Día Mundial sen Tabaco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Prohibición de fumar.

O Día Mundial sen Tabaco celébrase en todo o mundo o 31 de maio de cada ano, a convocatoria da Organización Mundial da Saúde (OMS), co obxectivo de concienciar á opinión pública dos prexuízos para a sociedade do consumo de tabaco, un dos problemas máis graves para a saúde pública.

A necesidade ou conveniencia dun Día que concentrase as actividades gobernamentais ou particulares contra o consumo de tabaco baséase no impacto extremadamente negativo do consumo de tabaco sobre a saúde, dos fumadores e dos non fumadores. De feito, o tabaco é a segunda causa de mortalidade no mundo.

Antecedentes históricos[editar | editar a fonte]

A Organización Mundial da Saúde, en 1984, iniciou un proxecto Saúde para todos no ano 2000 que incluía o compromiso dos estados membros de promover comportamentos positivos de saúde. Un dos propósitos deste proxecto era, loxicamente, a loita contra o consumo de tabaco, co obxectivo de reducir neste prazo o número de fumadores a cifras inferiores ó 10 % da poboación e de reducilo consumo de tabaco nun 50 %.

Dentro deste ambicioso proxecto, a OMS aprobou en 1987 unha resolución (WHA40.38) pola que propoñía celebrar o 7 de abril do ano seguinte un primeiro “Día dos non fumadores”. En 1989 aprobou unha segunda resolución (WHA42.19) na que se propuxo a fórmula do Día Mundial sen Tabaco e a data definitiva do 31 de maio de cada ano.

En 1998, a OMS creou un proxecto Iniciativa para liberarse do tabaco (Tobacco Free Initiative) para artellar a nivel internacional as iniciativas na loita contra o tabaco. O proxecto busca coordinar unha estratexia global, de estudo e prevención, e promover respostas comúns nos diferentes países do mundo.

En Europa, o Comité Rexional aprobou un Plan de acción contra o tabaco na Primera Conferencia Europea sobre Política do Tabaco, celebrada en Madrid entre o 7 e o 11 de novembro de 1988[1]. Nesta Conferencia presentouse a seguinte Carta Europea contra o Tabaco.

A Carta Europea contra o Tabaco[editar | editar a fonte]

  • O aire puro, libre de fume de tabaco, é un compoñente esencial do dereito a un medio ambiente san e sen contaminación.
  • Todo meniño e adolescente ten dereito a ser protexido fronte todo tipo de promoción do tabaco e a recibir toda a axuda necesaria, educativa ou de calquera outra índole, que lle permita resisti-las presións para comezar a consumir calquera tipo de produto do tabaco.
  • Tódolos cidadáns teñen dereito a un aire libre de fume de tabaco, en lugares públicos e nos transportes.
  • Todo traballador ten dereito a respirar no seu lugar de traballo aire non contaminado polo fume de tabaco.
  • Todo fumador ten dereito a recibi-la axuda e o apoio necesarios para supera-lo hábito de fumar.
  • Todo cidadán ten dereito a ser informado dos incalculables riscos que para a súa saúde ten o uso do tabaco.

Convenio Marco para o Control do Tabaco (Framework Convention on Tobacco Control)[editar | editar a fonte]

A Asemblea Xeral da Organización Mundial da Saúde aprobou este Convenio en xuño de 2003, co fin de reduci-la morbilidade e mortalidade asociadas ó consumo de tabaco. Foi inmediatamente aceptado pola comunidade internacional e, aínda que non entrara en vixencia ata o 27 de febreiro de 2005, unha maioría de países xa se adscribiran con anterioridade. España asinouno o 16 de xuño de 2003 e o ratificouno o 11 de xaneiro de 2005. Na actualidade (maio 2007) está asinado por 168 países, que representan máis do 80% da poboación mundial.

En marzo de 2004, Irlanda foi o primeiro país do mundo en regula-lo consumo de tabaco en lugares públicos e centros de traballo, declarándoos espazos libres de fume, incluídos os restaurantes, bares e pubs. Noruega fixo outro tanto tres meses despois. Desde entón, moitos outros países foron adoptando iniciativas legais co mesmo obxectivo, como o fixo España coa súa Lei de medidas contra o tabaquismo, en vixencia desde o 1 de xaneiro de 2006.

Algunhas cifras[editar | editar a fonte]

