Corvo grande
O corvo grande ou corvo carnazal (Corvus corax) é, con máis de 60 cm, a especie máis grande do xénero dos corvos e da súa familia Corvidae.
É semellante ao corvo viaraz (Corvus corone) pero significativamente maior, cun peso de 1.250 g e unha envergadura de ás de 120 cm. A plumaxe é dun negro acibeche con irisacións azuis. Ten o pico negro moi robusto. Non existe un marcado dimorfismo sexual.
En voo chama a atención polo seu longo pescozo e pola súa cauda cuneiforme. O seu canto é característico e coñecido como corveo ou corvear. Non obstante é capaz de imitar sons doutros paxaros e mesmo doutros animais, chegando ata pronunciar palabras soltas.
Índice |
Hábitat e cría [editar]
O corvo atópase nunha extensa zona de distribución no hemisferio norte terrestre, dende o norte de África, a través de toda Europa, Asia e América do Norte e Central. Prefiren os montes abertos de fronda e coníferas, montañas, estepas, cantís e mesmo a tundra ártica. É unha especie bastante adaptable e tamén pode atoparse en pobos rurais e mesmo nos suburbios das cidades.
Choca os seus ovos (3-6) durante unhas tres semanas entre febreiro e maio. Os seus niños atópanse entre as cornixas de rochas ou penedos ou en árbores, e acostuman estar feitos de poliñas e lama.
O corvo común é omnívoro. Aliméntase de vermes, pequenos vertebrados, sementes, millo, froitos, carniza e lixo orgánico.
O corvo na cultura popular galega [editar]
Ver un corvo no camiño ou nas proximidades da casa é agoiro de morte próxima, por ser negro, por comer carniza e polo seu berro agudo e característico. Por iso, cando se vexa hai que dicirlle: "Corvo agoireiro, vaite lixeiro, que nesta porta non hai carne morta". Segundo Xosé Ramón Mariño Ferro, esta crenza xa fora recollida por Plinio.
Refraneiro [editar]
- Corvo que estás no bico da pena, o que ouves por outro por tí o espera.
- Corvos en bandada, ou sombra ou preada.
- Corvos veñen, preada hai.
- Cría corvos e sacaranche os ollos.
- De mal corvo, mal ovo.
- Díxolle o corvo á pega: bótate alá, que eres negra.
- Nace o corvo na peneda e tíra sempre a ela.
- Non pode se-lo corvo máis negro que as aas.
- Sempre o corvo vai a onde preada hai.
- Tal o corvo, tal o ovo.
- Un corvo a outro non lle tira os ollos.
Cantigueiro [editar]
- Din que a raíña está preñada,/ que ten a barriga dura,/ ¡vai traer para Maio/ un corvo e mais unha rula!
Galería [editar]
-
Corvos na Torre de Londres
Véxase tamén [editar]
Outros artigos [editar]
Ligazóns externas [editar]