Deepwater Horizon

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Intento frustrado de sufocar o incendio da plataforma.

Deepwater Horizon (tamén chamado Macondo/MC 125), era o nome dunha plataforma petrolífera semisumerxible que sufriu un incendio e posterior afundimento en abril de 2010, provocando fronte ás costas de Luisiana (Estados Unidos) un vertido estimado en 779.000 toneladas de petróleo cru, a maior marea negra da historia en todo o mundo. O volume de petróleo vertido ó mar equivale a unhas 40 veces o Erika ou 20 veces o Exxon Valdez.

Descrición[editar | editar a fonte]

Tratábase dunha plataforma de deseño RBS-8D de quinta xeración, semisumerxible, deseñada para a perforación de pozos de petróleo en xacementos submarinos, nos que logo se instalaban outras plataformas para a extracción do petróleo. Podía operar en augas de ata 2.400 m de profundidade e tiña unha profundidade máxima de perforación de 9.100 m. Medía 121 m de largo por 78 m de ancho e podía albergar unha tripulación de ata 130 membros.

Foi construída pola empresa Hyundai Heavy Industries en Ulsan (Corea do Sur). A construción comenzou en decembro de 1998 e foi entregada en febreiro de 2001. Desde finais de 2009 estaba instalada a uns 80 km da costa sueste de Luisiana. Era propiedade de Transocean e estaba arrendada a British Petroleum (BP) ata setembro de 2013.

A plataforma estaba baixo a bandeira da República das Illas Marshall, un estado insular do Pacífico, na Micronesia. Previamente, entre 2002 e 2005, estivo abandeirado en Panamá. A compañía clasificadora era a ABS (American Bureau of Shipping), a mesma que certificou o Prestige.

Accidente[editar | editar a fonte]

A torre estaba na fase final da perforación dun pozo a 1.500 m de profundidade, momento no que se reforza a boca do pozo con formigón. O 20 de abril de 2010 houbo unha explosión na torre, seguida dun incendio que afecta, entre outras zonas, os 2.000-2.500 m3 de petróleo almacenados na plataforma. Os intentos dos barcos de apoio que se achegaron inmediatamente para apagar o lume con potentes chorros de auga, o incendio continuou progresando ata que a torre afundiu o 22 de abril e caeu ó fondo do mar, a uns 400 metros ó noroeste do lugar onde se atopaba o pozo.

No accidente resultaron feridos 17 tripulantes e 11 desapareceron.

Marea negra[editar | editar a fonte]

Fotografía de satélite da marea negra (o 24.05.2010), fronte ó delta do Mississippi.
Outra fotografía de satélite. O delta do Mississippi no centro da imaxe e a mancha de petróleo á dereita.

O petróleo comezou a xurdir desde o primeiro momento. Nun primeiro momento, as perdas calculáronse en 159 m3 pero pronto a BP tivo que admitir que o vertido superaba os 800 m3 diarios. Expertos independentes elevaban estas cifras a cinco veces máis e, xa en xuño, se falaba dun volume de 6.000 m3 ou incluso de 8.000 m3 diarios, ata máis de 9.500 m3 diarios (60.000 barrís). En xuño, o vertido xa sumaba 228.000 toneladas.

Realizáronse diversos intensos infrutuosos para coutar a saída do petróleo, como tapar o pozo cunha campá de ferro ou inxectar nel unha mestura de lodo pesado e cemento para selar a boca.

O 26 de maio -un mes despois do afundimento- conseguiuse taponar parcialmente a válvula de extracción, co que se reduciu nun terzo a cantidade vertida. A principios de xuño, a Garda Costeira americana anunciaba que a marea negra afectaba unha área de 320 km ó redor do pozo. Finalmente, o 19 de setembro selouse definitivamente a válvula, co que se logra deter o vertido.

O Goberno dos Estados Unidos calculou que se verteran 779.000 toneladas en total, das que se evaporou ou disolveu o 75%, ó que científicos e ecoloxistas retrucaron que iso non significa que desaparecese senón que o petróleo seguía presente no aire ou disolto no mar, en forma de micropingas das que resulta imposible calcular un ritmo de degradación, xa que os estudos existentes se fixeran sobre augas superficiais, con condicións de temperatura e osixenación diferentes.

Dada a posición da plataforma no golfo de México, limitado polor Estados Unidos, Cuba e o propio México, os danos da contaminación consecuente á marea negra afectaron unha ampla zona: 944 quilómetros de litoral, especialmente Luisiana (540 km de litoral), Mississippi, Florida e Alabama.

O 30 de abril, tras facelo días antes o estado de Luisiana, os estados de Florida, Alabama e Mississippi vense obrigados a declarar a situación de emerxencia. O goberno federal declara o estado de desastre nacional. O 2 de maio, o presidente Obama acode ó lugar do accidente, visita que repite varias veces nos días seguintes, e o 22 de maio anuncia a creación dunha Comisión independiente de investigación para coñecer as causas do accidente.

Consecuencias medioambientais[editar | editar a fonte]

Zona de prohibición de pesca a 21 de xuño de 2011. A estrela marca a situación da plataforma sinistrada.

Nestes case mil quilómetros de costa resultaron afectados diversos ecosistemas, comezando coas marismas da desembocadura e o delta do Mississippi. Houbo un número elevado de mortes entre as aves mariñas de diferentes especies, así como en tartarugas e cetáceos. Paralelamente, os danos nas actividades pesqueiras e turísticas do sur dos Estados Unidos e das praias de Florida e Cuba.

Á contaminación directa producida polo vertido hai que sumar a provocada polos dispersantes que se lanzaron sobre a mancha de petróleo. A Axencia de Protección Ambiental dos Estados Unidos (EPA) estimó en 2,5 millóns de litros os dispersantes químicos lanzados desde o aire por British Petroleum [1]. Estes produtos poden provocar danos por si mesmos no ecosistema mariño ó bioacumularse nos tecidos dos organismos.

En marzo de 2011, o goberno Obama, a través do NIH (Instituto Nacional da Saúde), anuncio a posta en marcha dun estudo para coñecer o efecto que puidera ter o petróleo sobre a saúde das 300.000 persoas que colaboraron nas tarefas de limpeza [1]. A directora deste estudo, Dale Sandler, anunciou que utilizarían como referente o equivalente que se realizou en España sobre os mariñeiros que recolleron o chapapote do Prestige, no que se demostraron danos xenéticos que implicaba un aumento do risco de padecer cancro.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Segundo CETMAR, foron sete millóns de litros de disolventes.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]