  • No mundo fúmanse cada día uns 15 billóns de cigarros, cifra que segue en aumento ano tras ano. España sitúase entre os países cun maior consumo por habitante: máis de 2.500 ó ano[2].
Segundo datos do ano 2003 da Worldmapper (das Universidades de Sheffield e de Michigan[3]), Iemen é o país con maior porcentaxe de homes fumadores, cun 77  %, seguido por Indonesia (69 %), Mongolia e Armenia (68 %). Fronte a estes máximos, os países con menor poboación fumadora masculina son Suecia e Porto Rico, cun 17 %.
As mesmas fontes dan cifras moi inferiores para a muller, cuns máximos do 47 % en Guinea e 39 % en Uruguai, e uns mínimos do 1% en Acerbaixán e Tanzania.
En España fuma o 39 % dos homes e o 25 % das mulleres.
As medias mundiais son do 43 % de homes fumadores e do 10 % de mulleres.
  • Case a metade da poboación infantil respira aire contaminado por fume de tabaco, especialmente no seu fogar. Nunha enquisa realizada entre 1999 e 2005 sobre adolescentes de 13 a 15 anos en 132 países de todo pola OMS e o Centro para o Control e a Prevención de Enfermidades (CDC) puxo de manifesto que:
    • O 43,9 % dos estudantes están expostos ó fume de tabaco no seu fogar.
    • O 55,8 % están expostos ó fume de tabaco en lugares públicos.
    • O 76,1 % apoiaría a prohibición de fumar en lugares públicos.
Correlación entre o consumo de tabaco e as mortes por cancro de pulmón 20 anos despois.
  • O consumo de tabaco provoca ó redor de 5 millóns de mortes cada ano (4,9 millóns en 2002). A OMS estima que a cifra de mortes ascenderá a 10 millóns na década do 2020.
  • O 70 % destas mortes prodúcese nos países desenvolvidos.
  • En España, a Sociedade Española de Especialistas en Tabaquismo estima unhas 55.000 mortes ó ano por culpa do tabaco.
  • Como xa dixemos, o tabaco é a segunda causa de mortalidade no mundo. Tamén é cuarto factor de risco das enfermidades comúns en todo o mundo.
  • Nos países desenvolvidos, o infarto de miocardio e o cancro de pulmón son os principais responsables de mortes prematuras, e o tabaco é un factor de risco determinante nas dúas patoloxías.
  • Ademais do custo en vidas, o tabaco representa un altísimo gasto: as perdas de saúde e as mortes polo tabaco prodúcense normalmente na época máis produtiva da vida, o que se deriva en importantes perdas de ingresos. O gasto en tabaco, nos fogares pobres de países pouco desenvolvidos, representa ata un 10 % dos ingresos familiares, en detrimento doutras necesidades básicas (alimentación, educación e saúde).
  • O 95 % dos fumadores iníciase no consumo habitual de tabaco antes dos 18 anos de idade e calcúlase que o 50 % dos fumadores adolescentes morrerá precozmente a consecuencia de enfermidades provocadas directa ou indirectamente polo consumo do tabaco.

Día Mundial sen Tabaco 2007[editar | editar a fonte]

Papierosa 1 ubt 0069.jpeg

Como noutras celebracións semellantes, cada ano o Día Mundial sen Tabaco convócase baixo un lema diferente. Neste ano 2007 o lema elixido foi Ambientes 100% libres de fume[4]. A razón desta elección está no convencemento de que o fume ambiental do tabaco é respirado tanto polos fumadores como polos non fumadores (fumadores pasivos), estando estes últimos expostos tamén ós efectos prexudiciais dos compoñentes do tabaco. Non habendo umbral seguro nin medidas eficaces para evitalo (do tipo de sistemas de ventilación ou de filtrado), a única protección eficaz pasa por conseguir un ambiente libre de fumes ó 100 %.

As conclusións científicas de numerosos estudos confirman que o aire contaminado con fume de tabaco está directamente relacionado coa prevalencia das enfermidades, o que nos leva ó recoñecemento de que non é simplemente un problema de molestias ou olores que resulten desagradables para os non fumadores senón que se trata dun grave e indiscutible problema de saúde pública.

Para protexe-la saúde de todos contra os efectos prexudiciais do aire contaminado por fume de tabaco, as recomendacións da Organización Mundial da Saúde para este Día Mundial sen Tabaco 2007 foron as seguintes:

  1. Os ambientes 100% libres de fume de tabaco son a única estratexia eficaz para reduci-la exposición en espazos pechados a niveis aceptables de protección que non representen un risco para a saúde. A ventilación ou o mantemento de áreas reservadas para fumadores, aínda cun sistema de ventilación diferente do das áreas onde non se permita fumar, non reducen os riscos da exposición a un nivel seguro e, polo tanto, non deben recomendarse.
  2. Os Estados deben promulgar leis que obriguen a que tódolos lugares públicos e de traballo pechados estean 100% libres de fume. As medidas voluntarias non son unha solución aceptable nin eficaz.
  3. Os Gobernos deben aplicar e facer cumpri-la lei. Non basta con ditar leis para crear espazos libres de fume, senón que cómpre poñe-los medios para aplicalas e velar polo seu cumprimento.
  4. Débense implementar estratexias educativas para reducir tamén a exposición ó aire contaminado por fume de tabaco nos fogares.

En anos anteriores, o Día Mundial sen Tabaco celebrouse baixo os seguintes lemas:


  • 1988: Tabaco ou Saúde: elixe a Saúde.
  • 1989: A muller fumadora, un risco sobreengadido.
  • 1990: Infancia e xuventude sen tabaco.
  • 1991: Lugares e transportes públicos mellores sen tabaco.
  • 1992: Lugares de traballo libres de fume.
  • 1993: Os servizos de saúde, unha ventá aberta a un mundo sen tabaco.
  • 1994: Os medios de comunicación e o tabaco, pasa a mensaxe.
  • 1995: O tabaco costa máis do que cres.
  • 1996: Os deportes e a arte sen tabaco.
  • 1997: Unidos por un mundo libre de tabaco.
  • 1998: Medrar sen tabaco.
  • 1999: Quítache ese paquete de enriba.
  • 2000: O tabaco mata, non te deixes enganar.
  • 2001: O fume do tabaco dos demais mata.
  • 2002: Deporte libre de tabaco.
  • 2003: Películas libres de tabaco, moda libre de tabaco.
  • 2004: Tabaco e pobreza, un círculo vicioso.
  • 2005: Os profesionais da saúde contra o tabaco.
  • 2006: O tabaco: mortal baixo calquera disfrace.
Este pode se-lo teu último cigarro

.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]