos elementos
Influíu enQuímica moderna
Premios
editar datos en Wikidata ]

Dmitri Ivánovich Mendeléiev (ruso: Дмитрий Иванович Менделеев), nado en Tobolsk o 8 de febreiro de 1834 e finado en San Petersburgo o 2 de febreiro de 1907, foi un químico ruso, coñecido internacionalmente por ser o deseñador da Táboa periódica dos elementos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nado nunha familia numerosa, o menor de dezasete irmáns, era fillo de Iván Pávlovich Mendeléyev e María Dmítrievna Mendeléyeva.[1][2] Ivan traballaba como director de escola e profesor de belas artes, política e filosofía nos institutos de Tambov e Saratov.[3] O mesmo ano do seu nacemento seu pai perdeu o sentido da vista, perdendo así o seu traballo de director do colexio da vila, polo que súa nai tivo que facerse cargo do mantemento da familia e dirixir a fábrica de cristal que fundara o seu avó. Nesta fábrica foi onde Dmitri adquiriu o amor polas ciencias.

Ao pouco de rematar Mendeleiev o bacharelato morreu seu pai e incendiouse a fábrica da familia e súa nai decidiu investir os cartos aforrados na súa educación no canto de reconstruír a fábrica, polo que se trasladou a Moscova con parte da familia para que Dmitri estudase na universidade; porén, non foi admitido nin na de Moscova nin na de San Petersburgo, xa que non se aceptaba a ninguén que non fose da capital do país. Tivo que completar os seus estudos no Instituto Pedagóxico de San Petersburgo.

A pesar de pasar os últimos anos de estudos na enfermaría a causa dun diagnóstico de tuberculose graduouse en 1855 coma o primeiro da súa clase e presentando a súa primeira memoria sobre química, O isomorfismo en relación con outros puntos de contacto entre as formas cristalinas e a composición.

Presentou a tese Sobre volumes específicos para acadar a praza de mestre de escola e a tese Sobre a estrutura das combinacións silíceas para conseguir a de cátedra de química na Universidade de San Petersburgo, aos 23 anos xa tiña ao seu cargo un curso en dita universidade.

Anos despois grazas a unha bolsa puido trasladarse a cidade alemá de Heidelberg para ampliar os seus estudos, onde coñeceu algúns dos químicos máis destacados da época. Realizando estudos xunto a científicos coma Kirchhoff ou Bunsen a raíz dos cales publicou un artigo, A cohesión dalgúns líquidos e sobre o papel da cohesión molecular nas reaccións químicas dos corpos. Puido realizar este traballo grazas a uns aparatos de precisión encargados en París cos que atopou a temperatura absoluta de ebulición e descubriu por que algúns gases non se podían licuar, porque se atopaban por encima da temperatura de ebulición.

Participou no Congreso de Karsruhe onde quedou impresionado polas ideas sobre o peso dos elementos planteadas por Cannizzaro, ao seu regreso a San Petersburgo influirían fortemente nunha das súas principais obras desa prolífica época, Química orgánica.

En 1864 foi nomeado profesor de Tecnoloxía e Química no Instituto Tecnolóxico de San Petersburgo[4] e tres anos despois ocupou a cátedra de Química na Universidade desa mesma cidade, onde estudou o isomorfismo, a compresión dos gases e as propiedades do aire enrarecido, permaneceu nesa cátedra 23 anos.

Mendeleiev era partidario de reformas no sistema educativo ruso polo que se presentou á presidencia da Academia Imperial de Ciencias, pero non saíu escollido a causa do seu liberalismo. Causa tamén do fin da súa cátedra, ao intervir en 1890 a favor dos estudantes entregar unha carta ao ministro de Instrución Pública dirixida ao tsar.

Tamén foi o director da Oficina de Pesos e Medidas en 1893.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou en 1862 con Feozva Nikítichna Lescheva,[5] matrimonio do que tivo tres fillos: Olga, Vladimir e Iván, un dos cales faleceu. Pero non foi un matrimonio feliz, vivindo separados dende 1871. Tras anos de intentos conseguiu o divorcio da súa primeira muller, tendo así liberdade para casar con Anna Ivánovna Popova, 26 anos máis nova que el, superando tamén as reticencias da familia dela.

Do seu segundo matrimonio tivo dous xemelgos e unha filla, a maior, chamada Liubov que se converteu na esposa do famoso poeta ruso Aleksander Blok.

Traballo científico[editar | editar a fonte]

A táboa periódica orixinal de Mendeleiev.
Época de descubrimento dos elementos: Mendeleiev contaba cos vermellos, laranxas e amarelos

Ocupouse de problemas químico-físicos relacionados co espectro de emisión dos elementos, seguindo os traballos de análise espectral de Bunsen e Kirchoff. Determinou volumes específicos e analizou as condicións de licuefación dos gases, así como a orixe dos petróleos.

A súa investigación principal deu nacemento ó enunciado da lei periódica dos elementos, base do sistema periódico ó que se lle acostuma engadir o seu nome. En 1869 publicou o seu libro Principios de química, no que desenvolvía a lei e deseñaba a Táboa Periódica.

A pesar de que este sistema de clasificación non era o primeiro que se baseaba nas propiedades dos elementos químicos, coma a súa valencia, si que incorporaba notabeis melloras, como a combinación dos pesos atómicos e as semellanzas entre elementos, ou o feito de reservar espazos en branco para elementos aínda non descubertos, coma o eka-aluminio ou galio (descuberto por Boisbaudran en 1875), o eka-boro ou escandio (Nilson, 1879) ou o eka-silicio ou xermanio (Winker, 1886).

Totalmente convencido da validez da súa clasificación e co fin de atopar acomodo na taboa a algúns elementos Mendeléiev alterou o valor do peso atómico considerado correcto ata entón para estes elementos, modificacións que con posterioridade a experimentación confirmou.

Poucos anos máis tarde, en 1894, o descubrimento de certos gases nobres (neon, cripton, argon, xenon, radon e helio) na atmosfera, efectuado polo químico británico William Ramsay, a táboa periódica de Mendeléiev sufriu a ampliación dunha nova columna.

Falta un elemento neste sitio e, cando sexa atopado, o seu peso atómico colocarao antes do titanio. Ao descubrir o oco colocará os últimos elementos da columna nas ringleiras correctas, o titanio correspondese co carbono e o silicio.

.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Medalla Mendeleiev.

No ano 1955 nomeouse na súa honra a un elemento químico sintético, de número atómico 101, o mendelevio (Md).

A Academia de Ciencias de Rusia recoñece dende o ano 1998 coa Medalla Mendeleiev os avances na química e na tecnoloxía.

Na súa honra foi nomeado un cráter de impacto na Lúa.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Rao, C N R; Rao, Indumati (2015). Lives and Times of Great Pioneers in Chemistry: (Lavoisier to Sanger). World Scientific. p. 119. ISBN 978-981-4689-07-6. 
  2. Maria Mendeleeva (1951). D. I. Mendeleev's Archive: Autobiographical Writings. Collection of Documents. Volume 1 // Biographical notes about D. I. Mendeleev (written by me – D. Mendeleev), p. 13. – Leningrad: D. I. Mendeleev's Museum-Archive, 207 páxinas (en ruso)
  3. Maria Mendeleeva (1951). D. I. Mendeleev's Archive: Autobiographical Writings. Collection of Documents. Volume 1 // From a family tree documented in 1880 by brother Pavel Ivanovich, p. 11. Leningrad: D. I. Mendeleev's Museum-Archive, 207 páxinas (en ruso)
  4. Heilbron 2003, p. 509.
  5. "Семья Д.И.Менделеева". Rustest.spb.ru. Arquivado dende o orixinal o 22 de setembro de 2010. Consultado o 13 de marzo de 2010. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]